3 de abr. de 2015

Un rexedor empecinado

Pontedeume ten un problema e chámase Torrente. Este señor que tivo a nefasta idea de meterse en política sen ningunha experiencia nen formación previa e que ademais, ou grazas a iso, foi elexido para gobernar, é dicir, administrar o patrimonio do Concello, vai pasar a historia local como o gran depredador da vila e corte. 

A deplorábel actuación no mercado municipal e a conseguinte ruína do comercio local é unha consecuencia da vasta irresponsabilidade que amosa este señor. E a última proba diso témola no comezo das obras do aparcadoiro sito no campo de deportes do IES Fraga do Eume. Sabido é que a comunidade educativa ten interposto un recurso ante o TSXG para anular a concesión que a Consellaría de Educación fixo a favor do Concello de Pontedeume. Sabido é que as obras que agora comezan van ter un custo de 80.000 € de diñeiro público. O razonábel sería postergar esas obras ata que o tribunal se pronunciase sobre a legalidade ou non da concesión e así evitaríase dilapidar eses cartos en caso de sentenza favorábel ao instituto. Mais Torrente prefire ofrecer un reclamo electoral antes do 24 de maio que lle reporte votos para continuar arruinando o pouco que queda desta vila. Algo que por outra banda non lle preocupa demasiado a tenor doutras actuacións súas nas que se amosou como un empecinado gobernante ao que ninguén lle pode parar os pés. 


Mais non nos equivoquemos e fagamos caer toda a responsabilidade sobre Torrente. Neste ataque aos dereitos dunha comunidade educativa tivo dous grandes aliados: o PSOE e UCOA. A estes non parece preocuparlles moito o tema do ensino e deportes da xuventude eumesa. Uns, preocupados polos votos; outros, polos seus negocios. Uns e outros, incapaces de albiscar as raíces dos problemas e as súas solucións