31/10/2011

Pontedeume, unha excepción

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) é unha institución creada pola Xunta de Galiza que ten como obxectivo exercer competencias de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística en relación coas obras e usos do solo, que se executen sen licenza urbanística ou sen axustarse ás súas condicións. A APLU só controlará aqueles concellos que voluntariamente se adhiran a este ente. 
Os ingresos obtidos por multas coercitivas e sancións administrativas impostas en exercicio das competencias delegadas serán repartidos a partes iguais de modo que o 50 por cento pasará á Administración autonómica e o 50 por cento restante ao concello. 
Aínda que todo apunta  a indiscutibeis vantaxes para os concellos que colaboren coa APLU, algúns deben ter moitas reticencias para sumarse a este tipo de iniciativas. O de Pontedeume, como non, é un destes recelosos concellos. Mentres os nosos veciños de Cabanas, Miño, A Capela, Ares e Mugardos optaron xa por subscribir acordos coa APLU, Pontedeume négase a que a Xunta interveña no caótico urbanismo que asolaga o medio rural eumés. Demasiadas ilegalidades denunciabeis e demasiados infractores que conforman un poder na sombra sobre o goberno local. Tanto é o poder que exercen que son capaces de paralizar a tramitación do PXOM para salvagardar as súas vivendas construídas en solo rústico. Porque para estes maquiavelos da política local hai dous grandes inimigos aos que hai que bater: a APLU e o PXOM.

26/10/2011

PXOM e mentiras do goberno

O pasado 4 de agosto o goberno local de Pontedeume anunciaba que o Concello dispón "por fin" de todos os informes sectoriais, documentación que considera imprescindible para iniciar a revisión das 591 reclamacións que os veciños da vila presentaron ao documento urbanístico, aprobado de forma inicial a finais de 2009. 
Mais onte Gabriel Torrente contradicíase  ao asegurar que estamos á espera do informe do Plan de Ordenación do Litoral. E todo a conta dun proxecto para construír unha nova gardería. Asumindo que o plan xeral non vai estar listo durante o vindeiro ano, o goberno local solicitou á Xunta unha modificación das Normas Subsidiarias para poder construír a gardería. Agardemos que por coherencia o goberno galego desestime esta pretensión absurda e esixa a Torrente aprobar dunha vez por todas o plan xeral.
Co tema do PXOM os partidos políticos eumeses parecen cachondearse con alevosía da cidadanía de Pontedeume. Nove anos leva a empresa Consultora Galega tramitando o plan de urbanismo do noso concello sen que albisquemos unha saída a este despropósito municipal. Desleixo, incopetencia e corrupción son as claves para entender os problemas de Pontedeume. Iso si, o goberno local permanece indolente ante a indignación cidadá. Bástalle saber que os especuladores están a frotarse as mans.

07/10/2011

Máis cartos para Einsa

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, anunciou que a Xunta de Galicia concederá dous novos créditos á empresa de artes gráficas Einsa, instalada nas Pontes e en Andrade (Pontedeume), por valor de oito millóns (Europa Press)
Despois dos despedimentos de traballadores, da escasa carga de traballo que a empresa recoñece, das múltiples e millonarias subvencións conseguidas ao longo destes últimos anos sen que se traduciran en maior seguridade para os traballadores, dos intentos de recualificación duns terreos que xa non eran útiles para a actividade industrial, resulta que agora a Xunta de Galiza concederá dous novos créditos á empresa de artes gráficas Einsa, instalada nas Pontes e en Andrade (Pontedeume), por valor de oito millóns de euros, para favorecer os traballos de internacionalización e innovación dunha compañía que parece ter no erario público o mellor sistema de supervivencia. 
Unha vez máis o estado non escatima medios para socorrrer aos empresarios en apuros. E non se pode dicir que sexa para preservar os postos de traballo destas empresas. Aínda que teñamos que achantar con estas prácticas xa escandalosas, polo menos non esquezamos que os fondos públicos proveñen dos nosos impostos.

02/10/2011

Día Mundial da Arquitectura


O vindeiro luns 3 de outubro celébrase o Día Mundial da Arquitectura.  

A delegación do COAG en Ferrol conmemora esta celebración cun foro sobre o tema dos espazos públicos, que pretende contrastar as problemáticas máis comúns, como son a contradicción entre a mobilidade peonil e o predominio do vehículo automóvil, a dureza da intervención urbanizadora das administracións públicas fronte as necesidades reais dos cidadáns, ou o ataque a espazos públicos que forman parte do patrimonio herdado por parte de institucións que utilizan o interese público como coartada.


01/10/2011

A herdanza do ladrillo

O Estado correrá coas débedas de tres caixas, entre elas a nova caixa galega. Case 8 mil millóns de euros pagaremos os españois pola mala xestión - así a  califican algúns - ou, sendo máis precisos, malversación levada a cabo polos directivos das entidades. 
Unha directora xeral que cobraba 600.000 euros  ao ano cunha pensión vitalicia no intre de xubilarse de 370.000 euros; conselleiros que se lavaban créditos millonarios ao 0% de interese e un longo etcétera de delitos económicos que o Banco de España tilda de mala xestión.
E na orixe da historia está, como non, o ladrillo e a corrupción urbanística que devastou este país. O goberno español opta por sufragar os gastos da corrupción facéndonos pagar aos cidadáns os males dunha crise que puido ser evitada. Recortes económicos, en sanidade, ensino e axudas sociais son a contrapartida que propón a clase política para sacar da crise aos banqueiros.