12.7.07

Xuíces, alcaldes e cidadanía


Ultimamente as soluciòns aos problemas de urbanismo parece vir dadas pola actuación dos xuíces. E non só polos maxistrados senón tamén polos colectivos cidadáns que apostaron polo crecemento sostíbel das vilas e aldeas. Á marxe deles, os alcaldes. Empeñados en conceder licenzas ilegais, amparándoas na ambigüidade das leis, non atenden ás xustas reclamacións dos veciños que se opoñen aos abusos dos promotores. A estes quédalles a posibilidade de acudir a organismos superiores que deberían velar polo cumprimento das leis. A Consellaría de Política Territorial sería a máis apropiada para obrigar aos Concellos díscolos a aplicar a lexislación. Mais isto poucas veces sucede.
Que facer? A veciñanza ten o dereito a acudir aos tribunais para restituir a legalidade que os gobernos locais conculcan. Lamentábel que sexan os cidadáns, os mesmos que pagan impostos para disfrutar dunha administración pública, os que teñan que controlar, advertir e denunciar as infraccións urbanísticas.
Hoxe publícase que un xuíz anulou outras dúas vivendas construidas en zona de protección de costas, en Nogueirosa. Xa van catro chalés coa licenza anulada. Non sabemos que vai ocorrer con estas edificacións. E no suposto de ter que demolelas, quen correría cos gastos. Hai uha responsabilidade do Concello por conceder as licenzas; hai outra dos promotores porque sabían da ilegalidade das actuacións. Non se pode alegar descoñecemento por uns e polos outros. No que afecta ao Concello, as leis deberían contemplar a posibilidade de que os concelleiros e alcaldes responsabeis asumisen persoalmente os gastos derivados das indemnizacións, se as houbese. Non se pode gobernar impunemente sabendo que aos actos propios do goberno non lles é de aplicación a lexislación penal. Do contrario, serán os cidadáns os penalizados.

2 comentarios:

Jorganes dijo...

Pois si. Voto pola promoción popular dunha lei que contemple a responsabilidade privada dos alcaldes, concelleiros de urbanismo, e arquitectos e aparelladores municipais. Do mesmo xeito que moitos están a enriquecerse a costa do noso entorno, deberían pagar por iso cos seus cartos.

Anónimo dijo...

Totalmente de acordo, Jorganes, debe de identificarse ao individuo como particular e non ó cargo que representa á hora de pedirlle contas polos delitos cometidos cando estan a representarnos. que paguen co seu patrimonio e non co de todos.