31/01/2010

As neuronas perdidas (un artigo de Javier Guitián)

De todas as noticias publicadas nas últimas semanas, unha sorprendeume excesivamente.

Trátase do estraño comportamento de Druse vom Höllengrund, unha cadela de caza que, extraviada, buscou axuda na oficina de obxectos perdidos da localidade de Bredstedt, no norte de Alemaña.

O can sorprendeu aos empregados da citada oficina ao entrar na mesma, nada máis abrir as súas portas, e deitarse á calor nunha esquina. Segundo informou o rotativo Flensburger Tageblat t, a cadeliña esperou pacientemente ante a porta automática, xa que «o seu reducido tamaño non era suficiente para activar o mecanismo de apertura».

¡ Animaliño !


25/01/2010

Titular do día

Os promotores deben 300.000 millóns que "non poden pagar" Isto é o que publica a Asociación Hipotecaria Española integrada por bancos , caixas e diversas entidades financieiras. Como os bancos chegaron a confiar nestes señores é algo que só eles poden explicar. Quizais albiscaron un negocio fácil a través dos créditos concedidos aos compradores de vivendas. Para paliar esta situación os bancos xa apuntaron ao goberno: medidas do executivo para facer fronte ás perdas. É dicir, seremos os cidadáns os que unha vez máis teremos que sacar as castañas do lume aos empresarios e banqueiros.
Destruiron o hábitat, crebaron o sistema financieiro, expoliaron propiedades, provocaron a maior crise económica do país e condenaron ao paro a millóns de traballadores.
En Estados Unidos o financieiro Madoff foi condenado a 150 anos de cadea por ter defraudado 35 mil millós de euros aos inversores. En España premiamos este tipo de delincuencia cos nosos impostos.

16/01/2010

Goberne quen goberne, a lingua non se vende

Manifesto da rede GNSV contra o decreto que marxina aínda máis á lingua galega

Dende Galiza Non Se Vende queremos manifestar a nosa total oposición ao decreto do galego no ensino do PP, pois constitúe un atentado á lingua galega e, polo tanto, un atentado á cultura e á identidade de Galicia.

Non podemos admitir un decreto que pretende lexitimar o abandono da lingua polos poderes públicos e interromper a súa transmisión interxeracional. Non podemos consentir que se menoscabe o dereito dos galegofalantes a usar, conservar e transmitir a lingua propia como legado, e que se impida a normalización do seu uso polo resto da poboación. Non podemos tolerar que a miseria intelectual, a inconsciencia e a insensibilidade dos que se avergoñan de seren galegos sirvan como xustificación espuria dunha pretendida liberdade para destruir unha lingua que é o noso máis prezado patrimonio cultural e un valioso patrimonio da humanidade.

O decreto que nos ocupa, igual que outras disposicións legais, que non lexítimas, revela o absoluto descoñecemento da realidade do noso país, e o desprezo da nosa cultura, por parte de quen nos goberna.

A incesante presión socio-político-económica sobre a nosa terra ao longo da historia colocou a nosa lingua nunha posición de desvantaxe que pode provocar a súa desaparición, e que é preciso neutralizar con medidas de protección eficaces. Pero ningún dos gobernos que sufrimos tivo nunca unha intención clara de facer do galego a lingua vehicular do ensino, único camiño viable para a súa normalización. Non recoñecer este feito, e adoptar unha postura contraria, converte ao goberno da Xunta en promotor da desaparición da lingua galega.

Os membros dos máis de sesenta colectivos que formamos GNSV somos conscientes da nosa identidade. Sabemos que o noso medio natural é único e valioso, nin máis nin menos que calquera outro do planeta, pero é o noso, non porque o posuamos, senón porque a él pertencemos. Tamén sabemos que a lingua galega é tan só, pero nada menos que, unha das linguas do mundo; unha obra colectiva do noso pobo ao longo da historia; nin mellor ni peor que outras, pero é a nosa; o medio co que construimos o noso pensamento, e a máis valiosa aportación de Galicia ao patrimonio cultural da humanidade. Debemos estar lexítimamente orgullosos desta nosa herdanza, e non podemos consentir que sexa neciamente desprezada, nin irresponsablemente destruida.

Defendemos a Terra e, polo tanto, a biodiversidade. Polo mesmo, defendemos a diversidade cultural que permitiu ao ser humano adaptarse á biosfera e, polo tanto, defendemos a nosa cultura e a nosa lingua.

Terra, cultura e lingua van da man. Destruir a nosa terra é destruir a nosa cultura, ao facer desaparecer o seu soporte material. Destruir a nosa terra é destruir a nosa lingua, ao facer desaparecer os lugares que nomea, as actividades que describe, a memoria que ela guarda e lembra. Destruir a nosa lingua é deixar á nosa terra orfa de nomes, valeira de significado, carente de memoria cultural, desprotexida.

Temos a responsabilidade de defender o noso medio natural e, polo tanto, o noso patrimonio cultural identitario, e o noso idioma, e de preservalos para as xeracións vindeiras. Igual que non consentimos a destrución nin a privatización do noso territorio nin do noso mar, non imos consentir ningunha agresión máis á nosa lingua.

Dende GNSV, rede participativa, non xerárquica, apartidaria, aberta a toda a sociedade, consideramos que a defensa da riqueza linguística e da cultura do noso País fai necesario e inevitable o estricto incumprimento deste malfadado decreto do galego no ensino.

Por todo o devandito, mostramos o noso pleno apoio á manifestación en reinvindicación dun ensino en galego que, convocada por diversas organizacións, terá lugar o día 21 de Xaneiro, e partirá ás 12:00 h da Alameda de Compostela.

Goberne quen goberne,
A LINGUA NON SE VENDE!

Terra viva e vida digna para tod@s

13/01/2010

Embargadas propiedades de Fadesa en Miño


Ás nefastas consecuencias que trouxo a construción da megaurbanización de Fadesa en Miño hai que engadir agora o embargo que a tesourería da seguridade social de Sevilla decretou contra a inmobiliaria. Segundo publica o BOP desa cidade o recaudador executivo da entidade pública procede a embargar un total de 16 fincas ubicadas en Vilanova (Perbes) xunto con 9 vivendas da citada urbanización. A superficie embargada suma un total de máis de 12.ooo metros cadrados.
A destrución da paisaxe, a estafa aos propietarios dos terreos, as ilegalidades cometidas no proceso de expropiación, e agora o embargo das fincas e vivendas por impagos dos promotores, deberían ser motivo de reflexión sobre ese mal chamado progreso que algúns interesados esgrimen para xustificar o enriquecemento persoal a costa do expolio doutros.

03/01/2010

Desmontando tópicos

Existe entre os comerciantes de Pontedeume a crenza, case dogma de fe, de que os males do seu sector radican na falta dun aparcadoiro. Non se vende porque os clientes non se desplazan á nosa inefábel vila. Un tópico este que é preciso desterrar do discurso popular e que oculta os verdadeiros males do comercio eumés.
Vou narrar unha serie de feitos, a modo de exemplo, que explicarían as razóns da crise dos comerciantes. Non son ficticios e ocorreron un día determinado a unha persoa determinada.
Esta persoa desplazouse a unha tenda para facer unha compra. Eran as 10 da mañá. O local estaba pechado. Trasladouse pois a outro comercio do ramo para ver se tiña máis sorte. O que non se esperaba que estoutra tenda tamén estaba pechada .
Inasequible ao desalento volveu ás 11 horas para mercar unha prenda. Esta vez si estaba aberto o comercio pero cando a cliente, despois de examinar o produto lle fixo saber á vendedora que era unha talla grande, esta respondeu: eso lo dirás tú.
Como non cabía respostar a semellante mostra de impertinencia, a nosa cliente optou por ir á outra tenda. Xa case era o mediodía cando entrou a interesarse pola dichosa prenda. A dona do comercio pedíulle entón á nosa proptagonista que fixese o favor de volver máis tarde porque o seu fillo, encargado do negocio, aínda non chegara.
Uns días antes a nosa protagonista escoitou á súa parella outra historia semellante. Entrara o home nunha tenda de electrodomésticos co fin de mercar un pequeno televisor. Cando pedíu ao vendedor que lle acendese un dos aparatos para avaliar a calidade da imaxe, obtivo como resposta: en calquera bar de Pontedeume podes ver como funciona un Samsung

02/01/2010

Na dirección errada


O presidente da Xunta de Galiza informou da modificación da Lei do Solo, cuxo anteproxecto foi aprobado polo Consello da Xunta. Se algo queda claro na filosofía do presidente é que a introdución dos cambios na actual lei suporá a consolidación dun urbanismo depredador, unha aposta pola falta de transparencia e un desenvolvemento irracional dos núcleos rurais.

Búscase con esta nova lei dar máis atribucións aos concellos á hora de decidir a concesión de licenzas nos núcleos rurais, sabendo que foron os gobernos locais os que fomentaron os casos máis sonados de corrupción. A situación extrema que vivíu o noso país en materia de urbanismo levou a destacadas personalidades do mundo xudicial a pedir un maior control dos gobernos autonómicos para poñer coto ao desenfreo construtor dos concellos. Nada disto parece importarlle ao goberno do PP que se decanta polos alcaldes e consensúa coa Fegamp como sacrificar o rural galego ás dentelladas dos promotores.

O xeito de actuar dos responsables de urbanismo a nivel local caracterizouse por unha falta total de transparencia, algo que fixo posíble finalizar obras que logo se demostraron ilegais. A mala fe practicada por alcaldes asociados con construtores sen escrúpulos debería servir de lección para non volver cometer os mesmos erros. Porén Feijóo afirma demagoxicamente que esta lei supón un compromiso co urbanismo transparente.

Como demagóxico é dicir que os núcleos rurais sufrirán un desenvolvemento máis racional. A nova catalogación dos núcleos, con catro categorías distintas, só busca xustificar a concesión dun maior número de licenzas que, en lugar de cohesionar os núcleos tradicionais, fomentará a dispersión da poboación e consecuentemente un maior gasto en infraestruturas e a destrución da paisaxe.