21/10/2014

Hai interese(s)?


O Concello de Pontedeume solicitou con cargo aos Plans de Obras e Servizos (POS) da Deputación unha subvención para acometer obras de remodelación na Alameda de Raxoi, subvención que lle foi concedida. Estas obras, aprobadas por Patrimonio, deberían estar rematadas antes do 1 de novembro do 2014 e suporían erradicar os automóbiles do interior do parque.

Como se sabe as obras non deron comezo alegando o alcalde que a empresa adxudicataria estaba en concurso de acredores. O certo é que este proxecto comezou hai case dous anos e en todo este tempo non foron capaces de iniciar as obras. Onte o Concello solicitou unha prórroga á Deputación pola cal se lle permitirá acometer os traballos antes de xuño do 2015.

A verdade é que non se lles ve demasiado interese en levar a bo fin a remodelación da Alameda e non sería aventurado pensar que realmente prefiren darlle o uso que actualmente ten: aparcadoiro para automóbiles. Se en dous anos non se moveu a primeira pedra, como van realizar esas obras en 8 meses cando hai que sacalas a concurso público de novo? Foron moitas as ocasións nas que Pontedeume perdeu axudas públicas por desleixo da corporación. Agardemos que agora non pase o mesmo e en lugar de desidia exista unha presión corporativa para que a Alameda siga como aparcadoiro. 

16/10/2014

Que crise?


As percepcións poden ser só apreciacións carentes de fundamento ou poden coincidir coa realidade. Hai a percepción no noso país de que as clases máis adiñeiradas non só non sufriron a crise senón que se aproveitaron dela no seu propio beneficio. Pois ben, neste caso podemos afirmar (as matemáticas non enganan) que ademais trátase dunha realidade. 

O Informe de Riqueza Mundial que publica Credit Suisse non deixa lugar a dúbidas. No ano 2012, en plena crise económica, o número de millonarios en España creceu un 13% e ao ano seguinte o aumento aínda foi máis notábel: un 24%. Porén os sectores máis desfavorecidos da sociedade viron como cada vez se empobrecían máis, como se a riqueza fose un ben que nin se crea nin se destrúe, só cambia de mans. Segundo a OCDE e o FMI, España é o país industrializado no que máis aumentaron as diferencias entre ricos e pobres; é o país máis desigual de Europa despois de Letonia.

Moitos son os calificativos cos que se podería xulgar este enriquecemento ilícito por parte das élites económicas: indecencia, desvergoña, neglixencia, corrupción, envilecemento...que por repetidos non deben perder a súa trascendencia. A todos estes hai que engadir a falta de honestidade consigo mesmos que acompaña aos protagonistas do desfalco. Porque é difícil entender que estes rara avis da especie humana non sexan capaces de decatarse das consecuencias que os seus actos acarrean a millóns de persoas. Como se os obxectivos que se marcan non lles deixasen tempo ou lugar para para avaliar os medios. 

Seguramente levan ata as últimas consecuencias o principio de conservación da especie.