9 de out. de 2005

OUTRA VOLTA DE TUERCA


Segundo publica hoxe un xornal galego o Concello de Pontedeume encargou unha enquisa entre os comerciantes da vila para saber a sua opinión acerca dos problemas derivados da falta de aparcadoiros e a solución que aqueles apuntaban pasaba, segundo o concelleiro Manuel Rei, pola construcción dun aparcadóiro subterráneo na Praza do Conde e a demolición do actual Mercado Municipal.

Até aquí a noticia. Todo o trasfondo pareceria próprio dunha história surrealista se non fose veraz, lamentábel pero veraz. Vaiamos por partes.

Na enquisa que se lles fixo aos comerciantes non se lles pedia manifestar-se sobre se a solución do aparcadóiro na Praza do Conde era a adecuada. Nin siquera se lles mencionaba esta posibilidade. Só se reclamaba deles unha resposta acerca de se existian problemas de aparcamento en Pontedeume. Como a ninguén se lles escapa que estes problemas existen é doado supor que a resposta foi positiva. Pero a solución que se ofrece puxo-a o responsábel do inquérito. Un exemplo de como se aproveita un descontento xeralizado para avalar un proxecto que o Concello, e non se sabe ben se outros intereses ocultos, tentan materializar ao prezo que sexa, ainda que haxa que obrigar a Património a rectificar a sua valoración sobre o valor arquitectónico do edificio do mercado. Hai un obxectivo e fai-se preciso crear un estado de opinión favorábel para a sua consecución. Unha estratexia máis própria dun poder maquiavélico que dun concello verdadeiramente representativo dos seus cidadáns; unha práctica que busca sustituir, mediante a manipulación, a participación cidadá pola sua disponibilidade en favor dunha política xa elaborada á marxe dos intereses da comunidade.

E xa que falamos de representatividade, que caberia dicer se para xustificar unha declaración de guerra, un determinado goberno dunha determinada nación fixe-se valer o resultado dun referendo realizado entre os militares dese pais? Ou se para modificar o Código Penal se consulta-se ao Poder Xudicial en lugar de face-lo ao Parlamento? É doado saber que calificativos mereceria semellante comportamento. Como se pode, polo tanto, esgrimir a opinión dunha parte dos comerciantes para bendecir unha medida que afecta a todos os eumeses? Reclamamos que se preserve o património de Pontedeume porque nel está o seu futuro, o futuro dos seus habitantes. E reclamamos que se escoite a opinión de todos os sectores da sociedade, como práctica habitual dos sistemas democráticos, para que se tomen decisións en beneficio da maioria.
Despois de todo o dito, non estaria demais que o custo da elaboración da enquisa non corre-se a cargo do erário público.