28/02/2014

Un alcalde que se burla de todos



Pretender que a oposición aprobe un plan de urbanismo do cal se descoñecen os seus aspectos máis importantes, é supoñer que os concelleiros comulgan con rodas de muiño. O PP vai aprobar o PXOM da forma máis escurantista que cabe. Se hai uns días anunciaba que ía expoñer o novo documento a exposición pública durante tres meses, agora se retracta e nega esa posibilidade. Ademais convoca un pleno sen que os mesmos concelleiros dispuxesen de tempo e medios para desgranar o plan. 

Resumindo, o plan vai ser aprobado sen que ninguén, agás eles e quizais certos promotores, coñeza de que vai. Polas escasas informacións que Consultora Galega ofreceu aos grupos da oposición sábese que no fundamental o documento sufríu numerosas modificacións con respecto ao que foi aprobado inicialmente hai 5 anos. Un feito este que abondaría para que o PXOM fose informado publicamente e sometido ás alegacións correspondentes. 

O pleno de hoxe pasará á historia de Pontedeume como o paradigma dunha acción de goberno caciquil, escurantista e antidemocrática. Algo que ao Sr. Torrente parece non preocuparlle, acostumado como está a tomarlle o pelo á cidadanía.

23/02/2014

Pola devolución do campo de deportes!


Personaxes como este, enemigos da cultura, expropiaron un campo de deportes escolar para utilizalo como aparcadoiro de automóbiles.

17/02/2014

Distintos raseiros

No ano 2001 a Consellaría de Educación denegou o uso do campo de deportes do IES Fraga do Eume como aparcadoiro público. Cal foi a razón? Antes de tomar unha decisión como esa, as autoridades educativas pediron un informe aos servizos xurídicos da Xunta e este foi negativo. Informe, por outra banda,  que avala a opinión da comunidade educativa formada por pais, nais, alumnos e profesores de que esta concesión é ilegal.

Como se explica entón que a mesma Consellaría no ano 2013 decida ceder o campo ao Concello de forma permanente? A explicación é moi clara: nesta ocasión non se pedíu ningún informe aos servizos xurídicos. A decisión foi tomada arbitraria e alegremente polos responsabeis do organismo autonómico. E súa será a responsabilidade se os tribunais deciden dar a razón á ANPA e claustro de profesores.

Por certo, xusto é recoñecer a digna actuación de pais e profesores que saen en defensa do ensino público, un exemplo que debe estenderse nestes tempos de menoscabo dos dereitos cidadáns.

13/02/2014

A comunidade educativa contra a consellaría de educación

Lamentábel é a primeira palabra que se nos ocorre para explicar o que acaba de acontecer no instituto Fraga do Eume. Despois de que a Consellaría de Educación cedese ás pretensións do Concello de Pontedeume de pechar o campo de deportes do instituto para convertilo nun aparcadoiro público, a AMPA e o Claustro do centro decidiron prersentar un contencioso no Tribunal Superior de Xustiza contra a consellaría para recuperar este espazo que pertence, sobre todo, aos alumnos do devandito centro. 


E dicimos lamentábel porque non se entende que, tanto a consellaría como o goberno popular apoiado polos socialistas, decidisen "expropiar" este recinto escolar sen atender as queixas e argumentos da comunidade educativa. Unha administración que non atende as demandas dos administrados non merece ser cualificada de democrática. Ante estes abusos do poder só cabe a xusta intervención do poder xudicial. Iso si, pagando pais e profesores os custos dunha reclamación que, de ter un consistorio responsábel, non debería darse.

Máis información en La Voz de Galicia

10/02/2014

Oportunidades perdidas

Unha boa ocasión para ir erradicando un dos feísmos màis característicos: o cableado eléctrico e telefónico. A rúa Porto estase levantando pero as autoridades esquecen soterrar o cables que tanto afean a imaxe das vilas como Pontedeume: Non é a primeira vez que se levanta unha rúa e se deixa a instalación eléctrica á vista. A sensibilidade dos distintos gobernos locais non dá para tanto. Do que se trata é de ofrecer obras de cara ás eleccións; a calidade das mesmas non importa. Ao fin e ao cabo se hai que repartir prebendas, canto menos se gaste mellor.

05/02/2014

Pokemon, liña directa con Pontedeume

Os pinchazos telefónicos aos que se someteu a Aquagest e responsabeis políticos de diversas cidades galegas destaparon unha rede de corrupción aínda sen resolver. O inxente negocio de Aquagest como concesionaria das redes de abastecemento de auga levou a esta empresa a adoptar maneiras propias da mafia, segundo os responsabeis policiais que a investigaron.

Un exemplo que ilustra ás claras como foi a súa forma de actuar témolo en Compostela. Cando o PP gañou as eleccións, Aquagest empezou a preocuparse por se non podía seguir mantendo os privilexios cos que gozara no mandato socialista. Pero a preocupación non era polo novo alcalde senón polos funcionarios do concello que empezaron a poñer trabas á empresa. Polo visto as vontades dos alcaldes son as máis doadas de vencer, así que os esforzos deben ir encamiñados a defenestrar aos funcionarios incómodos.

En Compostela o secretario e a interventora foron un obstáculo para prorrogar os contratos de Aquagest. Solución expeditiva: o alcalde Conde Roa recorre ao presidente da Xunta e os dous funcionarios son trasladados a outros concellos. 

Pero Compostela é un concello máis dos moitos nos que Aquagest impón prácticas mafiosas. Nas conversas grabadas a responsabeis da empresa e políticos ponse de manifesto as manobras para conseguir a destitución dos funcionarios díscolos. Nunha desas chamadas, José Luis Míguez, directivo de Aquagest, se interesa entre outros pola interventora de Pontedeume. Nalgún caso pide expresamente que se "trinque" a algún funcionario.

Por suposto, ninguén debe relacionar este asunto coa recente substitución da secretaria do Concello de Pontedeume

Máis información en El País

03/02/2014

Ameixa fina

Foto tomada hoxe
Din que as ameixas de Pontedeume, concretamente a variedade fina, son merecedoras de gran prestixio entre os entendidos. O que quizais non saiban tales entendidos é que os viveiros desta especie están sobrealimentados con todo tipo de coliformes, graxas, microorganismos patóxenos, sólidos e nutrientes. A razón? O sistema de saneamento das augas residuais en Pontedeume é tercermundista. Os colectores seguen a depositar as augas directamente na ría; a empresa concesionaria está a recaudar cartos sen investir na modernización do sistema; e o Concello opta por facer mutis polo foro coherentemente coa súa política de favorecer (non se sabe se por contraprestacións inconfesabeis) ás empresas concesionarias, empresas que ocupan a actualidade informativa a causa dos casos de corrupción que protagonizaron en diversos concellos galegos

01/02/2014

Preguntas ociosas do PSdG

No último pleno o PSdG preguntou ao goberno o seguinte:

15ª.- O ANPA do IES Fragas do Eume aprobou na súa última asemblea presentar un Contencioso Administrativo contra a resolución da Consellería de Educación, pola que se outorga a cesión temporal da parcela do centro educativo ao Concello de Pontedeume para o seu uso como aparcadoiro. Teñen coñecemento destes feitos? De ser afirmativa a resposta, que teñen pensado facer ao respecto? Afecta esta decisión a recepción e actuacións de acondicionamento de dita parcela por parte do Concello?

Os socialistas eumeses parecen un pouco despistados, ou fanse os despistados. Eles aprobaron, xunto co PP, a solicitude á Consellaría de Educación da cesión-expropiación do campo de deportes do IES Fraga do Eume. Eles deberían dar respostas a estas preguntas en lugar de plantexalas.


  • Como socios do goberno, neste caso, deberían informar a este dese presunto contencioso que presentarán a ANPA e o Claustro do instituto, se é que non o soubesen.
  •  Que teñen pensado facer? Unha boa pregunta que eles mesmos deben contestar. Que se pode facer cando se toman medidas que son contestadas por toda a comunidade educativa? Sabemos que ao PP non lle preocupa moito manterse á marxe das demandas sociais, pero que pasa cos socialistas?
  • Tampouco saben que as medidas que o Concello debería tomar como contrapartida pola cesión-expropiación foron ignoradas polo alcalde? A que vén agora lamentarse polo abandono do citado campo? Dicir que o estado actual é lamentábel, sería unha apreciación cando menos indulxente.