27/03/2009

Minten ou son estúpidos?


Segundo fontes oficiais de Portos de Galiza, recollidas pola Voz de Galicia, "nin siquera o ente autonómico coñece aínda como quedará finalmente un proxecto oficialmente todavía en modificación. As obras iniciaranse sen coñecer o resultado final".
Ou sexa que o técnico responsábel das obras vai comezalas sen os planos do proxecto. Que pode esperarse do resultado? Unha circunvalación? Un porto deportivo? Unha rotonda? Alguén pode crer que se improvise unha remodelación como a citada?

As mesmas fontes indican que "o Concello non ten aínda o proxecto".
Moita fe debe ter o noso Concello para respaldar unhas obras sen coñecelas. Será a mesma confianza que lle levou a aprobar licenzas ilegais avaladas polo técnico municipal? Respalda da mesma forma, é dicir, sen coñecelas, as recalificacións de terreos rústicos?

Para máis confusión o presidente do ente público Portos de Galiza afirmou que "Patrimonio autorizou a obra de remodelación no peirao de Pontedeume".
Como se pode pedir permiso para unhas obras aínda sen definir? Hai que pensar que tamén Patrimonio autoriza proxectos en branco? Estamos nun mundo improvisado?




25/03/2009

Privatiza que algo queda

Seguindo as pautas do goberno anterior, o alcalde de Pontedeume retoma a privatización do servizo do lixo, unha aposta do antigo rexedor,Belarmino Freire (La Opinión). Como esta é unha palabra, privatización, difícil de asumir polos cidadáns conscientes de que entraña unha perda da calidade do servizo,utilízase un eufemismo máis moderno e libre de prexuizos: externalización. Mañá o pleno debatirá a aprobación da forma de xestión indirecta (outro eufemismo de privatización) a pesares de que un informe encargado polo Concello sobre a viabilidade do proxecto non estará finalizado ata a vindeira semana. Aínda así as súas señorías van discutir sobre a conveniencia ou non da privatización.

O Partido Popular tenta convencer da imposibilidade de manter un servizo demasiado gravoso para as arcas do Concello pero non explica como unha empresa privada pode prestar ese mesmo servizo sen aumentar as taxas de recollida do lixo. Todos sabemos que as empresas prefiren ser rentables antes que eficientes. E que a privatización só pode traer máis ineficacia e máis gastos para os contribuintes.

Non é esaxerado presumir que o deterioramento do servizo de recollida do lixo que se deu nos últimos anos foi provocado para xustificar unha privatización que xa o anterior goberno barallou hai dous anos. Daquela o alcalde de Pontedeume laíabase que a modernización do servizo custaría a cantidade de 600.00 euros en dez anos. Hai que ter en conta que as taxas ingresadas polo Concello no mesmo período sumarían a cifra de 2 millóns de euros.

Pero se desconfiamos da mellora do servizo prestado por unha compañía privada, tamén alertamos da posibilidade de que os postos de traballo dos empregados municipais estean en perigo. Agardemos que o sentido común se impoña entre os concelleiros de Pontedeume durante o próximo pleno municipal.

20/03/2009

Insisten en facer un aparcadoiro nun instituto


A procura dunha solución para o aparcadoiro dos coches conduce a alternativas insólitas. A idea, xa vella, consiste en abrir o patio do instituto Fragas do Eume para que os automóbiles poidan aparcar en días non lectivos. Curiosamente é unha proposta na que coinciden todos os grupos do concello, dende o BNG ata o PP. Parece que este problema obnubila o sentido común dos nosos políticos. Se antes foi a Alameda de Raxoi a que se ocupou para aparcar os automóbiles, agora tócalle o turno a un espazo no que os alumnos do instituto practican deporte. Pero deporte non parece ser a actividade favorita deses condutores capaces de desprazarse dun extremo a outro da vila nos seus potentes coches.
Os profesores saben da necesidade de inculcar o exercicio nos rapaces como forma de acadar unha vida máis sa. Terán difícil facerlles entender que ese patio no que xogan ao fútbol está destrozado porque os maiores deixan alí os coches que contaminan o aire e arrasan co cesped do campo. Sen contar con outros posibles achados que se poidan atopar cando os luns volvan correr polo campo. Lamentábel que algún concelleiro que avoga polo aparcadoiro compaxine esta actividade coa de profesor. Como lamentábel que novamente sexa o automóbil unha prioridade fronte á conservación dos espazos verdes.
Unha opinión moi estendida na nosa sociedade: os pais consideran os centros de ensino meros aparcadoiros para os seus fillos. Agora tamén o son para os seus coches

12/03/2009

Todo un negocio

Einsa quere recalificar 124.000 metros cadrados de terreo rústico e convertilos en industrial. Esa cualificación do chan permitiríalle a esta empresa crear un parque industrial ou comercial cuxas parcelas, postas á venda, lle reportarían uns suculentos beneficios. Se o metro cadrado do polígono industrial de Vidrieiro pagouse a 600 euros, e supoñendo un custo semellante para os terreos de Andrade, os propietarios de Einsa obterían uns ingresos de máis de 74 millóns de euros (12.000 millóns de pesetas para os que aínda pensamos nestas unidades).

04/03/2009

Preguntas

Se algo caracteriza ao actual goberno "popular" de Pontedeume é a súa falta de claridade á hora de explicar as iniciativas que toma, iniciativas que prexudican á meirande parte dos cidadáns eumeses.
Un exemplo desta actitude témola no secuestro do Plan Xeral de Ordenación Municipal, un documento que leva dous anos aparcado nas oficinas de Consultora Galega e agora nas dependencias do Concello.
E isto lévanos a plantexar unha serie de preguntas
  1. Como se entende que o goberno local do PP formado por catro persoas dun total de trece concelleiros sexa capaz de dirixir o Concello ao seu libre albedrío?
  2. É democrático que 4 concelleiros impoñan aos demais o seu programa político?
  3. Por que os concelleiros da oposición non son capaces de poñer coto ás pretensións do goberno local?
  4. Debemos entender que a oposición está de acordo coas posicións defendidas polo PP?
  5. Que pensan os concelleiros do PSOE, BNG, COE e independentes sobre a especulación urbanística?
  6. Temos que resignarnos a esperar por un PXOM que cemente Pontedeume de norte a sur e de leste a oeste?
  7. Non sería democrático que a través dunha moción de censura o goberno pase a mans dunha maioría que sintonice cos intereses do pobo de Pontedeume?
  8. Debemos entender que se isto non sucede é porque a oposición amosa certa complacencia co partido popular?
  9. Son estas actitudes as que levan á cidadanía a alonxarse dos partidos políticos e dos seus programas electorais?
  10. É ilusorio esperar dos políticos locais un cambio que erradique a ineptitude do pasado?

01/03/2009

Novas razóns que desaconsellan a planta de gas en Mugardos


Un terremoto de intensidade 2,6 na escala Richter foi detectado o pasado día 27 co epicentro na bocana da ría de Ferrol. O sismo foi percibido en Ferrol, Mugardos, Narón, Valdoviño, Cedeira, Arteixo, Oleiros e A Coruña. Non é a primeira vez, nen será a última, que un terremoto é detectado na comarca de Ferrol. Amais dos innumerabeis perigos que entraña a planta de gas nunha ría densamente poboada e que foron denunciados pola cidadanía en múltiples ocasións, hai que engadir agora a posibilidade dun desastre humanitario de incalculables consecuencias provocado por un sismo de grande intensidade.