31/05/2007

Quen mentía?

Publicado en La Opinión o día 17 de decembro do 2006:
Desde el BNG aseguran que el avance del plan urbanístico eumés no desatiende a los núcleos de población tradicionales ni favorece las grandes urbanizaciones. "Faltan a la verdad [Fusquenlla y las entidades vecinales], están desinformando o simplemente quieren confundir a la opinión pública. De acuerdo con la Lei 9/2002 en la totalidad de núcleos rurales se prevé la expansión en un radio de 200 metros. Frente a lo que se asegura, no se recogen macrourbanizaciones ni campos de golf, ni se pretende favorecer ninguna especie de saturación o colapso urbanístico", recalcan los nacionalistas...Los nacionalistas indican, finalmente, que no pueden compartir la "obsesión de los que consideran, a través de la crítica destructiva, a Pontedeume como un punto negro dentro del litoral"

En abril do 2006 o Concello promove a redacción dun plan de sectorización en Boebre para construir 219 vivendas

O 21 de maio do 2007 o DOG publica a aprobación inicial do plan parcial de Ber, unha urbanización de perto de 200 vivendas.


29/05/2007

Unha lectura


Moitas veces as conclusións que se deducen dos resultados electorais están moi deformadas pola visión interesada dos políticos que participaron na contienda. Tentan xustificar un fracaso ou unha victoria na procura dun rédito político, e a argumentación pode ser falsa.
O descenso de votantes do PSdG e BNG é real. Entre ambos perderon 452 votos. Unha cifra nada desdeñábel. Curiosamente este ano aumentou a abstención e o número de votos en branco. A variación con relación ao 2003 supón 350 votantes máis que decidiron absterse ou votar en branco. Esta cifra pode atribuirse case completamente a votos de socialistas e nacionalistas, e aínda quedarían "perdidos" outros 100 votos para completar o déficit de 452 votos que sumaron entre os dous grupos. O destino destes votos podemos intuilo se pensamos que o PP e o COE só gañaron 134 votos.
Temos polo tanto unha parte considerábel de votantes de esquerdas que deciden retirar o seu apoio a PSdG+BNG, e unha parte máis pequena que trasvasa o voto ás formacións de dereitas.
E isto é así porque non cabe dúbida que o voto en branco corresponde a un electorado de esquerdas decontento co labor desenvolvido polo goberno sainte.
As causas dese abandono electoral poden ser varias pero indudablemente o descontento social producido polas obras que, amais de deteriorar a paisaxe eumesa, deixaron entrever unha política de corrupción ao servizo dos promotores inmobiliarios é a causa principal que explicaría este revés electoral. Non é doado dixerir que un goberno de esquerdas, ou que se proclama así, poida incurrir en semellante grao de perversión democrática: corrupción, escurantismo, favoritismo, prevaricación e mentiras. O dano que estes politicastros fan á idea de progresismo é inconmensurábel. O 6 de maio moitos eumeses estabamos en Compostela defendendo o noso territorio; o 27 de maio demostramos aos ineptos que non estamos dispostos a transixir nesta defensa.
Os cidadáns non imos aceptar a chantaxe dos que fan súa a máxima: "o comigo ou o caos". Eles trouxeron o caos e deben asumir as responsabilidades. Algúns foron "invitados" a marcharse; outros insisten en seguir. Exiximos ter a opción de poder votar a opcións progresistas, e para iso os partidos políticos deben proceder a unha depuración dos que confunden o servizo á colectividade co aproveitamento persoal.

21/05/2007

O ladrillo das eleccións


Fartura. Iso é o que temos os cidadáns en determinadas épocas. Durante as eleccións acabamos con indixestións e mal alimentados. As mensaxes dos candidatros non satisfán as nosas necesidades. Son moitas as preguntas que nos facemos e trasladamos aos políticos, preguntas sobre problemas acuciantes que existen en Pontedeume. E as respostas, ou non existen ou son vagas. O urbanismo é o maior problema ao que nos enfrontamos porque del vai depender o futuro do noso concello. Porén os partidos políticos o sortean como unha enfermidade contaxiosa da que se queren afastar.
Algúns, como o PSdG, aprópianse con descaro dos lemas que o movemento "Galiza non se vende" lanzou o 6 de maio en Compostela. Falan dunha nova cultura do territorio e baleiran esta proposta do seu contido sen concretar cal é esa cultura que pregonan. Dende logo a que eles mesmos practicaron en Pontedeume está nas antípodas da que os colectivos cidadáns e ecoloxistas defenderon na mobilizacion do día 6.
Outros, como o BNG, sen arrepentirse do feito ao longo dos últimos catro anos en materia urbanísica (período gris de Pontedeume), defenestran ao seu concelleiro de urbanismo facéndoo aparecer como único responsábel do desaguisado. Se por tránsfuga entendemos o que desobedece a liña política do partido dándose á fuga (algún día saberemos cal foi o camiño que tomou) hai que aceptar que o concelleiro de urbanismo o é. Pero a desautorización que o BNG fai de Regueiro non é máis que unha operación estética que non convence a ninguén porque os mesmos representantes do BNG aprobaron ao unísono un proxecto para construir máis de 200 chalés na costa de Boebre. E fixérono sixilosamente e sen recoñecelo.
Do PP, COE, IEP e TG non caben esperar nada mellor. Algúns decántanse claramente polo urbanismo máis agresivo: portos exteriores, aparcamentos subterráneos, etc.; outros non se manifestan porque non saben ou porque chocarían co sentir dos votantes.
En calquera caso o urbanismo é o gran ausente dos programas electorais dos partidos. Non só non dan estratexias para o futuro senón que non ofrecen solucións aos problemas presentes.Ninguén se manifesta sobre as máis de 200 vivendas con orde de paralización que hai en Pontedeume. Ninguén aclara que vai pasar co PXOM e como compaxinar ese desmedido crecemento urbanístico cun crecemento sostíbel da vila e parroquias. Ninguén se manifesta contra as urbanizacións que fortificarán toda o litoral eumés.
Cuestións tan complexas que só admiten dúas posicións: a defensa dos intereses da comunidade ou a salvagarda dos beneficios dos predadores do territorio. O silencio cómplice dos partidos políticos é unha afronta á dignidade dos eumeses, un desprezo ás súas inquedanzas e unha burla á súa vontade de vivir nun hábitat máis humano.
E como non queremos que se faga máis do mesmo, polo menos no noso nome, debemos manifestar o noso repudio cun voto en branco. Un voto sinónimo de transparencia e de limpeza.

17/05/2007

Na procura dos votos


Algúns pensarán que as cousas a partir de agora xa se poderán reconducir. O alcalde e o concelleiro de urbanismo deixan o concello e "morto o can , acabouse a rabia". Pero os cans empéñanse en demostar o contrario. Nas últimas semanas poidemos ver como se asinaron permisos dun xeito vertixinoso.
Primeiro foi a solicitude que presentou un empresario para recalificar os terreos nos que se asenta a súa empresa...e as propiedades colindantes dos veciños. Despois dunha forte contestación social, os representantes do noso pobo xustificáronse dicindo que descoñecían o alcance das propiedades recalificadas. Non sabemos se están a mofarse dos cidadáns ou só é un problema de incompetencia.
Posteriormente aproban dous grandes proxectos de urbanizacións que se levantarían en terreos rurais de Boebre, unha a carón da antiga e fantasmal urbanización de Ber, outra ao longo da costa de Boebre. A aprobación destas urbanizacións é o máis grande atentado medioambiental que partíu do equipo de goberno, máis incluso que a construción do "mamotreto" de Caldagueiro. Supón construir nunha franxa de varios quilómetros de costa máis de 400 vivendas. Un muro de ignominia fomentado polos que no reparan en medios para obter prebendas. Moi cuantiosas deben ser estas para sobrepoñerse ás críticas que os acompañarán na súa despedida da vida política.
Outros, os que se quedan, pretenden desligarse destes últimos movementos de formigoneiras. O cabeza de lista do BNG publica que o seu grupo non aprobou a urbanización de Ber e xustifica o voto positivo do seu camarada e concelleiro de urbanismo, Tino Regueiro, na autoexclusión deste da disciplina de partido. Pero o que non aclara é por que tamén el votou a favor da outra urbanización.
Lamentablemente non foi esta a única vez que apostaron pola cementación de Pontedeume. A nosa memoria inmediata lémbranos cando o BNG e o PSdeG concederon as licenzas de Caldagueiro, da casa de D. Pablo, do edificio próximo á estación, das vivendas en zona de protección costeira de Nogueirosa, en zona rural de Vizús, e en zona rural de Boebre. Case todas elas cun expediente de paralización que non se acatou. Cren estes señores que cun lavado de mans de última hora poden eliminar anos de inmundicia, desconsideración, soberbia e desprecio.
Catro anos delinquindo e só duas semanas de penitencia electoral. Pouca pena para tan grandes delitos.

07/05/2007

Os partidos políticos o 6 de maio

Celebrada a manifestación en Compostela co lema "GALIZA NON SE VENDE" todo o mundo se decatou da ausencia dos partidos políticos, ou para ser máis exactos, dos prepresentantes dos partidos políticos.
Novamente, o que xa é un axioma da democracia, os políticos sitúanse de costas, cando non en contra, da sociedade civil. Nin siquera se pronuncian sobre a convocatoria. Defendela sería recoñecer o fracaso do seu labor como representantes desa sociedade; criticala suporía enfrontarse abertamente ao sector social máis comprometido. A solución óptima está no silencio. Un silencio que ao mesmo tempo lles permite sortear o malestar de conciencia de quen sabe que a corrupción añiñou nas súas entrañas.
Esta sociedade exixe un cambio radical na forma de entender o goberno os partidos politicos. Erradicar a idea de que os representantes políticos teñen carta branca para decidir, sen contar co sentir cidadán, sentir que día a día se expresa de múltiples formas, é unha necesidade inmediata. Hoxe é posíbel coñecer as demandas dunha sociedade civil, madura e con medios para organizarse e propoñer solucións aos problemas plantexados. Nunca houbo en Galiza tantos colectivos cidadáns e ecoloxistas cunha idea clara sobre como combatir os males que afectan ao noso territorio. As súas propostas deben substituír aos plantexamentos dos partidos, a ese falso pragmatismo que só agocha unha defensa inxustificábel do gran capital. A planta de gas de Reganosa deixa incontabeis beneficios a Tojeiro pero é unha ameaza seria para os habitantes da ría. As urbanizacións en Pontedeume só reportan riqueza aos promotores, despoxándonos aos eumese dunha paisaxe que forma parte de nós.
O que se cuestiona é para quen se goberna. E a pregunta é por que só se teñen en conta os intereses dos empresarios. Realmente cren os alcaldes e políticos que os intereses dos Tojeiros, Lagares e outros, coinciden cos intereses dos cidadáns? Se fose así teriamos que concluir que descoñecen os mecanismos que rexen as relacións mercantís na sociedade. Mais non parece esta a verdadeira razón. Unha aposta tan descarada polos intereses dos poderosos deben ter forzosamente unha contrapartida, e a esta chámaselle corrupción.

04/05/2007

Ante o 6 de maio


Ese día celebrarase unha manifestación en Santiago para exixir o fin da degradación que o territorio galego está padecendo. Será a primeira vez que a case totalidade dos colectivos ecologistas e cidadáns, apoiados polas voces do mundo da cultura, respondan ao unísono ante a grave ameaza que supón as innumerables actuacións que se executan tanto no litoral como no interior de Galiza. Que esta resposta proveña de tan numeroso abano social non obedece a unha acción espontánea e inexplicábel senón a un malestar que se estivo xestando ao longo dos últimos anos. O que ata agora foi o recuncho verde deste país, está a piques de converterse nunha paisaxe gris de cemento e contaminación. As rías, antes fonte de riqueza e vida, serven de almacén de sustancias tóxicas e perigosas; o litoral pasou de ser unha fiestra de luz a un muro que divide mar e terra como dous territorios que se descoñecen; os espazos protexidos poden extinguirse polo estrabismo dos seus protectores; e os cascos históricos deixarán de ser testemuñas da idiosincrasia propia das nosas vilas e aldeas.
Os galegos contemplamos sen acougo como o valor máis preciado que posuímos, o que forma parte da nosa vida e que modela a nosa identidade, pode desaparecer polo afán desmedido duns promotores ávidos de fácil riqueza. Uns mercadores do chan aos que non lles importa vivir da Natureza, sendo os galegos un pobo que vive coa Natureza. Este pobo, ao que algúns queren esquilmar aproveitándose da súa suposta pero nunca probada indolencia, pode dicir basta como o fixo noutras ocasións. Pode evitar que o seu futuro sexa deseñado polos que sobre o papel só saben debuxar trazos e cotas. Un pobo que demostrou saber labrar - no sentido máis amplo do vocábulo - durante séculos unha terra e unha xeografía, non vai permitir que o seu labor se vexa socavado polas sucias mans dos especuladores. Unha esperanza pódese abrir o 6 de maio e debemos aproveitala se queremos garantir un futuro cheo de vida, de terra e mar. Un futuro no que aquel labrego de Castelao non lle teña que dicir aos seus fillos que "a nosa terra non é nosa, rapaces".