22/11/2007

Beneficios privados con investimentos públicos


O mosteiro de Monfero foi "cedido" á Xunta de Galiza polo Arcebispado de Santiago. Experiencias hai abondo sobre como son as cesións que a Igrexa fai ao Estado. Sen renunciar á titularidade da propiedade, búscase un xeito de finanzamento para sufragar os gastos dunha posíbel rehabilitación do patrimonio eclesiástico.
Neste caso a Xunta vai adicar uns orzamentos millonarios para rehabilitar este edificio. “Isto vai permitir poñer en valor o monumento como activo turístico”, resaltou o xefe do Goberno galego, quen indicou que a Xunta está a investir 1,6 millóns de euros na rehabilitación do edificio para, posteriormente, “mediante o concurso correspondente instalar nel un hotel de catro estrelas e un centro lúdico termal”. O acordo de hoxe permitirá, xa que logo, da posta en marcha en Ferrol “dunha iniciativa de calidade e de excelencia turística”.
Un agasallo xeneroso para unha empresa que, de seguro, se vai lucrar coa inestimábel axuda do goberno galego. En realidade, o agradecemento debería dárselle aos cidadáns galegos que cos seus impostos, utilizados fraudulentamente, permitirán sufragar os inxentes gastos dunha iniciativa empresarial.
Unha mágoa que os políticos erradiquen os fins sociais do seu labor como administradores da res pública

18/11/2007

Zona azul para un uso racional do automóbil

Nun escrito anterior decantábamonos aquí coa implantación da zona azul para resolver algúns dos problemas de tráfico na vila. Unha idea elemental que se aplica en todas as cidades, mais non debería selo para os rexedores de Pontedeume que nunca pensaron nela. Agora parece que si se tomou en consideración esa posibilidade e o Concello anuncia que se vai impoñer a zona azul na Praza do Conde, unha das que máis tráfico soporta. Será un aliciente para fomentar a mobilidade e permitir un mellor acceso aos que visitan a nosa vila. Supoñemos que esta medida xunto coa efectiva peatonalización do casco histórico disuarirá a algúns veciños de usar o coche alegremente e trasladarse a pé polas rúas da vila. Un paseo que procura boa saúde, reduce a contaminación, e permite contemplar e valorar o patrimonio de Pontedeume. Queda por saber se a cidadanía respectará estas normas. Anteriormente, a petaonalización consistíu na colocación de sinais que nunca foron de todo acatadas, en parte pola actitude permisiva da Policía Local, en parte pola falta de conciencia entre os automobilistas. Quizais sexa preciso complementar as medidas anteriores cunha firme decisión de facelas reais. E para iso pode pensarse en establecer a zona azul con pago de taxas e coa colocación inmediata dos pivotes que impidan o acceso ao casco histórico.

14/11/2007

Máis vivendas ou máis servizos?


Vivendas familiares Principais Secundarias Baleiras

4.234 2.730 730 621
Estas cifras corresponden ao ano 2001, último balance feito polo Instituto Galego de Estatística e refírense ao concello de Pontedeume. Como se pode apreciar a terceira parte das vivendas do noso concello son secundarias ou están baleiras. Había polo tanto un superávit de vivendas en Pontedeume no ano 2001. As cifras actuais teñen que ser máis escandalosas polo aumento considerable da construción de complexos residenciais.
Reparemos agora noutras cifras, as que nos indican o número de vivendas que non dispoñen de servizo de depuración de augas:


Con servizoSen servizo
Vivendas ano 2000
2.775 710

Os actuais servizos non son suficientes para atender á poboación existente, porén algúns empéñanse en reservar máis terreo á construción de vivendas, engrosando así o parque de pisos de segunda residencia. Unha situación dende o punto de vista ambiental insostíbel. Que o proxectado plan de urbanismo pretenda urbanizar amplas extensións de chan que hoxe son rurais, non só nos condena a sufrir as deficiencias de servizos tan básicos como a depuración de augas, senón que esquilma unha das fontes de riqueza - económica, patrimonial e cultural - como é o medio rural