3 de set. de 2015

c'est fini

Dez anos escribindo neste blog é moito tempo, sobre todo se se fai tendo como núcleo central a defensa do patrimonio e do medio ambiente. Que só estes temas dean para tanto dá unha idea da situación na que se atopan un e outro, da necesidade de que os representantes das distintas administracións os incorporen á súa axenda. En suma, que o sentido común impere sobre os intereses espúrios da política.

Mais chega un momento no que compre facer mutis polo foro, relativizar certas cuestións e desexar que outras páxinas ou foros sigan debatendo, cuestionando e mesmo ofrecendo solucións aos graves problemas que ameazan o noso entorno. Non deixar que as cousas discorresen segundo os ditados daqueles que sacan beneficios da deterioración do medio ambiente foi sempre a premisa que guiou as entradas deste blog e froito diso creouse o colectivo Fusquenlla que dalgún xeito incidíu, aínda que modestamente, na consecución dunha conciencia ecolóxica.

Agora toca un pouco de hixiene mental; repensar; resituar os problemas, os intereses e as necesidades nun novo mapa. Cando se leva tanto tempo defendendo o que a uns parécenos obvio pero a outros sóalles a quimera, convén alonxarse do establecido e comunmente aceptado para evitar a frustración ou, o que é peor, o contaxio. Ás veces un retiro é a mellor terapia. Sobre todo cando se chegou ao convencimento de que os cascos históricos, o litoral, os parques naturais ou a calidade das augas non son os únicos elementos a protexer. Hai outros espazos que deben ser protexidos.

25 de ago. de 2015

As chapuzas, unha maldición eumesa

Despois de moitos anos, décadas, por fin logrouse que Pontedeume teña beirarrúas na estrada de Centroña, mellor dito, en parte desa estrada. Mais se o feito de que non abarquen todo o paseo ata Centroña xa é deleznábel, máis éo aínda que as obras que se acometen sexan unha auténtica chapuza digna dun xulgado de garda se estivésemos nun país civilizado-

Resulta que se vostede quere chegar desde Pontedeume ata Caldagueiro, nun tramo de 100 metros terá que cambiar de beirarrúa dúas veces por cadanseus pasos de cebra. Iso supón un perigo evidente para calquera peón que transite pola estrada cando o obxectivo das obras non era outro que facilitar a seguridade dos peóns. Pero Concello e Deputación só ven nas obras un xeito de "cumprir" cos cidadáns nunha vella reivindicación aínda que só sexa pura apariencia.


Unha proba do escaso interese que teñen os responsabeis da administración en actuar conforme á lexislación e en beneficio da comunidade témola en que hoxe mesmo atrevéronse a extirpar un teixo que unha comunidade de veciños tiña dentro da súa propiedade. E fixérono sen permiso da comunidade e sen proceder a unha cando menos educada obriga de comunicarllo a esta. Unha vez máis os que están ao fronte dos organismo públicos, supostamente para facer valer os dereitos dos cidadáns, son os primeiros que os pisotean. Mal vamos se estes feitos se repiten ata a saciedade sen resposta e sen castigo.

18 de ago. de 2015

O diktado de Alemania (Ignacio Ramonet)

Unha interpretación realista da crise social que sacude a Europa en palabras de Ignacio Ramonet. Pode parecer pesimista e serao se os cidadáns aceptan como algo irreversible a dictadura dos mercados, o fin da democracia. Pero pode suceder que se dea una explosión social que devolva a soberanía ás xentes dun continente que outrora foi adaíl da democracia.

Ler artigo

18 de xul. de 2015

Non máis réquiems

Pontedeume gozaba ata agora do raro privilexio de ter tres árbores que figuran no catálogo de árbores senlleiras de Galiza: o teixo do paseo marítimo, a araucaria da casa dos Tenreiro e o metrosidero do xardín de Lombardero. 

Polo máis coñecido, o teixo, xa se entonou un réquiem. Unha mágoa que algo que poido ser evitado hai anos cando diversos colectivos ecoloxistas alertaron da deterioración deste exemplar de 400 anos foi ignorado polas autoridades locais e Xunta de Galiza. Mais os alcaldes non están dotados de sensibilidade polo medioambiente aínda que si sobradamente preocupados pola construción de rotondas, aparcadoiros e paseos marítimos (Torrente rabenou un teixo á entrada da vila para construír unha rotonda). E Pontedeume sufríu como tantas vilas e concellos o pernicioso efecto de distintos rexedores que se distinguiron como depredadores do territorio.

Feitos como estes poden volver a repetirse, neste caso afectando á araucaria do xardín dos Tenreiro. Unha simple ollada a este exemplar abonda para ver como aparecen os primeiros síntomas dunha enfermidade que seca a súa copa. Unha enfermidade que se agrava coa que sofren os responsabeis destas situacións: o desleixo. As autoridades teñen a obriga de preservar o patrimonio que representan estas árbores merecedoras dunha especial protección.


15 de xul. de 2015

Réquiem por unha árbore

Un informe sinala a inutilidade de calquera actuación para a recuperación dun teixo con varios séculos de historia de Pontedeume, prexudicado pola construción dun paseo marítimo

Ver máis:
http://www.eldiario.es/galicia/Requiem-arbol_0_409459892.html

6 de xul. de 2015

Continuismo

Dous son os grandes retos aos que se enfronta Pontedeume na actualidade: o PXOM e o mercado municipal. Sobre estes dous proxectos pende o futuro económico da nosa vila. E na elaboración deles parece que os alcaldes non son os principais protagonistas senón máis ben os executores ao servizo de ocultos intereses que outros impoñen ao consistorio.

O novo alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, non precisou dos 100 días que se lles dá aos novos gobernantes para que demostren a sinceridade das promesas electorais. El mesmo xa se decantou por contravir as promesas que fixo en campaña naqueles dous temas que máis honestidade requerían.

Durante as mobilizacións dos praceiros a raiz do peche do mercado municipal o representante do PSdG non se cansou de repetir que o proxecto de Torrente era inviábel dada a inexistencia dun convenio coa Xunta que garantise os máis de 2 millóns de euros necesarios para acometer as obras. Laiábase Bernardo Fernández que o alcalde (Torrente) continúe “empecinado” nun proxecto orzamentado en máis de 2,5 millóns de euros non optando, tal e como lle propuxemos en moitas ocasións, por unha actuación máis humilde, e polo tanto cun custe inferior, a fin de non eternizar a obra dun edificio que, tendo en conta a súa importancia e atractivo comercial, non pode permanecer pechado de forma indefinida. En menos de dous meses o xa alcalde socialista mudou de parecer e decántase polo proxecto herdado de Torrente, é dicir, agardar que haxa financiamento para unha remodelación completa do mercado. Se o compromiso da Xunta con Torrente era fume electoral, que lle leva a pensar que o PSdG si vai obter o financiamento?

Mais non é esta a única proba de que as tomas de poder mudan as perspectivas dos mandatarios. Se os socialistas queixábanse da premura da que fixo gala Torrente para aprobar o PXOM nun pleno extraordinario convocado de forma irregular e ilegal, tachando a medida de propaganda electoral e reclamando unha lectura pormenorizada das correccións introducidas con nucturnidade e alevosía, se esas queixas fosen sinceras cabería esperar do novo goberno a paralización ou anulación desas correccións e a súa revisión antes de mandalas á Xunta para a aprobación definitiva do PXOM. Mais nada disto vai suceder, e Bernardo Fernández optou por mandar o texto elaborado polo PP aínda que admite que non lle gusta.

Cabe preguntarse para que elexir un novo alcalde que lexisla cos criterios do anterior. Cabe preguntarse como é posíbel que en tan poucas semanas as expectativas depositadas neste equipo xa se tornen en fracaso naqueles temas que son unha prioridade para Pontedeume.  Unha vez máis a mesma canción de sempre, a que entonan políticos que, lonxe de buscar solucións para o concello, procuran facer carreira dentro dunhas siglas que non representan á cidadanía. Unha vez máis os mesmos cadelos con distintos colares.


3 de xul. de 2015

Lei mordaza (II)

Fotografías como esta, premio Púlitzer 1969, axudaron a rematar coa guerra do Vietnam. Porén ao goberno de EE.UU. non se lle ocorreu ditar unha lei mordaza para impedir a difusión de fotos que cuestionaban o seu papel naquela maldita guerra. Rajoy, adalide do neofranquismo, teno máis claro.

19 de maio de 2015

O puto amo

Mañá, pola vía dun pleno extraordinario e urxente, vanse aprobar as modificacións que o Concello de Pontedeume (sería mellor dicir Torrente e séquito) introducíu no PXOM por esixencias da Xunta. 

A catro días das eleccións o alcalde non perde oportunidade de exercer de cacique ofrecendo como un logro a aprobación dun plan xeral que durante 8 anos non foi capaz de sacar adiante. Ao igual que as obras que estes días proliferan en Pontedeume, o planeamento urbanístico vai ser aprobado sen as garantías suficientes de legalidade. Primeiro, porque a convocatoria dun pleno extraordinario urxente debe estar suficientemente motivada pois en caso contrario, aínda cun respaldo maioritario da corporación, os acordos adoptados poden ser declarados nulos de pleno dereito. Ademais os concelleiros da oposición deben ser convocados coa antelación suficiente e darlles a oportunidade de acceso aos documentos que se vaian debater, condicións que non cumpre a convocatoria feita onte. Outra razón máis para declarar ilegais os acordos que mañá se poidan adoptar.

Pero a Torrente isto non lle preocupa demasiado afeito como está a actuar como lle diten os seus órganos. Que o plan se aprobe dun xeito ilegal, que sexa froito da improvisación  e hipoteque o futuro de Pontedeume durante moitos anos, non deixa de ser algo secundario ante o supremo interese de gañar as eleccións. O que hai que obxectar desde o punto de vista cidadán é a utilización descarada que se fai dos bens públicos en aras do interese persoal ou partidista. Lembremos o gasto de 85.000 € de diñeiro público para acometer unhas obras de acondicionamento do aparcadoiro cando unha posíbel sentenza xudicial pode dar ao traste co seu uso. Torrente está a usar diñeiro público para sufragar a campaña electoral. Só cabe esperar que a cidadanía de Pontedeume saiba escarmentar aos que presupoñen a ignorancia dos electores.

9 de maio de 2015

Principio de causalidade


A relación de causalidade (non confundir con casualidade) ten en Pontedeume múltiples probas que a validan. A un suceso determinado (efecto) precédelle outro (causa) que o orixina. É o que pasa cando as rúas e prazas están levantadas e as persoas tropezan e caen. O principio de causalidade afirma que todo evento ten unha causa. Nas fotos aparecen a causa e o evento. Claro que para Torrente, na súa infinita sabeduría, a causa pode ser outra. Como lle dixo a outra vítima "hai que mirar por onde se anda". É dicir, a causa pode ser que certas mulleres son parvas e non se fixan por onde camiñan.

8 de maio de 2015

Manifestación e manifesto

Mañá sábado ás 12:00 h partirá unha manifestación desde o IES Fraga do Eume ata a Casa do Concello para reclamar a devolución do campo de deportes para a xuventude eumesa e alumnos do instituto.  Como cidadáns debemos defender os dereitos dos nosos fillos. ACUDIDE




Manifesto da comunidade educativa

Unha vez máis, a comunidade educativa do IES "Fraga do Eume" mobilízase para defender o que consideramos evidente: que non se poden amañar os problemas de aparcamento da Vila de Pontedeume creando novos conflitos e pasando por riba dos dereitos dun grupo de cidadáns que, aínda que sexamos considerados pola autoridade local coma unha minoría a desbotar, non deixamos de ter voz e voto na solución deste contencioso. 

Insistimos dende hai tempo en que o prioritario no deseño dos espazos urbanos non son os coches senón as persoas e que estas teñan acceso a equipamentos deportivos e culturais axeitados. O Alcalde da vila e, especialmente, a Consellaría, seica esqueceron que non existe no ordenamento xurídico o dereito a aparcar no centro da vila (de feito, a tendencia é afastar os coches dos centros urbanos para os humanizar). Pola contra, existe o dereito a unha educación e a uns servizos públicos de calidade. E deberían velar por eles no canto de ceder á presión de determinados grupos locais.

Por todo isto, os aquí presentes manifestamos:

1º Solicitar a paralización das obras iniciadas polo Concello. Estanse a investir 85.000 euros malia seren coñecedores de que a cesión dos terreos está recorrida ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. É posíbel que haxa unha sentenza que obrigue a desfacer as obras iniciadas sen cobertura legal co conseguinte prexuízo para os cartos que aportamos todos os contribuíntes.   

2º Convidar ao Concello, unha vez máis, a que explore outras alternativas que non prexudiquen aos estudantes e usuarios da veciñanza. Somos conscientes de que na Vila de Pontedeume hai serios problemas de aparcamento e que é unha aspiración lexítima amañar esa demanda histórica, pero non se pode facer a calquera prezo e pasando por riba dos dereitos dos escolares ao privalos dun espazo ao aire libre para xogar e facer deporte. 

3º Demandar unha actuación por parte das autoridades locais e autonómicas responsábel dende o punto de vista democrático, que parta da premisa de que o fin nunca xustifica os medios.  Os nosos representantes públicos máis que facer cousas o que deben procurar é facelas ben, sen crear novos conflitos e respectando a legalidade e as persoas. 

Queremos rematar afirmando que o silencio ante o autoritarismo, ante o "isto faise porque si", é o inicio dunha decadencia que sempre leva a un cuarto escuro sen liberdade e tolerancia. E nós, membros dunha comunidade educativa, queremos loitar contra iso.  E a mellor receita que temos é a defensa da educación, da cultura e do deporte, xa que neles sempre hai liberdade, sempre hai porvir, sempre hai a posibilidade de andar pola vida co corpo erguido e coa mente en rebeldía creadora.

Moitas grazas pola vosa voz e a vosa presenza.


7 de maio de 2015

«¡Menos coches e máis deporte!»

O IES Fraga do Eume esixe a devolución do seu antigo campo de fútbol



Armado cun megáfono e un espírito en grao sumo reivindicativo, Xoán García, profesor do IES Fraga do Eume de Pontedeume, foi o encargado de enardecer onte os ánimos na primeira das tres concentracións convocadas polo centro educativo para protestar pola cesión da antiga pista de fútbol do instituto para a súa conversión nun aparcadoiro público. Mentres os operarios traballaban arreo no interior da parcela -que estará lista como zona de estacionamento nuns quince días-, ao redor de oitenta presentas (entre pais, profesores e alumnos) mostraban o seu rexeitamento ao proxecto cunha pancarta na que se podía ler «Aparcadoiro si, pero non aquí».
«Din que somos unha minoría, que non representamos a ninguén, pero tamén somos cidadáns e os nosos dereitos non poden ser pisoteados», exclamaba García megáfono en man. Justo en fronte del, tras a pancarta, varios rostros novos puñan cara á protesta. Entre eles, o de Leticia, alumna dun dos ciclos formativos que se imparten no centro. «A min viríame moi ben este aparcadoiro, porque son da Coruña e todos os días veño en coche a clase, pero prefiro non ter esa comodidade e que os nenos da ESO poidan ter un sitio no que xogar e gozar do seu tempo de lecer», apuntaba a nova. Ao seu lado, Ángela, alumna do ciclo de Panadería, asentía coa cabeza e achegaba outro argumento: «vale que a Pontedeume lle faga falta un aparcadoiro, pero hai tros moitos sitios onde se podería facer; eu estiven aquí en terceiro e cuarto da ESO e puiden gozar do campo de fútbol... ¿Por que se van ter que quedar sen el os nenos que agora veñen ao instituto?».
As nais tamén quixeron facerse oír. «¿Por que todo se ten que facer á conta dos rapaces? A este paso vanse ter que quedar en casa porque non teñen onde xogar», lamentábase unha delas, á vez que aseguraba que a pista non só era utilizada polos alumnos do centro, senón que estaba aberta a todos o pobo. «Ata si quixesen, poderían mellorala, instalando unha zona de xogos e unhas canastras, e así aínda se lle podería dar máis uso», apostilaba a continuación un pai.
Manifestación

Coa protesta de onte, a comunidade educativa do instituto inaugurou un calendario de mobilizacións que proseguirá hoxe e mañá coa celebración doutras dúas concentracións (no mesmo sitio, de 12.10 a 12.30 horas) e que culminará o sábado pola mañá cunha manifestación polas rúas de Pontedeume (ás 12.00 horas). Xoán García confía en que esta última convocatoria atraia a moita máis xente que ás concentracións de onte, hoxe e mañá, xa que a estas non puideron acudir os alumnos da ESO -aos que se non se permitiu saír do centro por ser menores e por razóns de seguridade- nin moitos dos pais dos nenos, por atoparse traballando.

A pesar diso, ás persoas que secundaron a protesta de onte non lles faltou paixón á hora de enarborar as súas reivindicacións. Tras esixir ao unísono «¡Menos coches e máis deporte!», os profesores, pais e alumnos asistentes á protesta acendéronse, entre aplausos e aclamacións, coas palabras pronunciadas por Xoán García: «No sesenta e oito, os estudantes dicían que baixo os adoquines estaba a area da praia e nós dicimos que aí enfrente, debaixo de todo ese cemento, está o noso campo de fútbol».

A Voz de Galiza

6 de maio de 2015

Primeira das concentracións no IES Fraga do Eume

A comunidade educativa do IES Fraga do Eume protesta contra o novo aparcadoiro

Pais, alumnos e profesores concentráronse esta mañá para esixir a devolución da antiga pista de fútbol do centro, que foi cedida pola Xunta ao Concello para a súa transformación nunha zona pública de estacionamento

Foto: José Pardo

Ao berro de consignas como «Aparcadoiro si, pero non aquí» ou «Menos coches e máis deporte», ao redor de oitenta profesores, pais e alumnos do IES Fraga do Eume de Pontedeume manifestáronse esta mañá ás portas do antigo campo de fútbol do centro para mostrar o seu rexeitamento á conversión desta infraestrutura escolar nun aparcadoiro público. Con esta protesta, a comunidade educativa do instituto inaugura un calendario de mobilizacións que proseguirá mañá e o venres con dúas novas concentracións (no mesmo sitio, de 12.10 a 12.30, coincidindo co segundo recreo do centro) e que finalizará o sábado cunha manifestación que percorrerá as rúas de Pontedeume e finalizará fronte ao Concello.

Durante a concentración desta mañá, o profesor Xoán García recordou que o IES Fraga do Eume presentou un contencioso-administrativo contra a Consellería de Educación  por considerar «ilegal» a cesión do campo de fútbol ao Concello de Pontedeume e criticou que, a pesar de non resolverse esa denuncia aínda, as obras do aparcadoiro xa comezaron hai semanas. «Non é de recibo que agora gástense 85.000 euros para facer un aparcadoiro. ¿E se logo ou Tribunal de Xustiza de Galicia nos dá a razón? Pois entón habería que desfacelo e para iso terán que gastar varios miles de euros máis», apuntou García. 

Tanto os pais, como os profesores e alumnos, aseguraron que eles non están en contra do aparcadoiro, senón da localización elixida polo Concello para executar a infraestrutura.

5 de maio de 2015

Mobilizacións para recuperar o campo de deportes


                                                                                          Pontedeume, 4 de maio de 2015  

Prezados membros da comunidade educativa:
O motivo desta circular é informarvos de que  se está a organizar unha manifestación para o sábado 9 de maio ás 12:00 en Pontedeume baixo o lema: "Aparcadoiro si, pero non aquí" para amosar o malestar da nosa comunidade educativa pola decisión unilateral do Concello de Pontedeume de comezar as obras do aparcadoiro municipal no que era o campo de fútbol do noso centro educativo. Os días 6, 7 e 8 de maio de 12:10 a 12:30 haberá tamén una serie de concentracións de profesores, pais e alumnos (autorizados a saír do centro) na entrada do aparcadoiro para protestar contra a decisión da cesión e do comezo das obras. Como sabedes, a Consellaría de Educación decidiu cederlle o campo de fútbol ao Concello de Pontedeume como aparcadoiro municipal, decisión que foi recorrida pola nosa comunidade educativa perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Antes de que haxa un pronunciamento do Tribunal, o Concello decidiu comezar unas obras valoradas en 85.000 euros que é posible que teña que desfacer se gañamos o recurso co coinseguinte prexuizo para os cartos que aportamos todos os contribuíntes. Parécenos una actitude prepotente e temeraria xa que se podía ter esperado a que o alto tribunal galego decidise se procede ou non a nosa reclamación.    
                                                                                                                  A manifestación faise un sábado porque queremos desvincular este acto da actividade lectiva e para que non haxa dúbida de que os alumnos que asistan á mobilización é por vontade propia e non porque están a ser instrumentalizados polos profesores. As concentracións serán tamén durante o recreo dos alumnos e só poderán asistir os maiores de idade e os que teñan autorización para saír do centro.

          O percorrido da manifestación será o mesmo que o do ano pasado, procederemos a lectura dun manifesto por parte dun alumno/a  e remataremos cunha "pitada arbitral" contra a decisión do Alcalde e da Consellaría por "xogo sucio" no campo de fútbol.

         Como podedes ver solicitamos un pouco do voso merecido tempo de descanso desa fin de semana para unha causa que paga a pena. Ese día haberá feira en Pontedeume así que tamén podedes aproveitar o día para dar un paseo coa familia pola vila (se vides con ela moito mellor xa que así seremos máis). A convocatoria é para todos os pais, nais, alumnos e profesores así como para todas aquelas persoas que poidades traer e que estean contra este tipo de abusos da Administración. Será unha manifestación totalmente cidadá, onde a presenza sindical ou política (non están convocados pero poden vir se así o desexan) será a título persoal e non terán voz no acto. Aínda que a cesión do campo é unha decisión política non queremos entrar nas liortas partidarias xa que nestes casos creo que acaban por viciar ou instrumentalizar as lexítimas demandas dos cidadáns, especialmente nestes tempos preelectorais.


Moitas grazas polo voso tempo e contamos coa vosa presenza activa nesta mobilización polos dereitos dos nosos escolares.


26 de abr. de 2015

Verborrea electoral

O goberno eumés de Gabriel Torrente adoece de moitos defectos pero quizais o máis arrepiante é  o nulo respecto polos espazos naturais e o medio ambiente. Unha alameda histórica ateigada de vehículos, un campo deportivo convertido en aparcadoiro, a tala dun teixo incompatíbel cunha rotonda, muros de formigón ocultando a paisaxe, etc, etc. E de repente caen na conta de que estamos en período preelectoral e convén cambiar a linguaxe. Despois de oito anos sen inmutarse pola deterioración do teixo dos Tenreiro, de facer oídos xordos ás denuncias dos colectivos ecoloxistas que alertaban dunha perda irreparábel, resulta que deciden converterse en abandeirados na defensa desta árbore senlleira. 

Publica La Voz de Torrente, por boca do seu erudito concelleiro D. Javier Crespo, que están preocupados pola situación do teixo e así llelo comunican á Consellaría de Medio Ambiente. Crespo permítese diagnosticar que "non se trata dun problema de desidia nin abandono, senón que vén determinado, en gran medida, pola idade natural da árbore" desmentindo así os informes dos expertos  da estación fitopatoloxica de Pontevedra.

A proximidade das eleccións obriga aos grupos políticos a transmitir mensaxes a unha cidadanía receptiva e os representantes daqueles, profesionais da demagoxia, están dispostos a proclamar aquilo que os electores queren escoitar. O que ignoran é o cansazo do espectador farto de escoitar discursos de Coresma por parte dos que celebran o Carnaval.


20 de abr. de 2015

Indecente propaganda electoral

Cando o alcalde de Pontedeume necesita pregoar aos catro ventos calquera panfleto electoral que se lle ocorra, non ten mais que acudir aos medios de comunicación para que, sumisamente, o fagan. 

La Voz de Galicia publica a un mes das eleccións minucipais toda unha serie de obras que Torrente vai acometer para limpar a imaxe negativa adquirida durante 8 anos de inactividade. Agora tócalle o turno ao mercado municipal do que se dí vai ser un referente económico e turístico para Pontedeume. Obvia, iso si, o dano irreparábel que supuxo para a economía local o peche inxustificado do anterior mercado.  

O proxecto, curiosamente, está asinado polo mesmo arquitecto responsábel do PXOM, do cal sabemos que non consiguíu o visto bo da Xunta para ser aprobado definitivamente. Quizais pola cantidade escandalosa de recalificacións urbanísticas que buscan favorecer intereses privados en lugar de beneficios publicos. 

Caben moitas preguntas, deixando de lado a vergoñenta utilización do reclamo electoral. Por que se decide encargar a un estudo de arquitectura un proxecto que xa existía e fora elaborado por Mercasa. Como se xustifica un gasto desta natureza sen dar pábulo a pensar en posibeis corruptelas? Por que non se fan público os acordos asinados cas distintas administracións que van sufragar s obras do mercado? Por que o mercado leva máis dun ano pechado, arruinando a moitas familias que del dependían, e non se procedeu a iniciar antes a rehabilitación? 

Todo este asunto sobrepasa conceptos como oportunismo, falsedade ou burla á cidadanía de Pontedeume. Cando os prexuizos se miden en postos de traballo, pequenos negocios pechados e miseria, entón xa rozan a indecencia. E desde logo este equipo de goberno deu mostras de ser o máis indecente de cantos pasaron polo noso concello.

16 de abr. de 2015

As raíces da corrupción



Non sei se noutros países pode darse tanto despropósito; non sei se a cidadanía é consciente da manipulación á que  é sometida por parte do poder político; non sei se existe alternativa a curto prazo para que unha sociedade sexa libre de decidir por se mesma o seu destino. O que si é certo é que mentres os que detentan o poder o fagan con criterios mesquiños e á marxe da legalidade, non imos avanzar na consecución dunha sociedade máis democrática.

Hai varios anos, cando gobernaba na Xunta o bipartito, o entón alcalde socialista de Pontedeume solicitou as autoridades educativas o uso do campo de deportes do IES Fraga do Eume como aparcadoiro. Un informe xurídico encargado polos responsabeis de Educación concluíu que dita cesión non se axustaba á lei que regulaba, e regula, o uso ao que estaban destinados os recintos escolares. Daquela impúxose o criterio legal sobre o a demanda interesada do Concello. Porén, cambian os gobernos e cambian os criterios. Os populares do PP decidiron materializar a cesión menosprezando o ordenanza xurídica. E isto é o repudiábel da situación. Aquí reside a orixe da corrupción que devasta o país. Suponse que as leis son de obrigado cumprimento para todos os cidadáns, en especial para os que as ditan: os poderes públicos. A realidade é teimuda e demóstranos que son estes precisamente os que eluden as normas que regulan a vida social.

Por isto resulta altamente gratificante a actitude da comunidade educativa do instituto que, nun acto de dignidade, rebélase ante os abusos daqueles que fan uso da corrupción sen amosar vergoña nin pundonor.  Pais, nais e profesores están a darlle aos alumnos do centro escolar unha das mellores leccións que poden recibir nestes tempos de indignidade e indecencia. Quizais aínda poidamos albiscar algunha luz en tanto horizonte sombrío.



9 de abr. de 2015

Unha imaxe elocuente

Praza do Conde, luns 6 de abril ás 11:00 h
A fotografía pode representar a realidade actual de Pontedeume. Unha paisaxe baleira, sen actividade comercial, sen vida. Un mercado municipal pechado, en estado ruinoso como o conxunto do casco histórico. Rúas e prazas sen habitantes porque non teñen onde ir; cando o precisen collerán o coche e desprazaranse a Coruña ou Ferrol onde as grandes superficies comerciais engulen ao pequeno comercio. Sabido é que onde non hai oferta non pode haber demanda, e que o peche do principal referente económico da vila, a praza de abastos, expulsou a potenciais clientes chegados doutras comarcas. 

Aqueles autónomos eumeses que antes achacaban á falta de aparcadoiros o baixo nivel de vendas nos seus negocios, permanecen agora calados ante a nula presenza de clientes e gárdanse de sinalar aos verdadeiros responsabeis desta situación. Unha proba máis de que o pequeno comerciante non sabe estar á altura das circunstancias.

E como non, bótase tamén en falta a presenza dos politiquiños locais. Están desaparecidos, como todo en Pontedeume.

3 de abr. de 2015

Un rexedor empecinado

Pontedeume ten un problema e chámase Torrente. Este señor que tivo a nefasta idea de meterse en política sen ningunha experiencia nen formación previa e que ademais, ou grazas a iso, foi elexido para gobernar, é dicir, administrar o patrimonio do Concello, vai pasar a historia local como o gran depredador da vila e corte. 

A deplorábel actuación no mercado municipal e a conseguinte ruína do comercio local é unha consecuencia da vasta irresponsabilidade que amosa este señor. E a última proba diso témola no comezo das obras do aparcadoiro sito no campo de deportes do IES Fraga do Eume. Sabido é que a comunidade educativa ten interposto un recurso ante o TSXG para anular a concesión que a Consellaría de Educación fixo a favor do Concello de Pontedeume. Sabido é que as obras que agora comezan van ter un custo de 80.000 € de diñeiro público. O razonábel sería postergar esas obras ata que o tribunal se pronunciase sobre a legalidade ou non da concesión e así evitaríase dilapidar eses cartos en caso de sentenza favorábel ao instituto. Mais Torrente prefire ofrecer un reclamo electoral antes do 24 de maio que lle reporte votos para continuar arruinando o pouco que queda desta vila. Algo que por outra banda non lle preocupa demasiado a tenor doutras actuacións súas nas que se amosou como un empecinado gobernante ao que ninguén lle pode parar os pés. 


Mais non nos equivoquemos e fagamos caer toda a responsabilidade sobre Torrente. Neste ataque aos dereitos dunha comunidade educativa tivo dous grandes aliados: o PSOE e UCOA. A estes non parece preocuparlles moito o tema do ensino e deportes da xuventude eumesa. Uns, preocupados polos votos; outros, polos seus negocios. Uns e outros, incapaces de albiscar as raíces dos problemas e as súas solucións


2 de abr. de 2015

Festas de gardar ou a relixión como excusa

Hoxe, Xoves Santo, o cristianismo celebra unha das festas máis sinaladas pola igrexa católica, e o estado decreta esta data como festivo a nivel nacional. Porén, en Pontedeume as autoridades locais, moi dadas a participar nos eventos propios da Cuaresma, non teñen dúbidas en violar as sagradas institucións, relixiosas e estatais, para deixar constancia das obras que lles permitan asegurar a súa cointinuidade á fronte do Concello. Durante o día de hoxe, cuadrillas de traballadores están a pintar os pasos de cebra e sinais de circulación do centro urbán. 

Toda a actividade municipal das últimas semanas xira ao redor dun obxectivo: gañar as eleccións locais. E o goberno local leva a raxatáboa a máxima de que os fins xustifican os medios. Para eles presidir as procesións é un paripé máis das ataduras da diplomacia pero sempre debe prevalecer a política sobre as crenzas. Ao fin ao cabo a relixión non é máis que un instrumento ao servizo do poder e se hai que celebrar a morte de Cristo traballando, pois se traballa. Cristo sempre foi considerado un tonto útil do que botar man cando é necesario pero ao que hai que ignorar cando interesa.

31 de mar. de 2015

Hiperactividade municipal

Suponse que é a proximidade das eleccións pero o certo é que se respira no ambiente un trastorno de hiperactividade por parte dos mandatarios locais en Pontedeume. Esta patoloxía, tan de moda, caracterízase por un exceso de actividade, unha conduta compulsiva e por unha falta de atención e negativa a recibir instrucións.  Síntomas estes facilmente recoñocibeis nos membros da corporación municipal. 

Acaba de aparecer nos buzóns da vila un pseudoxornal "municipal" no que se recollen os logros e futuras actuacións do goberno local: reforma do mercado municipal, aparcadoiro do instituto (eles chámano da gasolineira posiblemente para restarlle gravidade á expropiación escolar), obras do firrete, renovación da ponte de pedra, alameda de Raxoi, illas ecolóxicas de residuos, campo da Gándara, etc. etc. etc. Todo o que non se fixo en 8 anos vaise executar en poucos meses. E iso que a lei prohíbelles facer inauguracións en período electoral, un impedimento que o Concello de Pontedeume do Sr. Torrente sabe sortear de forma legal. 

Pero o que xa non parece tan legal é a forma en que todo isto estase a producir. Primeiro, o devandito panfleto é totalmente anónimo. En ningunha páxina mencíonase quen o publica, violando así a lei de prensa e imprenta. Esta lei obriga a todas as publicacións a recoller o lugar e ano da impresión, amais do nome e domicilio social do impresor e do editor ou autor. 

Os autores da publicación xogan coa ambivalencia dos vocablos para atribuír ao goberno local a autoría pero sen collerse as mans. Por exemplo, encabézase a primeira páxina como unha publicación municipal sen aclarar se o termo municipal é relativo ao consistorio ou ao entorno xeográfico. 

E quen paga todo isto? Unha pregunta que o alcalde debe responder se quere desmentir as sospeitas de que o gasto foi a conta das arcas municipais. Sería unha auténtica barbaridade que o Sr. Torrente incorrese nunha falta tan grave, a de publicitarse electoralmente con cargo ao erario público. 

E por último, como é posíbel que os funcionarios de Correos repartisen este pseudoxornal cando non vén selado ou con membrete de franqueo pagado? Foron os carteiros conminados a realizar este traballo? Está Correos ao tanto deste reparto? Cobrou o organismo estatal as taxas do franqueo?

Nada do que suceda en Pontedeume pode abraiarnos. Ese é o gran problema desta vila.




22 de mar. de 2015

Por unha universidade pública

Folga o 24 de marzo. O Sindicato de Estudantes entrega 143.000 firmas contra o decreto '3+2'
O ministro Wert está empeñado en facer da universidade un feudo das clases sociais mais privilexiadas e desterrar da mesma aos fillos e fillas dos traballadores que, despois de moitos anos de progreso social, lograron facerse un oco nas aulas universitarias. O Partido Popular marcouse un obxectivo: que a  universidade sexa un espazo elitista ao que só teñan acceso os fillos das clases economicamente máis acaudaladas. Os cinco anos de ensino universitario gratuito pasan a tres anos que deberán completarse con dous anos máis de másteres pagados do peto dos xoves estudantes. 

18 de mar. de 2015

Comeza a campaña electoral



A Xunta inviste 1,6 millóns na rehabilitación do mercado municipal de Pontedeume. Así o anuncia o conselleiro de Economía e Industria, subliñando a importancia da praza de abastos como un dos símbolos máis importantes da vila. Unha ofensa para os eumeses que día tras día se manifestaron contra a desaparición do mercado dirixida por Torrente e agora son tratados como palurdos incapaces de distinguir a realidade dun simple reclamo electoral. Gabriel Torrente e Francisco Conde deberían explicar que motivos lles levaron a liquidar o mercado de abastos e con el a economía local da  vila, condenando ao paro a moitos eumeses e eumesas.

1 de mar. de 2015

Deberes electorais & deberes escolares



O Concello de Torrente (porque parece da súa propiedade) anuncia a inmediata construcción do aparcadoiro no campo de deportes do IES Fraga do Eume e non se lle ocorre nada mellor que definilo como un aparcadoiro disuasorio. Se por disuadir enténdese inducir a desistir dun propósito, o adxectivo non parece o máis adecuado se busca ofrecer unha alternativa á falta de espazos para aparcar. 

Unha carencia, a do alcalde, comprensíbel cando se aposta por medidas que menosprezan a cultura.

16 de feb. de 2015

Comunicado da comunidade educativa

A comunidade educativa do IES FRAGA DO EUME pide a paralización das obras previstas no campo de deportes do instituto

O Concello vai malgastar 85.000 euros nunhas obras malia ser coñecedor de que a cesión dos terreos está recorrida ante o TSXG

A comunidade educativa do IES Fraga do Eume quere alertar da irresponsabilidade do Concello de Pontedeume ao adxudicar recentemente as obras do aparcadoiro do IES cun gasto previsto de 85.000 euros. Con esta saída cara adiante o Concello está a poñer en risco os cartos das arcas municipais xa que o Goberno local parece esquecer que nestes momentos a cesión ao Concello dos terreos do campo de fútbol do IES para a construción dun aparcadoiro está recorrida ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O alto tribunal aínda non se pronunciou sobre o recurso contencioso-administrativo presentado pola ANPA 'As Fragas' e o Claustro de profesores hai un ano, en febreiro de 2014, contra a cesión outorgada pola Consellería de Educación ao Concello.  

Estamos convencidos de que o terreo do campo de fútbol non se pode destinar a outro uso que non sexa o escolar ou deportivo. Se finalmente o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia nos dá a razón, o Concello tería que dar marcha atrás. Para evitar este despilfarro de cartos públicos, solicitamos que se paralicen as obras e calquera actuación prevista no campo de fútbol do IES Fraga do Eume ata que se coñeza a resolución definitiva do TSXG. Desde a comunidade educativa do centro non descartamos retomar as mobilizacións se fose preciso para facer valer as nosas demandas.


Desde o inicio do curso 2013-14 os alumnos xa non teñen campo de fútbol e apenas espazo para xogar ao aire libre. O noso descontento vai a máis a medida que pasa o tempo e vemos cómo o campo de fútbol estase a converter nun terreo impracticable. O uso como aparcadoiro está a deixar o campo nun estado lamentable. Queremos deixar claro, una vez máis, que non nos opoñemos a que haxa un aparcadoiro en Pontedeume (sabemos ben a falta que fai), pero non queremos que se faga a costa dos nosos fillos. Os rapaces de Pontedeume, sexan alumnos ou non do IES Fraga do Eume, teñen dereito a seguir dispoñendo dun campo de fútbol que xa existe neste centro e que entendemos que lles queren arrebatar de xeito irregular.
Pontedeume, 13 de febreiro do 2015

15 de feb. de 2015

Aló Presidente


Outro panfleto: Portos se compromete a reanudar as obras do Firrete en Marzo. Nunhas semanas aparecen nos xornais máis novas sobre os "logros" de Torrente que en 8 anos de lexislatura. O que non fixo nese período, pretende facernos crer que xa o amañou en vésperas electorais. Torrente demostra que con tres meses de goberno antes das eleccións resólvense os problemas do concello. Para que pagarlle toda unha lexislatura? Fagamos un repaso: 

30 de decembro: Pontedeume sacará de novo a licitación as obras da alameda de Raxoi (La Voz de Galicia)
31 de xaneiro: O Concello contrata a obra do aparcadoiro do IES Fraga do Eume (Diario de Ferrol)
7 de febreiro: O Concello eumés ultima a procura de financiamento para o proxecto do mercado municipal (Diario de Ferrol)
12 de febreiro: Un estudo de arquitectura xa traballa no proxecto definitivo do mercado municipal (Diario de Ferrol)
15 de febreiro: Portos prevé iniciar as obras do clube náutico Firrete en marzo (La Voz de Galicia)

O goberno local atopou unha forma eficaz e barata de facer propaganda electoral. Só abonda con visitar aos altos dargos e facerse a foto para rubricar os compromisos adquiridos. Os medios, dóciles ao poder, encárganse de propagar a boa nova. E os cidadáns comulgamos con rodas de muiño.

14 de feb. de 2015

A comunidade educativa do IES Fraga do Eume pide que non se inicien as obras do aparcadoiro

A cesión dos terreos ao Concello está recorrida ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

A comunidade educativa do IES Fragas do Eume de Pontedeume quixo alertar sobre a irresponsabilidad que supón por parte do Concello eumés a recente adjudicación das obras do aparcamiento do centro, dotadas dun orzamento de 85.000 euros. Segundo apuntaron desde o propio instituto, con este paso o concello «está a poñer en risco vos cartos dás arcas municipais», xa que «ou goberno local parece esquecer que nestes momentos a cesión ó Concello dous terreos do campo de fútbol do IES para a construción dun aparcadoiro está percorrida ante ou Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG)», afirmaron. Así, tanto o ANPA como o claustro dixeron estar convencidos de que o terreo do campo de fútbol non debe ser destinado a outro fin que non sexa o escolar ou o deportivo. «Non caso de que ou Tribunal Superior, que aínda non se pronunciou, déanos a razón, ou Concello tería que dar marcha atrás e tirar pola borda todo ese diñeiro», sinalaron. Para evitar o despilfarro de fondos públicos, solicitaron que se paralicen as obras do párking ata que se coñeza a resolución definitiva do TSXG.

Pola súa banda, o alcalde, gabriel Torrente, afirmou que as obras seguirán adiante, xa que se posúen os permisos necesarios para iso. Así mesmo, avanzou que os labores iniciaranse en breve, xa que está previsto que Ormer, a empresa adjudicataria, presenta esta semana a documentación do proxecto.

12 de feb. de 2015

Panfleto electoral


Torrente xa comezou a campaña electoral. Anuncia a contratación dun proxecto para o mercado municipal, contrato xa asinado cun estudo do que forma parte o arquitecto redactor do plan xeral ( e do plan especial de EINSA) que lle custa 60.000 €.

Torrente debería disipar dúbidas en vez de facer campaña. Por exemplo, por que habendo un proxecto xa do mercado feito por Mercasa e do que se fixo publicidade, contrátase un novo por 60.000 €?
Por que se dilapidan eses cartos cando non hai orzamento para construír as obras?
A contratación deste proxecto fíxose atendendo ao principio de concurso público?
Por que, despois da experiencia do PXOM, contrata este servizo co mesmo arquitecto? 

6 de feb. de 2015

Por unha dimisión plena

Os socialistas de Pontedeume piden a dimisión de Eugenio Otero, concelleiro de urbanismo. A razón é ter que enteirarse pola prensa do acontecido co plan xeral. Sábese que Otero, ao igual que o resto de camaradas de Torrente, non se distingue precisamente polo seu talante democrático e, polo tanto, entra dentro das súas prácticas a ocultación da información. Se non se coñece o delito, non hai delincuente. Está é a máxima que impera no mundillo político pero que ten a súa orixe noutras cloacas da sociedade.

Non se trata de exonerar a Otero da súa responsabilidade pero non se pode deixar de preguntarse en que estarían pensando eses chamados socialistas que durante estes anos, sen novas do PXOM, non foron capaces de acertar coa porta na que pedir información. Para que non lles volva suceder,  neste enderezo poden tramitar calquera queixa sobre o plan de urbanismo se lles parece que vulnera  a legalidade:
Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo
Edificios Administrativos - San Caetano, s/n - 15704 Santiago de Compostela Tlf. 981544355

Tamén pode ser certo que non se tivo demasiado interese en sacar adiante o plan ou ofrecer alternativas a este, ben por desleixo, ben por descoñecemento. O labor da oposición neste concello, mal que lles pese, é insuficiente, fútil e ás veces interesado. Estamos afeitos a ver que desde os partidos na oposición demándase arranxar pequenos desperfectos no concello, desde puntos de luz ata  a limpeza dos camiños públicos pero non se toman en serio o traballo de indagar a fondo nun documento como o PXOM no que se deseña o futuro de Pontedeume. Esas prácticas clientelistas de atracción de votos son máis propias dun concepto caciquil da política que de unha concepción seria da mesma.

5 de feb. de 2015

Realmente crerán que somos pánfilos?


Para os populares galegos a mentira é unha virtude se con ela se consiguen os fins desexados. Resulta que a Xunta non teme ocultar datos e mentir para protexer a incompetencia dun dos seus alcaldes máis criticados: Gabriel Torrente. Cando se lle preguntou aos responsabeis da Xunta polas causas da paralización do PXOM, estes contestaron con argumentos que non resisten a máis mínima crítica. 

Non é certo que esquecer presentar uns documentos como os informes sectoriais e a memoria ambiental poida ser razón para rexeitar algo de tanta importancia como un plan de urbanismo. Sabido é que a administración ante casos así ofrece a posibilidade de presentar a documentación esquecida nun prazo de días.

Outra razón alegada foi no nincluír nos planos as modificacións das alegacións presentadas e aprobadas pola veciñanza, un defecto, de cer certo, achacable aos redactores do plan que cobraron por este traballo case 300.000€ das arcas municipais. Pero incorren nunha flagrante contradicción ao dicir que tanto os técnicos municipais como os da Xunta están a traballar nesa corrección. 

A verdade é que se está a corrixir certos aspectos do plan que vulneran a legalidade e o executivo galego encubre ao equipo de Torrente. E unha vez máis a cidadanía é vítima dunha falta de respecto e consideración por parte de quen a goberna. Como dixo o concelleiro de urbanismo, xa se saberá cando haxa que sabelo. Hai que ser prepotente e groseiro para menosprezar así aos que un día confiaron neles para levar a bo termo a política municipal. 

De momento Pontedeume segue sen plan de urbanismo pola ineptitude de ata tres gobernos incapaces de sacalo adiante despois de 12 anos.  

4 de feb. de 2015

O plan de urbanismo nos medios

Por fin, despois de varios meses, os medios de comunicación destapan que o PXOM non foi aprobado pola Xunta. As explicacións dos responsabeis deste desaguisado non responden á realidade máis que nunha pequena parte. Pero si responde á realidade o ton insultante impropio dun servidor público que nega información ata que el decida cando debemos coñecela. Á incompetencia hai que sumarlle autoritarismo para definir a personalidade do executivo local.

1 de feb. de 2015

Testosterona no Concello

Aclaradas as dúbidas. Cando Torrente sinalou que ían comezar as obras do aparcadoiro nos terreos do campo de deportes do IES Fraga do Eume, pensabamos que este anuncio só podía deberse a dúas causas: electoralismo ou irresponsabilidade. Xa sabemos que é esta última a verdadeira razón. E unha vez máis o alcalde eumés decántase polo único que sabe facer: deixar constancia de que a el non hai quen lle gañe cando de collóns se trata. Un exceso de testosterona inapropiado para dirixir un concello

As obras comezarán en febreiro e o custo delas será 85.000 €. Como se lembrará, a cesión deste campo ao Concello por parte da Consellaría de Educación está recorrida ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. Resulta cando menos incomprensíbel que a pesar disto Torrente siga adiante co traballo de cementación cando existe  a posibilidade de que o alto tribunal anule a concesión e obrigue a restituir o campo ao centro educativo. De ser así, tiraríanse pola borda 85.000 € máis o custo das obras de reacondicionamento. Pero o popular prefire facer campaña electoral  a costa do erario público. Que estraña, por outra parte, a facilidade de captación de fondos para o aparcadoiro pero que difícil conseguilos para a remodelación do mercado municipal, motor económico da vila

Máis comedido parece o representante do PSOE, partido que votou conxuntamente co PP a favor da "expropiación" á comunidade educativa. Conscientes da posibilidade de perder o recurso xudicial, prefiren manterse alonxados da polémica, crendo que o silencio non exime de responsabilidade pero a difumina. Non estaría de máis unha razoábel autocrítica por parte dos socialistas que esqueceron as verdadeiras prioridades de Pontedeume. Porque como sinalaba un comunicado feito pola comunidade educativa do instituto "o prioritario no deseño dos espazos urbanos non son os coches senón as persoas, e que estas teñan accesos a equipamentos deportivos e culturais axeitados".


28 de xan. de 2015

Un alcalde que oculta os fracasos

Torrente debería ter dimitido hai moito tempo. Pola mala xestión do concello; pola falta de respecto aos eumeses froito dunha pésima educación; polo seu autoritarismo que nos lembra épocas pasadas que el debe ter en mente; pola personalidade revanchista que o caracteriza; e pola falta de transparencia propia de quen se sente vulnerábel. 

Unha proba máis desta última carencia é o ocultismo co que trata o PXOM desde os seus inicios. Nunca foi claro cando se tratataba de informar do estado actual do documento durante a redacción e posteriores trámites. Nunca explicitou cales eran as deficiencias que motivaban que a Xunta non sacase adiante o plan de urbanismo. E agora, cando xa todo o mundo se imaxinaba que o plan sería aprobado polo goberno autonómico despois da aprobación polo pleno municipal, resulta que a Consellaría de Medio Ambiente di que non. E Torrente, por riba do ben e do mal, señor destas terras e dos seus vasalos, non dá información destes feitos. E ninguén llela pide. 

23 de xan. de 2015

A Xunta non aproba o PXOM de Pontedeume




















Outro fracaso estrepitoso do alcalde Torrente e do seu equipo de goberno. Despois de 8 anos non foron capaces de sacar adiante o plan de urbanismo de Pontedeume. Como se sabe, hai un ano o pleno municipal aprobou o PXOM despois de constantes encontronazos coas distintas administracións que esixían dos redactores do plan as modificacións necesarias para adaptalo á normativa vixente en materia de ordenación do chan. Pois ben, cando todo parecía rematado e por fin o pleno municipal aproba o documento definitivo para envialo á Xunta co obxecto de obter a aprobación final, resulta que a Conselllaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas decide non aprobar o plan de urbanismo.

A importancia de dotarse dun PXOM para Pontedeume é algo incuestionábel por canto deseña o futuro do concello e ordena o seu crecemento. Pero tamén é certo que na elaboración dun proxecto como este entran en xogo innumerabeis intereses privados que moitas veces inciden nas liñas do mesmo para favorecer a persoas ou empresas en detrimento do ben común. Tanto é así que o PXOM comezou a súa peregrinaxe na época do goberno PSOE-BNG, e desde entón ninguén foi capaz de rematalo, o que se explica pola pugna de intereses contrapostos.

Torrente tivo 8 anos para desenvolver un proxecto que xa fora anulado pola Xunta no ano 2007. Cal foi o motivo deste fracaso? Despois da aprobación inicial, despois de acatar ás recomendacións da Xunta para adaptalo ás leis de urbanismo, o goberno local decide presentar á Xunta para a aprobación definitiva un documento que foi aprobado en pleno hai máis dun ano, un documento que contiña numerosas modificacións e que en nada se parecía ao proxecto inicial. O certo é que a Consellaría de Medio Ambiente, T. e I. xa estaba disposta a dar o visto bó ao planeamento. pero no último intre, quizais polas denuncias presentadas, decidíu rexeitalo.

Coherentemente coa súa falta de transparencia Torrente non informou disto á veciñanza. 

18 de xan. de 2015

Volven as conspiracións xudeo-masónicas

Críamolas desaparecidas pero as conspiracións están aquí, nunca se foron. Franco, Fraga e agora Torrente interpretan a historia como unha gran conspiración contra a orde establecida e auspiciada polos xudeos, masóns e comunistas., aos que hai que engadir os praceiros. A propósito da última inundación no calamitoso mercado municipal provisional o alcalde eumés carga as culpas contra os praceiros e todos aqueles que os apoian. Seguro que se carga de razón como se cargaban os mentores ideolóxicos antes citados. Pode que todo sexa unha operación artellada no exterior para desaloxalo do goberno.

Segundo Torrente o mercado municipal estivo pechado por obra e gracia dos praceiros que privaron aos veciños do servizo, quizais por desprestixiar ao consistorio. Non sería aventurado dicir que nese período de inactividade os praceiros recibiron axuda económica de Venezuela. Nega Torrente, con bo criterio, que houbese inundacións e cando entrou auga nas instalacións foi debido a un acto de sabotaxe que consistíu en atascar as tubaxes con botellas de plástico. Tamén, moi intelixentemente e con retranca galega, faille saber á veciña que se cae nunha arqueta dos sumidoiros que debe prestar atención por onde anda. Todo parece indicar que esta muller fíxoo adrede xa que é coñecida a súa oposición ao goberno local. Desde logo, hai que ser retorcidos.