22/02/2013

Promesas incumpridas como marca da casa


Cando o alcalde de Pontedeume solicitou por primeira vez o campo de deportes do IES Fraga do Eume para utilizar como aparcadoiro no período estival, comprometeuse a deixalo en boas condicións antes de comezar o curso escolar. Este pasado verán as promesas de Torrente levounas o vento (ou mellor as choivas) pois o estado do campo é cando menos calamitoso. Os danos causados polos automobeis propiciaron un lodazal no que a herba foi substituida por charcos e lodos. A pesar diso os rapaces seguen xogando conscientes de que non teñen outro sitio para disfrutar dun partido de fútbol.

Non sabemos se a consellaría aceptará ceder definitivamente o campo. Pero se non é así, con que argumentos vai solicitar Torrente de novo o seu uso durante o verán?


O leite caducado das monxas

Foto: Diario de Ferrol


A mancha que asolagou o banco marisqueiro de Pontedeume resultou ser unha vertedura de leite en po que os responsabeis do asilo de anciáns botaron á rede de alcantarillado. Exposta así a explicación, o que parecía ser un grave problema de contaminación queda nunha simple anécdota que motiva as risas do persoal. Mesmo dos gobernantes municipais que se atreven a bromear dicindo que "os peixes só beberon leite". 

Pero eses chistes zafios agochan unha realidade que o goberno local se empeña en ocultar día tras día. A rede de alcantarillado debería recoller as augas residuais e pluviais para levalas á depuradora onde serían tratadas antes de depositalas na ría. Esta vertedura dende o asilo demostra o que xa se vén denunciando dende hai anos. As augas residuais son vertidas directamente á ría de Pontedeume e Aquagest cobra aos eumeses unhas taxas de depuración que non existe. Non só iso: elude as obrigas como responsábel do mantemento da rede de saneamento e alcantarillado, rede obsoleta e defectuosa.

17/02/2013

Operación Manga (ancha)


De Pokemon a Manga. Dunha operación a outra e xogo porque me toca. Unha sucesión interminábel e insoportábel de casos de corrupción política. A última empresa investigada é Aquagest. Comezou en Santiago e agora investigan en concellos como Valdoviño, Ortigueira e Cedeira. "Fontes relacionadas co caso non descartan que finalmente termínense revisando todas as actuacións que a firma levou a cabo no área de Ferrol, onde Aquagest é a concesionaria de Cabanas, Pontedeume, Ares, As Pontes, Fene e Neda"

Estas son as consecuencias da xestión privada dos bens públicos. Despilfarro, comisións, tráfico de influencias, malversación, cohecho...Sen esquecer o deficiente servizo de mantemento e depuración das redes de saneamento e alcantarillado ao que estamos afeitos os veciños que pagamos escrupulosamente as taxas correspondentes. Porque xa se sabe, o obxectivo dunha empresa privada é acadar un balance económico positivo, non a prestación de servizos. 

O alcalde de Ares plantéxase asumir a xestión pública da auga a raíz do acaecido. Pode que só sexa unha declaración tendente a calmar o desasosego de tanta corrupción. Os intereses creados ao longo de todos estes anos deben ser grandes e lucrativos. Quizais habería que limpar primeiro os concellos de tanto homo corruptus e redefinir logo as funcións dunha institución creada para xestionar con sentido democrático os bens da sociedade.

08/02/2013

E van...

Unha morte máis. Unha muesca máis nas cananas dos delincuentes da banca.

Informa el diario.esUn activista de Stop Desahucios suicidouse esta mañá en Córdoba. Segundo informaron fontes da plataforma, o home, que responde ás iniciais F.J.L.B., arroxouse ao baleiro desde unha cuarta planta dun edificio na rúa Cartago, onde vivía.

Obreiro da construción, tiña 36 anos, estaba casado e tiña unha filla. O suceso ocorreu sobre as 10.00 horas da mañá.

Un portavoz de Stop Desahucios apuntou que o seu compañeiro pedira varios préstamos a distintas entidades para construírse unha casa en Villafranca -aínda non transcenderon os nomes dos bancos-. Ao pouco tempo foi incapaz de continuar pagando as letras e foi embargado.

Mentres tanto, tratou de renegociar os préstamos usando a casa dos seus pais como aval. O que desahuciaran aos seus progenitores era un dos seus maiores temores. Ao final, optou por dar a súa casa ao banco en pago das súas débedas pero a entidade seguía reclamándolle 25.000 euros, informan as mesmas fontes.

O home xa intentara suicidarse en 2011, cravándose un coitelo no pescozo fronte a unha oficina bancaria. Foi tras recuperarse das súas feridas cando entrou en contacto con Stop Desahucios. Coa súa axuda, afirmou un portavoz, logrouse tramitar a axuda dunha vivenda e conseguiu renovar a paga social de 426 euros que xa se lle acabou

04/02/2013

Galicia nos sobres do PP

Permítome unha pequena reflexión a propósito do caso Bárcenas. Centrareina na orixe do diñeiro que servíu para financiar presuntamente ao partido popular e aos seus cargos públicos. Como é sabido toda a procedencia do diñeiro que figuras nos papeis do tesoureiro do PP ten unha orixe perfectamente recoñecíbel, case toda de diversas empresas  e empresarios que figuran con nome e apelidos. Salvo dous casos: Galicia e Málaga.

Galicia aportou ás contas do partido, segundo os papeis publicados polo País, a cantidade de 19 millóns de pesetas. Sería interesante que se investigase a procedencia deste diñeiro. En Galicia non hai un tecido empresarial das características do que suministrou cantidades millonarias aos populares. Ademais os últimos casos de corrupción política en Galicia están manchados pola sombra do narcotráfico. Dorribo, o expoñente máis claro de axente corruptor, estaba relacionado con presuntos narcotraficantes. E non é o único caso do que se sospeita que o narcotráfico corrompeu os estamentos da administración.

Por propio interese do partido popular deberiase aclarar coa maior transparencia e celeridade a orixe desas aportacións e desbotar así a sospeita dunha financiación que amais de fraudulenta sería gravemente delictiva.