30/06/2014

É hora de esixir responsabilidades













Se algo caracteriza a Torrente é faltar ás súas promesas. "Ao teixo non se lle toca" dixo en 2008; seis anos despois quítao da circulación logo dunha agonía provocada pola tala das raíces para deixar espazo aos novos mitos da modernidade: as rotondas.

Sempre é de lamentar a morte dun exemplar desta especie mítica pero se esta se produce de forma intencionada, entón hai que pedir responsabilidades. A dirección Xeral de Patrimonio advertía ao Concello que se deben adoptar as medidas necesarias para garantir a conservación do teixo que califica de árbore senlleira. Nada se fixo para preservar a árbore; ao contrario, cercenaron as súas raíces para poder construír un muro de separación entre o parque e a estrada. Paseniño foise secando e o alcalde, figura garante da legalidade nos concellos, non moveu un dedo para evitalo.

Hai poucos días un tribunal de xustiza ditou tres anos de cárcere para dúas monitoras por verter pintura nunha piscina pública. O noso alcalde "se irá de rositas" por eliminar un teixo senlleiro. Aquí temos unha explicación do por que os cidadáns deste país estamos fartos e indignados. Os órganos xudiciais só serven aos intereses dos políticos, aos que encumbran como á man que lles dá de comer, pero son inmisericordes cos que critican os abusos do poder.



26/06/2014

Catas?


Asemblea Aberta Eumesa


O movemento social dá un novo paso en Pontedeume. Nunha xuntanza celebrada onte creouse a Asemblea Aberta Eumesa, unha iniciativa cidadá que pretende devolverlle á sociedade eumesa o protagonismo usurpado polo goberno municipal de Gabriel Torrente.

Hoxe Pontedeume atópase sumido nunha crise que abrangue todo o tecido social, desde o económico ata o patrimonial, pasando pola cultura, xuventude, medio rural, etc. Esta situación vén promovida pola ineptitude dun goberno local que fixo da prepotencia e desinterese os seus principais sinais de identidade. A Asemblea Aberta Eumesa busca un cambio no concello a través dun movemento aberto, democrático e transparente.


25/06/2014

Porque outro Pontedeume é posíbel


Hoxe mércores 25 de xuño terá lugar unha asemblea cidadá para debatir sobre os problemas que o noso concello ten a causa da nefasta xestión do equipo de goberno.

Esta asemblea está aberta a todos os cidadáns e nela tentarase buscar solucións de cara ao futuro. Existe unha maioría indignada coa situación de abandono que padece Pontedeume e temos que ser conscientes de que só mediante a unión e mobilización de todos os eumeses podemos poñer freo ao declive de Pontedeume como centro de referencia que foi no pasado. 

Cada vez somos máis os que detestamos as mentiras do goberno, os que non aceptamos eufemismos para disfrazar unha triste realidade que empobrece non só á poboación senón tamén ao que Pontedeume significa: patrimonio cultural e arquitectónico, paisaxe, medio ambiente, sanidade, educación, solidariedade, xuventude, deporte e un longo etcétera.

Non se pode admitir que un gobernante elexido polos cidadáns para xestionar o que é de todos fágao como un auténtico energúmeno que lexisla ao ditado dos seus xenitais, que faga ostentación diso e que os seus plans de goberno estean condicionados polo seu afán de vinganza. En suma, un cacique medieval que desprestixia a todo Pontedeume.

O que sería desexábel, que o poder político estea sometido á vontade dos cidadáns, en Pontedeume parece unha utopía imposíbel de alcanzar. Nunca antes un alcalde foi tan insensíbel ás demandas cidadás, nunca ninguén se vanagloriou de pasar por riba dos dereitos dos eumeses nin de gobernar con total falta de transparencia. Por iso faise máis necesario que nunca establecer os mecanismos para que os individuos poidamos converternos en suxeitos activos e transformar Pontedeume nun concello no que prime a calidade de vida e sexa un modelo de convivencia.



22/06/2014

Será a xenética?















Dicíase, con razón, que a ditadura de Franco supuxo un atraso para este país de 40 anos nos que non evolucionou como o resto de países europeos. Pero á vista das imaxes, despois da morte do ditador parece que seguemos ancorados no pasado. 

20/06/2014

De quen dicían que era o puto amo?


O desleixo da corporación

A construción de beirarrúas na estrada de Boebre acaba de paralizarse por mor do desleixo do alcalde e séquito. Como é sabido, Torrente decidíu prescindir da secretaria do Concello (unha persoa incómoda para quen acostuma gobernar impetuosamente á marxe da legalidade) e sen secretaria non hai pleno; e sen pleno non se aproban as modificacións que a Deputación estableceu para a obra en cuestión. 

Abandono, neglixencia, apatía, desinterese, ineptitude...demasiados calificativos para quen cobra, e ben, por un traballo que non realiza. Pero a diferencia doutros traballos, as consecuencias dese desleixo repercuten en todos os cidadáns eumeses. Nunha empresa privada este tipo de traballador sería inmediatamente despachado; na función pública será recompensado cun cargo en calquera porto do estado. Pontedeume segue a estela da chamada marca España: os mediocres gobernan para que os cerebros emigren.


19/06/2014

Sanidade suspende as augas de Centroña e Ber

Despois de analisar as augas das praias de Centroña e Ber chegouse ao resultado de que a concentración de Escherichia Coli e Enterococo Intestinal son moi superiores ao recomendado. Sanidade non se atreve a prohibir o baño polas consecuencias que traería para o turismo en Pontedeume pero unha actuación consecuente da consellaría pecharía estas praias de inmediato. 

Outras praias próximas con altos contidos de bacterias son as que se atopan na ría de Ferrol pero isto parece máis xustificado se temos en conta que esa ría non dispón de sistemas de saneamento, ao contrario de Pontedeume que si goza dunha depuradora que non depura aínda que todos os veciños pagamos o canon de depuración. 

E postos a depurar non estaría de máis depurar aos do Concello. 

Imaxe do arenal de Centoña, cuxos análise das augas de baño están entre os peores da provincia. ANXO MANSO (A Voz de Galicia)

06/06/2014

Destrución da costa por Demarcación de Costas


Hai relatos que poden parecer ficción pero aseguro que este é moi real. Na praia da Insua o ente Demarcación de Costas, a instancias do Concello de Pontedeume, acaba de acondicionar o acceso á praia. Este tipo de actuacións en paraxes naturais está suxeito a certas condicións que deben velar polo estrito respecto ao medio ambiente, entre elas, non utilizar materiais como aglomerados, cementos e outros que nada teñen que ver cos que a natureza emprega para modelar a paisaxe. 

Porén na Insua cementaron todo a camiño de acceso e colocaron unha barandiña de obra que ningún alcalde querería para si se da súa propiedade se tratase. Covén lembrar que hai pouco máis dun ano a mesma demarcación de Costas impuxo unha multa a un usuario da praia por tomarse a liberdade de cementar el mesmo un cacho do camiño. Non se entende tal falta de coherencia por parte dos responsabeis do organismo público.

Denunciados estes feitos ante o Seprona, Demarcación de Costas respondeu que esta actuación é considerada de baixo presuposto e que polo tanto non cabe facela doutro xeito. A falta de cartos obriga a utilizar o formigón. 

Guión para unha película de Berlanga? Folclore nacional? Marca España? En calquera caso, abstéñanse os veciños de incumprir as leis porque todo o peso dos organismos públicos caerá sobre eles. As leis son de obrigado cumprimento para os cidadáns, nunca para a propia Administración.

05/06/2014

Os modernos cabalos de Atila


Que estes días fose motivo de preocupación o expolio do campo de deportes do IES Fraga do Eume non significa que nos esquezamos da Alameda, un parque público xa patrimonial de Pontedeume convertido en aparcadoiro. A nula sensibilidade do goberno local pola preservación dos espazos públicos é notoria, case enfermiza. O que si hai que recoñecerlle a este alcalde é a súa coherencia coas medidas por el adoptadas. A imaxe atestigua esta afirmación.

02/06/2014

Podemos...e debemos

Vou permitirme unha reflexión á vez que un chamamento. Pontedeume non pode seguer vivindo baixo o paraugas dunha corporación ineficiente, corrupta e prepotente, por empregar só uns poucos dos moitos calificativos que se lle podería atribuír. Os cidadáns deste concello vimos demostrando desde hai moito tempo un gran malestar cos métodos do alcalde de Pontedeume, desde as actitudes autoritarias no tema do mercado municipal ata o conflito creado cos empregados municipais, pasando pola elaboración dun PXOM que beneficia descaradamente a familiares directos do equipo de goberno.

E se me atrevo a falar dos cidadáns en plural é porque o resultado das últimas eleccións en Pontedeume, no que o voto progresista duplicou ao voto conservador, así mo permite. Continuar con esta situación abócanos ao desastre de Pontedeume, tanto no eido económico como no patrimonial, cultural e social. Hai unha maioría que reclama un cambio, un cambio que os partidos da oposición presentes no consistorio non souberon dirixir. É necesario que un movemento cidadán totalmente aberto, democrático e transparente reconduza, a través da presión social, a deriva suicida á que nos condena Torrente e o seu equipo.

Os miles de cidadáns que nos solidarizamos cos praceiros, a xuventude organizada en movementos sociais e culturais, os funcionarios municipais, os traballadores de empresas como Einsa que foron saqueados co beneplácito de Torrente, todos os que dunha forma ou outra somos conscientes que non se pode continuar por este camiño, e os que pensamos que existe un futuro mellor para Pontedeume, podemos e debemos poñer os medios necesarios para sacar a este concello do ostracismo ao que o ten condenado o partido popular.

Temos aquí un medio para empezar a debatir. Fagámolo. PODEMOS E DEBEMOS




Un centro de gravidade desprazado