16/02/2010

A contaminación da nosa ría

En Limodre a obturación da rede de saneamento provocou que milleiros de litros de augas fecais foran verquidas á ria de Ares no lugar da praia de Almieiras, segundo informa un xornal.
Os feitos veñen sucedendo dende hai varias semanas e os veciños de Limodre amósanse alarmados pola cantidade inxente de augas turbias. Pero o que podería entenderse como un simple accidente que require ser correxido, non o é tal se nos decatamos da situación actual do sistema de saneamento na parroquia de Limodre.
O emisario submarino que se averiou debería botar as augas fecais ao interior da ría en lugar de depositalas na praia. O que non se vé, non existe. Iso pensan os políticos. O desastre ecolóxico que supón verter as augas residuais nas rías galegas, e máis concretamente na de Pontedeume, non é tal se os desaugues discorren ocultos polo fondo do mar. O resultado é patente: a nosa ría é unha das máis contaminadas de Galiza. 
E a elo contribúe o deficiente urbanismo que impera nos nosos concellos. A construción do polígono industrial de Vilar do Colo foi realizada sen dar resposta adecuada ao saneamento das augas residuais, mesmo ás de natureza industrial. A solución económica e altamente contaminante que se adoptou foi evacuar esas augas á ría de Ares a través do emisario agora averiado.

12/02/2010

Tamén é patrimonio

Non só o casco histórico forma parte do patrimonio eumés. Non só a paisaxe debe ser protexida. En Pontedeume temos ademais algo do que nos sentimos satisfeitos, entendido isto nun dobre sentido: entusiasmados e saciados. Pontedeume pode congratularse de posuír unha riqueza gastronómica que non ten parangón noutras localidades galegas. A gastronomía xa é considerada un patrimonio cultural inmaterial que forma parte inseparábel do ser humano. A mesma Unesco chama á protección do patrimonio inmaterial "como crisol da diversidade cultural e garante do desenvolvemento sostible". Diversos gobernos xa tomaron a iniciativa de protexer este tipo de patrimonio ditando resolucións nese sentido. Francia pedíu á Unesco queo seu patrimonio gastronómico sexa recoñecido  como patrimonio cultural inmaterial da humanidade. Menos ambicioso o goberno asturiano exixe declarar a súa gastronomía como patrimonio cultural.
 
Unha das especialidades gastronómicas de Pontedeume, non a única, é a costrada. Non se coñece en ningunha outra localidade un prato das características da nosa costrada, nin siquera do mesmo nome. Algo único que estes días é motivo de descusión no Fórum Gastronómico que se celebra en Compostela, se ben hai que criticar aos "expertos" relatores que alardean de recuperar a costrada cando nunca estivo "perdida". Os eumeses sabémolo ben. Como sabemos de que se fai tan afamado prato e que en nada coincide cos ingredientes que supoñen os eruditos chefs 
Máis información en La Opinión
Información do Fórum Gastronómico

08/02/2010

Nova sociedade inmobiliaria en Pontedeume

Unha sociedade limitada adicada á promoción inmobiliaria acaba de ser creada en Pontedeume, Rústicas Eume, S.L. O seu presidente é Alfredo Molares Doval tal e como se recolle no Rexistro Mercantil da Coruña. A data de creación é o día 31 de outubro do 2009 e o capital social actual é de 107.500 euros. Os obxectivos da sociedade son a compra-venda de inmobles e solares; promoción inmobiliaria e compra-venda de terreos rústicos e urbanos.
O domicilio social está na rúa Inmaculada de Pontedeume. Como conselleiros da sociedade aparecen Manuel, Alberto, Eugenio, e Alfredo Molares Doval xunto con Jorge Molares Pardo. 
Unha mostra máis do desenvolvemento urbanístico ao que se presta o noso concello. Congratulémonos os eumeses de que os inversores do solo aprecien o valor en alza da nosa paisaxe, máxime se estes son naturais de Pontedeume.