30/11/2013

Un Nadal sen mercado municipal


Achégase o Nadal. As que deberían ser as festas máis celebradas por tradición, pódense converter nas máis amargas e duras para unha vintena de familias condenadas a sufrir a senrazón, a teimosía, a incompetencia, a vulgaridade e a grosería dun mandatario que, aqueixado de non se sabe que paranoia, considérase con patente de corso para impoñer os seus caprichos.

Descanse en paz, Sr. Torrente.

23/11/2013

Non é unha metedura de pata máis

Que un alcalde decida algo tan grave e de tanta transcendencia como o desaloxo dos praceiros sen acatar a normativa vixente non é unha simple metedura de pata; é un infracción cometida con premeditación, alevosía e nocturnidade (lembremos a actuación policial ás seis da mañá?). Decretar o peche do mercado e desaloxar dos seus postos de traballo a unha vintena de familias é unha decisión administrativa que limita o exercicio de dereitos individuais e colectivos, non está motivada a súa necesidade, non protexe o interese público, non foi notificada en forma aos praceiros e non se lles deu a oportunidade de presentar alegacións (Lei 30/1992 de Réxime Xurídico das Administracións Públicas).

E así debe entendelo o tribunal que cautelarmente decide paralizar as obras do mercado e esixe ao alcalde de Pontedeume a entrega de todos os documentos que demostren que a súa decisión foi axustada a dereito. Un difícil papel para o Sr. Torrente acostumado a exercer o seu poder á marxe da legalidade. Abonda lembrar a construción da sede do Firrete, a concesión do campo de deportes do instituto para aparcadoiro público e unha morea de intervencións de dubidosa legalidade. A diferencia co tema do mercado é o prexuizo económico ocasionado aos praceiros e a todo o sector servizos da vila, sen desbotar a fractura social que isto propiciou.

Asuntos todos eles moi graves que esixen a dimisión do alcalde ou, no seu defecto, o cese pola delegación do goberno. E iso sen agardar a unha sentencia firme dun tribunal que anule a decisión da alcaldía e esixa indemnizar aos praceiros (a conta das arcas públicas, claro).



22/11/2013

Alternativa Galega de Esquerdas en defensa do campo de deportes

O grupo parlamentar da Alternativa Galega de Esquerda (EU-ANOVA), acaba de presentar unha proposición non de lei para o seu debate na cámara, pedindo a restitución do campo de deportes do IES Fraga do Eume como recinto escolar. 

Este é o texto que se presentou:

O Grupo Parlamentar da Alternativa Galega de Esquerda (EU-ANOVA), a iniciativa dos seus deputados Consuelo Martínez García e Antón Sánchez García, a través do seu portavoz Xosé Manuel Beiras Torrado, ao abeiro do disposto no artigo 160 do Regulamento da Cámara, presenta a seguinte Proposición non de lei para o seu debate en Pleno. 

Aproximadamente, alá polo ano 1988, Portos de Galicia, presumiblemente cedeu á Consellería de Educación os terreos do IES Fragas do Eume. Con data 6 de setembro de 2013, publícase a Resolución do Secretario Xeral Técnico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pola que se outorga a concesión demanial gratuíta do uso dunha parcela ubicada na avda. Ricardo Sánchez nº 3, no concello de Pontedeume, adscrita a dita Consellería. Dita Resolución outorga a título gratuíto o aproveitamento privativo da subparcela de 700 metros cadrados en favor do Concello de Pontedeume mediante a figura da concesión demanial co fin de concretar a colaboración e desenvolver as actuacións necesarias para a súa utilización como aparcadoiro público.

A duración da concesión demanial gratuíta será de 10 anos. Poderá ser obxecto de prórroga por mutuo acordo das partes, sen que en ningún caso podan superar, con prórrogas incluídas, os 75 anos.

O Real decreto 132/2010, do 12 de febreiro, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas de segundo ciclo da educación infantil, a educación primaria e a educación secundaria, establece:

• Artigo 3- Requisitos de instalacións comúns a todos os centros.

3.2.- Os centros docentes mencionados no anterior número (educación infantil, segundo ciclo, educación primaria, educación secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional) deberán cumprir, como mínimo, os seguintes requisitos:

a) Situarse en edificios independentes, destinados exclusivamente a uso escolar, ben que as súas instalacións poderán ser utilizadas fóra do horario escolar para a realización doutras actividades de carácter educativo, cultural ou deportivo. No caso de centros docentes que impartan o segundo ciclo de educación infantil, terán, ademais, acceso independente do resto das instalacións.

3.3.- Os centros docentes que impartan a educación primaria, a educación secundaria obrigatoria e/ou o bacharelato deberán contar, ademais, con:

Un patio de recreo, parcialmente cuberto, susceptible de ser utilizado como pista polideportiva, cunha superficie axeitada ao número de postos escolares. En ningún caso será inferior a 900 metros cadrados.

En relación co exposto, o Parlamento de Galicia insta á Xunta a Iniciar as accións oportunas ante Portos de Galicia e Concello de Pontedeume para garantir a devolución dos terreos do IES Fragas do Eume destinados a uso deportivo do alumnado e, polo tanto, a utilización dos mesmos como aparcadoiro antes de finalizar o ano 2013.

18/11/2013

Covarde!

A palabra que repetía constantemente unha praceira despois de seren desaloxados por antidisturbios armados ata os dentes. Chea de rabia e impotencia só berraba a palabra covarde mentres choraba desconsoladamente. Referíase ao alcalde, o que quere deixalos sen traballo e usa a forza porque lle faltan argumentos.

Hai que explicarlle a este alcalde, se é que pode entendelo, que unha cousa é a imposición autoritaria e outra a autoridade moral, cualidade esta que el non posúe. A autoridade moral vai emparellada coa intelixencia e ninguén intelixente pode responder ás xustas demandas dos praceiros co uso indiscriminado da violencia.

Pontedeume non se merece isto. O paso de sucesivos gobernos locais tivo sempre un denominador común: a pésima xestión. Pero este goberno presidido polo Sr. Torrente (non teño claro o tratamento) aúna a mala xestión cun deplorábel comportamento antidemocrático. Negado na xestión e negado nas formas. Pódese pedir máis a un alcalde? 

Que circunstancias fan posíbel que a incompetencia, a chulería  e o nepotismo sexan as características principais dun alcalde dunha pequena vila como a nosa? Difícil sabelo. Sabemos que a mediocridade instalouse nos órganos da sociedade como un cancro, pero isto non explica o caso de Pontedeume.  Que un pendencieiro, arrogante e falaz mandatario chegue a gobernar este concello  é motivo de crítica e de autocrítica. Alguén errou.

Fan ben os praceiros en esixir compromisos por escrito. A palabra dun rexedor como este está máis devaluada que o soldo dun pensionista. O neocaciquismo está máis ligado aos grandes pelotazos que á obtención de votos. Favorecer a un gran holding da alimentación a costa do desafiuzamento de vinte praceiros é unha práctica que xa está dentro da normalidade. As ansias depredadoras das grandes empresas teñen nos políticos os seus mellores aliados. A oposición dos praceiros eumeses a este tipo de cambalaches non só é unha defensa dos seus postos de traballo senón tamén dun modelo basado nun comercio tradicional, de calidade, protector dos produtos da terra, non especulativo e alternativo ás leis impostas polos grandes monopolios. É a decencia contra a corrupción.

10/11/2013

A comunidade educativa do Fraga do Eume acudirá á vía xudicial para recuperar o campo de deportes

Tanto a ANPA como o Claustro de Profesores interporán un recurso contencioso administrativo contra a decisión da Consellaría de Educación de ceder o campo de deportes do instituto para uso de aparcadoiro.

Convén lembrar que desde que se iniciou este problema, cando o recinto escolar foi cedido ao concello en período vacacional, a comunidade educativa amosou a súa oposición sen que as autoridades da consellaría tivesen en conta o parecer de pais, alumnos e profesores. De nada servían as críticas ante unha concesión administrativa que primaba o interese político do concello sobre as necesidades do instituto.

O colofón a este despropósito foi a cesión outorgada o 6 de setembro por un período de 10 anos prorrogábel ata os 75. Tampouco nesta ocasión se atenderon as queixas da comunidade educativa. O alcalde eumés, apoiado polo grupo socialista, solicitou a Educación a cesión do campo de deportes sen consultar antes o parecer do IES Fraga do Eume, algo que xa se pode definir como a marca de clase deste mandatario.

Fartos do menosprezo que amosaron tanto o Concello como a Consellaría, a ANPA e o Claustro deciden agora acudir aos tribunais para dilucidar a legalidade ou non desta medida. Abondan datos que apuntan a unha posíbel irregularidade: as condicións da cesión que no seu día fixo Portos de Galiza para construír o instituto foron conculcadas por ceder ou traspasar a terceiros uns terreos que foron prestados para uso escolar; as instalacións dos centros educativos só poden ser usadas para actividades educativas, culturais ou deportivas; e o instituto queda sen equipamento, obrigatorio por lei, para exercer as súas actividades.

Unha mágoa que sexan os profesores, pais e alumnos os que teñen que velar pola protección dos centros, unha tarefa que debería recaer, por lei, sobre as autoridades educativas. Pero tanto estas como os representantes do concello optan por esquilmar as instalacións do instituto para satisfacer demandas ilexítimas de determinados grupos de presión.

09/11/2013

Multas aos veciños que se solidarizan cos praceiros


Fontes policiais apuntan que, seguindo o procedemento habitual, todas as notificacións faranse chegar á Subdelegación do Goberno para a tramitación da sanción correspondente.
Neste sentido, considérase probable que a contía da multa poida alcanzar os 300 euros, ao ser considerado como acto de desobediencia o facer caso omiso ao precintado das instalacións.





Así é como se coarta o noso dereito á solidariedade. A imposición de multas a todos aqueles que se manifesten en contra dos designios dos autócratas tenta ser un método coercitivo que cada vez está máis estendido neste país. Incapaces de apagar as voces que claman contra as inxustizas, os gobernantes do partido popular recorren ás sancións económicas. A figura do gobernador civil foi substituída na democracia polo delegado do goberno; puro eufemismo que non cambia a súa función.

Lamentablemente en Pontedeume temos un deses especímenes aos que non lles doe descargar contra os seus veciños toda a brutalidade propia do poder. Un alcalde que deixa sen traballo a decenas de familias, que mobiliza á forza pública, incluídos os antidisturbios, para garantir unha paz que nunca se alterou, e que sanciona económicamente á veciñanza por solidarizarse cos praceiros, é un político acomplexado, vingativo, inseguro, ruín e indigno da cargo que ocupa. Pontedeume non merece ser representado por quen añora tempos pasados xa extinguidos.

Sería boa unha resposta cidadá contra a sinrazón do goberno local. Hoxe sábado na praza Real ás 12 temos a oportunidade de facerlle ver o noso absoluto desprezo polo seu talante. E cando aparezan as primeiras sancións, por que non pasarlle a factura aos concelleiros?

08/11/2013

Hai que botalos!



Por ineptos

Por mentireiros

Por prevaricadores

Por ignorantes

Por autoritarios

Por fascistas

Por chulos

Por demagogos

Por manipuladores

POR COLLÓNS!

05/11/2013

Torrente, manu militari

Así entende este home a democracia: autoritarismo, chulería, prepotencia e uso da forza. Esta mañá o mercado municipal apareceu tomado pola forza pública, unha estampa digna dos mellores tempos do franquismo. Catro dotacións da garda civil para impedir aos veciños de Pontedeume acceder a un lugar público que o rexedor quere convertir en privado.
O malo de todo isto non é que Pontedeume teña un suxeito desta calaña como alcalde; o malo é que se está a xogar cos postos de traballo de varias ducias de familias sen contar cos graves prexuizos económicos que acarrea a toda a vila, en concreto ao sector servizos e á pequena produción agrícola. Que a cidadanía tome nota.

04/11/2013

Por collóns

Artigo publicado no Diario de Ferrol por Emma González (avogada)

No ámbito do Dereito público, unha concesión administrativa é un negocio xurídico polo que unha administración pública atribúe a un ou máis suxeitos dereitos ou deberes dos que carecía sobre bens do dominio público (por ex. o uso, aproveitamento, explotación, uso de instalacións, construción de obras, de novas terminais marítimas, terrestres ou aéreas). Este negocio, pois, xera dereitos e obrigacións como é lóxico. Polo tanto, calquera modificación e/ou suspensión non só ha de estar fundamentada e xustificada, senón que como mínimo, ha de ser notificada ao interesado, quen de acordo coa Lei de Procedemento Administrativo, poderá formular alegacións, propor probas e, en ultima instancia, unha vez esgotada a vía administrativa acudir aos tribunais, esixindo o amparo ou a protección dos seus dereitos. Cando a actuación administrativa carece de resolución previa que lle sirva de fundamento xurídico, é contraria á legalidade. Está prohibida con rotundidade no artigo 93 da LRJ-PAC.

E a dita falta de acto previo son asimilables aqueles casos nos que, existindo tal acto, este vese afectado dunha irregularidade substancial, que permite falar de acto nulo de pleno dereito ou ata inexistente véndose privado da presunción de validez que predica de todo acto administrativo o artigo 57.1 da LRJ-PAC. Pois se, isto que parece tan simple non sempre se cumpre. Por iso é polo que existan moitos rexedores locais que fóra das canles legais actúan ou campan ás súas anchas cal se o concello fose a súa facenda particular ou o seu ranchiño.

Este tipo de actuacións non tiveron o correcto freo, ou o que sería desexable, ao non existir mecanismos de control administrativo que en certo xeito impidan prácticas abusivas, amparadas nesa presunción de legalidade que outorga a roupaxe da Administración. Desta forma o único freo vén constituído pola actuación xudicial, o que non só orixina contratempos senón múltiples gastos, en moitos casos do todo punto inxustificados. Máxime agora onde o dereito á tutela xudicial efectiva estase convertendo nunha entelequia coa aplicación da Lei de Taxas.

Por iso é polo que esta semana os placeiros de Pontedeume tivéronse que plantar, ante a actuación dun rexedor que sen procedemento nin notificación algunha decidiu que se trasladen do mercado á zona da lonxa para exercer a súa actividade, sendo coñecedores os titulares de cada posto unicamente do sustitutivo asignado nun sorteo do que nin sequera consta un acta levantada. Postos, nos que ademais os titulares non poden desenvolver a súa actividade dada a carencia de espazo suficiente, paredes de pladur que non permiten colgar pesos, ausencia de expositores, etc.

E isto sucede a pesar de haberse presentado coa suficiente antelación un escrito no que se esixía unha notificación das modificacións na súa concesión administrativa. Nada se resolveu. Sobre isto nada se sabe. Segundo indícase, na única resolución notificada, o traslado vén imposto a consecuencia das obras a executar no edificio do mercado. Isto é o único, pois se descoñece a duración das obras, as partidas de execución, ou o retorno ou non ao seu posto orixinario do mercado.

Iso si, lonxe de amedrentarse, henchido de orgullo e en uso das súas prerrogativas recorrerá ao exercicio da forza, ordenando o desaloxo o vindeiro luns, onde retirará as súas pertenzas (as non perecedoiras) que xa dirá onde as deposita. E todo a costa do peto dos concesionarios que "polos seus collóns" vanse, si ou si. Triste que un rexedor confunda un concello coa súa entreperna por iso é polo que se move a golpe de impulso. Triste que este tipo de cuestións non nos causen estupor. De novo o uso e abuso das facultades que outorga o rexentar unha administración ha de ser proscrito, e os administrados, cidadáns correntes, non poden asistir pasivos ao actuar propio dun goberno local intolerante.

01/11/2013

Incidentes no pleno

A enésima cacicada

Pontedeume parece condenado a sufrir un caciquismo que se cría xa trasnoitado, un caciquismo propio do século XIX. As ameazas de desaloxo e traslado forzoso dos praceiros do mercado municipal son a enésima cacicada dun goberno que vela polos intereses ocultos dos máis poderosos en detrimento dos veciños da vila. O que podería ser razonábel, traslado momentáneo mentres se executan as obras de remodelación do edificio do mercado, deixa de selo cando non se aclaran nin os prazos das obras nin o sistema de financiamento. Porque o certo é que a rehabilitación do mercado non é posíbel financieiramente na actualidade.

Que se agocha entón na decisión gubernativa do traslado? Un desaloxo. Pero un desaloxo definitivo para deixar libre ese enorme espazo ubicado no centro comercial da vila. Un apetecido enclave para calquera holding da alimentación desexoso de instalar nel un gran centro alimentario. O alcalde apostaría por unha concesión a unha destas grandes empresas a cambio de que esta se fixese cargo dos gastos da rehabilitación do edificio.

Que catorce pequenos empresarios perdan o seu modo de vida é secundario para o goberno local, como o é que Pontedeume perda un dos seus atractivos: a venda de produtos locais á marxe da distribución industrial. E pensemos que o mercado é un foco de atención para numerosos veciños da comarca e polo tanto unha fonte de ingresos para a economía local. Non pensan así os pequenos caciques máis dados a favorecer ás grandes firmas comerciais. Neste país xa se sabe que estas soen ser xenerosas cos mandatarios sensibeis aos seus intereses.