6 de maio de 2015

Primeira das concentracións no IES Fraga do Eume

A comunidade educativa do IES Fraga do Eume protesta contra o novo aparcadoiro

Pais, alumnos e profesores concentráronse esta mañá para esixir a devolución da antiga pista de fútbol do centro, que foi cedida pola Xunta ao Concello para a súa transformación nunha zona pública de estacionamento

Foto: José Pardo

Ao berro de consignas como «Aparcadoiro si, pero non aquí» ou «Menos coches e máis deporte», ao redor de oitenta profesores, pais e alumnos do IES Fraga do Eume de Pontedeume manifestáronse esta mañá ás portas do antigo campo de fútbol do centro para mostrar o seu rexeitamento á conversión desta infraestrutura escolar nun aparcadoiro público. Con esta protesta, a comunidade educativa do instituto inaugura un calendario de mobilizacións que proseguirá mañá e o venres con dúas novas concentracións (no mesmo sitio, de 12.10 a 12.30, coincidindo co segundo recreo do centro) e que finalizará o sábado cunha manifestación que percorrerá as rúas de Pontedeume e finalizará fronte ao Concello.

Durante a concentración desta mañá, o profesor Xoán García recordou que o IES Fraga do Eume presentou un contencioso-administrativo contra a Consellería de Educación  por considerar «ilegal» a cesión do campo de fútbol ao Concello de Pontedeume e criticou que, a pesar de non resolverse esa denuncia aínda, as obras do aparcadoiro xa comezaron hai semanas. «Non é de recibo que agora gástense 85.000 euros para facer un aparcadoiro. ¿E se logo ou Tribunal de Xustiza de Galicia nos dá a razón? Pois entón habería que desfacelo e para iso terán que gastar varios miles de euros máis», apuntou García. 

Tanto os pais, como os profesores e alumnos, aseguraron que eles non están en contra do aparcadoiro, senón da localización elixida polo Concello para executar a infraestrutura.