19 de feb. de 2007

Solo industrial

Laméntase El País que en Galiza fai falla solo industrial, que poucas empresas deciden instalarse na nosa comunidade e que se lles poñen demasiadas trabas á hora de facelo. En fin, que nunca sairemos dese tantas veces nomeado atraso secular. A dificultade burocrática na concesión deste tipo de permisos xunto coa escaseza de terreos aptos para usos indiustriais, obriga a moitas empresas a esperar longos periodos de tempo, cando non a buscar noutros lugares o espazo para ubicar as súas instalacións.
Ao mesmo tempo publícase que Galiza foi no ano 2004 a cuarta comunidade máis pobre do estado español. Só nos superan en pobreza, Extremadura, Castela-A Mancha e Andalucía. Certamente os datos son alarmantes e merecerían un tratamento especial por parte da Xunta de Galiza na procura de solucións. Como primeiro paso foi creada a Fundación Galega da Sociedade do Coñecemento, que pretende actuar como unha institución adicada á caza de inversores extranxeiros. De momento hai esperando 5.000 millóns de euros para investimento de certas empresas que levan meses agardando se lles conceda permiso para asentarse.
Exposto así é como para reclamar unha rápida concesión de permisos por parte das autoridades. Porén a realidade merece un estudo máis cauto. Noutra sección do mesmo xornal, infórmase que deses 5 mil millóns, a metade corresponden a empresas do sector eólico que tentan plantar no territorio galego os xigantescos xeneradores que xa forman parte da nosa paisaxe.
Outra parte importante dese investimento corresponde ao sector da acuicultura, polémico sector nas últimas semanas polo interese en destruir enclaves protexidos do litoral.
E por se non abondase, Fenosa, Endesa e Reganosa agardan a poñer en funcionamento novas centrais térmicas de gas natural, cun investimento superior aos 600 millóns, aos que hai que engadir o proxecto de Ence para a instalación dunha planta de producción de papel en Galiza.
Poucas veces a comunicación é tan clara e desafiante como esta. Se Galiza quere superar o atraso económico ao que parece estar condenada, debe permitir convertirse no estercoleiro de Europa. Mais en Europa os países que mellor nivel de vida posúen non se caracterizan precisamente por ser estercoleiros.