
E se me atrevo a falar dos cidadáns en plural é porque o resultado das últimas eleccións en Pontedeume, no que o voto progresista duplicou ao voto conservador, así mo permite. Continuar con esta situación abócanos ao desastre de Pontedeume, tanto no eido económico como no patrimonial, cultural e social. Hai unha maioría que reclama un cambio, un cambio que os partidos da oposición presentes no consistorio non souberon dirixir. É necesario que un movemento cidadán totalmente aberto, democrático e transparente reconduza, a través da presión social, a deriva suicida á que nos condena Torrente e o seu equipo.
Os miles de cidadáns que nos solidarizamos cos praceiros, a xuventude organizada en movementos sociais e culturais, os funcionarios municipais, os traballadores de empresas como Einsa que foron saqueados co beneplácito de Torrente, todos os que dunha forma ou outra somos conscientes que non se pode continuar por este camiño, e os que pensamos que existe un futuro mellor para Pontedeume, podemos e debemos poñer os medios necesarios para sacar a este concello do ostracismo ao que o ten condenado o partido popular.
Temos aquí un medio para empezar a debatir. Fagámolo. PODEMOS E DEBEMOS