6 de xuño de 2014

Destrución da costa por Demarcación de Costas


Hai relatos que poden parecer ficción pero aseguro que este é moi real. Na praia da Insua o ente Demarcación de Costas, a instancias do Concello de Pontedeume, acaba de acondicionar o acceso á praia. Este tipo de actuacións en paraxes naturais está suxeito a certas condicións que deben velar polo estrito respecto ao medio ambiente, entre elas, non utilizar materiais como aglomerados, cementos e outros que nada teñen que ver cos que a natureza emprega para modelar a paisaxe. 

Porén na Insua cementaron todo a camiño de acceso e colocaron unha barandiña de obra que ningún alcalde querería para si se da súa propiedade se tratase. Covén lembrar que hai pouco máis dun ano a mesma demarcación de Costas impuxo unha multa a un usuario da praia por tomarse a liberdade de cementar el mesmo un cacho do camiño. Non se entende tal falta de coherencia por parte dos responsabeis do organismo público.

Denunciados estes feitos ante o Seprona, Demarcación de Costas respondeu que esta actuación é considerada de baixo presuposto e que polo tanto non cabe facela doutro xeito. A falta de cartos obriga a utilizar o formigón. 

Guión para unha película de Berlanga? Folclore nacional? Marca España? En calquera caso, abstéñanse os veciños de incumprir as leis porque todo o peso dos organismos públicos caerá sobre eles. As leis son de obrigado cumprimento para os cidadáns, nunca para a propia Administración.