O Estado correrá coas débedas de tres caixas, entre elas a nova caixa galega. Case 8 mil millóns de euros pagaremos os españois pola mala xestión - así a califican algúns - ou, sendo máis precisos, malversación levada a cabo polos directivos das entidades.
Unha directora xeral que cobraba 600.000 euros ao ano cunha pensión vitalicia no intre de xubilarse de 370.000 euros; conselleiros que se lavaban créditos millonarios ao 0% de interese e un longo etcétera de delitos económicos que o Banco de España tilda de mala xestión.
E na orixe da historia está, como non, o ladrillo e a corrupción urbanística que devastou este país. O goberno español opta por sufragar os gastos da corrupción facéndonos pagar aos cidadáns os males dunha crise que puido ser evitada. Recortes económicos, en sanidade, ensino e axudas sociais son a contrapartida que propón a clase política para sacar da crise aos banqueiros.