25/12/2006

A conxetura da construción


Poincaré foi un matemático do século XIX que estableceu unha conxetura da que non se coñecía a súa demostración. Este ano concedeuse a outro matematico, o ruso Perelman, a medalla Fields pola demostración da célebre conxetura. Esta distinción, a máis grande na súa categoría, fai xustiza ao que a revista Science considera a maior personalidade científica deste século, capaz de resolver un dos máis grandes enigmas das matemáticas.
No mundo da construción tamén hai enigmas quizais máis difíciles de resolver, auténticas conxeturas que ningún perelman da vida poderá descifrar. Que os negocios inmobiliarios son negocios no sentido lucrativo da palabra o recoñece ata a banca, que, coa seguridade que lle dan as inmobiliarias, non teñen inconveniente en subvencionar grandes obras de millóns de euros. Exemplos temos na vila que non é preciso enumerar porque podemos cansar ao lector. Pola contra, outras iniciativas con menos beneficios non atopan canles de finanzamento para desenvolver pequenos proxectos. O víacrucis que un pequeno emprendedor debe afrontar para conseguir un permiso e a necesaria financiación vai desde a presentación da declaración da renda ata os inxentes documentos que debe presentar ante as institucións públicas e privadas, pasando polas inevitabeis entrevistas cos directores das sucursais bancarias.
Non parece ser este o "modus operandi" dos promotores inmobiliarios. Capaces de saltarse tantos obstáculos, consiguen doadamente grandes cantidades para a financiar urbanizacións que mesmo son ilegais ou de dubidosa legalidade.
O que si parece demostrado é que están exentos de presentar como aval bancario a declaración da renda. Aos feitos nos remitimos.
O grupo inmobiliario Lagares declara no ano 2004 unhas vendas por valor de 7 millóns de euros (máis de mil millóns das antigas pesetas) e o resultado positivo non é máis que de 40.600 euros (algo menos de 7 millóns de pesetas). Emulando con modestia aos matemáticos pódese deducir que non supón máis que un 0,5 % de beneficios.
A partir de aquí poderíanse concluir moitas cousas. Primeiro, este balance parece contradicir a aqueles que supoñen aos promotores uns niveis de ganancias próximos ao 50%; a banca ten unha confianza cega nos promotores independentemente das súas declaracións; como é posíbel encarar novos proxectos con semellantes beneficios; a Facenda Pública está demasiado ocupada en investigar as declaracións dos que están suxeitos a unha nómina; non todos os cidadáns cooperamos do mesmo xeito na consecución dunhas arcas coas que manter o gasto público; a xustiza non debe ser competente para investigar este tipo de presuntos fraudes; etc.
He aquí unha nova conxetura que aspira a converterse no gran enigma do seculo XXI.

19/12/2006

Os acuíferos do Couceiro Freixomil


Anúnciase na Opinión que Aquagest xa remitíu ao concello de Pontedeume un informe sobre as augas subterraneas que discorren polos baixos do colexio Couceiro Freixomil. Nel se prevé desviar o acuífero pola rúa Galera ata o desaugue no mar. Non é intención deste comentario rexeitar o informe desta compañía, que supoñemos foi realizado por enxeñeiros cualificados, pero si plantexar diversas cuestións que non foron resoltas e poden ter a medio ou longo prazo efectos desastrosos para os terreos polos que circulan as augas.
Os acuíferos desprázanse polas canles que eles mesmos e o terreo foron adaptando ao longo dos anos. Como se dunha natureza sabia se tratase, durante todo ese tempo o terreo vaise asentando nos entornos do regato e non soe ocasionar ningún tipo de problema. Estes só aparecen cando a man do home impón unha nova canle motivada polas obras que se executan nos terreos. Entón o chan vólvese máis permeábel e menos firme.
As causas da inundación hai que buscalas nas obras que se realizaron para demoler o antigo colexio. As saídas ao mar dos acuíferos foron taponadas polos escombros ou desviadas a saídas de menor sección, o que provocou unha acumulación de auga que desbordou polo colexio infantil. A dúbida que se plantexa é se a solución debería vir dada por repoñer as canles naturais do regato ou pola desviación do seu curso.
A primeira é a máis difícil dado que as obras de construción do novo colexio nin sequera comezaron. A segunda resultou ser a escollida pola empresa pero non sabemos se por ser a máis factibel ou a máis efectiva. Calquer desviación dun acuífero ten unhas consecuencias imposibeis de predecir; debe transcorrer moito tempo antes de asegurar os efectos das augas sobre os terreos que pisa. A posibilidade de que vaia erosionando o chan debería quedar totalmente desbotada antes de optar por unha solución deste tipo. Ademais, por experiencias anteriores sábese que os terreos polos que discorrían acuíferos que foron sobreexplotados ou eliminados pola extración de auga subterránea para uso humano, provocaron afondamentos do solo pola perda de soporte. A desaparición das augas subterráneas xa producíu afondamentos en México e California.

17/12/2006

DESMENTINDO AO BNG



O anterior é un extracto do informe que GREENPEACE elaborou sobre o futuro da costa galega de aprobarse os novos PXOMs. Como se pode apreciar, Pontedeume é un dos concellos nos que a previsión que se fai de crecemento é alarmante. Está entre os nove primeiros concellos que máis aumentan a súa edificabilidade: máis dun 200 %, é dicir, triplican o seu volume de solo urbanizábel.

Na edición galega que o xornal EL PAÍS publicou no mes de novembro, danse cifras que corroboran o informe anterior. Para o período 2006-2010 hai proxectadas en Pontedeume a construción de máis de 9000 vivendas cando na actualidade hai construidas aproximadamente 4000, das cales 600 están baleiras (datos estes últimos do INE).

Isto vén a conto do escrito do BNG de Pontedeume publicado hoxe no xornal LA OPINIÓN. Segundo este grupo político, que ostenta a concellaría de urbanismo, o novo chan edificábel non supón un aumento esaxerado e califícao de "baixa intensidade".

16/12/2006

Contra o abandono, expropiación

Isto é o que fai o concello de A Coruña (La Opinión) para evitar o derrubamento de edificios catalogados como bens de interese cultural. Estas vellas edificacións, que nalgúns casos xa se desplomaron, non foron debidamente protexidas polos seus donos. O interese non ía por preservar estes edificios emblemáticos senón en agardar a que se derrubasen para poder construir bloques de vivendas. O concello de A Coruña xa lles dera orde de rehabilitar tal e como sinala a lei, mais os propietarios non fixeron caso dos requerimentos municipais. Agora é o propio concello o que expropia 13 edificios en ruínas e non desbota a idea de seguir con esta política para protexer o patrimonio da cidade.
Un exemplo a imitar en Pontedeume, vila na que se están a dar casos sangrantes de abandono por parte de certos propietarios, non carentes de medios, que esperan a poder levantar, con ánimo de lucro, edificios novos.
Xoias, como a da imaxe, que xa contemplaron moitas xeracións de eumeses, desaparecerán se o concello non o evita.

13/12/2006

España líder...(2ª parte)


Nas xornadas sobre ética pública e control democrático organizadas polo Concello de Lugo e a EGAP, púxose de manifesto que a corrupción afecta á economía e supón un atranco para a distribución da riqueza dun país. Javier Salinas, membro do Instituto de Estudios Fiscales (IEF) fixo un balance sobre as consecuencias que a corrupción tivo nos últimos anos sobre a economía. Segundo este experto, a corrupción produce alteracións no funcionamento da administración chegando a distorsionar o gasto público. Este recorte do orzamento público é especialmente apreciábel no ensino e na sanidade.
Outra das perversións da corrupción afecta ao financiamento dos partidos políticos. Hoxe, este tipo de doazóns chega a acadar a cifra do 80 % dos ingresos dos partidos. Isto tradúcese na toma do poder mediante influencias por parte de grupos económicos á marxe das eleccións, quedando relegadas estas a unha pantomima da democracia. Sobre este asunto, Fernando Jiménez, da Universidade de Murcia, alertou das insuficiencias do sistema español de financiamento dos partidos políticos, un sistema incapaz de exercer un control efectivo sobre a orixe dos ingresos e o destino dos gastos.
Por último, o presidente do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), Fernando Vallespín, fixo fincapé no feito de que España é o país europeo onde os cidadáns menos se interesan pola política, considerando ademais que os políticos están no cargo para favorecer os seus intereses persoais. Un dato, diriamos nós, que demostra o fatal determinismo dos españois, e máis agudizado no caso dos galegos. Sen unha activa participación dos cidadáns non se pode exercer un necesario control democrático sobre as institucións. O presidente do CIS afirmou taxante que parte da falta ética dos políticos se debe á inhibición dos cidadáns, que" son os que deben impoñer a excelencia moral daqueles"

11/12/2006

España líder, xunto con Portugal, Italia e Grecia


Non se pensen que falamos dunha competición deportiva; estamos a falar de corrupción. Segundo a ONG Transparency Internacional, o noso país ocupa a cuarta posición como país máis corrupto no ano 2005 dentro da comunidade europea. Só nos avantaxen Portugal, Italia e Grecia. Nunhas xornadas que se celebraron en Lugo co nome de Ética Pública e Control Democrático, organizadas polo Concello de Lugo e a Escola Galega de Administración Pública (EGAP), púxose de manifesto a importancia que as entidades privadas teñen sobre as decisións das Administracións Públicas, sendo isto a causa fundamental de dita corrupción. Entre estes organismos privados que inciden sobre as institucións públicas, o catedrático da Universidade de Barcelona, Antoni Doménech, mencionou ás empresas do sector da construcion e inmobilarias que presionaron ás corporacións locais ata conseguir instaurar no seu funcionamento un aparato burocrático privado, xerme da corrupción.
Segundo o informe de Transparency Internacional, a corrupción afecta á vida política, económica e familiar en grande medida. Dentro dunha escala con catro niveis, España está dentro daqueles países que a súa vida política está influida dun 50 a un 70 % pola corrupción, un valor dos máis altos do mundo, xunto con Albania, Arxentina, Rusia, etc. Ademais un 59 % dos españois consideran que o goberno non pon os medios necesarios para combatila ou mesmo a fomenta.
Por sectores, os máis corruptos serían, en primeiro lugar, os partidos políticos seguidos das empresas privadas, servizo de rexistro e medios de comunicación. Os menos corruptos corresponderían ao sistema educativo, servizos médicos e ONGs.
Este informe constitúe unha luz de alerta para aqueles gobernos que ainda non se plantexaron unha política decidida contra a corrupción e o branqueo de diñeiro.
Consultar aquí o informe completo

09/12/2006

Campos de golf...os


Os campos de golf son un reclamo poderoso para os compradores de vivendas en urbanizacións como a de Costa Anácara en Perbes. A xestión deste campo foi adxudicada por Fadesa á empresa AYMERICH GOLF, experta en este tipo de actividades. Suponse que o pago que esta empresa satisfará a Fadesa non debe ser "pecata minuta" a tenor das cuotas que os socios deben pagar pola práctica de dito deporte. A cuota de entrada será de 8000 euros e logo abonarán unha cuota anual de 600 euros.
Segundo esta mesma empresa,
a industria do golf en España xenera 2.375 millóns de euros ao ano.
Non creo que ninguén se atreva a afirmarr que un incremento do chan urbanizábel supón un abaratamento dos prezos das vivendas. As estatísticas son moi claras ao respecto e desautorizan a Rajoy cando propoñía hai uns días unha maior liberalización do chan. Pero se o prezo xa fai imposíbel a adquisición dunha vivenda para a maior parte da poboación, sobre todo para os xoves, o que si está claro é que as grandes urbanizacións que se proxectan hoxe en día son para un determinado estamento social moi alonxado da media nacional. Que uns concellos que deberían velar polo dereito dos cidadáns a unha vivenda digna, dereito recoñecido na Constitución, se posicionen a favor dos promotores que ateigan o territorio de campos de gol privados e elitistas, é o maior fracaso da democracia neste país.

06/12/2006

Derrubamentos


Estes días estanse a producir diversos derrubamentos en cidades galegas, máis concretamente na Coruña. Non debería ser noticia se temos en conta o nivel de abandono que padece esta comunidade, e non só no urbanístico.
Tamén en Pontedeume, dun día para outro, podemos acaparar os titulares dos xornais na sección de derrubamentos. Son moitas as casas do casco histórico que están a punto de desaparecer por abandono deliberado dos seus propietarios. E digo deliberados porque hai outro tipo de abandono motivado pola falta de medios para afrontar as oportunas obras de rehabilitación. Mais non é este o caso da meirande parte das vivendas en estado ruinoso. Os ruíns dos propietarios deixan caer estas históricas edificacións, que noutros lugares máis namorados do seu patrimonio protexerían como un valor engadido á bagaxe cultural das vilas e cidades, para poder levantar posteriormente uns "mamotretos" (vocablo eumés por dereito propio) de vivendas cos que obterán pingües beneficios. Non faltan exemplos que avalan esta hipótese: praza do Pan, rúa Cantón, a casa da fotografía na rúa S. Agustín, etc. Precisamente esta casa ten os días contados para ledicia de certos promotores que xa teñen pensado edificar un hotel ou vivendas.
Urxe que as autoridades, Concello ou Xunta, exixan a conservación do casco histórico como ben de interese cultural que é, impedindo as maniobras especulativas dos que non atenden máis que á plusvalía xerada polos negocios inmobiliarios e non dubidan en sacrificar unha parte da nosa historia.

03/12/2006

Augas subterráneas


Denomínase acuífero, a un estrato o formación xeológica que permite a circulación da agua polas súas grietas. Os máis próximos á superficie soen non estar saturados e flúen polas canles que o terreo foi adaptando durante anos. Os acuíferos saturados están a máis profundidade e utilizanse para extraer auga a través dos pozos.
Un acuífero pode recargarse pola infiltración da choiva ou pola transferencia doutros acuíferos próximos. Isto último pode producirse pola acción do home ao alterar a canle pola que discorre o acuífero, xeralmente por obras sobre o chan no que se asenta o río subterráneo.
Ata aquí unha pequena introducción sobre a orixe das augas subterráneas e a súa descarga. O demais serán hipóteses máis ou menos convincentes sobre as causas das recentes inundacións que o enclave do colexio Couceiro Freixomil está a padecer.
Pode ser unha suma de factores a que desencadenou esta pequena catástrofe que alterou a vida escolar dos rapaces de Pontedeume. Por un lado as intensas chuvias que ultimamente anegaron as rúas da vila; por outro, as posibles alteracións artificiais das canles polas que discurren os acuíferos. Lembremos que recentemente se procedeu a levantar as beirarrúas da avenida do Ferrol para sustituílas por outras novas, sen menosprezar as obras que se executaron na chamada casa de D. Pablo. Estas actuacións "humanas" poderían modificar ou taponar o fluxo natural dos acuíferos existentes na zona (a urbanización situada fronte ao colexio dispón dunha bomba de achique para eliminar a auga subterránea que circula constantemente baixo o seu chan). Cando isto sucede, as augas buscan unha nova saída a través dos poros do solo. E parece que a atoparon baixo o chan do colexio. Se isto se confirma, será imprescindíbel estudar a fondo a nova situación destas augas subterráneas que cambiarían tanto as súas traxectorias como o terreo sobre o que circulan, facéndoo máis permeábel e menos firme.