26 de abr. de 2013

"Pasaba por aí"

É o que dí o alcalde de Cesuras do Partido Popular. Foi o promotor (que estraña sedución exerce o negocio inmobiliario sobre os alcaldes?) do edificio levantado na antiga casa de D. Pablo. Obxecto de varias denuncias a licenza concedida nunca se axustou  á legalidade. A pesar diso o goberno local de Pontedeume ( alcalde do PSOE e concelleiro de urbanismo do BNG) non tivo reparos en permitirlle aos promotores seguer coas obras. Como tampouco os tivo o actual goberno do PP.

E é que xa se sabe. O urbanismo fixo posíbel a unidade de acción de ideoloxías tan dispares, en apariencia, como socialistas, populares ou nacionalistas.

O xornal La Opinión recolle unhas estrafalarias declaracións de Julián Lucas Ramírez, alcade cesurano.


http://www.laopinioncoruna.es/gran-coruna/2013/04/24/tropiezo-urbanistico-alcalde/715201.htmlO tropezo urbanístico do alcalde
O rexedor cesurano cesa dos seus cargos na promotora da casa de don Pablo, en Pontedeume, que acabou nos tribunais - "Eu non levaba ese tema, só pasei unha vez por aí", sostén
O alcalde de Cesuras, Julián Lucas Ramírez, cesou no principio do ano dos seus cargos como administrador mancomunado e apoderado solidario na promotora Progasa 2000, da que formaba parte desde 2006. Esta empresa promovió, entre outras construcións, a polémica casa de don Pablo, en Pontedeume, para a que obtivo licenza en 2004 e que foi obxecto de varios proxectos de legalización por exceso de alturas e outras deficiencias. Polo menos un destes proxectos foi anulado pola Xustiza.
Julián Lucas admite que este edificio de Doutor Villanueva provocoulle máis dun quebradizo de cabeza á promotora. As obras foron paralizadas ata en dúas ocasións por exceder o volume máximo permitido. A empresa presentou ata tres modificados e solicitou unha licenza de legalización que foi anulada pola Xustiza. Durante o proceso, Progasa 2000 executou varios obras para acatar a normativa urbanística, entre elas, a supresión de dúas plantas. O alcalde cesurano recorda con desgusto a polémica que rodeou este edificio, obxecto de reiteradas queixas do colectivo Fusquenlla. "Eu non levaba ese tema, encargábase o meu socio, só recordo pasar unha vez por aí", explicou ao ser consultado. O regidor recorda que Progasa 2000 tivo que executar diversas reformas para axustarse á licenza e, asegura, que a día de hoxe os problemas xa están liquidados. A súa actividade na promotora, mantén, era moi limitada e asegura que non lle quedaron ganas de repetir na construción. "A verdade é que non sei por que entrei, pedíronmo e accedín, pero apenas levei nada", sostén e recalca que a empresa nunca traballou en Cesuras.

20 de abr. de 2013

Censo de vivendas en Pontedeume

Esta semana o Instituto Nacional de Estatística fixo públicos o censo de poboación e vivendas do ano 2011. E os resultados corroboran as peores previsións. Os efectos da burbuxa inmobiliaria deixáronse sentir non só na terríbel crise económica que padece este país senón tamén no número de vivendas baleiras que inundan todo o territorio nacional. 

Galiza ocupa a primeira posición entre as comunidades con maior porcentaxe de vivendas baleiras: 23% fronte a unha media estatal do 13,7% . Haberá que rachar co tópico segundo o cal o nefasto boom inmobiliario foi unha marca de clase tipicamente mediterránea.

E que pasa en Pontedeume? No noso concello durante os últimos dez anos incrementouse inxustificadamente o número de vivendas. Das 4200 que había en 2001, pasouse a 5080 no 2011. Un incremento do 19%  que non se correspondeu cun igual incremento poboacional. En 1991 había censados 8800 habitantes e vinte anos despois hai 8900. O resultado é inevitábel: 851 vivendas baleiras, o 17% das 5080 vivendas existentes. Case catro puntos por riba da media estatal.

E o PXOM aprobado inicialmente polo goberno municipal incrementará ostensiblemente estas cifras se resulta aprobado definitivamente. Un PXOM que segue secuestrado nalgún caixón da casa consistorial.

Verteduras, contaminación, mentiras e fraude

Os desaugadoiros que verten á ría ao longo do paseo marítimo non son de augas pluviais como moitas veces se dixo desde o goberno local. Unha máis das súas mentiras que tentan enmascarar unha crúa realidade. A da continua contaminación da nosa ría que día tras día recibe metros cúbicos de augas fecais e residuos das numerosas vivendas do concello de Pontedeume. 
A proba máis palpábel, para os incrédulos, foi a vertedura de leite do pasado mes de febreiro que proviña da residencia de anciáns, pero outras menos vistosas e máis contaminantes prodúcense todos os días. A foto que se acompaña foi tomada esta  semana. 
E se as verteduras seguen, tamén seguen a pasar aos veciños as taxas por depuración. Porque este é un país de fraudes, mentiras e impunidade.

14 de abr. de 2013

14 de abril: pola terceira República


Xa non caben escusas. A monarquía é unha rémora, un freo ao desenvolvemento democrático e ao progreso económico e social. Unha institución historicamente pragada de corrupción que a estende á clase política que nos goberna. Este país reclama un cambio que só pode vir da man dunha terceira Repúbnlica.


6 de abr. de 2013

Esqueletos na paisaxe

Dúas obras, para nada artísticas, que xa forman parte da paisaxe de Pontedeume. A primeira, un malogrado clube de piragüismo a carón da vía férrea. A segunda, un adefesio de edificio promovido por Lagares (de triste historia en Pontedeume como se aprecia ao fondo da fotografía) situado na estrada da estación.

Ámbolos dous levantados sen os oportunos permisos e vulnerando a legalidade vixente. Algo que ao Concello de Pontedeume nunca lle causou preocupación. E se isto é así hai que achacalo á vista gorda da que fan gala as distintas administracións competentes cando os infractores contan co respaldo dos concellos. Porque, non esquezamos, a paralización final destas obras foi debida ás denuncias cidadás.