28/03/2006

Basta xa!


Lamentablemente os nosos mandatarios están por agochar a cabeza ante as ilegalidades urbanísticas que se cometen en Pontedeume, e non só os rexedores locais, que xa se sabe que están por favorecer os intereses dos promotores a cambio ou non de prebendas, senón tamén os responsabeis da Xunta de Galicia que se amosan condescendentes cos seus alcaldes, é dicer, cos que aparentemente defenden a mesma política que o goberno autónomo. Como sempre somos os cidadáns os que temos que involucrar-nos na defensa do medio ambiente e da legalidade urbanística cando por dereito é responsabilidade dos poderes públicos. Para que, se non, están aí? Como se poden interpretar as últimas declaracións do Director Xeral de Urbanismo que proclamaba que a sua Consellaria ia actuar de oficio contra as infraccións anque non hoube-se denúncia particular? Máis ben parece que é unha labor de maquillaxe que pretende facer-nos crer que algo cambiou neste pais cando o único cambio é a linguaxe pero non as intencións. Desta prostitución da linguaxe estamos fartos os cidadáns como estamos fartos de que uns irresponsabeis contribuan a desprestixiar os valores de igualdade e xusticia que sempre foron estandarte das esquerdas. Está-se a facer un dano irreparábel e múltiple a esta sociedade. Deteriora-se o entorno patrimonial das vilas e cidades, esquilman-se os recursos naturais, fomenta-se a corrupción, favorece-se a especulación, estraga-se a calidae de vida, hipoteca-se o futuro das vilas, quebranta-se o sistema democrático...
Hoxe máis que nunca é preciso exixir con veeméncia unha actitude responsábel do goberno galego, unha acción contundente contra os que están a prexudicar os intereses deste pais e dos seus habitantes, por riba da cor política que digan defender. A desidia hoxe é un cancro mañá que non poderá ser extirpado. Esta sociedade ten dereito a ser defendida dos que só buscan desmesuradamente o enriquecemento persoal. Non deberiamos ter que demostrar o evidente mais hai que proclamar que o ben común debe prevalecer por riba dos intereses particulares, por moi obvio que pareza.
E se non son consecuentes co cargo público para o que foron elexidos, que non conten cos cidadáns cando o necesiten. Non temos moitos medios pero queda-nos o desprezo.

09/03/2006

O siléncio

"Para toda clase de males hai dous remedios: o tempo e o siléncio" A. Dumas
Curioso o siléncio daqueles que non hai moito berraban. Berraban contra os que pedian que se respeita-se a legalidade e recibian como resposta os insultos e as mentiras. Cando se denunciaba o carácter ilegal dunha obra, aqueles contestaban que non habia tal ilegalidade, que o que se estaba a dicer non eran máis que tolerias e meteduras de pata; que os que denunciaban agochaban escuros intereses, que non eran demócratas...

Agora que sairon á luz vários documentos que proban o acertado das denúncias, aqueles que berraban quedaron mudos; mudos de estupor, de vergoña. Conscientes de que os errados eran eles e non o sabian por exceso de confianza; a confianza própria dos sobérbios, dos prepotentes e ignorantes. Unha ignoráncia inerente ao poder político cando se exerce desde unha perspectiva de interese persoal e non en beneficio do interese público. Uns rexedores locais que menosprezan aos cidadáns e cren poder facer e desfacer ao seu antollo sen preocupar-se de ofrecer explicacións, como se non se necesitasen.

O que non saben, e deberian saber, é que ás veces os súbditos fartan-se de que as suas preguntas non teñan respostas; que os interpelados marchen de caceria ou insistan en dicer que o verde é vermello presupoñendo o daltonismo dos preguntóns.

Debe ser difícil para este tipo de políticos rectificar e aceitar a realidade por medo a que esta acabe engulindo-os sen consideración ao seu papel altruista en aras do ben común. Por que dar explicacións que non se entenderian habendo razóns de estado que xustifican mesmo o delito? Non hai armas de destrución masiva, como non hai licenzas para construir. Pero iso non debe ser un obstáculo para frear o desenvolvemento natural das sociedades, polo menos das sociedades financieiras.

Cambiaron-se gobernos por mentir, por ignorar, por desprezar, por ocultar; por insultar á intelixéncia allea cando a própria era máis ben escasa. Algúns dos que forzaron eses cambios están agora subidos ao pedestal da autosuficiéncia ignorando o sentir daqueles que exixen unha explicación, agardando, quizais, que pase o tempo que borre da memória os agravios que cometeron. Moi ilusos teñen que ser para pensar así. A memória é un ben preciado e necesário para o progreso. Eles xa non teñen memória; só teñen impulsos.

02/03/2006

Preguntas

Por que o concello non actua cando se denúncia unha obra?
Fai sempre o mesmo sexa quen sexa o infractor?
Que interese hai en consentir?
Por que non se contesta aos requerimentos dos veciños, salvagardando un mínimo decoro democrático?
Por que hai condescendéncia cos promotores inmobiliarios se se sabe que a cudadania está en desacordo coas obras aberrantes?
Por que a Xunta non sempre actua cando se denuncia unha obra?
Por que a Xunta non obriga ao Concello a acatar as suas decisións?
Por que o Concello non acata as ordes da Xunta se sabe que con iso vulnera a legalidade?
Por que os promotores ofrecen "contrapartidas" a cambio de retirar as denúncias?
Por que este ofrecemento fai-se a través dun concelleiro?
Por que o Concello non antepón a legalidade a calquer tipo de amaño?
Por que os promotores teñen datos persoais sobre os cidadáns que denuncian?
Por que o Alcalde non ordea investigar quen do Concello fixo chegar tales datos aos construtores?
A quen hai que facer responsábel se algún dos denunciantes é vítima de ameazas ou agresións?
Por que todas as obras ilegais están en mans da mesma empresa construtora?
Por que esta empresa acomete unha obra ilegal que previamente fora desestimada por un promotor?