26/02/2007

Inspector CLOSEAU en Pontedeume


Poderíamos chamarlle Sherlock Holmes pero tería outra categoría distinta, máis intelectual, menos patética. A ninguén se lle escapa que o inspector Closeau era un bufón que tiña por finalidade provocar o riso, era o seu obxectivo. O que non podiamos imaxinar é que ás veces a farsa instálase na realidade dos concellos.
Resulta que certos responsabeis do Concello de Pontedeume están indagando se os compoñentes do Colectivo FUSQUENLLA teñen algún tendón de Aquiles que os faga vulnerabeis, é dicir, que os faga calar. Coñecidas son as denuncias que este colectivo espallou ante a opinión pública, todas elas sobre as ilegalidades, infraccións e prevaricacións urbanísticas.
De Sherlock Holmes cabería esperar unha investigación sobre a veracidade desas denuncias; do inspector Closeau, coherentemente coa súa función, só cabe esperar unha investigación sobre os membros de FUSQUENLLA. En toda regra, un argumento ad hominem.
Un argumento ad hominem (en latín, dirixido ao home), é unha falacia lóxica que implica responder a un argumento ou a unha afirmación referíndose á persoa que o formula, en lugar de referirse ao argumento por si mesmo. Un argumento ad hominem (e xa que logo, falaz) ten esta estrutura:

1. A afirma B;
2. Hai algo cuestionable acerca de A,
3. Xa que logo, B é falso.

E como se cuestiona ao emisario das denuncias? O inspector Closeau comezaría buscando nos arquivos do Concello se as propiedades dos "fusquenllos" son conformes á lei. Se algún deles ten unha vivenda, hai que investigar se a licenza é legal ou se axusta a esta; se teñen os permisos preceptivos de auga, electricidade, depuración e saneamento, xunto cos pagos correspondentes. De fallar algunha destas investigacións, deberían dirixirse ás propiedades dos máis achegados, empezando polos familiares máis directos, conxuxes, irmáns, cuñados, etc. Sen esquecer as posibeis sancións impagadas de tráfico, que pode habelas. De ser necesario, e só en casos extremos, poderíase investigar a vida privada dos denunciantes e pregonala aos catro ventos.
Podemos afirmar que tal investigador está realizando o seu traballo concienzudamente no Concello pero os resultados non deparan nada novo ou interesante. É máis, as presuntas faltas dos "fusquenllos", de existir, serían atribuibeis ao propio Concello por ser este quen outorgou os permisos que Closeau considera "defectuosos". En definitiva, mellor "non menealla".
Dende aquí, queremos aconsellar aos responsabeis da investigación que dirixan o seu esforzo ímprobo aos verdadeiros artífices das ilegalidades. Seguro que atoparán moita máis materia e dunha forma máis doada. Poderiamos dar algunha pista, amais do xa coñecido e publicado, para lles facilitar a tarefa, conscientes de que o investigador é duro de entendereiras e dado a perderse no camiño. Mais non imos facelo, non debemos desentrañar o misterio desta grotesca historia digna dun Sherlock Holmes actual, experto en delitos urbanísticos

24/02/2007

Bruce Lee en Pontedeume


Baleira a túa mente
Libérate das formas
Como a auga
Pon auga nunha botella e será a botella
Pona nunha teteira e será a teteira
A auga pode fluir...ou pode golpear
Métete nun concello e serás o concello
Concede licenzas e serás a paisaxe
Se auga, amigo
Non te adaptes á lei. Se a lei

19/02/2007

Solo industrial

Laméntase El País que en Galiza fai falla solo industrial, que poucas empresas deciden instalarse na nosa comunidade e que se lles poñen demasiadas trabas á hora de facelo. En fin, que nunca sairemos dese tantas veces nomeado atraso secular. A dificultade burocrática na concesión deste tipo de permisos xunto coa escaseza de terreos aptos para usos indiustriais, obriga a moitas empresas a esperar longos periodos de tempo, cando non a buscar noutros lugares o espazo para ubicar as súas instalacións.
Ao mesmo tempo publícase que Galiza foi no ano 2004 a cuarta comunidade máis pobre do estado español. Só nos superan en pobreza, Extremadura, Castela-A Mancha e Andalucía. Certamente os datos son alarmantes e merecerían un tratamento especial por parte da Xunta de Galiza na procura de solucións. Como primeiro paso foi creada a Fundación Galega da Sociedade do Coñecemento, que pretende actuar como unha institución adicada á caza de inversores extranxeiros. De momento hai esperando 5.000 millóns de euros para investimento de certas empresas que levan meses agardando se lles conceda permiso para asentarse.
Exposto así é como para reclamar unha rápida concesión de permisos por parte das autoridades. Porén a realidade merece un estudo máis cauto. Noutra sección do mesmo xornal, infórmase que deses 5 mil millóns, a metade corresponden a empresas do sector eólico que tentan plantar no territorio galego os xigantescos xeneradores que xa forman parte da nosa paisaxe.
Outra parte importante dese investimento corresponde ao sector da acuicultura, polémico sector nas últimas semanas polo interese en destruir enclaves protexidos do litoral.
E por se non abondase, Fenosa, Endesa e Reganosa agardan a poñer en funcionamento novas centrais térmicas de gas natural, cun investimento superior aos 600 millóns, aos que hai que engadir o proxecto de Ence para a instalación dunha planta de producción de papel en Galiza.
Poucas veces a comunicación é tan clara e desafiante como esta. Se Galiza quere superar o atraso económico ao que parece estar condenada, debe permitir convertirse no estercoleiro de Europa. Mais en Europa os países que mellor nivel de vida posúen non se caracterizan precisamente por ser estercoleiros.



15/02/2007

A tecnoloxía ao servizo do Concello


O goberno local recoñece que as medidas tendentes a solucionar os problemas do tráfico e a peatonalización do casco histórico, non son efectivas. Algo que xa sabiamos con só saír á rúa.Pero ademais podemos engadir que era previsíbel dado que as normativas, sexan ou non de tráfico, deben ir acompañadas dunha vontade seria de executalas. E iso é o que falta en Pontedeume. As ordenanzas que impiden o tráfico rodado no casco histórico nunca foron aplicadas e así o recoñeceron os responsabeis da policía municipal. Hai pouco manifestaban que non dispoñían de medios humanos suficientes para sancionar aos infractores, fartos como estaban de tarefas burocráticas.
A solución que se apunta agora pasa pola aplicación de técnicas hidráulicas que permitirán levantar pivotes para impedir o tráfico de vehículos. Onde falla o home, hai que poñer a máquina. Sería desexábel a aparición de robots capaces de substituír ás corporacións municipais.
ideal gallego

11/02/2007

Rede Litoral Vivo


El País publica hoxe que se celebrou en Santiago unha reunión na que se constituíu a REDE LITORAL VIVO, unha plataforma de colectivos ecoloxistas entre os que se atopa o Colectivo Fusquenlla de Pontedeume.
Os obxectivos que se marcan esta comunidade de grupos pasan pola defensa do litoral galego ante a grave ameaza dun urbanismo que ten a súa razón de ser na especulación ilimitada do territorio, denunciando ademais a escasa salvagarda que ofrecen as administracións do estado. Piden asemade a demolición das obras declaradas ilegais e a desaparición da figura do axente urbanizador, ese retrato moderno do señor feudal. "A paisaxe é un elemento básico nesta concepción do trerritorio. A Convención Europea da Paisaxe (2004) recoñece xuridicamente a paisaxe como compoñente esencial do entorno, expresión da súa diversidade natural e fundamento da identidade dos pobos e o deber de protexela"

Entre as medidas de emerxencia que propón esta plataforma, citamos:
Rede Litoral Vivo Rede Litoral Vivo
  • Prohibición dos desenvolvementos urbanísticos e industriais naqueles lugares onde non estean garantidos a depuración completa de augas residuais, o subministro enerxético e de auga ou que a sua construcion provoque un impacto ambiental ou paisaxístico negativo.

  • Posta en marcha inmediata dunha moratoria que deteña as agresións no espazo marítimo-litoral e que permita a realización dunha Planificación Integral dos Usos do litoral no que se recollan todos os aspectos derivados da ocupación humana, do uso do medio mariño e dos seus recursos así como a previsión sostible da ocupación do mesmo.

  • Saneamento integral das Rías contemplando mecanismos de depuración separada de augas industriais e urbanas para facilitar a reciclado das lamas e apostando por unha rede de depuradoras de tamaño reducido e situadas preto dos lugares de xeración das augas residuais.

  • Aplicación de amplos recortes nos desenvolvementos previstos polos Plans Xerais de Ordenación Urbana, os Plans Parciais e as modificacións de Normas Subsidiarias municipais.

  • Derribo sistemático de toda construción ilegal.

  • Moratoria na construción de paseos marítimos, portos deportivos e recheos fora das rías ate avaliar a súa necesidade, emprazamento e deseño. Prohibición da realización de ningún tipo de recheo dentro das rías xa que son ecosistemas moi fráxiles


03/02/2007

Crecemento ou progreso?

Os detractores dos grupos ecoloxistas que se opoñen ao urbanismo que está a asolagar de cemento o territorio fanos aparecer como grupos de persoas que se opoñen ao progreso cando son precisamente aqueles os que buscan unhas vilas e paisaxes carentes do máis elemental para a vida humana.

Para desvirtuar as mensaxes de colectivos como Fusquenlla, por poñer un exemplo cercano, acúsanos de se opoñer ao crecemento, palabra enganosa onde as haxa. Hai que distinguir entre crecemento e progreso, pois tales termos non son sinónimos por moito que a algúns lles interesaría que o fosen.

O crecemento do que se fala non é máis que un aumento do volume de cemento que se levanta onde antes había unhas paraxes de gran valor ambiental e, como non, económico. Lembremos que a razón do continuo fluxo turístico de vilas como Pontedeume obedeceron ao seu atractivo valor paisaxístico. Pero este crecemento do aumento das vivendas construidas non acarrea unha maior entrada de turistas, que cada día son máis exixentes na demanda de zonas peculiares dotadas de historia e patrimonio. Pola contra, un aumento desmesurado de urbanizacións supón un deterioro dos servizos básicos como auga, depuración, alcantarillado, lixo, tráfico, aparcadoiros, etc. Servizos que hoxe por hoxe son deficientes en Pontedeume.

O progreso do que falamos os que nos opoñemos a este crecemento, antagónico coa calidade de vida, pasa por mellorar o que temos na actualidade e someter o aumento da edificabilidade a unhas condicións restritivas que atendan ás necesidades reais da poboación. Se unha poboación ten un crecemento demográfico negativo hai que pensar que son innecesarias máis vivendas e que urxe facer da vila ou cidade unha mellora que atraia a novos residentes. Hai que preguntarse as razóns das baixadas de poboación e posiblemente atopemos na falta de calidade de vida unha causa deste empobrecemento.

A evolución que exiximos pasa por acadar unha rehabilitación da casco histórico que dote ás vivendas non só do imprescindíbel para a súa habitabilidade senón tamén dun valor artístico inherente á súa historia; unha mellora dos locais comerciais e hostaleiros dos que se benefician un grande cantidade de familias e aportan unha grande parte do produto interior bruto local; uns mellores servizos que atendan ás necesidades da poboación que moitas veces sufren deficiencias impropias dunha vila do século XXI, porque diso se trata, de acadar unha vila capaz de conxugar a historia medieval coas comodidades do futuro; unha ampliación dos espazos verdes e a conservación dos existentes, dos que Pontedeume pode sobradamente presumir e vivir; unha maior atención aos núcleos rurais que máis parece que soportan cen anos de retraso que unha necesaria ubicación na sociedade actual; un saneamento do litoral que permita explotar as súas riquezas mariñas e o seu disfrute como paisaxe.

En suma, un hábitat que amais de procurarnos máis beneficios, tanto no humano como no económico, sexa sostíbel no futuro; que non hipoteque a herdanza que deixemos aos nosos fillos. Todo o contrario do que nos ofrece a cultura do cemento, unha cultura voluminosa pero baldeira de sustancia, unha obesidade enfermiza e letal.

Reconducir o actual crecemento, entender e aplicar a definición real de progreso e acadar unha forma de vida máis plena, rica e en sintonía coa natureza que nos rodea, a única que pode dotarnos desa mellor calidade que demandamos, ese é o propósito dos que nos opoñemos a esa moderna enfermidade chamada urbanismo e que pode converterse nunha nova modalidade de terrorismo.