31 de dec. de 2014

Conciencia do delito

O peor da corrupción que asolaga este país non son as cantidades defraudadas das arcas públicas; o peor é a falta de conciencia que permite ver os feitos como algo natural, inevitábel e carente de importancia. Este sentir está arraigado na clase política corrupta  pero tamén en sectores da sociedade. Acaba de publicarse que a Fiscalía investiga ao Concello de Pontedeume, é dicir ao seu alcalde e equipo de goberno, por contratos irregulares feitos durante o seu mandato. Algo que os eumeses presupoñían. E é aquí que Torrente se “despacha” cunha das súas frases que merecen pasar a antoloxía do disparate político eumés ao que  xa nos ten acostumados: “aínda que si se trata de actos administrativos irregulares, estes realízanse dese modo porque «non hai outra forma». Se eu necesito contratar a un limpador ou un conserxe e a administración non mo permite, esa é a única forma de facelo” 

Electoralismo ou irresponsabilidade?


O tema do campo de deportes do IES Fraga do Eume leva camiño de se converter, polo que parece, no “Dien Bien Phu” de Torrente, no último dos despropósitos do alcalde eumés. Como é sabido, a comunidade escolar do centro, representada pola ANPA e Claustro de Profesores, interpuxeron un contencioso administrativo contra a Consellaría de Educación pola cesión ao Concello do devandito recinto escolar, recurso que está en fase preliminar.

Segundo informan os medios, o rexedor avanzou que outro dos proxectos máis esperados e que tamén sairá a licitación canto antes serán os traballos do novo estacionamento nas inmediacións do IES Fragas do Eume. O centro escolar contará cun novo aparcadoiro, que se realizará con cargo ao plan DTC da Deputación da Coruña, cun orzamento de 85.000 euros. As obras incluirán ademais do aglomerado, a colocación de diversas árbores.

A cuestión é a seguinte: ou ben se trata dun anuncio electoralista, en cuxo caso non merece máis atención que a que se lle presta a este tipo de comentarios propios das campañas electorais, ou, pola contra, trátase dun asunto de extrema irresponsabilidade por gastar 85.000 euros nunhas obras que poden ser anuladas nun auto xudicial favorábel ao instituto, ao que habería que engadir o custo de restituir o campo ao seu estado orixinal.


Calquera persoa que se precie, sen ser demasiado instruída, debería optar pola precaución ante a imprudencia. Pero sabemos que este mandatario eumés non se distingue precisamente pola mesura que caracteriza aos homes sabios. Así que debemos estar preparados para contribuír cos nosos impostos a unha obra inútil e inxusta.

23 de dec. de 2014

En contra da amnesia


























O alcalde de Pontedeume debe estar convencido de que os eumeses padecemos una especie de amnesia que nos impide lembrar o acontecido nos últimos anos, algo así como una amnesia interesada. Por esa razón pretende fixar nas nosas retinas una imaxe de actividade que perdure ata as próximas eleccións municipais. De repente vemos pola vila grupos de traballadores de empresas privadas afanados en limpar o acumulado durante anos de inactividade. Unha vez máis Torrente equivócase ao crer que en catro meses tápanse os erros de catro anos.

E non só erra ao pensar que sufrimos desmemoria; tamén erra ao xestionar os cartos públicos. Hai que pedirlle explicacións do por que agora debemos pagar cos nosos impostos as contratacións  de empresas “amigas” cando hai traballadores municipais que xa cobran por un traballo que Torrente decide externalizar.

E falando de empresas “amigas”: o alcalde está a crear un clima social moi perigoso ao favorecer desde o Concello contratos ou compras naqueles negocios locais que levan o distintivo do PP, opoñéndose a calquera trato comercial co resto do pequeño comercio. Levar as diferencias ideolóxicas ao terreno das relación persoais ou comerciais é un retroceso na convivencia que non beneficia á comunidade e afonda aínda máis na división social. Unha grande irresponsabilidade por parte dun rexedor que xa amosou que esta é a súa principal característica.

20 de dec. de 2014

A voltas co plan de urbanismo



Quéixanse os socialistas eumeses do escurantismo que rodea a aprobación do PXOM. Desde que foi aprobado polo goberno local pasaron 10 meses sen que a Consellaría de Medio Ambiente e Territorio dea o aprobado definitivo. E culpan a Torrente e séquito da falta de compromiso para levar a bo porto este trámite administrativo. 

As verdadeiras razóns para explicar a paralización do PXOM hai que preguntarllas á mesma consellaría. O documento aprobado polo pleno municipal, coa abstención do PSdG e BNG, contiña numerosas irregularidades e demasiadas concesións aos intereses privados. Os partidos da oposición alegaron, para defender a súa abstención, non dispor de tempo para estudar o documento pero esa é unha razón difícil de esgrimir se pensamos que con un pouco de vontade podiase facer un balance do mesmo como fixeron, a título persoal, varios cidadáns. O certo é que algunhas desas persoas si denunciaron ante a consellaría as anormalidades do plan aprobado polo goberno municipal, e se isto foi posíbel para particulares debería selo para os partidos da oposición que si contan con máis medios para realizar este tipo de denuncia. A cuestión que se plantexa é: quérese?

16 de dec. de 2014

Marca da casa

Existe a Marca Pontedeume? Por suposto, e ten moitos distintivos: abandono, desleixo, caciquismo, autocracia, favoritismo...
A expropiación do campo de deportes a un centro escolar tiña por obxecto favorecer a afluencia de visitantes á vila dotándoos dun espazo no que aparcar. As condicións nas que se atopa e as formas de expropiación son secundarias.

6 de dec. de 2014

Unha auténtica lección de populismo

Os políticos, sen seren moi eruditos, aprenderon ben a lección e saben que non hai nada mellor para ocultar os propios defectos que acusar dos mesmos aos adversarios. Nestas semanas está de moda falar do  populismo e precisamente os que máis o critican son os que máis o aplican. En Pontedeume o goberno local fai gala do populismo máis arcaico que poida existir: o fútbol e a súa defensa. Se hai tres anos investíronse case medio millón de euros en acondicionar o campo de fútbol do Eume deportivo, agora volven adicar unha partida de máis de 50.000 € para acometer novas obras.

Para este tipo de investimentos non se alega falta de recursos. Porén non os hai para servizos sociais, axudas á educación, obras de saneamento, protección aos máis desfavorecidos, etc, etc. A razón é ben coñecida: o papel que xoga o fútbol como reclamo electoral e ansiolítico do malestar social fai deste deporte unha prioridade política de primeira orde. E a esta necesidade non se subtraen tampouco os partidos da oposición. Que será capaz de poñerlle o cascabel ao gato?

26 de nov. de 2014

Casta? Non, fauna

A nova formación Podemos rexistrou un termo para referirse aos políticos que fixeron da súa actividade un xeito de permanecer na cúspide como unha clase especial, ríxida, inmóbil e sen mesturarse coa cidadanía. A esta clase chámanlle casta. Mais a verdade é que este calificativo quédaselle curto se se consideran os métodos de que se serve para manterse nesa posición, métodos basados nunha feroz competencia e depredación cos seus conxéneres. 

A pouco que nos fixemos no seu comportamento veremos que as actitudes máis agresivas de calquera especie son peccata minuta fronte á belixerancia da fauna política. Ante o rival político só cabe a eliminación como forma de manter os privilexios. A razón hai que combatila cos mentira; a educación, coa zafiedade; e a solidariedade, coa cobiza. Un mundo onde a inetelixencia está proscrita.

16 de nov. de 2014

Constitución do Círculo Podemos en Pontedeume


CONVOCATORIA PÚBLICA DA 
ASEMBLEA CONSTITUINTE DO 
CIRCULO PODEMOS PONTEDEUME

LUGAR: CASA DA XUVENTUDE DE PONTEDEUME
DATA: VENRES 21 DE NOVEMBRO DE 2014.
HORA: 20.00 HORAS.

Trátase dunha asemblea aberta a tod@s aquel@s que queiran participar na mesma.
A asemblea celebrarase na “Casa da Xuventude de Pontedeume”, sita na Alameda de Raxoi, ás 20.00 horas do venres día 21 de novembro do 2014.
ORDE DO DÍA

1.- Constitución do Círculo Podemos Pontedeume.
2.- Presentación do “ADN” de Podemos e do método de participación. Vontade de vincular os círculos á realidade social de cada territorio.
3.- Procedementos que rexerán o funcionamento do Círculo Podemos Pontedeume.
4.- Organización do Círculo Podemos Pontedeume. 
5.- Creación dun grupo de traballo específico para a elaboración dun mapa das necesidades populares no territorio do Concello de Pontedeume. 
6.- Rogos, preguntas e suxestións.
7.- Data da próxima reunión.

21 de out. de 2014

Hai interese(s)?


O Concello de Pontedeume solicitou con cargo aos Plans de Obras e Servizos (POS) da Deputación unha subvención para acometer obras de remodelación na Alameda de Raxoi, subvención que lle foi concedida. Estas obras, aprobadas por Patrimonio, deberían estar rematadas antes do 1 de novembro do 2014 e suporían erradicar os automóbiles do interior do parque.

Como se sabe as obras non deron comezo alegando o alcalde que a empresa adxudicataria estaba en concurso de acredores. O certo é que este proxecto comezou hai case dous anos e en todo este tempo non foron capaces de iniciar as obras. Onte o Concello solicitou unha prórroga á Deputación pola cal se lle permitirá acometer os traballos antes de xuño do 2015.

A verdade é que non se lles ve demasiado interese en levar a bo fin a remodelación da Alameda e non sería aventurado pensar que realmente prefiren darlle o uso que actualmente ten: aparcadoiro para automóbiles. Se en dous anos non se moveu a primeira pedra, como van realizar esas obras en 8 meses cando hai que sacalas a concurso público de novo? Foron moitas as ocasións nas que Pontedeume perdeu axudas públicas por desleixo da corporación. Agardemos que agora non pase o mesmo e en lugar de desidia exista unha presión corporativa para que a Alameda siga como aparcadoiro. 

16 de out. de 2014

Que crise?


As percepcións poden ser só apreciacións carentes de fundamento ou poden coincidir coa realidade. Hai a percepción no noso país de que as clases máis adiñeiradas non só non sufriron a crise senón que se aproveitaron dela no seu propio beneficio. Pois ben, neste caso podemos afirmar (as matemáticas non enganan) que ademais trátase dunha realidade. 

O Informe de Riqueza Mundial que publica Credit Suisse non deixa lugar a dúbidas. No ano 2012, en plena crise económica, o número de millonarios en España creceu un 13% e ao ano seguinte o aumento aínda foi máis notábel: un 24%. Porén os sectores máis desfavorecidos da sociedade viron como cada vez se empobrecían máis, como se a riqueza fose un ben que nin se crea nin se destrúe, só cambia de mans. Segundo a OCDE e o FMI, España é o país industrializado no que máis aumentaron as diferencias entre ricos e pobres; é o país máis desigual de Europa despois de Letonia.

Moitos son os calificativos cos que se podería xulgar este enriquecemento ilícito por parte das élites económicas: indecencia, desvergoña, neglixencia, corrupción, envilecemento...que por repetidos non deben perder a súa trascendencia. A todos estes hai que engadir a falta de honestidade consigo mesmos que acompaña aos protagonistas do desfalco. Porque é difícil entender que estes rara avis da especie humana non sexan capaces de decatarse das consecuencias que os seus actos acarrean a millóns de persoas. Como se os obxectivos que se marcan non lles deixasen tempo ou lugar para para avaliar os medios. 

Seguramente levan ata as últimas consecuencias o principio de conservación da especie.

29 de set. de 2014

"Compramos eucalipto, coidamos o teu monte"

O eucalipto segue a ser un problema para Galiza. Para a conservación da fauna e flora autóctona, para os recursos do solo, para os recursos hídricos, para os espazos protexidos como as Fragas do Eume, e para a correcta ordenación do territorio (lembremos que no primeiro documento do PXOM aprobado inicialmente polo Concello de Pontedeume, todo o chan rústico foi declarado de protección forestal para permitir masivas plantacións de eucalipto a demanda da industria papeleira).

ENCE non repara en sembrar controversias. Ao mesmo tempo que fomenta a sembra de eucalipto, eríxese en defensor do monte galego. Este vehículo que podedes ver frecuentemente por Pontedeume tenta convencer a produtores das excelencias económicas do eucalipto. Parece que a Xunta e os alcaldes xa están convencidos. Hai tres anos Galiza recibíu 30 millóns de eucaliptos no que foi o maior bum dos últimos 25 anos. E seguen medrando.

17 de set. de 2014

Un balance negativo

Levamos un ano sen mercado municipal e xa podemos facer un balance das consecuencias que o seu peche acarreou á economía local de Pontedeume.

Nun mundo cada vez máis globalizado o sector do pequeno comercio está a sufrir unha crise sen parangón na súa historia. Convén lembrar que entre un 70% e un 80% a cesta da compra realízase en supermercados, hipermercados ou cadeas de desconto, e só un 25% en comercios especialistas. Son precisamente este tipo de establecementos os que aguantan o empurrón das grandes cadeas alimentarias. O consumidor reduce así as súas posibilidades de escoller que tipo de alimentos quere consumir e vese obrigado a aceptar a oferta da industria alimentaria en detrimento dos produtos autóctonos e de calidade.

Pero se o consumidor é unha vítima desta política, non o son menos os produtores locais que se ven obrigados a aceptar os baixos prezos que os holdings da alimentación ofrecen. Temos así unha cadea na que o consumidor paga máis pola compra, os produtores gañan cada vez menos polo afán mercantilista das empresas do sector, o pequeno comercio afúndese inexorablemente e os hábitos de consumo son ditados pola lei da oferta e da demanda dun xeito insostíbel e irracional.

Pero centrándonos no caso de Pontedeume podemos afirmar que esta situación alarmante do pequeno comercio, e por ende do sector hostaleiro, é aínda máis grave que o exposto anteriormente. O peche do tradicional mercado municipal e o seu traslado suicida aos almacéns de Raxoi apuntillou ao único sector económico da vila. Cumprido xa un ano desde o peche do mercado as consecuencias saltan á vista. Tres dos praceiros víronse obrigados a pechar os seus negocios por falta de actividade e cabe esperar, lamentabelmente, outras baixas. Pero non só os praceiros foron os grandes perdedores desta aventura irresponsábel do alcalde de Pontedeume. O mercado municipal era o motor económico desta vila e como tal, a súa liquidación supuxo tamén a liquidación do pequeno comercio eumés. Se os praceiros denunciaban reducións das vendas próximas ao 70% nalgúns casos, os pequenos comercios e a hostalaría recoñecen unha redución do 20%. Estas cantidades astronómicas no ámbito do pequeno comercio hai que atribuilas fundamentalmente ao peche do mercado municipal pois se ben é certo que o sector minorista está en declive por mor das grandes superficies, o impacto destas está limitado a unha redución no último ano do 3% das vendas en toda Galiza. Ademais, a comercialización dos produtos frescos nos establecementos tradicionais conservan unha elevada competitividade fronte aos supermercados e grandes cadeas.

O panorama desolador que ofrece Pontedeume leva camiño de igualar ao do veciño Ferrol coa súa crise industrial. A irreversibilidade desta situación dependerá de que nun futuro inmediato un novo goberno municipal se comprometa a reabrir o mercado municipal e dotar de axudas a un sector sen o cal Pontedeume non pode subsistir. E isto é así porque o actual alcalde xa demostrou non só unha incapacidade para resolver os problemas deste concello senón unha aptitudes encomiábeis para finiquitalo.

3 de set. de 2014

Contra as ilusións



A liberdade política non se limita ao dereito a exercer a propia vontade, senón que obriga a preguntarse como se formou esta vontade 
Armand Mattelart

28 de ago. de 2014

O feudalismo como tradición secular de Pontedeume


No ano 1971 Pontedeume foi declarado Conxunto Histórico Artístico pola relevancia do seu patrimonio arquitectónico. Porén co paso dos anos unha boa parte da súa arquitectura está a desaparecer por mor do desleixo das distintas administracións. Como contrapartida, o actual alcalde, nun exceso de celo, pretende que Pontedeume recobre o seu carácter medieval entendendo este como o propio dunha vila inhóspita, insalubre, caciquil e gobernada con métodos feudais.

21 de ago. de 2014

Made in Pontedeume

En Pontedeume é frecuente atopar sinais de eclecticismo nos lugares máis inesperados. A Cátedra da Latinidade, actual biblioteca, é un fermoso edificio do século XVI que comparte espazo cunha mostra artística de novo cuño e xenuina de Pontedeume, un estilo aínda sen definir pero con múltiples obras esparcidas pola vila. Un estilo entre utilitario e cochambroso made in Pontedeume. Neste caso unha xardineira multifunción. 

18 de ago. de 2014

O destino de 23.874,12€


En febreiro deste ano anunciouse por parte da Deputación un programa de axudas cuxa finalidade era apoiar aos concellos da provincia no sostemento dos gastos da contratación dirixidos á limpeza de praias marítimas durante a tempada de verán por un prazo máximo de 3 meses comprendidos entre o 15 de maio e o 15 de outubro do 2014


Como resultado desta convocatoria subvencionouse ao concello de Pontedeume coa cantidade de 23.874,12€. 

Esta cantidade podería ser resolver dous problemas á vez. Por unha banda manter limpas as praias de Pontedeume, e pola outra dar traballo a un equipo de parados que durante tres meses de verán aliviarían a súa penosa vida laboral. 

Nada disto sucedeu. As praias Pontedeume seguen sendo un foco de suciedade que os veciños denuncian diariamente. E de vez en cando,  moi de tarde en tarde, unha empresa privada fai o paripé de limpar durante dúas horas algunha destas praias, como sucedeu hoxe mesmo. 

A contratación dun servizo como este sen as debidas garantías de execución é un exemplo máis da corrupción que aniña no noso concello. Repítense ata a saciedade os casos de privatización de servizos a cambio de dádivas empresariais. Á actual corporación é máis sensíbel a outorgar contratos a empresas privadas por uns servizos deficientes, que a paliar a tráxica situación dos parados e das súas familias. 

23.000 euros dá para contratar 8 traballadores durante tres meses a xornada case completa. Con 23.000 euros teriamos as praias máis limpas e os visitantes máis agradecidos. Pero eses 23.000 euros teñen un destino que a Deputación e o Tribunal de Contas deberían investigar por pura hixiene democrática. 

5 de ago. de 2014

Carta aberta a un turista

Ante todo queremos presentarche as nosas desculpas. Non somos os responsabeis do que che pasou pero non queremos que te marches cunha falsa imaxe dos eumeses. Sabemos que nos poucos días que levas na vila tiveches que saír correndo do mercado municipal por mor da inundación que o asolagou. Tamén que os continuos cortes de auga impedíronte duchar e ademais non poideches bañarte nas nosas praias porque están contaminadas. Demasiadas cousas para alguén que vén a Pontedeume con ganas de esquecer o estrés do traballo. 

Recoñecemos a nosa parte de culpa por ter un alcalde como o que temos pois foi elexido por unha maioría da poboación, se ben é certo que os que o votaron fixérono enganados pola hipocresía dese señor. El e o seu equipo forman un grupo incalificábel no que predomina o desleixo, a ineptitude, o interese propio polos bens públicos, a ignorancia, a chabacanería e a chulería barriobaixeira. Por se non o sabes, hai moitos anos fíxose famoso en España un cartel publicitario no que destacaba os xenitais dun touro, chegando a converterse nun icono cultural. En Pontedeume o alcalde tamén parece disposto a reivindicar os atributos do macho como sinal de identidade eumesa. 

Non só iso, no seu desbarre mental identifica o carácter medieval de Pontedeume co feudalismo como forma de goberno. Valores como patrimonio, paisaxe, gastronomía, cultura e ocio son secuestrados polo goberno municipal e, en compensación, ofrécenos unha estampa medieval da vila: suciedade, miseria, caciquismo...convertíndoa nun vertedoiro.

Dirás que non comprendes un comportamento tan anacrónico pero tes que entender que eles, alcalde e concelleiros, cando deixen o cargo van ser recompensados polo mal que o fixeron. Isto pódeche parecer raro se procedes doutro país pero aquí é o que temos. Cargarse os servizos públicos significa un posto de traballo nas empresas privadas que se beneficiaron da nefasta xestión municipal. Xa verás, se decides volver outro ano, como eles e os seus fillos ou irmáns están colocados a corpo de rei, ben en empresas privadas , ben en organismos públicos controlados polo seu partido.

Pero queremos que saibas que se volves o pŕoximo ano xa non teremos este alcalde porque estamos traballando arreo para "externalizalo". 

29 de xul. de 2014

Un vástago de Mussolini















O ministro de educación está firmemente convencido que as clases sociais deben ser impermeabeis, aínda que logo digan que ese é un concepto trasnoitado propio de comunistas. O seu partido nunca levou ben que os fillos das clases traballadoras tivesen acceso á universidade. Desexaban que esta institución fose un territorio exclusivo das élites económicas, que non intelectuais. Sabemos que a intelixencia e o poder económico non gardan relación entre si. Un minucioso traballo ao longo destes anos xa está dando os seus froitos. Cada vez máis o acceso aos estudos superiores convértense unha carreira de obstáculos para as clases más desfavorecidas economicamernte. A semellanza co ditador Mussolini é algo máis que física.

23 de xul. de 2014

Exceso de testosterona

O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 3 da Coruña ditou sentenza no caso do traslado dos praceiros de Pontedeume ao mercado provisional polas obras do emprazamento orixinal.
O fallo xudicial dá a razón aos afectados que reclamaron, ao sinalar que o procedemento de traslado foi nulo e non se observaron as garantías mínimas, causando indefensión.



20 de xul. de 2014

Comunicado lido na concentración a favor do pobo palestino


Ante situacións como a que vive o pobo palestino estes días en Gaza só cabe a denuncia contra o estado xudeo, un estado que ampara o terrorismo de estado baixo o disfraz de accións militares. Mais non se trata dunha guerra convencional, é un xenocidio, unha limpeza étnica practicada contra a poboación civil palestina. Os chamados danos colaterais non son máis que nenos e nenas palestinas que sucumben ás mortíferas armas de guerra do exército israelita. Para xustificar estas accións criminais o terrorismo de estado fabrica terroristas sembrando odio e argallando coartadas. Así o explica acertadamente o escritor Eduado Galeano.

Hai unha desigualdade manifesta entre as partes deste conflito. Ao lanzamento dunha pedra respóndese co lanzamento dun misil; a unha comunidade privada do máis elemental oponse outra que se nutre dos bens da primeira; á demolición das vivendas palestinas séguenlle novos asentamentos dos colonos radicais. E como isto non abonda para anular á poboación palestina, recórrese entón á aniquilación física.

Europa e Estados Unidos estanse a converter nuns aliados interesados do estado xudeo coa excusa de que é o garante duns valores democráticos e occidentais nunha rexión que se lles antolla conflitiva. Mais a verdade é que ese estado nunca acata as sentenzas dos tribunais internacionais nen as resolucións da ONU, practicando a tortura dun xeito sistemático.

Nós, os que contemplamos con horror as matanzas de inocentes, non nos sentimos representados por uns gobernos que miran para outro lado cando a barbarie é cometida polos seus amigos israelitas. Estes gobernos, que actúan contundentemente contra a sociedade civil impoñendo multas e penas de prisión aos cidadáns que se opoñen ás súas políticas económicas, son condescendentes cos asasinatos de civís a mans dos militares xudeos.

Consideramos que a violencia nunca é xustificábel e menos cando se exerce indiscriminadamente sobre os máis indefensos. En só uns días de operacións militares xa morreron máis de 200 persoas, esta noite 70 mortos, na súa maioría mulleres e crianzas. Ningunha acción militar pode xustificar este triste balance que demostra que tras estas accións agóchase unha política de exterminio do pobo palestino. Nunca entenderemos por que unha sociedade como a israelita permite que o estado sionista leve á práctica os métodos que antaño foron aplicados aos seus pais e avós e exterminaron a 6 millóns de xudeos. Nunca entenderemos como a comunidade internacional que se opuxo coas armas na man ao exterminio xudeo, se amose indiferente ante o xenocidio palestino.

O pobo de Pontedeume quere manifestar a súa solidariedade cos palestinos de Gaza e esixir a inmediata paralización das accións militares que, polos danos ocasionados, son equiparabeis ao terrorismo de estado.

18 de xul. de 2014

Concentración en apoio ao pobo palestino


Convocan esta concentración solidaria (por orde alfabética):
Anova, Asemblea Aberta Eumesa, BNG, Colectivo Terra e PSdG-PSOE

Mañá, sábado 19 de xullo ás 13 horas na Praza Real, realizarase unha concentración a favor do pobo palestino que estes días está sufrir unha vez máis as terribeis consecuencias dunha agresión militar sen precedentes por parte do estado xudeo. Consideramos que a violencia nunca é xustificábel e menos cando se exerce indiscriminadamente sobre os máis indefensos. En só uns días de operacións militares xa morreron máis de 200 persoas, na súa maioría mulleres e crianzas. Ningunha acción militar pode xustificar este triste balance que demostra que tras estas accións agóchase unha política de extermino do pobo palestino.
Europa e Estados Unidos estanse a converter nuns aliados interesados do estado xudeo coa excusa de que é o garante duns valores democráticos e occidentais nunha rexión que se lles antolla conflitiva. Mais a verdade é que ese estado nunca acata as sentenzas dos tribunais internacionais nen as resolucións da ONU, practicando a tortura dun xeito sistemático. O pobo de Pontedeume quere manifestar a súa solidariedade cos palestinos de Gaza e esixir a inmediata paralización das accións militares que, polos danos ocasionados, equipáranse a accións terroristas de estado.

10 de xul. de 2014

Argumentarios para non instruídos


Recentemente un parlamentario do PP admitíu que cada día os cargos do partido reciben un argumentario a modo de deberes diarios. Nese documento intrúeselles nos temas máis espiñentos do día para que aprendan os argumentos que deben soltar nas súas intervencións públicas.

Como seres incapaces de razoar necesitan das directrices que os órganos superiores (non se sabe onde están) elaboran para convencer á opinión pública. Non se trata tanto de evitar disidencias como de dotalos de argumentos ante a falta de discernimento amosado polos mandatarios. En fin, unha panda de mandados como dios manda.

O que resulta evidente é que este método non está arraigado en institucións de menor categoría, léase, concellos. A nivel local o problema é máis grave. Os correos non funcionarian porque moitos destes representantes locais, como concelleiros e alcaldes, non serían capaces de entender as mensaxes. O seu papel limítase a levantar as mans nos plenos cando o xefe así o indica. Aquí xa non se poden considerar mandados, son borregos (*) e como tales actúan. O seu nivel de ignorancia inpídelles ter a vergoña necesaria para dimitir.

(*)= sen personalidade R.A.L.

30 de xuño de 2014

É hora de esixir responsabilidades













Se algo caracteriza a Torrente é faltar ás súas promesas. "Ao teixo non se lle toca" dixo en 2008; seis anos despois quítao da circulación logo dunha agonía provocada pola tala das raíces para deixar espazo aos novos mitos da modernidade: as rotondas.

Sempre é de lamentar a morte dun exemplar desta especie mítica pero se esta se produce de forma intencionada, entón hai que pedir responsabilidades. A dirección Xeral de Patrimonio advertía ao Concello que se deben adoptar as medidas necesarias para garantir a conservación do teixo que califica de árbore senlleira. Nada se fixo para preservar a árbore; ao contrario, cercenaron as súas raíces para poder construír un muro de separación entre o parque e a estrada. Paseniño foise secando e o alcalde, figura garante da legalidade nos concellos, non moveu un dedo para evitalo.

Hai poucos días un tribunal de xustiza ditou tres anos de cárcere para dúas monitoras por verter pintura nunha piscina pública. O noso alcalde "se irá de rositas" por eliminar un teixo senlleiro. Aquí temos unha explicación do por que os cidadáns deste país estamos fartos e indignados. Os órganos xudiciais só serven aos intereses dos políticos, aos que encumbran como á man que lles dá de comer, pero son inmisericordes cos que critican os abusos do poder.



26 de xuño de 2014

Catas?


Asemblea Aberta Eumesa


O movemento social dá un novo paso en Pontedeume. Nunha xuntanza celebrada onte creouse a Asemblea Aberta Eumesa, unha iniciativa cidadá que pretende devolverlle á sociedade eumesa o protagonismo usurpado polo goberno municipal de Gabriel Torrente.

Hoxe Pontedeume atópase sumido nunha crise que abrangue todo o tecido social, desde o económico ata o patrimonial, pasando pola cultura, xuventude, medio rural, etc. Esta situación vén promovida pola ineptitude dun goberno local que fixo da prepotencia e desinterese os seus principais sinais de identidade. A Asemblea Aberta Eumesa busca un cambio no concello a través dun movemento aberto, democrático e transparente.


25 de xuño de 2014

Porque outro Pontedeume é posíbel


Hoxe mércores 25 de xuño terá lugar unha asemblea cidadá para debatir sobre os problemas que o noso concello ten a causa da nefasta xestión do equipo de goberno.

Esta asemblea está aberta a todos os cidadáns e nela tentarase buscar solucións de cara ao futuro. Existe unha maioría indignada coa situación de abandono que padece Pontedeume e temos que ser conscientes de que só mediante a unión e mobilización de todos os eumeses podemos poñer freo ao declive de Pontedeume como centro de referencia que foi no pasado. 

Cada vez somos máis os que detestamos as mentiras do goberno, os que non aceptamos eufemismos para disfrazar unha triste realidade que empobrece non só á poboación senón tamén ao que Pontedeume significa: patrimonio cultural e arquitectónico, paisaxe, medio ambiente, sanidade, educación, solidariedade, xuventude, deporte e un longo etcétera.

Non se pode admitir que un gobernante elexido polos cidadáns para xestionar o que é de todos fágao como un auténtico energúmeno que lexisla ao ditado dos seus xenitais, que faga ostentación diso e que os seus plans de goberno estean condicionados polo seu afán de vinganza. En suma, un cacique medieval que desprestixia a todo Pontedeume.

O que sería desexábel, que o poder político estea sometido á vontade dos cidadáns, en Pontedeume parece unha utopía imposíbel de alcanzar. Nunca antes un alcalde foi tan insensíbel ás demandas cidadás, nunca ninguén se vanagloriou de pasar por riba dos dereitos dos eumeses nin de gobernar con total falta de transparencia. Por iso faise máis necesario que nunca establecer os mecanismos para que os individuos poidamos converternos en suxeitos activos e transformar Pontedeume nun concello no que prime a calidade de vida e sexa un modelo de convivencia.



22 de xuño de 2014

Será a xenética?















Dicíase, con razón, que a ditadura de Franco supuxo un atraso para este país de 40 anos nos que non evolucionou como o resto de países europeos. Pero á vista das imaxes, despois da morte do ditador parece que seguemos ancorados no pasado. 

20 de xuño de 2014

De quen dicían que era o puto amo?


O desleixo da corporación

A construción de beirarrúas na estrada de Boebre acaba de paralizarse por mor do desleixo do alcalde e séquito. Como é sabido, Torrente decidíu prescindir da secretaria do Concello (unha persoa incómoda para quen acostuma gobernar impetuosamente á marxe da legalidade) e sen secretaria non hai pleno; e sen pleno non se aproban as modificacións que a Deputación estableceu para a obra en cuestión. 

Abandono, neglixencia, apatía, desinterese, ineptitude...demasiados calificativos para quen cobra, e ben, por un traballo que non realiza. Pero a diferencia doutros traballos, as consecuencias dese desleixo repercuten en todos os cidadáns eumeses. Nunha empresa privada este tipo de traballador sería inmediatamente despachado; na función pública será recompensado cun cargo en calquera porto do estado. Pontedeume segue a estela da chamada marca España: os mediocres gobernan para que os cerebros emigren.


19 de xuño de 2014

Sanidade suspende as augas de Centroña e Ber

Despois de analisar as augas das praias de Centroña e Ber chegouse ao resultado de que a concentración de Escherichia Coli e Enterococo Intestinal son moi superiores ao recomendado. Sanidade non se atreve a prohibir o baño polas consecuencias que traería para o turismo en Pontedeume pero unha actuación consecuente da consellaría pecharía estas praias de inmediato. 

Outras praias próximas con altos contidos de bacterias son as que se atopan na ría de Ferrol pero isto parece máis xustificado se temos en conta que esa ría non dispón de sistemas de saneamento, ao contrario de Pontedeume que si goza dunha depuradora que non depura aínda que todos os veciños pagamos o canon de depuración. 

E postos a depurar non estaría de máis depurar aos do Concello. 

Imaxe do arenal de Centoña, cuxos análise das augas de baño están entre os peores da provincia. ANXO MANSO (A Voz de Galicia)

6 de xuño de 2014

Destrución da costa por Demarcación de Costas


Hai relatos que poden parecer ficción pero aseguro que este é moi real. Na praia da Insua o ente Demarcación de Costas, a instancias do Concello de Pontedeume, acaba de acondicionar o acceso á praia. Este tipo de actuacións en paraxes naturais está suxeito a certas condicións que deben velar polo estrito respecto ao medio ambiente, entre elas, non utilizar materiais como aglomerados, cementos e outros que nada teñen que ver cos que a natureza emprega para modelar a paisaxe. 

Porén na Insua cementaron todo a camiño de acceso e colocaron unha barandiña de obra que ningún alcalde querería para si se da súa propiedade se tratase. Covén lembrar que hai pouco máis dun ano a mesma demarcación de Costas impuxo unha multa a un usuario da praia por tomarse a liberdade de cementar el mesmo un cacho do camiño. Non se entende tal falta de coherencia por parte dos responsabeis do organismo público.

Denunciados estes feitos ante o Seprona, Demarcación de Costas respondeu que esta actuación é considerada de baixo presuposto e que polo tanto non cabe facela doutro xeito. A falta de cartos obriga a utilizar o formigón. 

Guión para unha película de Berlanga? Folclore nacional? Marca España? En calquera caso, abstéñanse os veciños de incumprir as leis porque todo o peso dos organismos públicos caerá sobre eles. As leis son de obrigado cumprimento para os cidadáns, nunca para a propia Administración.

5 de xuño de 2014

Os modernos cabalos de Atila


Que estes días fose motivo de preocupación o expolio do campo de deportes do IES Fraga do Eume non significa que nos esquezamos da Alameda, un parque público xa patrimonial de Pontedeume convertido en aparcadoiro. A nula sensibilidade do goberno local pola preservación dos espazos públicos é notoria, case enfermiza. O que si hai que recoñecerlle a este alcalde é a súa coherencia coas medidas por el adoptadas. A imaxe atestigua esta afirmación.

2 de xuño de 2014

Podemos...e debemos

Vou permitirme unha reflexión á vez que un chamamento. Pontedeume non pode seguer vivindo baixo o paraugas dunha corporación ineficiente, corrupta e prepotente, por empregar só uns poucos dos moitos calificativos que se lle podería atribuír. Os cidadáns deste concello vimos demostrando desde hai moito tempo un gran malestar cos métodos do alcalde de Pontedeume, desde as actitudes autoritarias no tema do mercado municipal ata o conflito creado cos empregados municipais, pasando pola elaboración dun PXOM que beneficia descaradamente a familiares directos do equipo de goberno.

E se me atrevo a falar dos cidadáns en plural é porque o resultado das últimas eleccións en Pontedeume, no que o voto progresista duplicou ao voto conservador, así mo permite. Continuar con esta situación abócanos ao desastre de Pontedeume, tanto no eido económico como no patrimonial, cultural e social. Hai unha maioría que reclama un cambio, un cambio que os partidos da oposición presentes no consistorio non souberon dirixir. É necesario que un movemento cidadán totalmente aberto, democrático e transparente reconduza, a través da presión social, a deriva suicida á que nos condena Torrente e o seu equipo.

Os miles de cidadáns que nos solidarizamos cos praceiros, a xuventude organizada en movementos sociais e culturais, os funcionarios municipais, os traballadores de empresas como Einsa que foron saqueados co beneplácito de Torrente, todos os que dunha forma ou outra somos conscientes que non se pode continuar por este camiño, e os que pensamos que existe un futuro mellor para Pontedeume, podemos e debemos poñer os medios necesarios para sacar a este concello do ostracismo ao que o ten condenado o partido popular.

Temos aquí un medio para empezar a debatir. Fagámolo. PODEMOS E DEBEMOS




Un centro de gravidade desprazado


30 de maio de 2014

Por que imos acudir á manifestación?

  • Porque o primeiro son os rapaces e a súa educación. 
  • Porque os espazos públicos son constantemente desmantelados en beneficio de intereses corporativos.
  • Porque o lecer e a educación son partes fundamentais para alcanzar unha mellor calidade de vida.
  • Porque a xuventude eumesa non dispón de espazos nin equipamentos para practicar deportes.
  • Porque estamos fartos de que a escola pública pague os pratos rotos da clase política.
  • Porque temos razón e eles actúan sen razóns.
  • Porque estamos fartos da prepotencia e abusos do poder.
  • Porque queremos que se teñan en conta as opinións dos cidadáns antes de tomar decisións que nos afectan negativamente.
  • Porque estanse a conculcar os dereitos dos alumnos do IES Fraga do Eume, dereitos polos que debería velar a consellaría de educación.
  • Porque estamos fartos de votar a políticos que interpretan o noso voto como un cheque en branco para gobernar con despotismo.
  • Porque anhelamos cambios necesarios e estes non veñen sós.
  • Porque a sociedade empezou a cansarse da nula atención que se lle presta  e decidíu botar a andar.
  • Porque podemos e debemos reverter as situacións inxustas.




27 de maio de 2014

Manifesto da comunidade educativa do IES Fraga do Eume

POLA RESTITUCIÓN DO CAMPO DE FÚTBOL

Como cidadás e cidadáns activos e conscientes dos nosos dereitos afirmamos que a misión dos políticos electos é administrar correctamente os bens que son de todos, e a nosa misión, a misión da cidadanía, é actuar de contrapoder, é dicir, loubar ao poder cando o poder acerta, criticar ao poder cando o poder se trabuca, e denunciar ao poder cando o poder abusa. Hoxe estamos aquí para criticar a actuación do Alcalde de Pontedeume e do Conselleiro de Educación e para denunciar o abuso claro e flagrante que están a perpetrar contra os dereitos dos membros da nosa comunidade educativa da que forman parte os pais, nais, alumnos e profesores que están aquí manifestándose.

Denunciamos o abuso que se está a cometer ao privar a un centro educativo e aos veciños de Pontedeume dun espazo para a práctica deportiva e o lecer. Afirma o Alcalde que é unha instalación deportiva infrautilizada. En que se basea para afirmar iso? Fixo algunha vez algo para reverter esa situación? Se o campo de fútbol do IES Fraga do Eume foi pouco usado nos últimos anos foi especialmente polo estado lamentábel no que o deixaba o Concello de Pontedeume despois de que xenerosamente se lle cedese como aparcadorio durante o verán sen pedir o Instituto contrapartida algunha, agás a propia restauración da instalación deportiva.

A relación do IES Fraga do Eume co Concello sempre foi de colaboración total e de apertura das instalacións deportivas do mesmo para uso municipal fóra do horario escolar. Pero o Concello respostou a esta actitude de colaboración cun acto de prepotencia ao reclamar o campo de fútbol á Consellería de Educación sen falar nin negociar cos afectados, se cadra, pensando que iamos ficar calados ou sen facer nada. Pois trabucouse.

Criticamos que as autoridades locais e autonómicas esquezan que unha das esencias dos bens públicos, como o campo de fútbol do IES Fraga do Eume, é a non rivalidade, é dicir, que o uso e goce por parte dun usuario adicional non supoña unha limitación para o uso e goce dun usuario que xa fai uso del. Pois ben, os usuarios da nosa comunidade educativa e tamén moitos veciños de Pontedeume sentímonos expulsados do uso e goce dun ben que pasou de ter unha finalidade lúdica e deportiva a ser un precario e poeirento aparcadoiro de coches.

O prioritario no deseño dos espazos urbanos non son os coches senón as persoas, e que estas teñan accesos a equipamentos deportivos e culturais axeitados. O Alcalde da vila e, especialmente, o Sr. Conselleiro, seica esqueceron que non existe no ordenamento xurídico o dereito a aparcar no centro da vila (de feito, a tendencia é afastar os coches dos centros urbanos para os humanizar), pero si existe o dereito a unha educación e a uns servizos públicos de calidade e deberían velar por eles antes de actuar como correas de transmisión doutros grupos locais de presión.

Somos conscientes de que a Vila de Pontedeume ten problemas de aparcamento e que é unha aspiración lexítima amañar esa demanda histórica pero non se pode facer a calquera prezo e pasando por riba dos dereitos dos escolares. Tal vez, estos escolares, non lle quitan o sono ao señor alcalde, pero o que non é de recibo é que o Conselleiro de Educación, en clara complicidade co anterior, tamén se esqueza deles. Por iso, os aquí presentes, demandamos ao Conselleiro que vele polos intereses dos seus administrados en lugar de estar tan preocupado por axudar ao alcalde a cumprir os seus compromisos electorais. Non é admisíbel que o interese de partido sexa tan forte, tan dominante, tan excluínte, que pase coma un cabalo por riba das necesidades da escola pública, xa castigada con recortes dende hai anos. Logo que non se queixen do desprestixio da clase política.

E queremos dicirlle ao Alcalde e ao Conselleiro que imos perserverar, que seguiremos insistindo en denunciar este abuso até que os tribunais nos dean a razón ou eles recuperen a súa, xa que o que nunca debe esquecer un representante político é cales son as prioridades da sociedade.

Moitas grazas a todos e a todas e se isto non se amaña, de hoxe nun ano, outra vez estaremos aquí para que se escoite a nosa voz.