28/05/2012

500 euros por cabeza


As aportacións do estado español a Bankia serán de 23 mil millóns de euros. Un diñeiro destinado a compensar as perdas dunhas entidades financieiras que apostaron polo ladrillo e levaron a economía á ruína. Cartos que se utilizaron para conceder préstamos hipotecarios cos que mercar e promocionar vivendas en todo o país. 
Cartos de todos nós que servirán para tapar o maior fraude económico que nunca antes de dera neste triste e vergoñento país. Tócanos a 500 euros por cabeza, independentemente da idade, xénero ou profesión. Quizais esteamos a pagar algunha hipoteca dalgún madrileño que mercou vivenda en Pontedeume.

11/05/2012

A Xunta declara ´ambientalmente inviable´ a canteira de anfibolita

O colectivo Fusquenlla foi o primeiro en alertar deste proxecto e denuncialo ante a Xunta de Galiza


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas declarou que a canteira de anfibolita (tamén chamado granito negro) que unha empresa de Bergondo quería explotar nun monte entre Miño e Pontedeume "non é ambientalmente viable". 

A Xunta tomou esta decisión tras o informe desfavorable emitido pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural que advertiu de que a canteira que a empresa Comercio, Transportes e Auxiliares SL quería abrir en Buíña suporía unha extracción de pedra ao pé do monte de Breamo, case lindante co Camiño de Santiago, que suporía "unha modificación drástica da paisaxe" coa formación dunha "gran brecha no monte". 

O Executivo autonómico considera que as medidas de corrección propostas non lograrían paliar a afección ao Camiño de Santiago. Destaca ademais que a entrada e saída da canteira realizaríase, segundo o proxecto da empresa, polo propio Camiño, co importante impacto e deterioración que suporía polo paso continuo de camións. 

Patrimonio advertiu no seu informe desfavorable que o proxecto de extracción de anfibolita, a só trinta metros do Camiño Inglés, está dentro da delimitación de Ben de Interese Cultural (BIC) da comarca eumesa ademais de situarse moi preto da igrexa de San Miguel de Breamo, tamén declarada BIC. 

A consellería resolve que esta actividade suporía unha "grave alteración da contorna natural e paisaxístico, visible desde outros enclaves da comarca eumesa". 

A empresa que pretendía extraer anfibolita para usala como material para a construción, proxectaba unha canteira ao descuberto dunha altura de ata sesenta metros. Nesta parte do monte de onde se pretendía extraer este mineral xa se extraeu fai anos material para construír a estrada N-651. Uns 800 veciños (individualmente ou integrados en distintas asociacións) presentaron alegacións ao proxecto e reclamaron que se ditaminase de forma negativa (Fusquenlla, Unidade Veciñal, Verdegaia, Foro Social de Cangas, Asociación Galega dá Froita Autóctona do Eume, entre outros). O BNG ata o solicitou no Parlamento galego. La Opinión

09/05/2012

Einsa despide a 12 traballadores

Os despidos foron notificados pola empresa despois de iniciar as protestas contra o plan de viabilidade da empresa. Un plan que contempla unha redución salarial e o despedimento de 29 operarios. A reacción dos traballadores non se fixo esperar e adiaron o paro laboral que nun principio estaba previsto para o venres.
Representantes do comité entrevistáronse en Compostela con membros do PSOE e BNG para informarlles da situación. Xa postos a informar podían lembrarlles aos gruposp arlamentarios que os representantes de ditos partidos no concello de Pontedeume fixeron causa común co PP e aprobaron o borrador inicial do PXOM que contemplaba a recualificación dos terreos que Einsa ten en Andrade,  dando opción a esta empresa a desmantelar a súa fábrica eumesa e apostar polos negocios inmobiliarios. 
E non esquezamos que tanto o alcalde como os concelleiros que forman parte do pleno creron inxenuamente aos xerentes da empresa cando estes lles venderon o proxecto como algo necesario para ampliar as instalacións e a conseguinte carga de traballo.