19/05/2015

O puto amo

Mañá, pola vía dun pleno extraordinario e urxente, vanse aprobar as modificacións que o Concello de Pontedeume (sería mellor dicir Torrente e séquito) introducíu no PXOM por esixencias da Xunta. 

A catro días das eleccións o alcalde non perde oportunidade de exercer de cacique ofrecendo como un logro a aprobación dun plan xeral que durante 8 anos non foi capaz de sacar adiante. Ao igual que as obras que estes días proliferan en Pontedeume, o planeamento urbanístico vai ser aprobado sen as garantías suficientes de legalidade. Primeiro, porque a convocatoria dun pleno extraordinario urxente debe estar suficientemente motivada pois en caso contrario, aínda cun respaldo maioritario da corporación, os acordos adoptados poden ser declarados nulos de pleno dereito. Ademais os concelleiros da oposición deben ser convocados coa antelación suficiente e darlles a oportunidade de acceso aos documentos que se vaian debater, condicións que non cumpre a convocatoria feita onte. Outra razón máis para declarar ilegais os acordos que mañá se poidan adoptar.

Pero a Torrente isto non lle preocupa demasiado afeito como está a actuar como lle diten os seus órganos. Que o plan se aprobe dun xeito ilegal, que sexa froito da improvisación  e hipoteque o futuro de Pontedeume durante moitos anos, non deixa de ser algo secundario ante o supremo interese de gañar as eleccións. O que hai que obxectar desde o punto de vista cidadán é a utilización descarada que se fai dos bens públicos en aras do interese persoal ou partidista. Lembremos o gasto de 85.000 € de diñeiro público para acometer unhas obras de acondicionamento do aparcadoiro cando unha posíbel sentenza xudicial pode dar ao traste co seu uso. Torrente está a usar diñeiro público para sufragar a campaña electoral. Só cabe esperar que a cidadanía de Pontedeume saiba escarmentar aos que presupoñen a ignorancia dos electores.

09/05/2015

Principio de causalidade


A relación de causalidade (non confundir con casualidade) ten en Pontedeume múltiples probas que a validan. A un suceso determinado (efecto) precédelle outro (causa) que o orixina. É o que pasa cando as rúas e prazas están levantadas e as persoas tropezan e caen. O principio de causalidade afirma que todo evento ten unha causa. Nas fotos aparecen a causa e o evento. Claro que para Torrente, na súa infinita sabeduría, a causa pode ser outra. Como lle dixo a outra vítima "hai que mirar por onde se anda". É dicir, a causa pode ser que certas mulleres son parvas e non se fixan por onde camiñan.

08/05/2015

Manifestación e manifesto

Mañá sábado ás 12:00 h partirá unha manifestación desde o IES Fraga do Eume ata a Casa do Concello para reclamar a devolución do campo de deportes para a xuventude eumesa e alumnos do instituto.  Como cidadáns debemos defender os dereitos dos nosos fillos. ACUDIDE




Manifesto da comunidade educativa

Unha vez máis, a comunidade educativa do IES "Fraga do Eume" mobilízase para defender o que consideramos evidente: que non se poden amañar os problemas de aparcamento da Vila de Pontedeume creando novos conflitos e pasando por riba dos dereitos dun grupo de cidadáns que, aínda que sexamos considerados pola autoridade local coma unha minoría a desbotar, non deixamos de ter voz e voto na solución deste contencioso. 

Insistimos dende hai tempo en que o prioritario no deseño dos espazos urbanos non son os coches senón as persoas e que estas teñan acceso a equipamentos deportivos e culturais axeitados. O Alcalde da vila e, especialmente, a Consellaría, seica esqueceron que non existe no ordenamento xurídico o dereito a aparcar no centro da vila (de feito, a tendencia é afastar os coches dos centros urbanos para os humanizar). Pola contra, existe o dereito a unha educación e a uns servizos públicos de calidade. E deberían velar por eles no canto de ceder á presión de determinados grupos locais.

Por todo isto, os aquí presentes manifestamos:

1º Solicitar a paralización das obras iniciadas polo Concello. Estanse a investir 85.000 euros malia seren coñecedores de que a cesión dos terreos está recorrida ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. É posíbel que haxa unha sentenza que obrigue a desfacer as obras iniciadas sen cobertura legal co conseguinte prexuízo para os cartos que aportamos todos os contribuíntes.   

2º Convidar ao Concello, unha vez máis, a que explore outras alternativas que non prexudiquen aos estudantes e usuarios da veciñanza. Somos conscientes de que na Vila de Pontedeume hai serios problemas de aparcamento e que é unha aspiración lexítima amañar esa demanda histórica, pero non se pode facer a calquera prezo e pasando por riba dos dereitos dos escolares ao privalos dun espazo ao aire libre para xogar e facer deporte. 

3º Demandar unha actuación por parte das autoridades locais e autonómicas responsábel dende o punto de vista democrático, que parta da premisa de que o fin nunca xustifica os medios.  Os nosos representantes públicos máis que facer cousas o que deben procurar é facelas ben, sen crear novos conflitos e respectando a legalidade e as persoas. 

Queremos rematar afirmando que o silencio ante o autoritarismo, ante o "isto faise porque si", é o inicio dunha decadencia que sempre leva a un cuarto escuro sen liberdade e tolerancia. E nós, membros dunha comunidade educativa, queremos loitar contra iso.  E a mellor receita que temos é a defensa da educación, da cultura e do deporte, xa que neles sempre hai liberdade, sempre hai porvir, sempre hai a posibilidade de andar pola vida co corpo erguido e coa mente en rebeldía creadora.

Moitas grazas pola vosa voz e a vosa presenza.


07/05/2015

«¡Menos coches e máis deporte!»

O IES Fraga do Eume esixe a devolución do seu antigo campo de fútbol



Armado cun megáfono e un espírito en grao sumo reivindicativo, Xoán García, profesor do IES Fraga do Eume de Pontedeume, foi o encargado de enardecer onte os ánimos na primeira das tres concentracións convocadas polo centro educativo para protestar pola cesión da antiga pista de fútbol do instituto para a súa conversión nun aparcadoiro público. Mentres os operarios traballaban arreo no interior da parcela -que estará lista como zona de estacionamento nuns quince días-, ao redor de oitenta presentas (entre pais, profesores e alumnos) mostraban o seu rexeitamento ao proxecto cunha pancarta na que se podía ler «Aparcadoiro si, pero non aquí».
«Din que somos unha minoría, que non representamos a ninguén, pero tamén somos cidadáns e os nosos dereitos non poden ser pisoteados», exclamaba García megáfono en man. Justo en fronte del, tras a pancarta, varios rostros novos puñan cara á protesta. Entre eles, o de Leticia, alumna dun dos ciclos formativos que se imparten no centro. «A min viríame moi ben este aparcadoiro, porque son da Coruña e todos os días veño en coche a clase, pero prefiro non ter esa comodidade e que os nenos da ESO poidan ter un sitio no que xogar e gozar do seu tempo de lecer», apuntaba a nova. Ao seu lado, Ángela, alumna do ciclo de Panadería, asentía coa cabeza e achegaba outro argumento: «vale que a Pontedeume lle faga falta un aparcadoiro, pero hai tros moitos sitios onde se podería facer; eu estiven aquí en terceiro e cuarto da ESO e puiden gozar do campo de fútbol... ¿Por que se van ter que quedar sen el os nenos que agora veñen ao instituto?».
As nais tamén quixeron facerse oír. «¿Por que todo se ten que facer á conta dos rapaces? A este paso vanse ter que quedar en casa porque non teñen onde xogar», lamentábase unha delas, á vez que aseguraba que a pista non só era utilizada polos alumnos do centro, senón que estaba aberta a todos o pobo. «Ata si quixesen, poderían mellorala, instalando unha zona de xogos e unhas canastras, e así aínda se lle podería dar máis uso», apostilaba a continuación un pai.
Manifestación

Coa protesta de onte, a comunidade educativa do instituto inaugurou un calendario de mobilizacións que proseguirá hoxe e mañá coa celebración doutras dúas concentracións (no mesmo sitio, de 12.10 a 12.30 horas) e que culminará o sábado pola mañá cunha manifestación polas rúas de Pontedeume (ás 12.00 horas). Xoán García confía en que esta última convocatoria atraia a moita máis xente que ás concentracións de onte, hoxe e mañá, xa que a estas non puideron acudir os alumnos da ESO -aos que se non se permitiu saír do centro por ser menores e por razóns de seguridade- nin moitos dos pais dos nenos, por atoparse traballando.

A pesar diso, ás persoas que secundaron a protesta de onte non lles faltou paixón á hora de enarborar as súas reivindicacións. Tras esixir ao unísono «¡Menos coches e máis deporte!», os profesores, pais e alumnos asistentes á protesta acendéronse, entre aplausos e aclamacións, coas palabras pronunciadas por Xoán García: «No sesenta e oito, os estudantes dicían que baixo os adoquines estaba a area da praia e nós dicimos que aí enfrente, debaixo de todo ese cemento, está o noso campo de fútbol».

A Voz de Galiza

06/05/2015

Primeira das concentracións no IES Fraga do Eume

A comunidade educativa do IES Fraga do Eume protesta contra o novo aparcadoiro

Pais, alumnos e profesores concentráronse esta mañá para esixir a devolución da antiga pista de fútbol do centro, que foi cedida pola Xunta ao Concello para a súa transformación nunha zona pública de estacionamento

Foto: José Pardo

Ao berro de consignas como «Aparcadoiro si, pero non aquí» ou «Menos coches e máis deporte», ao redor de oitenta profesores, pais e alumnos do IES Fraga do Eume de Pontedeume manifestáronse esta mañá ás portas do antigo campo de fútbol do centro para mostrar o seu rexeitamento á conversión desta infraestrutura escolar nun aparcadoiro público. Con esta protesta, a comunidade educativa do instituto inaugura un calendario de mobilizacións que proseguirá mañá e o venres con dúas novas concentracións (no mesmo sitio, de 12.10 a 12.30, coincidindo co segundo recreo do centro) e que finalizará o sábado cunha manifestación que percorrerá as rúas de Pontedeume e finalizará fronte ao Concello.

Durante a concentración desta mañá, o profesor Xoán García recordou que o IES Fraga do Eume presentou un contencioso-administrativo contra a Consellería de Educación  por considerar «ilegal» a cesión do campo de fútbol ao Concello de Pontedeume e criticou que, a pesar de non resolverse esa denuncia aínda, as obras do aparcadoiro xa comezaron hai semanas. «Non é de recibo que agora gástense 85.000 euros para facer un aparcadoiro. ¿E se logo ou Tribunal de Xustiza de Galicia nos dá a razón? Pois entón habería que desfacelo e para iso terán que gastar varios miles de euros máis», apuntou García. 

Tanto os pais, como os profesores e alumnos, aseguraron que eles non están en contra do aparcadoiro, senón da localización elixida polo Concello para executar a infraestrutura.

05/05/2015

Mobilizacións para recuperar o campo de deportes


                                                                                          Pontedeume, 4 de maio de 2015  

Prezados membros da comunidade educativa:
O motivo desta circular é informarvos de que  se está a organizar unha manifestación para o sábado 9 de maio ás 12:00 en Pontedeume baixo o lema: "Aparcadoiro si, pero non aquí" para amosar o malestar da nosa comunidade educativa pola decisión unilateral do Concello de Pontedeume de comezar as obras do aparcadoiro municipal no que era o campo de fútbol do noso centro educativo. Os días 6, 7 e 8 de maio de 12:10 a 12:30 haberá tamén una serie de concentracións de profesores, pais e alumnos (autorizados a saír do centro) na entrada do aparcadoiro para protestar contra a decisión da cesión e do comezo das obras. Como sabedes, a Consellaría de Educación decidiu cederlle o campo de fútbol ao Concello de Pontedeume como aparcadoiro municipal, decisión que foi recorrida pola nosa comunidade educativa perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Antes de que haxa un pronunciamento do Tribunal, o Concello decidiu comezar unas obras valoradas en 85.000 euros que é posible que teña que desfacer se gañamos o recurso co coinseguinte prexuizo para os cartos que aportamos todos os contribuíntes. Parécenos una actitude prepotente e temeraria xa que se podía ter esperado a que o alto tribunal galego decidise se procede ou non a nosa reclamación.    
                                                                                                                  A manifestación faise un sábado porque queremos desvincular este acto da actividade lectiva e para que non haxa dúbida de que os alumnos que asistan á mobilización é por vontade propia e non porque están a ser instrumentalizados polos profesores. As concentracións serán tamén durante o recreo dos alumnos e só poderán asistir os maiores de idade e os que teñan autorización para saír do centro.

          O percorrido da manifestación será o mesmo que o do ano pasado, procederemos a lectura dun manifesto por parte dun alumno/a  e remataremos cunha "pitada arbitral" contra a decisión do Alcalde e da Consellaría por "xogo sucio" no campo de fútbol.

         Como podedes ver solicitamos un pouco do voso merecido tempo de descanso desa fin de semana para unha causa que paga a pena. Ese día haberá feira en Pontedeume así que tamén podedes aproveitar o día para dar un paseo coa familia pola vila (se vides con ela moito mellor xa que así seremos máis). A convocatoria é para todos os pais, nais, alumnos e profesores así como para todas aquelas persoas que poidades traer e que estean contra este tipo de abusos da Administración. Será unha manifestación totalmente cidadá, onde a presenza sindical ou política (non están convocados pero poden vir se así o desexan) será a título persoal e non terán voz no acto. Aínda que a cesión do campo é unha decisión política non queremos entrar nas liortas partidarias xa que nestes casos creo que acaban por viciar ou instrumentalizar as lexítimas demandas dos cidadáns, especialmente nestes tempos preelectorais.


Moitas grazas polo voso tempo e contamos coa vosa presenza activa nesta mobilización polos dereitos dos nosos escolares.