08/05/2015

Manifestación e manifesto

Mañá sábado ás 12:00 h partirá unha manifestación desde o IES Fraga do Eume ata a Casa do Concello para reclamar a devolución do campo de deportes para a xuventude eumesa e alumnos do instituto.  Como cidadáns debemos defender os dereitos dos nosos fillos. ACUDIDE




Manifesto da comunidade educativa

Unha vez máis, a comunidade educativa do IES "Fraga do Eume" mobilízase para defender o que consideramos evidente: que non se poden amañar os problemas de aparcamento da Vila de Pontedeume creando novos conflitos e pasando por riba dos dereitos dun grupo de cidadáns que, aínda que sexamos considerados pola autoridade local coma unha minoría a desbotar, non deixamos de ter voz e voto na solución deste contencioso. 

Insistimos dende hai tempo en que o prioritario no deseño dos espazos urbanos non son os coches senón as persoas e que estas teñan acceso a equipamentos deportivos e culturais axeitados. O Alcalde da vila e, especialmente, a Consellaría, seica esqueceron que non existe no ordenamento xurídico o dereito a aparcar no centro da vila (de feito, a tendencia é afastar os coches dos centros urbanos para os humanizar). Pola contra, existe o dereito a unha educación e a uns servizos públicos de calidade. E deberían velar por eles no canto de ceder á presión de determinados grupos locais.

Por todo isto, os aquí presentes manifestamos:

1º Solicitar a paralización das obras iniciadas polo Concello. Estanse a investir 85.000 euros malia seren coñecedores de que a cesión dos terreos está recorrida ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. É posíbel que haxa unha sentenza que obrigue a desfacer as obras iniciadas sen cobertura legal co conseguinte prexuízo para os cartos que aportamos todos os contribuíntes.   

2º Convidar ao Concello, unha vez máis, a que explore outras alternativas que non prexudiquen aos estudantes e usuarios da veciñanza. Somos conscientes de que na Vila de Pontedeume hai serios problemas de aparcamento e que é unha aspiración lexítima amañar esa demanda histórica, pero non se pode facer a calquera prezo e pasando por riba dos dereitos dos escolares ao privalos dun espazo ao aire libre para xogar e facer deporte. 

3º Demandar unha actuación por parte das autoridades locais e autonómicas responsábel dende o punto de vista democrático, que parta da premisa de que o fin nunca xustifica os medios.  Os nosos representantes públicos máis que facer cousas o que deben procurar é facelas ben, sen crear novos conflitos e respectando a legalidade e as persoas. 

Queremos rematar afirmando que o silencio ante o autoritarismo, ante o "isto faise porque si", é o inicio dunha decadencia que sempre leva a un cuarto escuro sen liberdade e tolerancia. E nós, membros dunha comunidade educativa, queremos loitar contra iso.  E a mellor receita que temos é a defensa da educación, da cultura e do deporte, xa que neles sempre hai liberdade, sempre hai porvir, sempre hai a posibilidade de andar pola vida co corpo erguido e coa mente en rebeldía creadora.

Moitas grazas pola vosa voz e a vosa presenza.