28/12/2008

Quen o entende?

Hai unhas semanas xustificábase dende o Concello a pretendida recalificación de terreos en Andrade como unha necesidade para que Einsa crease uns 40 postos de traballo. O interese da creación de postos de traballo primaban sobre o dereito dos veciños a decidir o futuro das súas terras. Pois ben, agora a mesma empresa comunica a 40 traballadores da súa fábrica en As Pontes que terán que volver a casa por mor dunha regulación de emprego.
Einsa-Ediciones Informatizadas, S.A. recibíu unha subvención de 3.034.560,00 de euros segundo unha resolución con data do 26 de abril do 2006 ao amparo das axudas concedidas polo Instituto para a Reestruturación da Minaría do Carbón e Desenvolvemento Alternativo das Comarcas Mineiras


20/12/2008

Reunión extraordinaria


Ate hoxe pensabamos que era o alcalde ou unha maioría significativa da corporación os que tiñan capacidade para reunir á corporación municipal. Isto non é así exactamente. Hoxe tivo lugar unha reunión entre todos os concelleiros de Pontedeume, por unha banda, e o responsábel de EINSA, pola outra. A xuntanza foi solicitada por este último e os representantes da cidadanía aviñéronse a escoitar a tan digno personaxe. Nada que obxectar se non fose porque non cremos que calquera cidadán poida convocar e reunir a toda a corporación para tratar un asunto persoal. Por se me equivoco apresurareime a solicitar unha reunión urxente dos concelleiros e alcalde para pedirlles que me autoricen a expropiar unha finca do meu veciño, un ignorante que non entende que a propiedade privada foi abolida polo liberalismo global.
O señor empresario non é capaz de transmitir aos seus veciños os beneficios que reporta a economía de libre mercado. Por iso pretende que sexan os políticos elexidos polos eumeses os que lexislen en beneficio dos seus intereses. O señor empresario entende que a democracia só se manifesta nas urnas e que logo o goberno responde a unha autocracia na que o poder absoluto recae nunha soa figura: a do empresario benefactor. Os mansos concelleiros (dos mansos será o reino dos ceos) escoitan os argumentos e, se poden, acatan. Ás veces nomean ao empresario fillo adoptivo da vila para testemuñarlle a pleitesía debida; outras aproban medidas para incrementar o activos da empresa; as menos, opóñense porque a cidadanía lles recorda quen os nomeou.
En calquera caso, a imaxe que se transmite é a dun poder político supeditado ao poder caciquil aínda vixente na nosa sociedade. Os primeiros caciques deron nome ao lugar de Andrade pero tamén nestas terras erguéronse as primeiras revoltas contra o despotismo practicado por aqueles. O conflicto de EINSA semella unha recreación moderna daquelas liortas.

14/12/2008

PXOM secuestrado

O Plan Xeral de Ordenación Municipal de Pontedeume foi secuestrado. Descoñécese o seu paradoiro aínda que se supón nalgún despacho privado. Deuse conta ás forzas de seguridade do Estado e policía municipal para a súa localización e liberación.
Lembremos que nun principio os seus redactores publicaron un clon do planeamento urbanístico que en realidade debería chamarse Plan Xeral de Desordenación Municipal (PXDM). Era tal a desordenación que fomentaba que a mesma Xunta de Galiza víuse obrigada e intervir e poñelo fóra de circulación. Pero o auténtico segue sen aparecer.
Algúns analistas e expertos coinciden en afirmar que o documento foi secuestrado por sectores interesados en impoñer a liña dura do ladrillo. Os mesmos que se congratulaban da aparición do PXDM e que non se resignan a ceder parte dos privilexios obtidos durante a especulocracia.
En círculos oficiosos coméntase que o Cartel do Cemento fixo chegar ás autoridades as súas condicións para a liberación do PXOM, entre elas a concesión dalgunhas que outras licenzas e racalificacións.

05/12/2008

Incompatibilidades

O Plan Xeral de Ordención Municipal non acaba de ver a luz. Agochado en non se sabe que escura oficina, agarda que os seus mentores decidan poñelo en circulación. A empresa Consultora Galega, encargada de redactar o PXOM de Pontedeume, está moi ocupada en redactar outro proxecto esta vez privado. Tratase da modificación das Normas Subsidiarias do noso concello para convertir en chan industrial os terreos que Einsa ocupa en Campolongo. Quizais por esta razón, o exceso de traballo en Consultora, Pontedeume ten que seguir agardando pacientemente polo plan de urbanismo.

Simutanear dous traballos que poden entrar en colisión debería evitarse por un mínimo decoro profesional. Pero as empresas están para gañar diñeiro e non para exercer de ONGs. Mais o Concello debería velar pola necesaria tranparencia do PXOM e porque este atenda as ncesidades da comunidade eumesa por riba de intereses empresariais. Quen pode asegurar que a elaboración dun plan de urbanismo non favorece a unha empresa que está a pagar aos seus redactores? Que é mellor para os veciños de Andrade, o proxecto de Einsa ou un urbanismo sustentable?

29/11/2008

Unha historia común

Serei sincero e amosareime como o que son: un home preocupado polo futuro deste país. Teño unha empresa que atravesa momentos delicados. Como contrapartida esta está situada nuns terreos moi apetecibles para outros negocios. Ocórreseme pedir ao Concello que me aprobe unha recalificación dos terreos que me permita cambiar o negocio por outro máis produtivo. Ademais propóñolles a uns veciños que posúen terras colindantes coa miña que me vendan as súas propiedades. Tal e como esperaba estes non aceptan e ademais presionan ao alcalde do meu pobo para que non se aprobe a recalificación por min pedida, alegando que eu non teño dereito a decidir sobre as propiedades que non me pertencen, que o único que busco é quedarme coas súas leiras. Os moi inxenuos cren que vivimos nunha democracia na que todo o mundo ten o mesmo peso específico.
Non sei se son intelixente ou me movo polo instinto das aves rapaces. O caso é que eu xa tiña previsto que isto poidese suceder. Cando presentei o estudo para recalificar as miñas propiedades, tiven a xenialidade de encargarllo aos que naquel intre estaban a elaborar o Plan de Urbanismo do meu concello. O meu proxecto entraría no Concello por unha porta ou pola outra.
Se o alcalde dobregouse ás protestas dos veciños, agora non lle quedará máis remedio que asumir a recalificación como un feito consumado. Aos redactores do Plan de Urbanismo non lles importa, como cliente que son, recalificar os terreos da miña propiedade e máis as leiras dos veciños díscolos.
O seguinte paso será a expropiación. Por riba dos intereses particulares álzanse os do progreso, é dicir, os das empresas. Os veciños deben aprender que opoñerse aos poderosos homes de negocios atenta contra un sagrado dereito recollido na nosa Constitución: o libre mercado.

27/11/2008

A Cátedra


Unha asociación de escritores pedíu recentemente que un edificio público de Pontedeume fose bautizado co nome de Ramiro Fonte, petición que merece ser atendida dada a relevancia que este escritor eumés tivo no panorama literario de Galiza. Os socialistas do PSdG apresuráronse a pedir que a biblioteca municipal fose coñecida co nome do escritor. E precisamente o edificio da biblioteca ten xa un nome que é coñecido pola maioría dos eumeses e non eumeses. A Cátedra é xa un símbolo na nosa vila do que representou un avance cultural nos tempos nos que a cultura estaba agochada en sectores elitistas da sociedade. Recollendo a información que X.M. Domínguez García publica na revista Cátedra, é no século XVI cando aparecen en España unha serie de instituciòns educativas chamadas "cátedras" ou "escolas de gramática". A de Pontedeume foi fundada no ano 1580 polo entón rexedor da vila, Juan Beltrán de Anido. Pódese afirmar polo tanto que o nome co que foi bautizado este singular edificio ten unha antigüidade de catro séculos e obedecía ao uso que del se esperaba: a ensinanza do latín ao servizo dos habitantes da vila. Hai que apreciar o enorme interese cultural que este tipo de iniciativas tiña nunha época na que o acceso aos estudos eran un raro privilexio de certos sectores relacionados sobre todo coa igrexa católica.
Ninguén negará o significado patrimonial que este nome ten na historia de Pontedeume. A Cátedra foi o primeiro intento de achegar a cultura aos veciños e dende entón así é coñecido polos cidadáns un edificio que tamén forma parte do noso patrimonio arquitectónico. Mesmo cando na ditadura foi utilizado como cuartel da Garda Cívil, os pontedeumeses non deixaron de referirse a este lugar como a Cátedra.
Que agora se tente cambiar o seu nome polo de un escritor que merece o recoñecemento social deste pobo é un desacerto que prexudica a uns e outros. Non parece probábel que Ramiro Fonte aprobase este cambio de nome dun edificio ao que el se referíu sempre como A Cátedra. Nin á veciñanza de Pontedeume lle resultá doado mudar o seu nome polo do insigne escritor. O sentido común exixe procurar outra alternativa para honrar a memoria de Ramiro Fonte

20/10/2008

A imposíbel zona peonil


Hai certas medidas que en Pontedeume están condenadas ao fracaso. A peatonalización do casco histórico é unha delas. Outras xa se perderon no tempo, como o traslado dos taxis da Praza de España. Pero algo tan sinxelo e necesario como a completa peatonalización do núcleo histórico parece un imposíbel só o alcance de concellos afortunados. Un proxecto elaborado polo anterior goberno local e continuado polo actual, non acaba de materializarse polo desleixo ou incapacidade dos politicos locais. Claro que tamén pode ser polo escaso interese que suscita en determinados sectores a peatonalización das rúas eumesas. Nese suposto habería que falar de intencionalidade manifesta por parte do Concello.

Sabido é que certos comerciantes, afectados dunha permanente miopía profesional, aínda non son capaces de entender os beneficios que a peatonalización dos cascos históricos reportan aos seus negocios. E é este sector o que moitas veces dita a política a seguir en Pontedeume. Lembremos tamén aquí o caso da terrazas e a condescendencia que os alcaldes amosan cos empresarios hosteleiros, privando aos cidadáns duns espazos públicos que lles son usurpados polos bares e cafeterías.
Pero volvendo ao tema da peatonalización, os pivotes que foron instalados nunca chegaron a funcionar o que, amais dun gasto innecesario, supón unha burla aos eumeses que reclamamos un mellor aproveitamento das nosas rúas e prazas. Díxose que foron "saboteados" mais o certo é que a ninguén se lle ocorreu amañalos. Seguen en estado letárxico como os nosos gobernantes.

15/09/2008

Charla debate sobre as agresións medioambientais ao Eume


Organizada por Fusquenlla e Verdegaia vaise celebrar este venres unha charla debate sobre a situación preocupante que está a pasar o río Eume e o xa incipiente lago de As Pontes. Endesa, con esta obra, conseguirá que o río Eume sexa un mero recordo do que foi unha das máis preciadas paraxes de Galiza. O Parque Natural das Fragas do Eume verase alterado pola grave contaminación que sufre a principal arteria que alimenta un bosque atlántico por antonomasia. Como seres humanos temos a obriga de preservar un hábitat que será un legado para as vindeiras xeracións. A mellor herdanza nun mundo cada vez máis afectado pola contaminación e a depredación ao que o someten as empresas que procuran un doado beneficio económico.

30/08/2008

Parque das Fragas do Eume


Dende xaneiro ata agosto do 2008 o Parque Natural das Fragas do Eume recibíu a visita de 24.500 persoas, un 60% máis que no mesmo período do ano anterior. Este aumento do número de visitantes é moi superior ao que experimentaron outros parques como o das Illas Atlánticas ou o de Corrubedo e demostra a importancia que esta paraxe ten non só como enclave medioambiental senón como punto de atracción para un turismo cada vez máis esixente á hora de seleccionar os lugares a visitar.
A necesidade de preservar as Fragas do Eume é máis que evidente porén as grandes empresas teñen unha visión máis mercantilista dos recursos naturais. Endesa coa central térmica e o lago artificial que está a desenvolver e o presumíbel traslado a As Pontes da celulosa de Ence, son dous exemplos, os máis escandalosos, do pouco interese que amosan as multinacionais pola conservación do medio ambiente e do hábitat. Un territorio que precisamos impoluto para conseguir unha maior calidade de vida está a deteriorarse a pasos axigantados pola cobiza dos que logo instalan os seus pazos en colonias residenciais á marxe da contaminación e degradación ambiental.
Urxe unha forzosa toma de conciencia por parte da cidadanía se non queremos que os que hoxe valoramos e necesitamos das Fragas e da súa fonte, o Eume, mañá lembremos o que foi un verxel só polas imaxes fotográficas do pasado.

29/08/2008

O desgoberno como sinal de identidade eumesa

Unha nova forma de terrorismo urbano acaba de aparecer en Pontedeume. Os autores esnaquizaron os pivotes que deberían impedir o acceso dos automóbiles ao casco histórico da vila. O resultado é seguir soportando o tráfico rodado nas rúas que foron declaradas peonís hai máis dun ano. Daquela foron marcadas con sinais verticais pero a teimosía dos condutores unida á desidia da policía local fixeron que a norma fose violentada todos os días. Posteriormente, en novembro do ano pasado, o goberno local anunciaba que o proceso de peatonalización culminaría axiña coa colocación dos pivotes que automaticamente impedirían o acceso de vehículos.
Mais os partidarios de utilizar o coche para desprazarse douscentos metros buscaron a forma de inutilizar os mecanismos que garantirían unhas rúas aptas para o paseo, favorecedoras do comercio e respectuosas coa tradición dun casco histórico como o noso.
Semella que gobernar en Pontedeume é imposíbel. Non sabemos se pola obstinación de determinados sectores que só buscan o interese persoal ou pola indiferencia dos rexedores que din velar polo ben común.
Sexa cal sexa a razón, o certo é que a peatonalización do casco histórico non admite máis demora e é un elemento máis das actuacións que tentan preservalo do deterioramento ao que se vé condenado.

14/08/2008

Contrapublicidade enerxética

29/07/2008

Xogos de guerra nas Fragas do Eume


Os violentos, frustrados e belicosos cidadáns que queiran "liberar" o seu rencor e odio, pódeno facer ao máis vello estilo norteamericán: xogando á guerra. Un modelo importado do país máis belicoso do mundo que pretende facer crer aos xogadores que son como un Rambo da selva. Organízase en equipos (=exércitos) e loitan uns contra outros ata a aniquilación dun deles. Vestidos ao máis puro estilo militar utilizan rifles que disparan pelotas de tinta contra os adversarios. O xogo chámase Paintball e xa hai empresas que organizan encontros para practicar as artes guerreiras. Sen entrar na condenábel ideoloxía que sustenta estas actividades, unha cuestión merece ser tida en conta: os posibles danos que acarrean estes xogos sobre os terreos nos que se practican.
Unha empresa con se no Ferrol ofrece participar nestas contiendas nun escenario de luxo: as Fragas do Eume. Un Parque Natural a proba de atropelos e salvaxadas humanas. Cantos litros de pintura deberán ser vertidas ao parque antes de que as autoridades prohiban esta actividade? Canta flora será exterminada polos acomplexados soldados?

24/07/2008

Búscase arquitecto para Pontedeume

O BOP publica un anuncio polo que se invita aos titulados que o desexen a optar a unha praza, can caracter de interinidade, de arquitecto municipal en substitución do actual, de baixa por enfermidade.
Algunhas consideracións. Costou moito traballo dotar ao concello de pontedeume dun arquitecto municipal que puxese un pouco de orde na caótica situación urbanística do noso concello, caracterizada pola corrupción e arbitrariedades varias. Mais parece que as "forzas vivas" aínda se resisten a renunciar aos seus privilexios adquiridos durante anos de desgoberno e "consiguen" que o novo arquitecto non poida desenvolver o seu traballo como sería desexábel. Queda por investigar as causas das frecuentes baixas deste profesional do que non dubidamos da súa honestidade.
O PXOM ía ser exposto hai un mes e moito nos tememos que esta carencia de arquitecto sirva para demorar aínda máis a presentación do que debería ser unha ferramenta para planificar o crecemento urbanístico no concello eumés. Se alguén busca xustificar na falta de arquitecto a ausencia de PXOM, está comportándose dun xeito deshonesto coa cidadanía.
Por último, dexesar que o arquitecto interino sexa inmune aos parásitos enraizados no Concello.

14/07/2008

As tres crises (un artigo de Ignacio Ramonet para Le Monde Diplomatique)


Non ocorrera xamais. Por vez primeira na historia económica moderna, tres crise de gran amplitude -financeira, enerxética, alimentaria- están coincidindo, confluíndo e combinándose. Cada unha delas interactúa sobre as demais. Agravando así, de modo exponencial, a deterioración da economía real.
Por moito que as autoridades esfórcense en minimizar a gravidade do momento, o certo é que nos achamos ante un sismo económico de inédita magnitude. Cuxos efectos sociais apenas empezan a facerse sentir e que detonarán con toda brutalidade nos meses vindeiros. O peor nunca é seguro e a numeroloxía non é unha ciencia exacta, pero o ano 2009 ben podería parecerse a aquel nefasto 1929…

Como era de temer, a crise financeira segue agudizándose. Aos descalabros de prestixiosos bancos estadounidenses, como Bear Stearns, Merrill Lynch e o xigante Citigroup, sumouse o desastre recente de Lehman Brothers, cuarta banca de negocios que anunciou, o pasado 9 de xuño, unha perda de 1.700 millóns de euros. Por ser o seu primeiro déficit desde a súa saída en Bolsa en 1994, isto causou o efecto dun terremoto nunha América financeira xa violentamente traumatizada.
Cada día difúndense noticias sobre novos quebrantos nos bancos. Ata agora, as entidades máis afectadas recoñeceron perdas de case 250.000 millóns de euros. E o Fondo Monetario Internacional estima que, para saír do desastre, o sistema necesitará uns 610.000 millóns de euros (ou sexa, o equivalente de ¡dúas veces o orzamento de Francia!).
A crise comezou en Estados Unidos, en agosto de 2007, coa morosidade das hipotecas de mala calidade (subprime) e estendeuse por todo o mundo. A súa capacidade de transformarse e de estenderse mediante a proliferación de complexos mecanismos financeiros fai que esta crise aseméllese a unha epidemia fulminante imposible de atallar.
As entidades bancarias xa non se prestan diñeiro. Todas desconfían da saúde financeira dos seus rivais. A pesar das inxeccións masivas de liquidez efectuadas polos grandes bancos centrais, nunca se viu unha seca tan severa de diñeiro nos mercados. E o que máis temen algúns agora é unha crise sistémica, ou sexa que o conxunto do sistema económico mundial colápsese.
Da esfera financeira a crise trasladouse ao conxunto da actividade económica. De golpe, as economías dos países desenvolvidos arrefriáronse. Europa (e en particular España) áchase en franca desaceleración, e Estados Unidos atópase ao bordo da recesión.
Onde máis se está notando a dureza deste axuste é no sector inmobiliario. Durante o primeiro trimestre de 2008, o número de vendas de vivendas en España caeu o ¡29%! Preto de dous millóns de pisos e de chalés non atopan comprador. O prezo do chan segue desmoronándose. E o alza dos intereses hipotecarios e os temores de recesión afunden o sector nunha espiral infernal. Con feroces efectos en todas as frontes da enorme industria da construción. Todas as empresas destas ramas sitúanse agora no ollo do furacán. E asisten impotentes á destrución de decenas de miles de empregos.
Da crise financeira pasamos á crise social. E volven xurdir políticas autoritarias. O Parlamento Europeo aprobou, o pasado 18 de xuño, a infame “directiva retorno” (1). E as autoridades españolas xa proclamaron a súa vontade de favorecer a saída de España dun millón de traballadores estranxeiros…
No medio desta situación de espanto prodúcese o terceiro choque petroleiro. Cun prezo do barril ao redor dos 140 dólares. Un aumento irracional (fai dez anos, en 1998, o barril custaba menos de 10 dólares…) debido non só a unha demanda disparatada senón, sobre todo, á acción de moitos especuladores que apostan polo alza continua dun carburante en vías de extinción. Os investidores foxen da burbulla inmobiliaria e desprazan masas colosais de diñeiro porque apostan agora por un petróleo a 200 dólares o barril. Estase así producindo unha financiarización do petróleo.
Coas consecuencias que vemos: formidable subida dos prezos nas gasolineiras, e estalidos de ira por parte de pescadores, camioneiros, agricultores, taxistas e todos os profesionais máis afectados. En moitos países, mediante manifestacións e enfrontamentos, estas profesións reclaman aos seus Gobernos axudas, subvencións ou reducións da fiscalidade.
Por se todo este contexto non fose o bastante n>, a crise alimentaria agravouse repentinamente e veu a recordarnos que o espectro do fame segue ameazando a case mil millóns de persoas. Nuns corenta países, a carestía actual dos alimentos provocou levantamentos e revoltas populares. La Cumbre da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) do pasado 5 de xuño en Roma sobre a seguridade alimentaria foi incapaz de alcanzar un acordo para relanzar a produción alimentaria mundial. Tamén aquí, os especuladores en fuga do desastre financeiro teñen unha parte de responsabilidade porque apostan por un prezo elevado das futuras colleitas. De modo que ata a agricultura estase financiarizando.
Este é o saldo deplorable que deixa un cuarto de século de neoliberalismo: tres venenosas crises entrelazadas. Vai sendo hora de que os cidadáns digan: “¡Basta!”.

Notas:
(1) Sami Naïr, “Europa se blinda ante os inmigrantes”, O País, Madrid, 18 de xuño de 2008.

17/05/2008

Para que sirve unha árbore?


Algúns perciben nunha árbore algo máis que un tronco plagado de follas, reciben sensacións difíciles de explicar. Aparte dos beneficios que aporta unha árbore como parte esencial da flora dun territorio, é dicir, enriquecer a atmosfera con osíxeno, prevenir a erosión, mellorar o clima...tamén aporta historia e sentimentos. Mais só os ignorantes, e férridos e duros, imbéciles e escuros non o entenden, non.
Nas antigas civilizacións as árbores eran consideradas iconos relixiosos. Curiosamente os celtas tiñan ao teixo como árbore sagrada, crese que debido á súa grande lonxevidade. Algúns exemplares poden vivir 1500 anos. Posteriormente os cristiáns levantaron os seus templos arredor dos teixos milenarios.
A historia está chea de referencias a certas árbores que marcaron un pasado e perviven aínda hoxe como símbolos. A árbore de Guernika e o ginkgo de Hirosima son testemuñas da barbarie humana. A mesma que agora ameaza destruír o teixo do parque Sarmiento porque é un obstáculo para a libre circulación do deus automóbil.
As árbores configuran unha paisaxe, a que forma parte da nosa identidade. Diso eran conscientes os nosos devanceiros mais parece que a sociedade deste país só recoñece como paisaxe as construcións de cemento. Saramago lembrábanos como o seu avó, próximo a deixar este mundo, despedíuse de todas as árbores do seu horto abrazándoas unha a unha.

29/04/2008

Crise no sector


Recentemente o goberno anunciou que facilitará demorar o pago das hipotecas aos compradores de vivendas. Trátase dunha medida tendente a paliar a crise que vive o sector inmobiliario, concretamente a falta de de demanda que está a "arruinar" a moitos promotores. O goberno, que non distingue de clases sociais, se apresta a socorrer aos que xa non teñen beneficios millonarios. A demora no pago das hipotecas, lonxe de favorecer aos compradores, beneficia ás entidades bancarias que cobrarán abundantes intereses durante máis tempo.
Esta medida gubernamental xa foi ben acollida polos banqueiros. Algúns apresuráronse a contactar cos propietarios de vivendas que están hipotecados ata a médula. A fotografía da esquerda parece corroborar esta hipótese. Está tomada fronte ao "mamotreto" de Caldagueiro; unha obra con diversas ordes de paralización que nunca foron acatadas por Lagares e Álvarez, promotores do enxendro.

15/04/2008

"Se rompió la general"


Esa é a contestación, nun perfecto castelán, que a empregada de Aquagest dá para xustificar o enésimo corte no suministro da auga. Unha perfección que non alcanza ás redes de saneamento e suministro que esta empresa ten a obriga de manter. Aquí denunciamos moitas veces as continuas avarías nas tubaxes polas que discorre a auga que supostamente sirve para o consumo e aseo. Hoxe volveron rachar e estamos dende a medianoite sen auga, o que implica unha deficiente hixiene e un desbaraxuste nas tarefas culinarias. O que procede é ir comer a un restaurante e pasarlle a factura ao alcalde.
A rabia acrecéntase polo feito de pensar que deberiamos ter uns servizos propios dun país que presume de estar no grupo dos desenvolvidos. Pero isto non é máis que pura propaganda e falacia dos que son incapaces de recoñecer a súa mala xestión ao fronte da "cousa pública". Un cometido que poucas veces se ve contestado polos cidadáns que amosan unha complacencia enfermiza cos xestores dos nosos impostos.
Incapacidade, ineptitude, desvergonza, mediocridade e prepotencia. Símbolos durante décadas do poder local en Pontedeume.

02/03/2008

Futuro preocupante para os PIGS

España esperta receos. No exterior, España é case un hedge fund: un fondo de alto risco inmobiliario. A economía española asóciase case exclusivamente á vivenda, a un abrupto final da burbulla inmobiliaria. "Os motores do crecemento dos últimos anos, moi en particular a vivenda, apáganse con rapidez. O resultado máis probable é un axuste como o que sufriu Portugal", asegura Olivier Blanchard, do prestixioso MIT de Boston. Hai análises máis duras. Desmond Lachman, do American Enterprise Institute, un think tank neoconservador de Washington, asegura que a burbulla inmobiliaria é preocupante porque a vivenda pesa cerca do 15% en España: "O dobre que en Europa e o triplo que en EE UU". "A economía española está moi exposta a unha crise global, e o crecemento estará por baixo do 1% en 2009". Aínda máis duro é Bernard Connolly, estratega de AIG, para quen en España todo empeza a ir "cara á catástrofe". Portugal, Irlanda, Grecia e España comparten, a xuízo dos expertos, un futuro sombrío. "Os PIGS (porcos en inglés) [o acrónimo que sae das inicales deses catro países en inglés] vano a pasar mal: todos teñen o mesmo problema vinculado á vivenda", afirma Ewen Cameron Watt, presidente do fondo BlackRock en Nueva York. (El País)

25/02/2008

Retraso na peatonalización do casco histórico


No pasado mes de novembro o goberno local de Pontedeume anunciaba que o proceso de peatonalización do casco histórico culminaría en breve. A instalación de pivotes, segundo o concelleiro Javier Crespo, estaba practicamente rematada nas rúas Couceiro Freixomil e Real. Calquera que pasee polo casco histórico sabe que os bolardos seguen igual que cando os colocaron hai uns anos, mesmo algún deles desapareceu. Non extraña tanto o énfase que poñen os políticos, nada máis acceder ao goberno, en proclamar cambios como esa incapacidade para materializar as ordenanzas que en Pontedeume son papel mollado. O traslado da parada de taxis a outro lugar distinto da Praza de España é o paradigma deste inmobilismo eumés.

16/02/2008

Galiza non se vende


A perversión da linguaxe ten a súa orixe no afán por ofrecer como oportunidade o que ten un alto custo. A publicidade é a nova ciencia que excede o comercial e adéntrase na política. A clase gobernante, asesorada por sabios publicistas, quere demostrar con subterfuxios os beneficios de resolucións prexudiciais para os cidadáns. En Galicia, comunidade cun secular atraso económico, estamos padecendo unha falsa industrialización que ademais dos inxentes beneficios que produce aos empresarios, ocasiona a destrución do valor máis preciado que existe no noso país: o territorio. Nel vívese e del aliméntase a maior parte da poboación. As rías galegas acubillaron unha fonte inagotable de riqueza, o mesmo que o litoral. Outro tanto pode dicirse do rural, hoxe apetecido polos promotores empeñados en dotar con seis vivendas a cada recén nado. Para convencernos das excelencias desta nova forma de colonización, os nosos políticos non dubidan en defender estas iniciativas empresariais como pezas craves para o desenvolvemento de Galiza, cando en realidade, as piscifactorias, as macrourbanizacións, as plantas de gas ou as celulosas, non son máis que uns apetitosos negocios privados que esquilman a terra e destrúen os recursos que outrora servían como sustento económico, favorecían a cohesión social e contribuían á protección do medio ambiente. Se antes eran os exércitos os que conquistaban os territorios, hoxe son os promotores inmobiliarios. A usurpación das terras deixou paso á expropiación. As epidemias mutaron en contaminación. Os mesmos males agora ocultos baixo o eufemismo do progreso. Pero o silencio outrora dos galegos quedou roto polo grito de GALIZA NON SE VENDE. Un clamor que se repetirá o día 17 en Compostela.

03/02/2008

A paisaxe inadvertida


Este título recollino da publicación "Galicia" coa que un grupo de artistas e intelectuais tributáronlle recentemente unha homenaxe a Isaac Díaz Pardo, nun intre no que o fundador do complexo "O Castro-Sargadelos" vese ameazado polos accionistas do IGI. No xornal citado aparece un artigo de Munilla&Rumbao no que se lembra as sensacións que provocou en Luís Seoane unha fotografía que Díaz Pardo lle regalou cando o visitou nunha das súas viaxes a Arxentina. A fotografía tomada dende Cabanas recollía unha imaxe de Pontedeume do século pasado, cando o urbanismo non representaba unha ameaza para a paisaxe. Transcribo un anaco do artigo en cuestión.
Conta Díaz Pardo que, nunha das súas viaxes á Arxentina, levoulle a Luís Seoane unha fotografía tirada dende Cabanas no ano 1956, con vistas da Ría de Ares e Pontedeume. As terras da labradío modelaban o relevo case a mollarse no mar. E apuntaba Díaz Pardo: "O conxunto tiña unha gran beleza, hoxe diminuída pola especulación e pola cerril eucaliptización do país". Cando Seoane ollou para a fotografía, rompeu en saloucos. "Era unha situación comprensiblemente difícil": o sentimento da propia terra entendida como paisaxe foi demasiado para aquel home rexo e sensible. Si, a paisaxe é a pel e as formas da terra, pero, dalgunha maneira, posúe a capacidade de apoderarse dun pedazo da nosa alma. Para os románticos do XIX, a contemplación da paisaxe constituía unha experiencia estética transcendente: é dicir, que facía do individuo mellor persoa. Por moito que a paguen, a paisaxe véndese sempre barata.

27/01/2008

Por unha Terra Viva e unha Vida Digna para tod@s


Lido en Galicia-Hoxe
Velaí a grande acción global ambientalista deste 2008 na Galiza nosa. Artellada dende unha organización en rede, un tecido social composto por colectivos moi heteoxéneos pero que coinciden nunha loita común, trata de frear a destrución ambiental do territorio galego, que segundo afirman, nos últimos anos acadou cotas inimaxinábeis. Unha destrución fondamente cimentada no sistema economicista que nos goberna en todos os eidos e nuns gobernos –tamén o actual– que para eses colectivos non están a respostar ás demandas da poboación. Son, ao cabo, unha arañeira de conciencia ambiental que pretende remexer tamén a conciencia colectiva do país. Unha base social antagónica ao poder político.
Galiza Non Se Vende fai así fincapé nunha problemática dabondo extensa, nunha doenza histórica da terra que xa non soporta máis o custe ambiental de actividades económicas insustentábeis que, en gran medida, “residen en empresas de enclave que nos colonizan”.
E a listaxe de eivas évos ben longa: marbellización do litoral, recheos e contaminación das rías, degradación dos ríos, plan acuícola devastador, plan de portos deportivos, plan eólico desmesurado, especulación, plan da minaría, destrución do Courel, urbanismo salvaxe, industrias perigosas (Reganosa, Ence, Parque de Residuos no Ribeiro), modelo de transporte e mobilidade insustentábel, destrución do medio rural, dos espazos protexidos e do patrimonio cultural…
Esta marcha pola dignidade da terra terá lugar o 17 de febreiro, a rentes pois da campaña electoral para as Cortes do Estado, saíndo da alameda de Santiago ás 12 da mañá.

16/01/2008

Zona azul na Praza do Conde


Nestas páxinas dabamos conta da necesidade de implantar a zona azul para paliar os graves problemas do uso indiscriminado do automóbil. Enumerabamos daquela que con esta medida contribuiriase a reducir as emisións, lograriase unha maior fluídez, menos contaminación acústica e unha mellor calidade de vida. Agora publícase que o Concello cobrará por aparcar máis de 90 minutos na Praza do Conde. Unha medida que vai mellorar os problemas de parcamento no centro da vila e que debemos aplaudir se se leva á práctica. e que debe ir acompañada dunha completa e real peatonalización do casco histórico

Miserabeis especuladores


O Goberno tenta botar un cabo aos especuladores que non son capaces de vender as vivendas que construíron. Sabemos que hai certo "parón" na venda de vivendas e que existe unha normal preocupación no sector inmobiliario. De momento a situación non é grave pero o goberno socialista(?) xa está disposto a tranquilizar aos que non tiveron ningún reparo en cementar as nosas vilas e aldeas para enriquecerse de forma escandalosa.
Vanse destimar 75 millóns de euros para subvencións a empresarios da cosntrución. Aqueles aos que lles custe vender os pisos poderán acceder a dous tipos de axuda. Se adica a vivenda a aluguer, recibirá unha cantidade de 6000 euros. Pola contra, se quere vender o piso o goberno subvencionará ao comprador ou ben poderase calificar como vivenda protexida.
En fin, diñeiro público para os que, sen ningún tipo de control, provocaron un alza dos prezos das vivendas, impediron aos máis xoves acceder a un piso, fomentaron a corrupción, especularon coas propiedades alleas ( lembremos as expropiacións en Perbes), e se enriqueceron fraudulenta e impudicamente.



Contra a destrución do territorio


O día 17 de febreiro terá lugar en Compostela a segunda manifestación que a meirande parte de colectivos ecoloxistas galegos convoca para protestar contra o que sen dúbida é o maior perigo para Galiza: a destrución do territorio.
Dende o urbanismo salvaxe, ata o plan acuícola que pretende inundar a costa de piscifactorias, pasando polas industrias perigosas que ameazan as rías, as minas a ceo aberto no Courel, a destrución do medio rural e dos espazos protexidos, os planos eólicos desmesurados, os lagos artificiais, os portos deportivos...
Sobran razóns para mobilizarse e exixir unha grande dose de cordura a un goberno que prima os intereses do capital sobre os dereitos dos galegos a vivir en harmonía coa nosa terra.

05/01/2008

Endesa: "todo o que se mova en Galiza, interesa"


Diversas multinacionais do sector enerxético entablaron negociacións cos propietarios de montes para instalar centrais térmicas de biomasa en sete áreas xeográficas, unha delas ubicada entre a Terra Chá e o Eume. A materia prima para o abastecemento destas centrais debe proceder dos residuos orgánicos forestais, os cales proporcionan enerxía limpa con menor emision de CO2. Non se deben incinerar residuos inorgánicos, turba e transxénicos. O problema plantéxase cando a cantidade de restrollos non abonda para satisfacer a demanda das centrais e faise preciso recorrer ás novas plantacións ou esquilmar as existentes. Cando se opta por esta solución - as empresas só atenden aos beneficios económicos - xenerase un novo problema: a desaparición dos bosques, algo xa habitual en paises non desenvolvidos. Tamén existe un conflito pola utilización de extensas superficies para a obtención de biomasa no canto de alimentos.
Evidentemente en Galiza temos unha capacidade inmensa para atraer aos buscadores de enerxía. Despois de albergar as dúas centrais máis contaminantes do estado, despois de ubicar perigosamente na ría de Ferrol unha planta de gas, despois de instalar parques eólicos por toda a paisaxe galega, agora tócalle ás centrais de biomasa, vendidas como fontes de enerxía alternativa. A vexetación transformada en enerxía, ao igual que antes o lignito, o vento e o mar, esbozan unha imaxe desta terra onde todo se aproveita. O sector enerxético é dos máis rendibeis para empresas como Endesa, cuxos voceiros atrévense a afirma que "todo o que se mova en Galiza, interesa".
Lonxe de buscar a forma de consumir menos, interesa abastecer aos consumidores. Aínda que para iso se teña que vender o territorio.