29 de dec. de 2009

Cando falla a administración, os xuíces toman as decisións

Ata agora os casos de licenzas urbanísticas ilegais denunciados ante a administración non pasaban de ser simples faltas que se saldaban con leves sancións. Agás cando as denuncias terminaban nos xulgados, a administración local ou autonómica limitábase a decretar a paralización das obras e a reposición da legalidade, mandatos estes que os promotores nunca acataban.
Esta inoperancia das autoridades civís parece ser a gota que acabou coa paciencia dos xuíces. O Tribunal Supremo ractifica a pena de catro anos de cadea para o ex-alcalde de Andratx por construirse un chalé ilegal. Algúns pensarán que se trata dunha sanción esaxerada para unha falta que debería ser resolta pola vía civil, é dicir, administrativa. Pero o alto tribunal entende na sentenza que hai que poñer freo á destrución da paisaxe que algúns practican aproveitándose da desidia dos concellos e gobernos autonómicos. O TS di que "a desastrosa situación á que, a pesar da normativa legal e administrativa, se chegou en España respecto da ordenación do territorio, incluída a destrución paisaxística, xustifica que, ante a inoperancia da disciplina administrativa, acúdase ao dereito Penal".
Pode ser este un punto de inflexión nas resolucións das ilegalidades urbanísticas?
Gustarianos que así fose porque é a cidadanía a que soporta as nefastas consecuencoias de actos como este. O mesmo TS noutro parágrafo da sentenza sinala: "Non cabe ignorar que a comunidade de cidadáns é vítima dos despropósitos urbanísticos e que a administración urbanística tamén experimenta as consecuencias das infraccións en materia de ordenación do territorio"

Ver aquí a sentenza íntegra do T.S.

23 de dec. de 2009

Liberdade para os activistas de Greenpeace


Animámosche a unirte a algunha das concentracións que convocamos en 12 cidades españolas para pedir a liberdade do Director de Greenpeace España, Juan López de Uralde, e dos outros tres activistas da organización: Nora Christiansen, Christian Schmutz e Joris Thijssen.

Os catro continúan en prisión preventiva, en réxime de illamento e sen xuízo, desde o pasado xoves, cando despregaron dúas pancartas co lema Os políticos falan, os líderes actúan na recepción oficial da Raíña de Dinamarca aos Xefes de Estado durante o Cume do Clima en Copenhague.

CANDO: mércores, 23 de decembro, ás 17:00.
ONDE: A Coruña.
Consulado Real de Dinamarca
Linares Rivas 18, 2 Dchv

Lermbremos que foron detidos por presentarse diante dos convidados da Raíña de Dinamarca cunha pancarta (supoñemos que xa tendes información ao respecto); a demencial situación actual destas catro persoas é prisión preventiva en réxime de illamento e sen xuízo previsto ata o día 7 de Xaneiro!

19 de dec. de 2009

Okupas contra Lagares



Un vello chalet na estrada da estación, propiedade de Lagares Inmobiliaria, está a ser okupado por un grupo de amigos con ánimo de programar actividades alternativas, á vez que denunciar os pelotazos urbanísticos na nosa vila.
Esta é a nova que publican e na que dan conta dunha festa que se celebrará hoxe sábado no local citado.
O proxecto nace da ilusion dun grupo de amig*s da vila, coa vontade de crear un espazo onde teña cabida todo tipo de cultura alternativa: música, teatro, exposicións, maxia, talleres, palestras...).
www.kaosenlared.net/noticia/pontedeume-xornada-inaugural-do-cso-casa-da-estacion
Totalmente sen ánimo de lucro e ó marxe de toda subvención, institucións e demais organismos Incompetentes. A finais de maio do 2009, comezan a rehabilitación dun lugar, atacado polos pelotazos inmobiliarios, e abandonado en medio de silvas e maleza. Dende eiquí, so nos queda dicir que estamos abertos para toda asociación cultural, artistas, bandas de música, e para toda persoa que queira participar no proxecto de crear un Centro social.... un lugar distinto ó establecido. Unha aperta!
PROGRAMACION DO DIA. SABADO 19 DECEMBRO:

- 18:00 PRESENTACIÓN DO CSO. ACTIVIDADES FUTURAS E PERSPECTIVAS

- XANTAR POPULAR E MÚSICA

- 20:30 (punktuais) ACTUACIóN DE BANDAS DA VILA (Arenga,ThC,Podrismo,Sociedad anti-persona....e invitados sorpresa)

....TOTALMENTE DE BALDE, ACUDE!!!!

http://galizalibertaria.org/node/295

30 de nov. de 2009

Solo de protección paisaxística

Pontedeume dispón, afortunadamente, dunha gran extensión de zonas que merecen ser cualificadas como de protección paisaxística. Isto que pode interpretarse como un patrimonio de incalculábel valor tamén resulta un preciado botín para os predadores da paisaxe que procuran enriquecerse a costa de urbanizacións con vistas á natureza. O PXOM, que estes días centra os comentarios dos eumeses, distínguese por ignorar este tipo de solo tan frecuente no noso concello e, de aprobarse definitivamente, deixaría mans libres aos promotores para levantar un muro de cemento fronte ao litoral da ría de Pontedeume.
Mais hoxe mesmo os xornais publican unha sentenza modélica e única no noso país. O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de resolver que 21 licenzas outorgadas n'A Guarda son declaradas ilegais por consentir outras tantas construcións en solo de protección paisaxística. Esta sentenza obriga a demoler as vivendas que foron construídas nun chan que o PXOM consideraba ilegalmente como zona urbana. A cuestión que se debate agora n'A Guarda é quen é responsábel das indemnizacións: o Concello ou a Xunta por aprobar o PXOM

20 de nov. de 2009

A incoherencia previsíbel (II)

Si serán mesquiños estes veciños que tampouco chegarán a comprender a necesaria entente entre clase política e clase empresarial. Nun sistema como o noso, onde todo ten un prezo e case sempre moi alto, non se pode pretender que os políticos exerzan a sáu actividade sen ningún tipo de remuneración. Os partidos necesitan grandes cantidades de diñeiro para espallar a súa boa nova ás masas descreídas e rencorosas.

Un rencor o do populacho que moitas veces lles leva a malinterpretar certos actos carentes de significado. Os veciños de Andrade, coa inquina que lles caracteriza, están a vilipendiar aos políticos locais e nacionais. Din estes malos veciños que hai uns días os concelleiros do partido popular da comarca do Eume estiveron festexando non se sabe que con altos cargos da Xunta; que cearon nun recoñecido restaurante nos arredores de Andrade; e que os altos cargos (alguén di que había conselleiros) pernoctaron no pazo rural que Einsa ten na mesma localidade.

Estes mesmos veciños outrora afirmaban que o devandito pazo nunca se utilizou como casa rural pola que a familia Martínez recibíu unha subvención millonaria dos fondos públicos europeos. Estes veciños incorren agora nunha contradiccion ao afirmar que o pazo si foi cubil de reputados políticos.

*Para evitar malinterpretacións. Reputado: recoñecido publicamente por ser moi bo nunha profesión

19 de nov. de 2009

A incoherencia previsíbel

Se no anterior comentario demandábase maior coherencia aos representantes dos partidos políticos no Concello, hoxe, unha vez aprobado polo pleno o PXOM, só cabe recoñecer o ilusorio da demanda. Os concelleiros amosáronse como o que sempre foron e polo tanto o resultado foi o previsíbel. Ante as "necesidades" dos poderosos, os "vicios" dos veciños non deben ser atendidos. Einsa necesita un feudo para crecer. Torre Iglesias ansía aumentar o seu "patrimonio". A Lagares apetécelle dar rango de lei ás ilegalidades de Caldagueiro...
Pola contra, que buscan os veciños anónimos? Os de Andrade só queren enriquecerse a costa da familia Martínez. Outros procuran unha vivenda cun horto desoendo as recomendacións de apertarse o cinto en época de crise. Os máis, gozar da inprodutiva tarefa de soñar coa paisaxe.
Menos mal que están os políticos para abortar os insanos propósitos das maiorías descualificadas fronte aos saudables negocios da minoría reputada. Porque os mesquiños veciños nunca entenderán que a clase política é a posuidora da razón, do sentido común e administradora da xustiza. En previsión de que os díscolos veciños quisexen cuestionar estas sabias prebendas dos políticos, estes acompañáronse de policías e garda civil para asegurarse que as decisións tomadas eran, se cabe, máis que razonables.

17 de nov. de 2009

Eloxio da coherencia


A última vez que o pleno municipal de Pontedeume tentou sacar adiante o plan de recualificación de Einsa os grupos políticos acordaron pospoñelo dada o enorme rexeitamento social existente. Unha proposta dos socialistas deixaba sine día a aprobación mentres non se chegase a un acordo entre as partes, é dicir, a empresa e os veciños afectados. Parecía esta unha solución razonábel a tanto despropósito.
Ese acordo nunca se materializou e non porque os veciños se negasen a dialogar. Einsa nunca volveu entablar ningún tipo de contacto cos propietarios dos terreos sobre os que pesa a pantasma da expropiación.
O próximo xoves pode que aquela decisión razonábel e sensata dos partidos políticos sexa papel mollado. De aprobarse o PXOM por parte do pleno municipal, a recualificación proposta polos donos de Einsa sería un feito. Os mesmos que outrora negáronse a aprobar agora o fan amparados na salvagarda dun proxecto de máis envergadura: o PXOM
Pontedeume precisa máis que nunca de representantes coherentes.

15 de nov. de 2009


Francisco Caamaño, ministro de xustiza, socialista, galeguista e oriundo da Costa da Morte, explica nunha entrevista o que significa para el a paisaxe, a cultura e a fala de Galiza.
Cando vexo un novo paseo marítimo bótome a tremer" pensando en "os cangrexos e as rocas que sepultou o formigón.

Si,considérome galeguista se por iso enténdese ter un apego especial á cultura, a lingua e o modo de ser especial dos galegos. Contamos co enorme orgullo de herdar un patrimonio cultural e lingüístico que sobreviviu a épocas durísimas, un patrimonio antropolóxico e unha relación coa contorna e a paisaxe.

Non temos patróns claros de crecemento social, de como asentarnos no territorio, de se imos ir a áreas metropolitanas... Aquí non hai unha gran cidade e isto xera unhas dinámicas sobre as que deberiamos reflexionar. Se podemos seguir sostendo tres aeroportos, unha chea de liñas de AVE, seguir facendo autoestradas e vías anchas de comunicación cando logo imos a Irlanda ou a Gran Bretaña e dicimos "que preciosa é a campiña", porque alí hai estradas estreitas pero ben coidadas. Que modelo de sustentabilidade de país queremos? Deixámonos levar polos impulsos de modernidade e intentamos facer unha cidade financeira no medio dun espazo que ten 20.000 habitantes e iso non é razoable. Os pobos teñen que intentar ser pobos, e as aldeas, aldeas, e iso non ten nada que ver co mantemento da calidade de vida. É máis, enriqueceríanos. Tamén teriamos que potenciar a innovación no mundo cultural e plasmar en España sen ningún tipo de medo, a nosa forma de ser e entender o mundo.

Quería manifestar (ao respecto do galego) a preocupación que sentimos moitos cidadáns de Galiza porque algo que é patrimonio noso, e de todos os españois, por non dicir universal, vaise perdendo desgraciadamente día a día, porque as linguas que non son maioritarias tenden a perderse na sociedade global e necesitan ser axudadas. Queremos vivir con esa lingua porque foi como viviron os meus avós e os meus pais e quero que esa herdanza lévena tamén as miñas fillas, e que haxa espazo suficiente para esa lingua. E aí estiven con 50.000 galegos máis de todas as idades e ideoloxías, que o único que queriamos dicir é que o galego é unha lingua digna, que nos dignifica como cidadáns. E, xa que logo, debemos coidalo.

10 de nov. de 2009

Como acceder ao PXOM

Creo que te tes que dar de alta no lobby correspondente, previo cortello dalgún dos seus membros (membros persoais, non os outros “membros”). Logo diso vas ascendendo en categoría. A partir de “Promotor SL con contactos” xa tes dereito a ver o plan. Se pasas a “Promotor SA con contactos” tes dereito a modificar o plan. Para cambiar de categoría podes pagar unha cantidade a convir. Se o fas en efectivo e sen factura tes dereito a dous cambios de categoría consecutivos. Se non tes impedimento, é mesmo posíbel avisar do pagamento na prensa, como fixo EINSA. Nese caso, o PXOM levará un apartado propio adicado aos intereses propios da túa persoa.

Ademáis, o paquete vén acompañado dunha serie de eufemismos e terxiversacións automáticas do proceso para que partidos a dereita e a esquerdas non lles pareza mal o soborno. De feito, a min no mo parece xa. Como o PXOM o fai unha empresa e non unha institución pública, ao lle pagar a unha empresa xa non é aplicábel o delito de soborno contra funcionario público ou cargo electo, porque só se trata de intercambios comerciais.

E este é o marabilloso mundo das relacións empresa-político que tan acostumados estamos a ver que non nos parece mal. Nin sequera nos parece. E a achantar despois cos comunistas da UPG con representación municipal que lles parece ben.

(Anónimo)

20 de out. de 2009

Así é Pontedeume


Unha escueta noticia pode dicir moito dunha realidade. O novo colexio Couceiro Freixomil, inaugurado este ano, foi pechado hoxe por mor da inundación de augas fecais. Os alumnos de infantil tiveron que voltar ás súas casas porque as augas residuais saían polos váteres, duchas, e desaugadoiros, anegando os corredores e varias aulas.
O pasado día 7 xa aconteceu o mesmo. A falta de previsión por parte dos técnicos que deseñaron o edificio parece ser a nota dominante deste moderno colexio. Os patios non poden ser utilizados porque o arquitecto da obra non tivo en conta que os pequenos alumnos poderían despeñarse dende varios metros de altura.
Así é porque así o queremos.
(Foto:ANPA Couceiro Freixomil)

15 de out. de 2009

Pódense legalizar as construcións de Nogueirosa?


Recentemente fíxose público dende o Concello de Pontedeume que a aprobación do plan xeral resolvería os problemas de certas vivendas ilegais : de resultar aprobado o documento urbanístico, pode dar lugar á legalización dos chalés de Nogueirosa sobre os que a día de hoxe existe un auto xudicial para a súa demolición. Neste caso, tamén se atoparían as casas de Boebre que están sendo investigadas por Urbanismo da Xunta.

Hai que lembrar que as sentenzas de derrubamento son firmes e sobre elas non cabe xa ningún tipo de recurso. A pesares diso o Concello, para evitar un gasto millonario e un dano aos propietarios, optou por introducir no PXOM as modificacións do chan pertinentes para poder legalizar as vivendas afectadas. Este tipo de estrataxema non é nova e moitos concellos anteriormente quixeron poñela en práctica.

Pero esta mesma semana o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza freou un intento de legalizar 1500 vivendas en Vigo. Dende hai máis de 10 anos a xustiza exixe a demolición destas vivendas cuxas licenzas foron anuladas. Tal e como recollen os medios ao longo deste tempo os sucesivos gobernos locais trataron de dilatar o momento de tomar decisións con constantes recursos, á vez que con traballo elaboraban un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal. Este documento entrou en vigor en agosto do ano pasado e entón púxose en marcha o proceso para legalizalos conforme á nova normativa.

O Concello de Vigo concedeu entón outras licenzas amparadas na nova normativa crendo que así sería posíbel sortear as sentenzas de derrubamento. Mais o TSXG amosouse contundente e apremia ao concello vigués a demoler os tres primeiros edificios e rexeita os recursos presentados polo consistorio.

Debería servir de aviso para navegantes antes de depositar falsas expectativas que logo non se cumprirán. A simple posibilidade de que este tipo de actuacións tivese éxito sería unha burla que a xustiza non vai consentir, á vez que unha invitación a cometer todo tipo de abusos urbanísticos coa certeza de que logo serían "legalizados" polo alcalde de turno.


27 de ago. de 2009

A Lei de Costas e o señor marqués


Se alguén tiña dúbidas de que as leis non son iguais para todos xa pode disipalas. A prohibición de construír a menos de 200 metros da costa (actualmente a menos de 500 m) non parece afectar ás propiedades do marqués de Suances cuxas fincas en Cabanas aparecen cada vez máis urbanizadas a medida que pasan os meses.
Dunha semana a outra a paisaxe cambia drasticamente. Se Deus fixo o mundo en sete días, a prolífica familia do marqués non lle vai á zaga. Como se pode contemplar nas dúas fotografías tomadas nun breve espazo de tempo, unha nova casa aparece onde antes só había un campo verde. O certo é que toda a finca está chea de construcións recentes que vulneran a lei de costas.
Van ter razón os afectados polas recentes decisións xudiciais que lles obrigan a demoler as súas casas. Consideran que é unha inxustiza por canto son milleiros as construcións ilegais que se espallan polo territorio galego. Peor vailles sentar saber que os "señoritos" están exentos de cumprir as leis.


21 de ago. de 2009

Cifras e Letras (III)



Coñecido xa o presentador e a acción, pasamos a testemuñar coas imaxes.
Onde antes había un camiño típico do medio rural, con vexetación frondosa, a este señor déuselle por levantar un horrible muro. Ademais canalizou as augas do seu terreo para que vertesen sobre o camiño público polo que transitan os veciños de Ventosa.
Perseverando máis no mal gusto que caracteriza a este importante personaxe da Televisión Galega, mandou construír un "fin de semana" tipo hórreo asturiano.
Outras preguntas que completarían o concurso: Canto pagou? Está ao corriente o Concello desta infracción? Existe distinto raseiro para os famosos? Resolvería o PXOM estes desmáns?










19 de ago. de 2009

Cifras e Letras (II)

Xa sabemos o nome do presentador: Paco Lodeiro. Agora toca saber o que está facendo en Centroña. A resposta terala se xuntas adecuadamente as letras:
G-E-L-L-I-I-D-A-A-D-E

11 de ago. de 2009

Cifras e Letras (I)

Propóño un xogo moi sinxelo dende esta páxina. Terá continuación segundo se adiviñe a primeira pregunta.
Coas letras
O, L, E, O, P, A, D, O, I, R, C
escribir o nome e apelido dun famoso presentador da TVG
Escribe a túa resposta nos comentarios deste blog.

5 de xul. de 2009

A rehabilitación como garante do progreso


As cidades con cascos históricos non deberían deixar pasar a oportunidade de rehabilitalos. Redundaría nun maior beneficio económico para as vilas e o sector servizos. Sábeno ben aquelas que tiveron a valentía de acometer os procesos de rehabilitación cando ninguén apostaba polos edificios vellos e medio derruídos. En pleno auxe urbanístico algúns alcaldes souberon sobrepoñerse ás modas das urbanizacións. Santiago de Compostela foi unha desas cidades que hoxe goza do recoñecemento mundial por mor da súa política en defensa do seu casco histórico. Un casco que hoxe é Patrimonio da Humanidade e reporta mellores dividendos aos comerciantes de Compostela. O seu alcalde recoñece o acertado das melloras dos últimos anos: "Santiago de Compostela era unha cidade en vías de extinción. Construídas no medievo, as edificacións do centro histórico da cidade íanse deteriorando co paso dos anos e os residentes mudábanse. En dez anos, Santiago de Compostela recuperou 2.000 edificacións, o centro histórico recobrou vida e miles de turistas visítana cada ano".

22 de xuño de 2009

Concello e Consellaría métenlles un gol aos partidos da oposición

O silencio que ata agora imperou nos partidos da oposición eumesa rompeuno o PSdG ao criticar a forma na que o Concello de Pontedeume e a Consellaría de Educación decidiron que o campo de deportes do IES Fraga do Eume pasaría a ser un aparcadoiro. Segundo este partido o pleno de Pontedeume acordou entablar negociacións cos órganos de dirección do instituto para chegar a un acordo do uso dos terreos. Non foi así e o Concello conseguíu da Consellaría impoñer o aparcadoiro sen consultar ao Consello Escolar e á Dirección do centro.
Precisamente o responsábel da Consellaría afirmara días antes que estaba disposto a respectar a decisión do Consello Escolar e a entablar negociacións co mesmo. Falsas promesas que deixaron en entredito aos partidos que apoiaron por unanimidade solicitar o uso do campo á dirección do centro.
É gratificante saber que polo menos un deses partidos comprendeu o dislate que supón decidir sobre algo que afecta directamente á comunidade educativa sen ter en conta a súa opinión. Recoñecer que se pisotean os dereitos e a autonomía dun centro educativo é un paso adiante que debe ser dado polo resto dos partidos. Os cidadáns eumeses deben saber que o Partido Popular actúa en solitario á marxe da veciñanza. Que un goberno minoritario tome decisións que atentan contra sectores que merecen o máximo respecto como son os estudantes e a xuventude en xeral, é outra das contradictorias situacións que se están a dar en Pontedeume.

21 de xuño de 2009

A propósito da recualificación en aparcadoiro dun campo de deportes


Recollemos unha escolma dos comentarios que algúns lectores depositan nas páxinas web sobre a reconversión dun campo de deportes nun aparcadoiro para coches. Unha forma de adaptarse aos tempos nos que se valora máis o uso dos automóbiles que a práctica deportiva.

  • “Pequeña solución” lle chama o delegado de educación á conversión dun campo de deportes nun aparcadoiro para aliviar os problemas de aparcamento na vila. Os pequenos políticos, homes de grandes ambicións, soen aplicar pequenas e mediocres solucións aos problemas dos cidadáns
  • É unha mágoa que vaiamos 20 por detrás de Europa. Viva a condensación de tráfico e abaixo os espacios verdes e os deportes. Pontedeume is different.
  • “La APA no representa a los vecinos», rebatió ayer el alcalde de Pontedeume, Gabriel Torrente, que asegura que defenderá «con uñas y dientes» la cesión del campo «porque tengo que defender los intereses de los vecinos”
  • Actúa [Torrente] como o apéndice tonto dos comerciantes.
  • Sempre botades a culpa ao PP e a verdade é que o PSOE eo BNG son máis responsables que calquera outro
  • Para desconxestionar un núcleo calquera urbanista poderá confirmar que hai que alonxar as grandes zonas de parquin.
  • Para un pobo coma Pontedeume é imprescindibel (na actual situación de uso masivo do automobil)ter aparcadoiros pero eso non implica que estes esten no centro do pobo.
  • Máis escola e menos políticos.
  • Un pobo non pode estar gobernado nin por ignorantes nin por mercaderes
  • Temos un Concello que non nos merecemos. Unha vergoña
  • O Lobby eumés do comercio segue a gobernar, estea de alcalde quen estea
  • Como se impoña o unilateralismo das cores políticas gobernantes farán o que les dea a gaña, e contra á lóxica das vilas civilizadas en todo o mundo de aumentar zonas verdes de USO COMÚN aquí montamos no chiringuito da masificación.
  • Aquí o que se defende é que hai outras opcións para aparcar e que se respeten os espacios verdes e de posible uso deportivo.
  • Esta visto ……, para poder progesar hay que salir desta p…. vila.
  • Na radio todos expresaron o seu parecer, agás o alcalde que non se expresa como debe facelo un alcalde. É lamentable que un representante do pobo alcance semellante nivel de coñecementos e de comunicación.
  • En Pontedeume hai unha cultura automobilística que descubre o complexo que late no cidadán eumés medio.
  • Dimisión de toda a corporación municipal por inútiles e ignorantes
  • Penosa a clase política en Pontedeume que se vende a presión de certos sectores por anotarse un tanto electoralista (esto vai para todos por igual), no canto de ordear o urbanismo de xeito cívico.
  • O novo goberno da xunta non ten en conta os valores medioambientais; e o alcalde de Pontedeume é como un Atila desexoso de erradicar a herba.

17 de xuño de 2009

Depuradora fóra de uso


Segundo recoñece o conselleiro de Medio Ambiente a depuradora de Pontedeume está "fóra de uso". Non é a única das ubicadas nas rías galegas pero si a que máis nos interesa coñecer o seu estado. Sempre sospeitábamos que o seu funcionamento era cando menos deficiente. O conselleiro sácanos de toda dúbida e podemos xa deixar de elucubrar. A ría de Pontedeume leva camiño de convertirse nun foco de contaminación. Á ameaza das augas contaminadas do río Eume e do futuro lago artificial de As Pontes hai que engadirlle a acción das augas residuais procedentes dos concellos de Pontedeume e Cabanas. Unha fonte de riqueza económica e paisaxística pode tornarse en poucos anos nun estercoleiro mariño. Pódese presumir de depuradora mais non de depuración. Alguén debería explicar onde van parar os cartos que os veciños pagamos por un servizo que non se nos dá. Xa que non é posíbel depurar as augas exixamos depurar responsabilidades.

30 de maio de 2009

Noraboa, Ruth

Hai decisións que engrandecen a quen as toma. E a súa renuncia a formar parte do goberno local de Pontedeume hai que non só respectala senón louvala. Seguro que non foi doado chegar a esa determinación porque enfrontarse aos compañeiros require unha grande dose de coraxe. Acostumados a contemplar como os políticos deixan de lado o interese da comunidade para someterse aos ditados de intereses espúrios, resulta esperanzador ver alguén que defraudado polas decisións que se toman decide marchar en lugar de dobregarse.
Di esta concelleira dimisionaria non contar coa confianza do Alcalde pero seguro que conta coa de centos de eumeses que, fartos de corrupción, inoperancia, despotismo e insolencia, demandan máis honestidade e compromiso cos que forman parte desta ampla comunidade chamada Pontedeume. Noutro mundo, posíbel pero lonxano, non sería Ruth quen tivese que renunciar; terían que facelo aqueles que hoxe se quedan desexosos de seguir administrando o que non saben administrar. Houbo un momento no que demostrou esta concelleira estar ao outro lado da función. Sucedeu cando os afectados pola recualificación de Einsa manifestáronse diante do goberno local exixindo máis repecto polas súas propiedades. Nese intre, que a ennobrece como a poucos, baixou do despacho e púxose a carón dos que defendían a razón. Unha facultade esta mal vista polos que se decantan polo pragmatismo, favoritismo e parcialidade á hora de gobernar.
Noraboa, Ruth.

16 de maio de 2009

A grandes males, peores remedios

Esa parece ser a filosofía do goberno eumés. Ante as queixas dos veciños polo estado nauseabundo que presentan algúns colectores do lixo, o Concello decide retiralos e ubicalos noutros lugares. Optar pola limpeza dos mesmos e pola recollida diaria do lixo debe ser demasiado costoso para un executivo que non repara en "regalar" 5000 euros polo arranxo de dous bancos da Alameda.
Os veciños da rúa Iglesia e Pescadería véranse prexudicados (beneficiados, di o PP dando un xiro lingüístico) e terán que desprazarse uns poucos metros para depositar os residuos diarios. Pero seguirá sen ser diaria a visita do camión do lixo e moito menos a limpeza dos colectores.
E para rematar tal despropósito nada mellor que unha declaración de boas intencións. O concelleiro de servizos municipais afirma, nunha frase que parece recollida dalgunha páxina ecoloxista: “debemos de apostar por el reciclaje y participar en la clasificación diaria de nuestros residuos para contribuir a preservar el medio ambiente en las mejores condiciones posibles y permitir a las futuras generaciones disfrutar del maravilloso entorno que tenemos en nuestra comarca”.
Aos veciños se lles pide que clasifiquen e reciclen o lixo; o Concello seguirá apilando a merda para xustificar unha posíbel privatización.

2 de maio de 2009

Avoa resistente

O problema de algúns condutores é que pensan que o coche ten máis privilexios que as persoas. Algo que tamén lle ocorre a certos políticos máis preocupados por construír rotondas que rúas peonís. Menos mal que queda certo brote de resistencia nesta avoa, unha muller que se nega a ceder os seus dereitos ante un capullo presuntuoso.

21 de abr. de 2009

Algo terá que cambiar para que nada cambie

Os mesmos cans con distintos colares
As mesmas mensaxes con distintas voces
As mesmas políticas con distintas siglas

Cambiar as formas para que nada cambie

14 de abr. de 2009

4 de abr. de 2009

O silencio cómplice

O plan de urbanismo de Pontedeume non acaba de saír á luz e todos sabemos as razóns: canto máis se atrase, máis especulación e menos restriccións para poder construír. O Partido Popular nunca se distinguíu por defender a terra do embiste do cemento, e si estivo de sempre preocupado por favorecer os intereses dos grandes promotores.
O resto de partidos políticos con representación no Concello teñen un comportamento que, quéirase ou non, favorece ao goberno minoritario do PP. O seu labor de oposición non vai máis aló de plantexar inxenuamente algunha que outra pregunta nos plenos. Pero a súa falta de compromiso coa cidadanía demóstrana cando non son capaces de forzar a presentación pública do PXOM.
E xa non se sabe se por ineptitude á hora de exercer de oposición ou porque no fondo os seus obxectivos non distan moito dos do Partido Popular. Quédanos saber se están de acordo en urbanizar Pontedeume dunha forma desmedida, ou antepoñer un crecemento sostíbel que preserve tanto o casco histórico como os núcleos rurais.
Eles teñen a obriga de se manifestar por unha ou outra opción. Os cidadáns o dereito a coñecer quen os representan.

27 de mar. de 2009

Minten ou son estúpidos?


Segundo fontes oficiais de Portos de Galiza, recollidas pola Voz de Galicia, "nin siquera o ente autonómico coñece aínda como quedará finalmente un proxecto oficialmente todavía en modificación. As obras iniciaranse sen coñecer o resultado final".
Ou sexa que o técnico responsábel das obras vai comezalas sen os planos do proxecto. Que pode esperarse do resultado? Unha circunvalación? Un porto deportivo? Unha rotonda? Alguén pode crer que se improvise unha remodelación como a citada?

As mesmas fontes indican que "o Concello non ten aínda o proxecto".
Moita fe debe ter o noso Concello para respaldar unhas obras sen coñecelas. Será a mesma confianza que lle levou a aprobar licenzas ilegais avaladas polo técnico municipal? Respalda da mesma forma, é dicir, sen coñecelas, as recalificacións de terreos rústicos?

Para máis confusión o presidente do ente público Portos de Galiza afirmou que "Patrimonio autorizou a obra de remodelación no peirao de Pontedeume".
Como se pode pedir permiso para unhas obras aínda sen definir? Hai que pensar que tamén Patrimonio autoriza proxectos en branco? Estamos nun mundo improvisado?




25 de mar. de 2009

Privatiza que algo queda

Seguindo as pautas do goberno anterior, o alcalde de Pontedeume retoma a privatización do servizo do lixo, unha aposta do antigo rexedor,Belarmino Freire (La Opinión). Como esta é unha palabra, privatización, difícil de asumir polos cidadáns conscientes de que entraña unha perda da calidade do servizo,utilízase un eufemismo máis moderno e libre de prexuizos: externalización. Mañá o pleno debatirá a aprobación da forma de xestión indirecta (outro eufemismo de privatización) a pesares de que un informe encargado polo Concello sobre a viabilidade do proxecto non estará finalizado ata a vindeira semana. Aínda así as súas señorías van discutir sobre a conveniencia ou non da privatización.

O Partido Popular tenta convencer da imposibilidade de manter un servizo demasiado gravoso para as arcas do Concello pero non explica como unha empresa privada pode prestar ese mesmo servizo sen aumentar as taxas de recollida do lixo. Todos sabemos que as empresas prefiren ser rentables antes que eficientes. E que a privatización só pode traer máis ineficacia e máis gastos para os contribuintes.

Non é esaxerado presumir que o deterioramento do servizo de recollida do lixo que se deu nos últimos anos foi provocado para xustificar unha privatización que xa o anterior goberno barallou hai dous anos. Daquela o alcalde de Pontedeume laíabase que a modernización do servizo custaría a cantidade de 600.00 euros en dez anos. Hai que ter en conta que as taxas ingresadas polo Concello no mesmo período sumarían a cifra de 2 millóns de euros.

Pero se desconfiamos da mellora do servizo prestado por unha compañía privada, tamén alertamos da posibilidade de que os postos de traballo dos empregados municipais estean en perigo. Agardemos que o sentido común se impoña entre os concelleiros de Pontedeume durante o próximo pleno municipal.

20 de mar. de 2009

Insisten en facer un aparcadoiro nun instituto


A procura dunha solución para o aparcadoiro dos coches conduce a alternativas insólitas. A idea, xa vella, consiste en abrir o patio do instituto Fragas do Eume para que os automóbiles poidan aparcar en días non lectivos. Curiosamente é unha proposta na que coinciden todos os grupos do concello, dende o BNG ata o PP. Parece que este problema obnubila o sentido común dos nosos políticos. Se antes foi a Alameda de Raxoi a que se ocupou para aparcar os automóbiles, agora tócalle o turno a un espazo no que os alumnos do instituto practican deporte. Pero deporte non parece ser a actividade favorita deses condutores capaces de desprazarse dun extremo a outro da vila nos seus potentes coches.
Os profesores saben da necesidade de inculcar o exercicio nos rapaces como forma de acadar unha vida máis sa. Terán difícil facerlles entender que ese patio no que xogan ao fútbol está destrozado porque os maiores deixan alí os coches que contaminan o aire e arrasan co cesped do campo. Sen contar con outros posibles achados que se poidan atopar cando os luns volvan correr polo campo. Lamentábel que algún concelleiro que avoga polo aparcadoiro compaxine esta actividade coa de profesor. Como lamentábel que novamente sexa o automóbil unha prioridade fronte á conservación dos espazos verdes.
Unha opinión moi estendida na nosa sociedade: os pais consideran os centros de ensino meros aparcadoiros para os seus fillos. Agora tamén o son para os seus coches

12 de mar. de 2009

Todo un negocio

Einsa quere recalificar 124.000 metros cadrados de terreo rústico e convertilos en industrial. Esa cualificación do chan permitiríalle a esta empresa crear un parque industrial ou comercial cuxas parcelas, postas á venda, lle reportarían uns suculentos beneficios. Se o metro cadrado do polígono industrial de Vidrieiro pagouse a 600 euros, e supoñendo un custo semellante para os terreos de Andrade, os propietarios de Einsa obterían uns ingresos de máis de 74 millóns de euros (12.000 millóns de pesetas para os que aínda pensamos nestas unidades).

4 de mar. de 2009

Preguntas

Se algo caracteriza ao actual goberno "popular" de Pontedeume é a súa falta de claridade á hora de explicar as iniciativas que toma, iniciativas que prexudican á meirande parte dos cidadáns eumeses.
Un exemplo desta actitude témola no secuestro do Plan Xeral de Ordenación Municipal, un documento que leva dous anos aparcado nas oficinas de Consultora Galega e agora nas dependencias do Concello.
E isto lévanos a plantexar unha serie de preguntas
  1. Como se entende que o goberno local do PP formado por catro persoas dun total de trece concelleiros sexa capaz de dirixir o Concello ao seu libre albedrío?
  2. É democrático que 4 concelleiros impoñan aos demais o seu programa político?
  3. Por que os concelleiros da oposición non son capaces de poñer coto ás pretensións do goberno local?
  4. Debemos entender que a oposición está de acordo coas posicións defendidas polo PP?
  5. Que pensan os concelleiros do PSOE, BNG, COE e independentes sobre a especulación urbanística?
  6. Temos que resignarnos a esperar por un PXOM que cemente Pontedeume de norte a sur e de leste a oeste?
  7. Non sería democrático que a través dunha moción de censura o goberno pase a mans dunha maioría que sintonice cos intereses do pobo de Pontedeume?
  8. Debemos entender que se isto non sucede é porque a oposición amosa certa complacencia co partido popular?
  9. Son estas actitudes as que levan á cidadanía a alonxarse dos partidos políticos e dos seus programas electorais?
  10. É ilusorio esperar dos políticos locais un cambio que erradique a ineptitude do pasado?

1 de mar. de 2009

Novas razóns que desaconsellan a planta de gas en Mugardos


Un terremoto de intensidade 2,6 na escala Richter foi detectado o pasado día 27 co epicentro na bocana da ría de Ferrol. O sismo foi percibido en Ferrol, Mugardos, Narón, Valdoviño, Cedeira, Arteixo, Oleiros e A Coruña. Non é a primeira vez, nen será a última, que un terremoto é detectado na comarca de Ferrol. Amais dos innumerabeis perigos que entraña a planta de gas nunha ría densamente poboada e que foron denunciados pola cidadanía en múltiples ocasións, hai que engadir agora a posibilidade dun desastre humanitario de incalculables consecuencias provocado por un sismo de grande intensidade.

23 de feb. de 2009

Judith sing, oito consellos para Galiza


Judith Sing, presidenta de Amigos da Terra, lémbranos o que un goberno galego debería afrontar para unha mellor conservación do medio ambiente

1. Poñer en funcionamento medidas que contribúan a reducir as emisións de gases do efecto invernadoiro até un 20% no ano 2020.

2. Apostar polo aforro enerxético e a administración. Aquí é importante que a administración dea exemplo.

3. Rexeitar os tranxénicos e promocionar a agricultura ecolóxica.

4. Fortalecer a cooperación internacional no respecto ao medio ambiente.

5. Descartar do plan de residuos de Galiza a incineración.

6. Unha boa educación ambiental que permita á xente entender o que acontece.

7. Frear a perda da biodiversidade.

8. Apostar por unha política de ordenación do territorio que limite o crecemento urbano e respecte a nosa costa.

14 de feb. de 2009

A planta de gas en Mugardos, obxectivo terrorista


Un informe da Fundación Athena Intelligence alerta dos posibles obxectivos do terrorismo internacional, singularmente das infraestruturas enerxéticas pola enorme importancia que teñen como recursos claves dos estados. Esta fundación é unha institución que ten como fin a investigación avanzada en terrorismo e conflitos armados.
As instalacións petrolíferas tales como refinerías ou regasificadoras son consideradas críticas polo autor do estudo. Despois de citar o exemplo problemático da refinería de Tenerife en pleno centro urbano, cunhas consecuencias inimaxinables en caso de ataques armados, destaca a fraxilidade dos buques contenedores de gas natural licuado (GNL): "A toma dun buque colector de gas natural licuado e a súa posterior detonación unha vez arribado a porto é unha das 10 maiores preocupacións do Homeland Security estadounidense en materia antiterrorista." Unha explosión deste tipo pode ocasionar tanta destrución como unha pequena bomba atómica.
A continuación o informe cita o caso concreto da regasificadora de Mugardos: "O verdadeiro perigo atópase na proximidade de moitas destas instalacións portuarias de GNL con núcleos urbanos. A planta regasificadora de Mugardos na Coruña é unha clara proba diso. A instalación atópase practicamente dentro do pobo coruñés, expondo á súa poboación a un elevado risco. En calquera caso, o secuestro dun buque cargado de GNL e o seu emprego contra algunha instalación portuaria cuxo contorna atópase densamente poboada pode ocasionar unha verdadeira traxedia".

10 de feb. de 2009

Un compromiso en Compostela


Os que antepoñemos a defensa do medio ambiente e do territorio como un espazo no que vivir a calesquera outras consideracións ideolóxicas, os que aínda cremos que as nefastas políticas que están a devastar a paisaxe poden ser erradicadas, temos unha cita o próximo domingo en Compostela. Ás 12h. e dende a Alameda, un inigualable e entrañable parque, partirá unha manifestación que percorrerá o casco histórico da capital galega. Máis de 50 organizacións defensoras do medio ambiente. aglutinadas na rede Galiza Non Se Vende, denunciarán o desolador panorama que está a convertir a Galiza nunha aflixida sombra do que foi.

7 de feb. de 2009

Un exemplo a seguir

Poucos son concellos que se adheriron á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística. Este organismo creado pola Xunta de Galiza pretende ser o garante da legalidade en materia de construción e a inclusión dos concellos no mesmo é voluntaria. Pouco máis dunha ducia de concellos optaron por esta fórmula para preservar o seu territorio de infraccións cometidas polos construtores. O resto debe preferir deixar reinar o urbanismo salvaxe xa que este reporta grandes beneficios (só para uns poucos). Pontedeume pertence a este último grupo, o dos que non valoran a súa paisaxe.

Lemos unha nova publicada pola CPTOPT que moi ben pode repetirse en breve no noso concello.

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística demoleu dous edificios ilegais en Oza dos Ríos

As edificacións foron construídas en solo rústico de especial protección forestal, no que a lei prohibe a construción de vivendas o os usos residenciais

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística procedeu esta mañá á demolición de dúas edificacións situadas no lugar de Santa Cruz de Mondoi (no concello coruñés de Oza dos Ríos). Trátase de dous edificios que foron construídos en solo rústico de especial protección forestal, no que a lei prohibe a construción de vivendas e os usos residenciais, entre outros. Polo tanto, a Axencia Urbanística executou hoxe o derrube das mesmas de forma subsidiaria logo de que o propietario incumprira a orde de demolición que lle fora ditada, así como os requirimentos que se lle fixeron posteriormente.

Os feitos parten dunha denuncia efectuada polo Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) da Garda Civil ante a Dirección Xeral de Urbanismo que, a raíz da denuncia iniciou unha investigación para determinar a situación dos inmobles. O expediente concluíu que ambas edificacións eran ilegais e ilegalizables xa que foron construídas nunha zona clasificada no Plan Xeral de Oza dos Ríos como solo rústico de especial protección forestal e neste tipo de solos está prohibida a construción de vivendas e os usos residenciais, entre outros.

Cómpre recordar que o Concello de Oza dos Ríos outorgou licenza urbanística a estas edificacións e, unha vez advertido pola Dirección Xeral de Urbanismo de que as licencias non se axustaban á legalidade, o Concello solicitou a anulación das mesmas ante o Xulgado do Contencioso Administrativo, que procedeu a anulalas.

Posteriormente a Dirección Xeral de Urbanismo declara ilegalizables as edificacións e ordena ao propietario a súa demolición.

Foto: Cabalar



30 de xan. de 2009

A gran mentira


O pasado mes de outubro un membro de Consultora Galega fixo unha presentación preliminar do PXOM de Pontedeume aos representantes dos partidos políticos. Nesa reunión comunicóuselles aos presentes que a aprobación inicial do documento poderíase realizar no mesmo mes de outubro ou, como moito tardar, en novembro. E non sen hora pois xa transcorreran dous anos dende que Consultora Galega expuxera un avance do plan nos baixos de Foremdes, avance que foi desestimado pola CPTOPT.
Dende entón non se volveu saber nada do ansiado plan. Foron varias as disculpas que o executivo local puxo para xustificar o atraso na presentación do mesmo. A cada cal máis insólita.
Primeiro díxose que faltaba darlle un retoque en certos temas, despois só faltaba que a secretaria do Concello o estudase a fondo. Unha posterior explicación consistía en dicir que a empresa redactora obviou as indicacións do goberno local e fixo un plan distinto. Onte mesmo o concelleiro de urbanismo alegou no pleno que se estaban a dar os últimos retoques para adaptar o parque Sarmiento a un posible aparcadoiro subterráneo.
Unha mentira tras outra, todas contradictorias, e unha burla aos veciños de Pontedeume. As verdadeiras causas que agochan o plan de urbanismo hai que buscalas en intereses privados de especuladores e delincuentes que non dubidan en entorpecer un plan que Pontedeume necesita máis que nunca e que leva camiño de perderse nas oficinas do Concello á espera de mellores tempos. Porque diso se trata. En marzo hai eleccións e os partidarios do urbanismo salvaxe e depredador agardan un cambio de goberno que modifique as actuais leis de protección urbanística para poder construir, recalificar e desordenar todo o que sexa factible de procurar píngües beneficios a costa do solo.
E nesta demencial actitude duns poucos afanados e incontrolados usureiros, teñen unha grande responsabilidade os membros do goberlo local. As súas palabras nada máis acceder ao Concello distan moito do que logo practican. Unha burda mentira que ofende a dignidade non só de quen os votou senón a de todos os eumeses que aspìramos a gozar dunha vila e un concello no que prime o entorno como fonte de vida e de futuro.

24 de xan. de 2009

Causas dunha crise anunciada

  1. Cada día transformábase en España unha superficie de chan equivalente a 45 hectáreas -os famosos (45) campos de fútbol-.
  2. A superficie edificada aumentou un 40% nos últimos dez anos.
  3. En 2005 levantáronse máis de 800.000 vivendas que equivale ás edificadas durante o mesmo período en Reino Unido, Francia e Alemaña xuntas, aínda que estes países suman cinco veces a poboación do noso país.
  4. En 2006 aprobáronse plans para construír millón e medio de vivendas e máis de 300 campos de Golf. Supuñan unha marca absoluta na historia de España.
  5. A terceira parte do primeiro quilómetro de litoral mediterráneo está construída.
  6. Desde a Lei 6/98 do Partido Popular, o chan urbanizado de vivenda libre encareceuse un 200% ata 2.004.
  7. España conta co maior parque inmobiliario da UE, ata hai pouco co ritmo de construción máis alto, e -punto importante- o acceso á vivenda máis difícil.

16 de xan. de 2009

Unha historia de terror

Unha situación kafkiana. O señor Fregueiro contrata a un albanel para facer obras de mellora na súa casa. O que quere este señor déixallo saber moi claramente ao profesional do cemento. Pero resulta que ao cabo dun tempo o albanel empeza a facer e desfacer por onde lle apetece. As portas xa non ían onde deberían; os cuartos non teñen a superficie prevista; e os azulexos non son da cor preferida polos donos da casa.

O Sr. Fregueiro advirte ao contratado que debe cinxirse ao mandato de quen paga mais como resposta atopa unha actitude belixerante do albanel. Este ameaza con non rematar a obra nin darlle as chaves da vivenda ao propietario da mesma. O Sr. Fregueiro dase conta que meteu na súa casa aun paranoico do que non sabe desfacerse.

O Concello de Pontedeume contrata a unha empresa chamada Consultora Galega para redactar o seu plan de urbanismo. A Xunta de Galiza exixe que cumpra unhas determinadas condicións e o alcalde así llo fai saber á empresa redactora. Pero esta fai caso omiso e decide actúar pola súa conta segundo relata o propio alcalde: "La empresa que redacta el PGOM, Consultora Galega, obvió las últimas modificaciones solicitadas por el Gobierno local".

Que facer cando un paranoico métese na túa casa e decide gobernar a túa vida?

14 de xan. de 2009

A quen representan?

Os anos pasan mais os políticos adormecen. En Pontedeume xa parece unha epidemia esta do sono eterno. E é que non se enteiran que os veciños xa non confiamos neles, que vamos por diante. Deberían saber que xa non atraen as mensaxes cheas de oportunismo, cinismo, prepotencia e vulgaridade. Nas pasadas eleccións municipais algúns pensaron que era a hora de “limpar” o concello de mediocres; que os partidos políticos optarían por recompoñer as súas listas desbotando certos personaxes que xa estaban desprestixiados por labores de goberno ineficaz e corrupto. Non foi así. Unha oportunidade perdida para os que aínda pensamos que outra esquerda é posible.

A máis grave carencia que sufre o concello eumés é a da falta dun plan de urbanismo que sente as bases para conseguir un hábitat propio do novo século. Un casco histórico a punto de desaparecer, as urbanizacións que agreden a paisaxe, as ilegalidades consentidas, o deterioramento das rúas e zonas verdes, o déficit de servizos básicos ... unha mostra do escaso interese que aniña nas mentes dos concelleiros. Voluntariamente decidiron ser representantes dos cidadáns e hoxe son incapaces de exercer como tales. Incapaces de exixir que se presente o plan de urbanismo que unha empresa se empeña en secuestrar para beneficio duns poucos. Incapaces de marcar as diferencias co goberno e indulxentes cos poderosos. Así son os nosos concelleiros.


8 de xan. de 2009

Inadmisible

Que unha masacre como a que está a padecer o pobo palestino suceda ante a pasividade daqueles que outras veces foron capaces de invadir un país para impedir un xenocidio (léase Iugoslavia) só se entende pola connivencia dos paises europeos co estado terrorista de Israel.
A sociedade civil ten a obriga moral de manifestarse contra este tipo de crimes. Mañá venres terá lugar unha concentración de repulsa por estes feitos na Praza Real de Pontedeume. Será ás 20:00 horas e os eumeses debemos esixir unha paz sen a cal o futuro non ten sentido. Que esperanza hai cando se permite despedazar aos meniños?