4 de maio de 2007

Ante o 6 de maio


Ese día celebrarase unha manifestación en Santiago para exixir o fin da degradación que o territorio galego está padecendo. Será a primeira vez que a case totalidade dos colectivos ecologistas e cidadáns, apoiados polas voces do mundo da cultura, respondan ao unísono ante a grave ameaza que supón as innumerables actuacións que se executan tanto no litoral como no interior de Galiza. Que esta resposta proveña de tan numeroso abano social non obedece a unha acción espontánea e inexplicábel senón a un malestar que se estivo xestando ao longo dos últimos anos. O que ata agora foi o recuncho verde deste país, está a piques de converterse nunha paisaxe gris de cemento e contaminación. As rías, antes fonte de riqueza e vida, serven de almacén de sustancias tóxicas e perigosas; o litoral pasou de ser unha fiestra de luz a un muro que divide mar e terra como dous territorios que se descoñecen; os espazos protexidos poden extinguirse polo estrabismo dos seus protectores; e os cascos históricos deixarán de ser testemuñas da idiosincrasia propia das nosas vilas e aldeas.
Os galegos contemplamos sen acougo como o valor máis preciado que posuímos, o que forma parte da nosa vida e que modela a nosa identidade, pode desaparecer polo afán desmedido duns promotores ávidos de fácil riqueza. Uns mercadores do chan aos que non lles importa vivir da Natureza, sendo os galegos un pobo que vive coa Natureza. Este pobo, ao que algúns queren esquilmar aproveitándose da súa suposta pero nunca probada indolencia, pode dicir basta como o fixo noutras ocasións. Pode evitar que o seu futuro sexa deseñado polos que sobre o papel só saben debuxar trazos e cotas. Un pobo que demostrou saber labrar - no sentido máis amplo do vocábulo - durante séculos unha terra e unha xeografía, non vai permitir que o seu labor se vexa socavado polas sucias mans dos especuladores. Unha esperanza pódese abrir o 6 de maio e debemos aproveitala se queremos garantir un futuro cheo de vida, de terra e mar. Un futuro no que aquel labrego de Castelao non lle teña que dicir aos seus fillos que "a nosa terra non é nosa, rapaces".