18/07/2012

Non aprenden

Incendio nas fragas do Eume. Foto Cabalar
"De homes é equivocarse; de tolos persistir no erro". Creo que foi Cicerón o que pronunciou esta sabia frase hai 2000 anos. Non parecen ser dabondo para os políticos que gobernan este país, empeñados como están en perpetuar os mesmos erros lexislatura tras lexislatura. O proxecto do decreto do plan director da Rede Natura 2000 permitirá seguir explotando as masas forestais de eucaliptos existentes nas Fragas do Eume. Cando todos pensabamos inxenuamente que despois do terríbel incendio que asolou as fragas o pasado verán as autoridades acometerían a desaparición de especies alóctonas como o eucalipto por ser unha das claves da fácil propagación das chamas, o executivo galego sorpréndenos con esta nova que incide nos erros do pasado.  
As razóns desta absurda medida hai que buscalas como sempre nos intereses mercantís das grandes empresas madedeiras que son, en última instancia, as que lexislan sobre o territorio por riba dos parlamentos  mal chamados democráticos. (Ver máis información nesta páxina)

16/07/2012

Non bañarse: augas fecais

Sanidade detectou unha alta contaminación producida polas bacterias Enterecocos intestinais e Escherichia Coli en diversas praias da comarca, entre elas, como non, as de Centroña e Ber. A pesar da alarmante concentración de residuos fecais, ningún cartel advirte aos bañistas da prohibición de bañarse, sendo responsabilidade do Concello informar de tales perigos. 
Mais a súa responsabilidade non se limita só á información. Tamén debe velar pola vixiancia e perfecto mantemento das augas da nosa ría, evitando os verquidos de augas contaminadas. E nisto, como en moitas outras cousas relacionadas co medio ambiente, o Concello de Pontedeume fai mutis polo foro. É sabido que a depuradora de Centroña non depura; o mesmo conselleiro de medio ambiente xa o denunciou hai uns cantos anos. Pero a situación segue igual. Iso si, os cidadáns pagamos unhas taxas de depuración por un servizo inexistente. O resultado: a praia de Centroña é a máis contaminada do Concello.
A de Ber non lle vai á zaga. Os numerosos chalés e vivendas nun núcleo que pretende urbano pero asentado nun espazo rural son os causantes do verquido diario de augas fecais que desembocan no mesmo areal da praia.
 E como non podía ser menos, o alcalde de Pontedeume pon a nota discordante. Para o rexedor, desconfiando dos resultados da analítica feita por Sanidade, as praias seguen a ser aptas para o baño porque "así o di o ministerio". Non sería estraño velo nos próximos días darse un chapuzón ao estilo Fraga en Palomares

www.lavozdegalicia.es