18 de nov. de 2013

Covarde!

A palabra que repetía constantemente unha praceira despois de seren desaloxados por antidisturbios armados ata os dentes. Chea de rabia e impotencia só berraba a palabra covarde mentres choraba desconsoladamente. Referíase ao alcalde, o que quere deixalos sen traballo e usa a forza porque lle faltan argumentos.

Hai que explicarlle a este alcalde, se é que pode entendelo, que unha cousa é a imposición autoritaria e outra a autoridade moral, cualidade esta que el non posúe. A autoridade moral vai emparellada coa intelixencia e ninguén intelixente pode responder ás xustas demandas dos praceiros co uso indiscriminado da violencia.

Pontedeume non se merece isto. O paso de sucesivos gobernos locais tivo sempre un denominador común: a pésima xestión. Pero este goberno presidido polo Sr. Torrente (non teño claro o tratamento) aúna a mala xestión cun deplorábel comportamento antidemocrático. Negado na xestión e negado nas formas. Pódese pedir máis a un alcalde? 

Que circunstancias fan posíbel que a incompetencia, a chulería  e o nepotismo sexan as características principais dun alcalde dunha pequena vila como a nosa? Difícil sabelo. Sabemos que a mediocridade instalouse nos órganos da sociedade como un cancro, pero isto non explica o caso de Pontedeume.  Que un pendencieiro, arrogante e falaz mandatario chegue a gobernar este concello  é motivo de crítica e de autocrítica. Alguén errou.

Fan ben os praceiros en esixir compromisos por escrito. A palabra dun rexedor como este está máis devaluada que o soldo dun pensionista. O neocaciquismo está máis ligado aos grandes pelotazos que á obtención de votos. Favorecer a un gran holding da alimentación a costa do desafiuzamento de vinte praceiros é unha práctica que xa está dentro da normalidade. As ansias depredadoras das grandes empresas teñen nos políticos os seus mellores aliados. A oposición dos praceiros eumeses a este tipo de cambalaches non só é unha defensa dos seus postos de traballo senón tamén dun modelo basado nun comercio tradicional, de calidade, protector dos produtos da terra, non especulativo e alternativo ás leis impostas polos grandes monopolios. É a decencia contra a corrupción.