En época de crises hai que procurar ser máis innovadores, capaces de eludir as consecuencias da falta de recursos. Non se trata de industrializar cando non hai condicións obxectivas para iso, nin de volver aos vellos e nefastos recursos de potenciar o sector servizos cando non existe a demanda necesaria.
O pequeno comercio, noutrora un factor económico de suma importancia en Pontedeume, atópase hoxe nunha situación tan degradante que mesmo pode chegar a desaparecer. Á falta de poder adquisitivo dos potenciais clientes únese a competencia das grandes superficies comerciais. Ademais o estancamento poboacional do noso concello agrava a delicada situación económica local.
A riqueza patrimonial de Pontedeume é, hoxe en día, a única posibilidade de sortear minimamente os efectos da crise económica. A rehabilitación do casco histórico, a potenciación do valor paisaxístico do noso entorno, a protección e distribución dos produtos agrícolas autóctonos e da gastronomía local, son factores que contribuirían a paliar a recesión. Moitas vilas galegas apostaron por recuperar os seus cascos históricos non só por unha obriga moral co seu pasado senón por convertilos nun motor de desenvolvemento económico. Pola contra, Pontedeume contempla con bochornoso desinterese como o seu conxunto histórico artístico desaparece día a día sen que a administración local poña o menor interese en evitalo.