30 de maio de 2009

Noraboa, Ruth

Hai decisións que engrandecen a quen as toma. E a súa renuncia a formar parte do goberno local de Pontedeume hai que non só respectala senón louvala. Seguro que non foi doado chegar a esa determinación porque enfrontarse aos compañeiros require unha grande dose de coraxe. Acostumados a contemplar como os políticos deixan de lado o interese da comunidade para someterse aos ditados de intereses espúrios, resulta esperanzador ver alguén que defraudado polas decisións que se toman decide marchar en lugar de dobregarse.
Di esta concelleira dimisionaria non contar coa confianza do Alcalde pero seguro que conta coa de centos de eumeses que, fartos de corrupción, inoperancia, despotismo e insolencia, demandan máis honestidade e compromiso cos que forman parte desta ampla comunidade chamada Pontedeume. Noutro mundo, posíbel pero lonxano, non sería Ruth quen tivese que renunciar; terían que facelo aqueles que hoxe se quedan desexosos de seguir administrando o que non saben administrar. Houbo un momento no que demostrou esta concelleira estar ao outro lado da función. Sucedeu cando os afectados pola recualificación de Einsa manifestáronse diante do goberno local exixindo máis repecto polas súas propiedades. Nese intre, que a ennobrece como a poucos, baixou do despacho e púxose a carón dos que defendían a razón. Unha facultade esta mal vista polos que se decantan polo pragmatismo, favoritismo e parcialidade á hora de gobernar.
Noraboa, Ruth.

16 de maio de 2009

A grandes males, peores remedios

Esa parece ser a filosofía do goberno eumés. Ante as queixas dos veciños polo estado nauseabundo que presentan algúns colectores do lixo, o Concello decide retiralos e ubicalos noutros lugares. Optar pola limpeza dos mesmos e pola recollida diaria do lixo debe ser demasiado costoso para un executivo que non repara en "regalar" 5000 euros polo arranxo de dous bancos da Alameda.
Os veciños da rúa Iglesia e Pescadería véranse prexudicados (beneficiados, di o PP dando un xiro lingüístico) e terán que desprazarse uns poucos metros para depositar os residuos diarios. Pero seguirá sen ser diaria a visita do camión do lixo e moito menos a limpeza dos colectores.
E para rematar tal despropósito nada mellor que unha declaración de boas intencións. O concelleiro de servizos municipais afirma, nunha frase que parece recollida dalgunha páxina ecoloxista: “debemos de apostar por el reciclaje y participar en la clasificación diaria de nuestros residuos para contribuir a preservar el medio ambiente en las mejores condiciones posibles y permitir a las futuras generaciones disfrutar del maravilloso entorno que tenemos en nuestra comarca”.
Aos veciños se lles pide que clasifiquen e reciclen o lixo; o Concello seguirá apilando a merda para xustificar unha posíbel privatización.

2 de maio de 2009

Avoa resistente

O problema de algúns condutores é que pensan que o coche ten máis privilexios que as persoas. Algo que tamén lle ocorre a certos políticos máis preocupados por construír rotondas que rúas peonís. Menos mal que queda certo brote de resistencia nesta avoa, unha muller que se nega a ceder os seus dereitos ante un capullo presuntuoso.