25 de xuño de 2014

Porque outro Pontedeume é posíbel


Hoxe mércores 25 de xuño terá lugar unha asemblea cidadá para debatir sobre os problemas que o noso concello ten a causa da nefasta xestión do equipo de goberno.

Esta asemblea está aberta a todos os cidadáns e nela tentarase buscar solucións de cara ao futuro. Existe unha maioría indignada coa situación de abandono que padece Pontedeume e temos que ser conscientes de que só mediante a unión e mobilización de todos os eumeses podemos poñer freo ao declive de Pontedeume como centro de referencia que foi no pasado. 

Cada vez somos máis os que detestamos as mentiras do goberno, os que non aceptamos eufemismos para disfrazar unha triste realidade que empobrece non só á poboación senón tamén ao que Pontedeume significa: patrimonio cultural e arquitectónico, paisaxe, medio ambiente, sanidade, educación, solidariedade, xuventude, deporte e un longo etcétera.

Non se pode admitir que un gobernante elexido polos cidadáns para xestionar o que é de todos fágao como un auténtico energúmeno que lexisla ao ditado dos seus xenitais, que faga ostentación diso e que os seus plans de goberno estean condicionados polo seu afán de vinganza. En suma, un cacique medieval que desprestixia a todo Pontedeume.

O que sería desexábel, que o poder político estea sometido á vontade dos cidadáns, en Pontedeume parece unha utopía imposíbel de alcanzar. Nunca antes un alcalde foi tan insensíbel ás demandas cidadás, nunca ninguén se vanagloriou de pasar por riba dos dereitos dos eumeses nin de gobernar con total falta de transparencia. Por iso faise máis necesario que nunca establecer os mecanismos para que os individuos poidamos converternos en suxeitos activos e transformar Pontedeume nun concello no que prime a calidade de vida e sexa un modelo de convivencia.