21/04/2010

Tirar a pedra e esconder a man

Iso parece ser o que fai a asociación de comerciantes eumeses UCOA. Primeiro recolle sinaturas para solicitar ao Concello unha urxente solución ao que eles, os comerciantes, consideran o máis grave problema ao que se enfronta o seu sector: a falta de aparcadoiros. Reivindicación lexítima aínda que discrepemos da existencia do problema. O que xa non é admisíbel é que no texto de recollida de sinaturas non se mencionase que a solución que UCOA procuraba era utilizar un campo de deportes dun recinto escolar como aparcadoiro. A ocultación deste dato buscaba conseguir o maior número posíbel de adhesións entre os veciños da vila. 

UCOA non só ocultou a verdadeira intención que se agochaba na vaga esixencia de aparcadoiros para Pontedeume senón que mesmo negou ter pedido o campo de deportes para convertilo nun  parking permanente. Sabemos que isto tamén é falso  pois hai varias semanas enviou un escrito á Consellaría de Educación para solicitar o uso de dito recinto como aparcadoiro.

Pero a falta de honestidade da asociación empresarial cos veciños e clientes terá un efecto negativo a curto prazo. Incapaces de reflexionar con autocrítica sobre a crise do sector, apostan por terxiversar as verdadeiras causas desa crise sen importarlles manipular o sentir dos veciños. Centrarse na falta de aparcadoiros, omitindo o auxe dos centros comerciais, a atención especializada que o pequeno comercio debe ofrecer, a oferta dun produto exclusivo e a existencia dun casco histórico como motor  empresarial, condena aos comerciantes a dar paus de cego sen comprender os factores que inciden na boa ou mala racha dos seus negocios.

14/04/2010

Outro 14 de abril



Unha república é unha condición necesaria, aínda que non sexa suficiente, para acadar maiores cotas de democracia. Para que os gobernos locais se ateñan ás leis por riba dos intereses partidistas ou persoais. Para que a conservación do medio ambiente sexa unha prioridade real. Para que o patrimonio cultural das vilas sexa respectado ao máximo. En suma, para desterrar dunha vez os vellos hábitos corruptos dun sistema que dende o franquismo non se erradicaron con seriedade. As consecuencias dunha transición que respectou o aparato do vello sistema, estamos a pagalas cada día. Algo que podemos comprobar se seguimos a actualidade política do país.