20/07/2007

Caixa Galicia e a protección dos espazos naturais


A Xunta e Caixa Galicia asinaron un acordo polo que se pretende preservar diversos espazos naturais. A forma de conseguir este amparo susténtase na compra por parte da entidade bancaria de terreos que forman parte de espazos dignos de protección. Caixa Galicia aportará 40 millóns en 3 ou 4 anos para financiar proxectos dos que se beneficiarán enclaves de alto valor natural, entre eles as Fragas do Eume, lugar polo que o director xeral da entidade amosou sempre unha especial predilección. Este altruísta home das finanzas posúe unha casa, antiga rectoral e patrimonio da Igrexa, ás portas do parque natural. Lembremos tamén que o seu apego por este lugar estivo a piques de ser recompensado pola corporación municipal que dirixía Belarmino Freire nomeándoo fillo predilecto de Pontedeume.
Hai poucos meses Caixa Galicia adquiríu a illa de Sálvora, dentro do parque natural das Illas Atlánticas pero esta operación foi finalmente abortada polo Ministerio de Medio Ambiente que entendía que a citada illa debería formar parte do parque e polo tanto ser de titularidade pública. Non parece ser esta a opinión da Xunta que dirixe Touriño, que non ten reparos en apoiar o afán especulador de Caixa Galicia. Porque de mera especulación se trata. Amais de admitir implicitamente que os poderes públicos non son quen de garantir a tutela dos espazos naturais, Touriño acepta que sexa unha empresa de capital privado a que utilice o patrimonio natural dos galegos como obxecto de investimento. Se antaño a Igrexa foi a detentadora do patrimonio cultural dos pobos , hoxe son as entidades financieiras as que exercen ese poder, pero non só sobre o patrimonio cultural senón tamén sobre o arquitectónico e o territorial. Son numerosos os edificios emblematicos que ditas entidades posúen en todas as cidades, obras de arte e agora parques naturais. Sabemos que o diñeiro como moeda perde o seu valor en cuestión de meses; o intelixente é especular.
Poñer nas mans de Caixa Galicia a protección das paraxes naturais é como pedirlle ao raposo que protexa ás galiñas. Esta entidade ten participación en proxectos que atentan contra o medio ambiente, o territorio e a saúde das persoas. Reganosa, Endesa e Ence son exemplos flagrantes destas actividades. Resultan grotescas as palabras do presidente da Xunta ao dicir que “é o mellor sinal de que desde a preocupación amosada por Caixa Galicia se sintoniza cos mellores valores dunha sociedade moderna, dunha sociedade democrática que sabe e que ten nos seus recursos, no noso patrimonio e no noso territorio os mellores valores".

15/07/2007

A Fiscalía acusa dun posíbel delito contra a ordenación do terriotrio


A razón está na obra que, primeiro Juan Sampedro e logo Lagares e Álvarez, construiron na estrada da estación. Disconformes cos beneficios que estimaban pola venda das 18 vivendas que o Concello lles concedera, decidiron ampliar o volume da edificación ata as 55 vivendas. Non só se desfalcou ao concello por unhas taxas que non se correspondían co construído senón que se ocupou solo público destinado a urbanizar a zona.
O colectivo Fusquenlla, farto de presentar denuncias contra o que obviamente era un abuso dos promotores, decidíu recorrer á fiscalía do TSXG. Esta estima razonabeis as queixas de Fusquenlla e decide incoar unha denuncia por un posíbel delito contra a ordenación do territorio.
Esta obra, que leva paralizada dende hai varios meses, estaba esperando a aprobación do PXOM para poder ser legalizada. Certos concelleiros do anterior goberno tiñan a esperanza de que así sucedese. Pero a Xunta de Galiza non parece ver correcto o planeamento urbanístico que se quería aprobar e condena a este edificio a pasar polas tribulacións propias dun xuizo.
O delito do que se acusa leva aparellada a pena de cárcere, multas e inhabilitación aos promotores, construtores e técnicos directores de obra. Por unha vez existe a posibilidade de que tanto a empresa promotora (Lagares e Álvarez) como a construtora (Construeume) paguen polas desfeitas urbanísticas que inflixiron ao pobo de Pontedeume. Non nos alegramos polo feito de que alguén acabe na cadea, pero si polo que de escarmento suporía para futuras actuacións doutros promotores. Tampouco sería xusto un desenlace deste tipo se non incluíse aos que, dende detrás dos despachos, permitiron semellante dislate.
Hai uns días se coñecía tamén que un xuíz anulara dúas licenzas de vivendas construídas en Nogueirosa, aumentando así a 4 as vivendas desta parroquia que xa foran anuladas polo poder xudicial. Esta nova actuación da Fiscalía parece confirmar que algo se move neste concello. O camiño é longo e arduo pero altamente beneficioso. O clamor cidadán contra o urbanismo que convirte ao noso territorio en moeda de cambio, ten eco en instancias xudiciais, aínda que non no poder executivo.


12/07/2007

Xuíces, alcaldes e cidadanía


Ultimamente as soluciòns aos problemas de urbanismo parece vir dadas pola actuación dos xuíces. E non só polos maxistrados senón tamén polos colectivos cidadáns que apostaron polo crecemento sostíbel das vilas e aldeas. Á marxe deles, os alcaldes. Empeñados en conceder licenzas ilegais, amparándoas na ambigüidade das leis, non atenden ás xustas reclamacións dos veciños que se opoñen aos abusos dos promotores. A estes quédalles a posibilidade de acudir a organismos superiores que deberían velar polo cumprimento das leis. A Consellaría de Política Territorial sería a máis apropiada para obrigar aos Concellos díscolos a aplicar a lexislación. Mais isto poucas veces sucede.
Que facer? A veciñanza ten o dereito a acudir aos tribunais para restituir a legalidade que os gobernos locais conculcan. Lamentábel que sexan os cidadáns, os mesmos que pagan impostos para disfrutar dunha administración pública, os que teñan que controlar, advertir e denunciar as infraccións urbanísticas.
Hoxe publícase que un xuíz anulou outras dúas vivendas construidas en zona de protección de costas, en Nogueirosa. Xa van catro chalés coa licenza anulada. Non sabemos que vai ocorrer con estas edificacións. E no suposto de ter que demolelas, quen correría cos gastos. Hai uha responsabilidade do Concello por conceder as licenzas; hai outra dos promotores porque sabían da ilegalidade das actuacións. Non se pode alegar descoñecemento por uns e polos outros. No que afecta ao Concello, as leis deberían contemplar a posibilidade de que os concelleiros e alcaldes responsabeis asumisen persoalmente os gastos derivados das indemnizacións, se as houbese. Non se pode gobernar impunemente sabendo que aos actos propios do goberno non lles é de aplicación a lexislación penal. Do contrario, serán os cidadáns os penalizados.

01/07/2007

Pontedeume onírico

Todos soñamos co que desexamos. Algúns soños poderían ser realidade se o home non fose tan ruín. Pontedeume podería ser como calquera destas vilas europeas.