27 de abr. de 2011

Para cando en Caldagueiro?

Por se alguén non o lembra o edificio chamado popularmente mamotreto en Caldagueiro ten sobre os seus alicerces ata 5 ordes de paralización ditadas pola Xunta de Galiza. O motivo: estar construído sobre chan urbano non consolidado, é dicir, carecer das infraestruturas básicas propias do chan urbano consolidado.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acaba de anular as primeiras licenzas que permitiron construír seis edificios e 168 pisos en Fisterra, sobre chans urbanos non consolidados que carecían dos servizos máis básicos. O Concello de Fisterra non considerou as leiras onde se edificou como chan urbano non consolidado. Non é esta a primeira vez que unhas licenzas son anuladas en Galiza polos mesmos motivos, ser concedidas para edificar en solos non consolidados. 
Pontedeume segue a gozar de certos privilexios que fan deste concello unha república bananeira onde os promotores inmobiliarios se burlan na normativa urbanística.

3 de abr. de 2011

Campaña na rede: "Non lles votes"

Un sentimento xeralizado de desencanto, frustración e impotencia cristalizou nunha campaña na rede promovida por cidadáns descontentos a semellanza doutras que se organizaron noutros países. O lema da campaña "Non lles votes" fai referencia ao único xeito de combatir aos partidos que se distinguiron por acoller a corrupción nas súas filas. 
Segundo se le na súa páxina, a corrupción en España alcanza niveis alarmantes. Non se trata só dos casos de corrupción urbanística, suborno, prevaricación, etc., que afectan de xeito xeneralizado aos grandes partidos: falamos de corrupción nos mesmos fundamentos do sistema. Neste contexto asentouse a alternancia perpetua de organizacións políticas aferradas ao poder durante décadas (PP, PSOE, CIU...), sen outras opcións máis que aquelas necesarias para conseguir os seus propios obxectivos, sen permeabilidade de novas ideas, sen permitir a participación activa da cidadanía, asfixiando toda posibilidade de rexeneración democrática.
Unha posibilidade de incidir no futuro deste país.