29/05/2013

O Concello procederá a talar o teixo

Para que serven as instruccións da Dirección Xeral do Patrimonio obrigando ao Concello de Pontedeume a tomar as medidas necesarias para garantir a súa conservación?
Por que o Concello atrévese a desoir as ordes que son de obrigado cumprimento para calquera cidadán?
Dende o primeiro momento eran manifestas as consecuencias da rotonda sobre a saúde do teixo e así o denunciaron particulares e asociacións, porén o alcalde non tomou ningunha medida para evitar o deterioramento da árbore. Deixou transcorrer o tempo para chegar a unha situación irreparábel. 

"O Concello de Pontedeume poñerá o futuro do teixo que está na rotonda do área de servizo en mans dun profesional que nos próximos días emitirá un informe sobre o estado actual da árbore. Segundo fontes municipais, a construción da glorieta converteuse na sentenza de morte para un exemplar cuxo aspecto foi a menos nos últimos meses. No caso de que o estudo non faga outra cousa que corroborar o que xa resulta evidente a primeira ollada, os responsabeis municipais anuncian a inmediata tala da árbore por razóns de seguridade vial. O teixo está moi próximo á estrada e a unha zona moi transitada." (Diario de Ferrol)

27/05/2013

Condenado por estafa en Pontedeume o promotor e exalcalde de Cesuras

Moito se escribíu do edificio levantado na antiga casa de D. Pablo. Hai poucas semanas o promotor á vez que alcalde de Cesuras facía unhas declaracións que non tiñan desperdicio. Agora a axencia Efe publica que este señor, capaz de conxugar dous cargos á vez, foi condenado por unha estafa na venda dun dos pisos do citado edificio eumés.

A Coruña, 27 may (EFE).- O ex alcalde de Cesuras Julián Lucas foi condenado en xullo de 2012 polo xulgado do Penal número 3 da Coruña a un ano de prisión con inhabilitación para sufragio pasivo, o que impide o seu dereito a ser elixido para cargos públicos, por un delito de estafa a raíz da venda dun piso en Pontedeume a través da inmobiliaria Progasa 2000.
Na sentenza, á que ha ter acceso EFE, o xuíz considera probado que Lucas e o seu socio na inmobiliaria Progasa 2000, Andrés Avelino Pérez, estafaron en febreiro de 2003 a un mozo na venda dun piso na localidade de Pontedeume ao non entregarlle o garaje incluído no contrato de compraventa."Con ánimo de ilícito enriquecimiento", sinala o auto, o garaje correspondente ao denunciante fora escriturado conjuntamente con outro trasteiro propiedade doutro cliente da sociedade.A sentenza, fechada en xullo de 2012, só tres meses despois do anuncio do proceso de fusión dos municipios de Oza dous Ríos e Cesuras, recolle unha condena dun ano de prisión con inhabilitación para sufragio pasivo durante este periodo para o ex regidor, quen recorreu o fallo ante a Audiencia Provincial da Coruña que deberá fallar nos próximos meses sobre o caso.A xestión de Lucas á fronte da inmobiliaria con administrador mancomunado, da que cesou en xaneiro de 2013 segundo informou o mesmo nun dos plenos celebrados en Cesuras, estivo no punto de mira desde que o ex regidor anunciase o pasado 3 de maio a súa renuncia a seguir á fronte de Cesuras a escasos meses para completar o proceso de fusión.

20/05/2013

O valor do patrimonio

En época de crises hai que procurar ser máis innovadores, capaces de eludir as consecuencias da falta de recursos. Non se trata de industrializar cando non hai condicións obxectivas para iso, nin de volver aos vellos e nefastos recursos de potenciar o sector servizos cando non existe a demanda necesaria.

O pequeno comercio, noutrora un factor económico de suma importancia en Pontedeume, atópase hoxe nunha situación tan degradante que mesmo pode chegar a desaparecer. Á falta de poder adquisitivo dos potenciais clientes únese a competencia das grandes superficies comerciais. Ademais o estancamento poboacional do noso concello agrava a delicada situación económica local.

A riqueza patrimonial de Pontedeume é, hoxe en día, a única posibilidade de sortear minimamente os efectos da crise económica. A rehabilitación do casco histórico, a potenciación do valor paisaxístico do noso entorno, a protección e distribución dos produtos agrícolas autóctonos e da gastronomía local, son factores que contribuirían a paliar a recesión. Moitas vilas galegas apostaron por recuperar os seus cascos históricos non só por unha obriga moral co seu pasado senón por convertilos nun motor de desenvolvemento económico. Pola contra, Pontedeume contempla con bochornoso desinterese como o seu conxunto histórico artístico desaparece día a día sen que a administración local poña o menor interese en evitalo.

11/05/2013

Informe da Dirección Xeral de Patrimonio

A raíz da denuncia presentada polo colectivo Fusquenlla sobre as obras que Fomento ía acometer á entrada de Pontedeume, a Dirección Xeral de Patrimonio emitíu en decembro do 2008 un informe desfavorábel que foi ignorado polo Concello de Pontedeume.

Neste informe, que acepta a construción da rotonda fronte á gasolineira, non así da situada á entrada da vila, advírtese que se deben adoptar as medidas necesarias para garantir a conservación do teixo que califica de árbore senlleira.


08/05/2013

Gabriel Torrente: "o teixo será respectado"

Convén botar man das hemerotecas para decatarse da verborrea e mentiras dos políticos. Cando se iniciou a construción das rotondas en Pontedeume, unha vez desbotado o paso subterráneo, o colectivo Fusquenlla alertou do perigo que se cernía sobre o teixo do parque Sarmiento. A construción dun muro arredor da árbore conlevou a extirpación das súas raíces.  

O informe de Patrimonio sobre as obras deixaba ben claro que en ningún caso deberían afectar a este exemplar senlleiro e protexido. E as Novas xeracións do PP apresuráronse a calmar os ánimos insistindo que o teixo sería respectado. Na súa páxina web reproducían un artigo de La Opinión no que Torrente afirmaba que  "Al árbol no se le toca. Acabo de hablar con Fomento y me lo ha confirmado, así como que esa zona no está afectada por Patrimonio" 

De nada serviron as denuncias do colectivo ecoloxista. A situación actual do teixo (na fotografía) non deixa lugar á esperanza. A única sensibilidade do partido popular é co mal chamado progreso do que as rotondas  e o cemento son os mellores arquetipos.

Reprodución do artigo

Fomento só precisa un informe de Patrimonio para unha rotonda

O departamento estatal comunica ao Concello que a zona non está afectada e asegura que respectará o vello teixo do parque Sarmiento

O Ministerio de Fomento comunicou ao Concello de Pontedeume que non precisa do informe da Dirección Xeral de Patrimonio para executar a rotonda proxectada fronte á gasolinera do casco urbano.
Así o manifestou onte o alcalde eumés, Gabriel Torrente Piñeiro (PP), que tamén confirmou que a construción da glorieta non afectará ao vello teixo situado nun dos extremos do parque Sarmiento. "Á árbore non se lle toca. Acabo de falar con Fomento e confirmoumo, así como que esa zona non está afectada por Patrimonio", indicou.
A empresa adjudicataria do proxecto de mellora da seguridade vial na N-651 ao seu paso por Pontedeume, Ocasa (Obras, Camiños e Asfaltos), iniciou as obras de construción da primeira das dúas rotondas proxectadas por Fomento, a que se sitúa fronte á estación de servizo. O primeiro paso, segundo explicou Torrente, é retirar uns centímetros o muro que rodea ao teixo para poder executar a glorieta coas dimensións fixadas no proxecto.
A colocación dos sinais de obra e o inicio dos traballos provocou a reacción de varios veciños, que se opoñen á construción da segunda rotonda, a que se situará ao final da ponte de pedra, e ao paso subterráneo co que se pretende facilitar a circulación dos peatones.
Os eumeses rexeitan desde varios blogs en internet a execución do túnel por consideralo insalubre e perigoso. O colectivo Fusquenlla, un dos primeiros en situarse respecto diso, critica que se prime a circulación dos vehículos e non aos peatones. Ademais, a asociación foi a primeira en reprochar a Fomento que non expuxese o proxecto e que non abrise un periodo de alegacións, pero o Ministerio respondeu alegando que non estaba obrigado a seguir ese paso nun proxecto de mellora da seguridade vial.
Fusquenlla demandou tamén un estudo medioambiental e outro arqueolóxico. Desde Patrimonio confirmaron a semana pasada que Fomento solicitoulles un informe, pero aseguran que a documentación que lles enviou a carteira está "incompleta". Malia que desde Patrimonio prevían que o proceso poderíase atrasar, o alcalde informou onte de que o departamento da Xunta xa emitiu un informe "que aínda non chegou a Fomento" e do que xa solicitou unha copia.

07/05/2013

Augas de Galiza dá un suspenso á ría de Pontedeume

60 verteduras á ría de Ares-Betanzos. Así o recoñece Augas de Galiza despois dunha visita hai uns días dos técnicos deste organismo. Unha das zona máis contaminadas é da praia de Ber e a desembocadura do río Eume. Augas de Galiza recoñece o mal funcionamento da rede de saneamento en Cabanas e Pontedeume. Tamén o goberno local da vila asume que "nesta zona vértese sen depuración previa ao mar" O concelleiro de infraestruturas demanda unha nova depuradora para a cal non hai financiamento.


Mais a pesar de recoñecer a pésima situación das augas, a administración non pon medios para solucionala. Como sempre que se delega en empresas privadas os servizos comunitarios, ocorre que prima a rentabilidade económica sobre  o interese público. Aquagest ten a obriga de conectar á rede de saneamento todas as augas residuais do concello pero a alternativa máis doada e económica consiste en verter directamente ao mar. E iso co beneplácito da administración local, a que suscribíu un contrato con unha das empresas máis depredadoras do entorno. Non só contamina as nosas rías senón que nos cobra por unha depuración inexistente.

06/05/2013

O xornal New York Times denuncia en portada a corrupción en España

A corrupción en España semella xa un tema preocupante alén das nosas fronteiras. O ilustre xornal N.Y.T. arremete contra a clase política española e cúlpaa da situación pola que atravesa este país.


Comeza citando, a modo de exemplo, o caso dunha exalcaldesa de La Muela (5000 habitantes) que está sendo investigada por corrupción e á que se lle calcula unha inmensa fortuna: "Investigadores calculan que ela e outros membros da familia acumulou preto de US $ 24 millóns, sobre todo a partir de escuros negocios inmobiliarios durante anos do boom de España."

"Nun momento no que España, Italia, Grecia e Portugal están a impor plans de austeridade sobre os seus cidadáns duramente presionados, estas revelacións de corrupción política xeneralizada están alimentando o resentimento amargo, desestabilizando gobernos e minando a credibilidade da clase política no seu conxunto."

"Aquí os xuíces están agora investigando  a uns 1.000 empregados que van desde alcaldes de cidades pequenas como a Sra Pinilla a ex ministros... a filla do rei Juan Carlos foi citada nunha investigación de corrupción que comezou coa investigación de funcionarios nas Illas Baleares."


"Algúns expertos creen que aínda hai moito máis por vir, resultado en España dunha estrutura política que pon un enorme poder en mans das autoridades locais. Moitos deles poden outorgar contratos ou ceder terreos con pouca ou ningunha consulta."

"Ningún partido político parece inmune. O mes pasado, un xuíz de instrución encarceou a sete persoas, entre elas un membro do Partido Socialista Obreiro Español, nun escándalo que involucra o uso dos fondos de desenvolvemento rexional para pagar as pensións falsas de xubilación anticipada a un total de 100 persoas. Pero moitos dos casos son máis como o d'A Muela, onde as autoridades locais enriquecéronse na planificación de grandes acontecementos. Parte deste diñeiro canalizouse aos seus partidos políticos, din os expertos."