30/12/2011

Portos, Adif e Firrete

Foto: A Opinión
O presidente de Portos de Galiza pasou por Pontedeume. E como bo político, é dicir, como experto en eludir a raíz dos problemas, anuncia que solicitarán de novo permiso a Adif para continuar coas obras do Firrete. O que debería explicar este señor é por que o organismo público que representa tivo o atrevemento de comezar unhas obras para as que non tiña permiso. Cando as mesmas institucións do estado incumpren a normativa que elas mesmas lexislan e de obrigado cumprimento para todos os cidadáns, estase a normalizar o caos, a corrupción e o todo vale.
Este comportamento de Portos de Galiza debe servirnos para estar á espreita para cando comecen as obras do aparcadoiro subterráneo baixo o campo de deportes do IES Fraga do Eume. Non sería extraño que se esquecese de solicitar os oportunos permisos a Patrimonio ou Medio Ambiente.
(Máis información na páxina de Fusquenlla)

26/12/2011

A menos poboación máis vivendas

Segundo o INE as previsións demográficas para os vindeiros 10 anos son pésimas. Galiza perderá máis de 113.000 habitantes na próxima década. E a comarca que, en termos absolutos, perderá máis poboación será a de Ferrol-Eume-Ortegal, con 11.978 habitantes menos en 2021.
Os redactores do PXOM non se enteiran, ou non queren enteirarse, das previsións estatísticas sobre o censo demográfico e ignoran a estreita relación entre número de vivendas e habitantes dun concello. Apostaban, xunto co Concello, no borrador aprobado inicialmente por incrementar o chan urbanizábel. Na súa ignorancia, pensan que se ben un incremento de poboación implica un incremento de vivendas, tamén este efecto dase á inversa. Para eles a maior número de vivendas, maior poboación.
Por certo, seguimos sen saber nada sobre o futuro PXOM.

22/12/2011

Quen son os mercados?

Unha lección maxistral de Vicenç Navarro catedrático de Políticas Públicas da Universitat Pompeu Fabra. Unha ollada atenta a este artigo para entender a verdadeira natureza da crise que padecemos. (Ilustración de Mikel Jaso)

Cando o Goberno Zapatero afirmaba que tiña que levar a cabo as políticas de redución de dereitos laborais (como debilitar os convenios colectivos) e sociais (como alargar a idade de xubilación, conxelar as pensións ou recortar o gasto público social) como consecuencia da presión dos mercados financeiros, estaba, en realidade, intentando externalizar a responsabilidade de desenvolver unhas políticas altamente impopulares. Algo semellante ocorrerá agora co Goberno Rajoy. En ambos os casos, os executivos dinnos que non son eles senón os de fóra, é dicir, os mercados, os que mandan mentres que os gobernos non teñen outra alternativa que desenvolver tales políticas.


Coa axuda dos maiores medios de información e persuasión do país, os gobernos intentan presentar tales políticas como determinadas por forzas exteriores sobre as cales teñen poquísima capacidade de influencia. O gran argumento, que xustifica tales políticas, é que son necesarias para "dar confianza a tales axentes externos: os mercados financeiros". Noutras palabras, hai que reducir o déficit e a débeda pública, e hai que reducir os salarios e debilitar aos sindicatos a fin de acougar aos mercados para que estes presten o seu diñeiro ao Estado español, permitíndolle con iso poder pagar os seus gastos. O problema con este esquema político-intelectual é que cada un dos postulados sobre os que se basea é erróneo, é dicir, os datos empíricos non o sustentan. Veámoslos.
En primeiro lugar, non son os mercados financeiros, senón principalmente os bancos, as compañías de seguros e os fondos especulativos españois (o eixo do que se chamaba antes a burguesía financeira, termo abandonado na linguaxe política-mediático actual por consideralo "anticuado") os que posúen case a metade da débeda pública española. A maioría da outra metade posúena bancos, compañías de seguros e fondos especulativos europeos, gran número deles relacionados cos mesmos fondos españois. Só unha mínima parte posúena entidades financeiras estranxeiras (é dicir, de fóra da Unión Europea).

Os "mercados financeiros" son, pois, basicamente as nosas institucións financeiras (españolas e europeas). Utilizo o termo "nosas" para indicar a súa identificación político territorial, pois de nosos "no sentido de posesión por parte da maioría da poboación" teñen pouco. Están controlados por un número pequeñísimo de persoas (os xerentes, gobernadores e accionistas), menos do 0,1% da poboación, que se benefician enormemente de que o Estado español teña que pagar ata un 7% de interese para conseguir diñeiro prestado dos bancos aos cales o Estado debe pagar, diñeiro que procede dos recortes de gasto público en pensións, sanidade, educación, escolas de infancia, servizos domiciliarios ás persoas con dependencia, entre outros. As clases populares de España, que son as máis afectadas por estes recortes, teñen que apertarse o cinto para que o Estado poida pagar á nosa burguesía financeira, á cal, por certo, o noso Estado foi reducindo os seus impostos e axudándoa, prestándolles millóns e millóns de euros para que non colapsasen o sistema financeiro como resultado das súas prácticas especulativas (e moi en particular no sector inmobiliario) ao estalar a burbulla do ladrillo que eles crearon.

Pero, por se non fose pouco, tal burguesía financeira, tanto española como europea, recibiu unha enorme cantidade de diñeiro do Banco Central Europeo (BCE), que é unha institución pública (os seus dirixentes son nomeados polos estados da Eurozona, incluído o Goberno español), que está na práctica controlado polas nosas (españolas e europeas) institucións financeiras. O BCE imprime millóns e millóns de euros e dáos (bo, dar, dar, é un dicir, aínda que os intereses son ridículamente baixos) aos bancos, os cales, con este diñeiro, especulan e compran débeda pública a uns intereses desorbitados.

O segundo suposto erróneo é asumir que non hai outra alternativa á dependencia que os estados teñen da banca privada. Iso non é certo. O Estado pode xerar recursos a base de, por exemplo, incrementar, en lugar de baixar, os impostos á banca, ás rendas do capital e ás rendas superiores. E o BCE, en lugar de dar diñeiro á banca, poderíallo dar aos estados para comprar a súa débeda pública aos mesmos intereses que llos dá á banca. Pero non o fai, co cal o Estado ten que pedir prestado á banca. Un círculo virtuoso para a banca e desastroso para os estados. Pero as cousas empeoraron aínda máis porque cando por fin o BCE comezou a enviar diñeiro aos estados comprando a súa débeda pública, o BCE (que é o lobby da banca) impuxo unhas condicións draconianas, que se resumen nun ataque frontal ás clases populares e ao seu Estado do benestar.

Non son, pois, os mercados financeiros, senón a nosa burguesía financeira, aliada coa burguesía financeira europea, quen está controlando as nosas institucións públicas, as mesmas que nos din que non hai alternativas. E para o máximo abuso, os nosos representantes políticos na súa última reunión en Bruxelas, queren agora asegurar aos bancos (para darlles, ata, máis confianza) que estes nunca, repito, nunca, perderán diñeiro. É dicir, que os estados deberanlles pagar sempre o diñeiro que supostamente lles deben. E todo iso preséntase co argumento de que non hai alternativas.
Pero si que hai alternativas. Os estados poden controlar aos bancos, en lugar de ser ao revés, establecendo, por exemplo, bancos públicos. E poden cambiar ao BCE póndoo ao servizo da poboación e da economía produtiva, e non ao servizo da banca. Que non o fagan débese, non ao poder dos mercados, senón á excesiva influencia política e mediática das nosas burguesías financeiras.

19/12/2011

Presente e futuro do río Eume

Río Eume/Foto Cabalar
A aparición de augas turbias no Eume desatou unha fundada alarma na comarca. Razóns non faltan. Cando a administración pública debería velar pola calidade das augas do Eume, resulta que o que fai é encumbrar aos responsabeis da desfeita que anegou de non se sabe que extrañas substancias todo o río ata a desembocadura na ría de Ares. Para a Consellaría de Medio Ambiente o problema non pode achacarse a unha vertedura senón que sería produto das chuvias dos últimos días. 
Todo indica que este enturbiamento do Eume pode ter a súa orixe nun remexido dos lodos que se atopan baixo o encoro e que Endesa pretende retirar - máis de 1.350 metros cúbicos de sedimentos que se atopan depositados nas inmediacións dos desaugadoiros-  e recolocar de novo noutro lugar do río. Esta medida, que a mesma empresa admite problemática pola posíbel contaminación que afectaría ao marisqueo, ás Fragas e ao sector turístico de Pontedeume, debe ser rexeitada sen máis pola Xunta de Galiza. 
Pero non debemos ser optimistas en canto ao papel que o goberno galego xogue na defensa do Eume e da comarca. Lembremos que o Plan do Litoral admite que As Pontes poida ser o enclave futuro da celulosa que vai ser erradicada de Pontevedra. No capítulo de análise Dafo (Debilidades, Ameazas, Fortezas e Oportunidades) apóstase por retirar as industrias pesadas do litoral e "atraelas a comarcas do interior, o que afectaría positivamente ás comarcas do litoral, como unha posible situación da industria celulosa nas Pontes, comarca económica do Eume".

17/12/2011

Unha privatización que cheira a lixo

O goberno local de Pontedeume, amaparándose na maioría absoluta adquirida nas últimas eleccións, vai privatizar a recollida do lixo. O argumento dos populares é que se trata dun servizo deficitario que o Concello non pode asumir. Baixo esta falacia agóchase un interese que xa é a marca ca casa do Partido Popular: a privatización de canto servizo público poida ser rentábel a empresas do ramo.
E non é esaxerado tachar de falacia as razóns do goberno. Primeiro, un servizo público pode ser deficitario e non por iso debe suprimirse. É sabido que o estado debe asegurar aos cidadáns unha serie de prestacións básicas que conforman un estado social igualitario e xusto. A educación, sanidade, depuración de augas, recollida de lixo...deben estar garantidos independentemente do seu custo económico.
Precisamente este é a causa da privatización anunciada polo alcalde de Pontedeume. Pero se 700.000 euros -gasto estimado do servizo de recollida-  é unha cantidade que o Concello non pode asumir, hai que preguntarse como unha empresa pivada fai facer ese mesmo traballo por unha cantidade inferior. A explicación é ben sinxela: o que vai ser deficitaria é a prestación do servizo. 
Unha medida como a anunciada suporá acrecer aínda máis o grave problema da suciedade que asolaga as rúas e parroquias de Pontedefume. Por non falar da situción laboral dos traballadortes do Concello que hoxe ven menoscabados os seus intereses e reputación por mor da mala xestión dos responsabeis políticos eumeses.

13/12/2011

Hai límites para a mentira?

Para o Concello de Pontedeume, non
Agosto-2011: O alcalde, Gabriel Torrente, asegura que o Concello dispón "por fin" de todos os informes sectoriais, documentación que considera imprescindible para iniciar a revisión das 591 reclamacións que os veciños da vila presentaron ao documento urbanístico, aprobado de forma inicial a finais de 2009.
Outubro 2011: "Estamos á espera do informe do Plan de Ordenación do Litoral", conta Gabriel Torrente sobre o estado do proxecto de ordenación"
Onte: O goberno  local está pendente do do ditame final de Fomento para inciar a resolución do PXOM. O Ministerio de Fomento emitíu un informe negativo ao borrador do Plan Xeral de Ordenación Municipal remitido polo Concello de Pontedeume.
Como se pode contradicir un goberno coa facilidade que este o fai é un misterio difícil de explicar pero ao que o executivo eumés xa nos ten acostumados. Unha persistencia que raia coa burla á cidadanía.
É sabido que o PXOM sempre foi un prato amargo para os alcaldes de Pontedeume. As ansias de construción dos promotores foron un elemento máis de presión sobre o executivo e este amosouse receptivo ata o extremo de tolerar a especulación urbanística. O freo que nalgún intre puxo a Xunta de Galiza aos despropósitos do PXOM levaron aos alcaldes eumeses a postergar a tramitación do plan en espera de tempos mellores, tempos de permisividade, de destrución e de lucrativa especulación. 
Mais Pontedeume non pode agardar indefinidamente por un plan que ordene o seu territorio, que sente as bases para o seu desenvolvemento económico e protexa a súa riqueza patrimonial. Todos os partidos políticos con representación no concello son responsabeis, por acción ou omisión, do baleiro lexislativo que afecta ao urbanismo. E os cidadáns demándalles un compromiso hoxe inexistente.


05/12/2011

As prioridades do goberno local

Estes días son dúas as novas sobre as que xira a actualidade eumesa. Por unha banda a falta de perspectivas para rehabilitar o mercado municipal da praza do Conde e pola outra a construción dun aparcadoiro subterráneo a carón do paseo marítimo.
Ambos proxectos parecen entrar en colisión e os praceiros levan as de perder. Na caso do mercado non existe a posibilidade de conseguir unha partida orzamentaria para acometer as obras que se cifran en 2,5 millóns de euros. As obras do aparcadoiro non serán inferiores aos 2 millóns e xa se dá por segura a construción.
Chama a atención que mentres non parece probábel conseguir recursos para a rehabiltación do mercado, o aparcadoiro xa o presentan como unha realidade. E aquí vense as prioridades do executivo eumés. Pouco importan os postos de traballo dos praceiros de Pontedeume e moi importantes son os intereses  que se agochan tras a construción dun aparcadoiro de cuxa explotación nada se sabe. 
Do mercado interesa botar definitivamente aos autónomos que nel traballan e deixar vía libre no futuro para ser ocupado por unha firma solvente que explote o negocio da alimentación á vez que manda ao paro a decenas de familias eumesas. Do aparcadoiro, unha vez construído con cartos públicos, deixar que unha empresa privada corra cos gastos e beneficios do mantemento. 
Esquilmar o sector público e favorecer a iniciativa privada parece ser a nova relixión do partido popular.



04/12/2011

Un novo paso cara á destrución

A Xunta dá luz verde ao aparcadoiro que Portos de Galiza e Concello queren construír baixo o campo de deportes dun instituto público. E acorde cos tempos que corren -nos que todo vale- o goberno galego considera innecesaria a declaración de impacto ambiental para este proxecto. Un requisito que era obrigatorio e servía para poñer freo aos desmáns na construción, resulta ser agora papel mollado.
Os estudos de impacto ambiental sirven para regular as construcións e evitar os danos que poidan provocar tanto no medio ambiente como na alteración da paisaxe. As directrices de ordenación do territorio marcan as pautas que deben seguirse no caso de proxectos que afecten a concellos costeiros e con portos pesqueiros: 
O planeamento municipal dos concellos costeiros terá en conta a renovación da fachada litoral con criterios de calidade e integración co contorno. Neste contorno evitarase, na medida do posible e con carácter xeral, a localización de usos industriais e infraestruturais xeradores de impacto ou que non teñan a necesidade de localizarse xunto ao mar para garantir a súa viabilidade.

O planeamento urbanístico municipal configurará o contorno dos portos pesqueiros tradicionais como áreas de centralidade, identidade cultural e imaxe urbana.
O impacto paisaxístico que afectará á xa deprimida fachada marítima non será o único problema que acarree estre proxecto. Destruír un espazo público e educativo para construír un aparcadoiro atenta contra o máis elemental sentido común e denota unha vez máis que os gobernantes de Pontedeume teñen unha falsa noción do progreso, ao que chegan identificar co modernismo de rotondas e aparcadoiros tan en boga no últimos tempos.
A dificultade de materializar un proxecto como este situado en terreos gañados ao mar, xunto coa falta dun estudo de viabilidade económica son outras das eivas coas que nace este despropósito municipal. Pontedeume non se pode permitir seguir avanzando cará a destrución do seu ben máis prezado. Someterse aos ditados do sector empresarial por riba dos intereses cidadáns só pode traer máis penuria e impedir a real recuperación da nosa vila como un auténtico conxunto histórico e artístico, agora en proceso de demolición.

A gran regresión

Ignacio Ramonet 
Le monde diplomatique

Está claro que non existe, no seo da Unión Europea (UE), ningunha vontade política de plantarlle cara aos mercados e resolver a crise. Ata agora atribuír a lamentable actuación dos dirixentes europeos á súa desmesurada incompetencia. Pero esta explicación (xusta) non basta, sobre todo logo dos recentes ?golpes de estado financeiros? que puxeron fin, en Grecia e en Italia, a certa concepción da democracia. É obvio que non se trata só de mediocridade e de incompetencia, senón de complicidade activa cos mercados.

A que chamamos ?mercados?? A ese conxunto de bancos de investimento, compañías de seguros, fondos de pensión e fondos especulativos (hedge funds) que compran e venden esencialmente catro tipos de activos: divisas, accións, bonos dos Estados e produtos derivados.

Para ter unha idea da súa colosal forza basta comparar dúas cifras: cada ano, a economía real (empresas de bens e de servizos) crea, en todo o mundo, unha riqueza (PIB) estimada nuns 45 billóns (1) de euros. Mentres que, no mesmo tempo, a escala planetaria, na esfera financeira, os ?mercados? moven capitais por un valor de 3.450 billóns de euros. Ou sexa, setenta e cinco veces o que produce a economía real...

Consecuencia: ningunha economía nacional, por poderosa que sexa (Italia é a oitava economía mundial), pode resistir os asaltos dos mercados cando estes deciden atacala de forma coordinada, como o están facendo desde fai máis dun ano contra os países europeos despectivamente cualificados de PIIGS (porcos, en inglés): Portugal, Irlanda, Italia, Grecia e España.

O peor é que, contrariamente ao que podería pensarse, eses "mercados" non son unicamente forzas exóticas vindas dalgún horizonte afastado a agredir as nosas gentiles economías locais. Non. Na súa maioría, os "atacantes" son os nosos propios bancos europeos (eses mesmos que, co noso diñeiro, os Estados da UE salvaron en 2008). Para dicilo doutro xeito, non son só fondos estadounidenses, chineses, xaponeses ou árabes os que están atacando masivamente a algúns países da zona euro.

Trátase, esencialmente, dunha agresión desde dentro, vinda do interior. Dirixida polos propios bancos europeos, as compañías europeas de seguros, os fondos especulativos europeos, os fondos europeos de pensións, os establecementos financeiros europeos que administran os aforros dos europeos. Eles son quen posúen a parte principal da débeda soberana europea (2). E quen, para defender ?en teoría? os intereses dos seus clientes, especulan e fan aumentar os tipos de interese que pagan os Estados por endebedarse, ata levar a varios destes (Irlanda, Portugal, Grecia) ao bordo da quebra. Co consecuente castigo para os cidadáns que deben soportar as medidas de austeridade e os brutais axustes decididos polos gobernos europeos para acougar aos "mercados" voitres, ou sexa aos seus propios bancos...

Estes establecementos, polo demais, conseguen facilmente diñeiro do Banco Central Europeo ao 1,25% de interese, e préstanllo a países como, por exemplo, España ou Italia, ao 6,5%... De aí a importancia desmesurada e escandalosa das tres grandes axencias de cualificación (Fitch Ratings, Moody's e Standard&Poor's) pois da nota de confianza que atribúen a un país (3) depende o tipo de interese que pagará este por obter un crédito dos mercados. Canto máis baixa a nota, máis alto o tipo de interese.

Estas axencias non só adoitan equivocarse, en particular na súa opinión sobre as subprimes que deron orixe á crise actual, senón que, nun contexto como o de hoxe, representan un papel execrable e perverso. Como é obvio que todo plan de austeridade, de recortes e axustes no seo da zona euro traducirase nunha caída do índice de crecemento, as axencias de cualificación baséanse niso para degradar a nota do país. Consecuencia: este deberá dedicar máis diñeiro ao pago da súa débeda. Diñeiro que terá que obter recortando aínda máis os seus orzamentos. Co cal a actividade económica reducirase inevitablemente así como as perspectivas de crecemento. E entón, de novo, as axencias degradarán a súa nota...

Este infernal ciclo de "economía de guerra" explica por que a situación de Grecia foise degradando tan drasticamente a medida que o seu goberno multiplicaba os recortes e impuña unha férrea austeridade. De nada serviu o sacrificio dos cidadáns. A débeda de Grecia baixou ao nivel dos bonos lixo.

Dese modo os mercados obtiveron o que querían: que os seus propios representantes accedan directamente ao poder sen ter que someterse a eleccións. Tanto Lucas Papademos, primeiro ministro de Grecia, como Mario Monti, Presidente do Consello de Italia, son banqueiros. Os dous, dun xeito ou outra, traballaron para o banco estadounidense Goldman Sachs, especializado en colocar homes seus nos postos de poder (4). Ambos son así mesmo membros da Comisión Trilateral.

Estes tecnócratas deberán impor, custe o que custe socialmente, no marco dunha "democracia limitada", as medidas (máis privatizacións, máis recortes, máis sacrificios) que os mercados esixen. E que algúns dirixentes políticos non se atreveron a tomar por temor á impopularidade que iso supón.

A Unión Europea é o último territorio no mundo no que a brutalidade do capitalismo é ponderada por políticas de protección social. Iso que chamamos Estado de benestar. Os mercados xa non o toleran e quéreno demoler. Esa é a misión estratéxica dos tecnócratas que acceden ás rendas do goberno mercé a unha nova forma de toma de poder: o golpe de estado financeiro. Presentado ademais como compatible coa democracia...

É pouco probable que os tecnócratas desta "era post-política" consigan resolver a crise (se a súa solución fose técnica, xa se resolveu). Que pasará cando os cidadáns europeos constaten que os seus sacrificios son vans e que a recesión prolóngase? Que niveis de violencia alcanzará a protesta? Como se manterá a orde na economía, nas mentes e nas rúas? Establecerase unha tripla alianza entre o poder económico, o poder mediático e o poder militar? Converteranse as democracias europeas en "democracias autoritarias"?


(1) Un billón = un millón de millóns.

(2) En España, por exemplo, o 45% da débeda soberana posúeno os propios bancos españois, e os dous terzos do 55% restante, os detentan establecementos financeiros do resto da Unión Europea. O cal significa que o 77% da débeda española foi adquirida por europeos, e que só o 23% restante áchase en mans de establecementos estranxeiros á UE.

(3) A nota máis elevada é AAA, que, a finais de novembro pasado, só posuían no mundo algúns países: Alemaña, Australia, Austria, Canadá, Dinamarca, Francia, Finlandia, Países Baixos, Reino Unido, Suecia e Suíza. A nota de Estados Unidos foi degradada, en agosto pasado, a AA . A de España é actualmente AA-, idéntica á de Xapón e China.

(4) En Estados Unidos, Goldman Sachs xa conseguiu colocar, por exemplo, a Robert Rubin como Secretario do Tesouro do Presidente Clinton, e a Henry Paulson nesa mesma función no gabinete de George W. Bush. O novo presidente do Banco Central Europeo, Mario Draghi, foi tamén vicepresidente de Goldman Sachs para Europa de 2002 a 2005.

26/11/2011

A Axencia Europea de Medio Ambiente cifra en 600 millóns de euros o custo da polución en Galiza

Nun informe demoledor a AEMA revela que os danos á saúde e ao medio ambiente producidos pola polución industrial custan arredor de 600 millóns de euros. Cada galego pagou máis de 200 euros por termo medio para paliar as consecuencias da contaminación. Son datos referidos a 2009.
Entre as 45 plantas españolas máis  contaminantes hai 4 galegas: a térmica das Pontes, a de Meirama, o complexo de refino de petróleo de Repsol na Coruña e a planta de Alúmina Española en Cervo.
Hai que facer constar que hoxe en día a refinería da Coruña orixina moita máis polución que a central de as Pontes. Un seguimento diario dos niveis de emisión de dióxido de xofre e de nitróxeno permite apreciar as elevadas cantidades emitidas por este complexo coruñés.


Máis información na páxina da AEMA

25/11/2011

Que vai pasar co mercado municipal?

No pleno celebrado onte en Pontedeume, o alcalde negouse a tratar unha moción sobre o traslado dos praceiros ás lonxas de Raxoi. A proposta da oposición foi rexeitada "manu militari" polo partido gobernante valéndose da ampla maioría coa que goza.
O Partido Popular non se compromete a restituír aos praceiros ao novo mercado da praza do Conde unha vez sexa rehabilitado e as razóns son obvias. O interese das grandes superficies comerciais por explotar un espazo céntrico, amplo e patrimonial non se lle escapa a ninguén. 
Como se moverán as fichas? Primeiro trasládanse aos actuais propietarios ás lonxas de Raxoi. Como parece imposíbel conseguir financiación para as obras de rehabilitación, aparecerá unha firma redentora que se comprometerá a financiar ditas obras a cambio da explotación do mercado durante corenta anos. Nada novo neste mundo mercantilizado. O Concello non gasta un euro, o edificio rehabilítase pero os autónomos que viven do seu traballo pasan a engrosar as xa longas listas do paro.


23/11/2011

Hai control na ría de Ares?

Tres buques hoxe na ría de ares




O gaseiro Arctic Princess quedou á deriva a dez millas da costa coruñesa despois de abandonar a ría de Ferrol. Leva dous días en alta mar asistido por tres remolcadores xa que o capitán do buque rexeitou entrar na ría de Ares por temor a que a forza do vento o deixase á deriva perto da costa.

Esta actitude responsábel do capitán non parece ser a tónica habitual doutras tripulacións que buscan cobixo na nosa ría ante as ameazas dos temporais. Hoxe mesmo hai tres buques ancorados no interior da ría e raro é o día que non vexamos algún que outro navío protexéndose do temporal. 
A cuestión é saber se as autoridades son esixentes á hora de conceder os permisos para utilizar como fondeadeiro este refuxio natural que é a ría de Ares. Moitos deste barcos son gaseiros que transportan GNL para  a planta de Mugardos e ante a imposibilidade de entrar na ría de ferrol optan por agardar na de Ares unha melloría do tempo.

Queda unha interrogante por aclarar. Se o capitán de Arctic Princess considera un perigo fondear na ría, por que se permite que outros barcos si o fagan?

13/11/2011

A Xunta non se define sobre a mina de anfibolita

Mina de anfibolita en Touro
Nada máis coñecerse o proxecto da mina de anfibolita que se quería explotar en Pontedeume, o colectivo Fusquenlla alertaba das graves consecuencias que podería acarrear  tanto para a saúde humana como  para a conservación do patrimonio cultural e paisaxístico da nosa comarca.
A Unión Europea impón limitacións á comercialización e uso de certas substancias e preparados perigosos tales como os derivados do asbesto. Ademais a concesión mineira, de levarse a cabo, provocaría un dano irreversíbel do Camiño Inglés de Santiago e provocaría a destrución paisaxística dun enclave próximo ao monte Breamo.
O xornal A Opinión dá conta que a Xunta aínda non tomou unha decisión sobre as alegación spresentadas polos ecoloxistas, partidos politicos e concellos afectados pola explotación mineira.

"Seis meses despois de que finalizase o prazo de exposición pública da solicitude tramitada por unha empresa de Bergondo para extraer, entre Miño e Pontedeume, un mineral denominado anfibolita e empregalo logo como "árido para a construción", a Xunta aínda "estuda" as alegacións ao proxecto e solicita "informes" para a tramitación da autorización ambiental.
Impugnaron a iniciativa polo menos os concellos de Miño e Pontedeume e o colectivo Fusquenlla e numerosas asociacións de Pontedeume manifestaron o seu rexeitamento á actuación coa presentación, no rexistro xeral, de máis de 1.200 firmas que tamén enviaron ao Goberno galego. O BNG tamén trasladou ao Parlamento galego a oposición de veciños e colectivos ecoloxistas ao proxecto.

Comercio, Transportes e Auxiliares SL solicitou permiso á Consellería de Industria para explotar, nas inmediacións do lugar de Buíña, unha mina ao descuberto de 41.640 metros cadrados de superficie e cun noiro máximo de 60 metros de altura, o que equivale a un edificio de quince plantas.

A firma, que pretendía empregar unha autorización xa caducada concedida no ano 1996 ao empresario Manuel Rei Ruanova, proxectou a explotación nunha zona situada a menos de 50 metros de varias vivendas, a uns 500 dos lugares de Cermuzo e Buíña e a uns 300 da capela románica que coroa o monte Breamo.

Ademais, a estrada de acceso ao área "transcorre sobre o trazado" do Camiño Inglés de Santiago, como se recolle no propio proxecto. Nel, os redactores recoñecen que pode haber "molestias por vibracións, tráfico de camións e ruídos", pero as limita "a vivendas illadas próximas" e o seu estudo cualifica de "medio" o impacto final sobre a paisaxe."

12/11/2011

Einsa recoñece o peche da planta de Andrade

Traballadores, sindicatos e veciños da vila advertiron en numerosas ocasións da intención da compañía de desmantelar as súas instalacións na parroquia eumesa 
A empresa de artes gráficas Einsa pechará as instalacións que ten na parroquia de Andrade, en Pontedeume, por "falta de ocupación". O que parecía ser un segredo a voces convértese agora en realidade ao quedar reflectidas as intencións da entidade nas cartas que entrega aos traballadores para que acepten un traslado, que os afectados consideran "forzoso", ás instalacións das Pontes.

A OPINIÓN tivo acceso a estes documentos, nos que Einsa admite que "ante a falta de carga de traballo na planta de Andrade (...) e dado o tempo transcorrido, no cal se constata que a falta de ocupación en Andrade é definitiva", a alternativa que ofrece aos seus empregados de Pontedeume é aceptar o traslado, tal e como desvelou este xornal o pasado martes.

A Unión Sindical de Traballadores de Galicia (USTG) afirma que os empregados están obrigados a acudir á reunión coa compañía sós, sen ningún tipo de asesoramento e neste encontro infórmanlles de que "quen non firme, deberá aterse ás consecuencias, xa que nun par de meses pecharán Andrade e quedarán na rúa", en palabras dun representante sindical.

A compañía de artes gráficas non lles mantén o seu posto nin a súa categoría laboral, aínda que si conservarán o seu salario e, segundo denuncian os empregados, négase a pagarlles os gastos derivados do transporte e as dietas, como sucedía ata o momento.

Segundo puido saber este xornal, oito dos máis de trinta empregados da planta de Andrade negáronse a asinar o traslado aínda que, ata o momento, faltan traballadores por notificar.

Foron moitas as ocasións na que traballadores, sindicatos e mesmo veciños da vila dos Andrade alertaron de que a intención da empresa era desmantelar a planta de Andrade, que se asenta sobre uns terreos para os que Einsa solicitou ao Concello de Pontedeume a recualificación do chan, incluída no proxecto do Plan Xeral de Ordenación Municipal, alegando que o seu obxectivo era legalizar unha das súas naves, que carece de licenza. Pero case a quinta parte dos terreos que incluíu pertencía a veciños e algúns se negaron a vender advertindo de presuntos intereses especulativos da compañía.

Desde principios de ano, 26 persoas dun persoal de máis de 400 persoas foron despedidas, cesamentos que motivaron as mobilizacións dos traballadores nas que esixiron, sen éxito, a readmisión dos seus compañeiros. Agora empresa e empregados atópanse sumidos na negociación dun Expediente de Regulación de Emprego (ERE). Einsa alega unha complicada situación económica derivada dunha débeda de 42 millóns de euros e os traballadores están dispostos a aceptar un ERE para aliviar a situación pero non nas condicións "inasumibles" que expón a entidade, como traballar gratis os sábados e que o ERE unicamente afecte a parte dos empregados.

Einsa comprometeuse coa Xunta a manter os empregos tras a recente concesión do Goberno galego de aprazar dous anos o pago dun crédito de 8 millóns de euros concedido á entidade.
 

11/11/2011

Un mercado sen futuro

Pensou o goberno local que os placeiros do mercado municipal aceptarían os confusos argumentos para trasladarse ás instalacións provisionais dos almacéns de Raxoi. Equivocouse como moitas veces. Trasladarse sen ter un proxecto nin siquera unhas datas para rehabilitar o edificio da praza do Conde sería unha tolería que os comerciantes non están dispostos a cometer. As posibilidades de que o provisional se convirta en definitivo son altas. É máis. Unha solución tan fóra de lóxica como a que presenta o Concello deixa paso a moitas dúbidas sobre as verdadeiras intencións. Que este espazo no corazón da vila é un bocado apetitoso para empresas da alimentación é algo xa vello e coñecido. Quen non lembra o proxecto de Belarmino Freire de converter o mercado nun gran centro comercial explotado por unha firma pontesa?
"Queremos saber cal será a nosa situación tras o traslado, canto tempo estaremos en Raxoi e que nos ofrezan garantías de retorno ao mercado, que é onde temos os nosos postos por unha concesión municipal". Así se expresa un representante dos placeiros que rexeitan o traslado porque temen non regresar ao mercado do Conde. 

09/11/2011

De contratos, benzopireno e fraudes

Por que os concellos teñen unha debilidade patolóxica por favorecer a certas empresas é algo digno de ser estudado. Ou investigado. O recente escándalo dos áridos contaminantes importados de Holanda demostra como a cobiza empresarial non atopa impedimentos por parte das administracións. Lonxe de asegurar a transparencia e legalidade das importacións, poñen en perigo a saúde humana. Medio Ambiente, Industria, Sanidade, Augas de Galiza e Concellos parecen alleos á problemática causada polas actividades de Manmer e doutras empresas que utilizaron os áridos con benzopirenos para obras civís.
Que unha destas empresas sospeitosas de contaminar con benzopirenos os camiños da comarca sexa Concifa (ver El País) aumenta o recelo cara os nosos gobernantes. O Consello de Contas xa atopara  graves irregularidades nas contas e nas prácticas admistrativas e de contratación do Concello de Pontedeume. No seu informe mencionaba o caso da empresa Concifa, S.L. á que se lle adxudicara un contrato de 32.306,97 euros o 30 de xuño de 2004 cando as obras xa se iniciaran con anterioridade á notificación da adxudicación e sinatura do contrato.
Queda por saber como resolverá o Concello o caso dos camiños de Centroña, Castrelo ou Nogueirosa asfaltados cos áridos de Manmer. Por experiencias pasadas cabe esperar o desinterese total do goberno local. Pero sempre existe a alternativa cidadá, a que movería aos veciños do lugar a presentar unha denuncia ante a fiscalía por un presunto delito medioambiental e contra a saúde humana.

08/11/2011

Peche inminente de Einsa

A chantaxe que sofren os traballadores de Einsa só se pode entender nunha situación de crise como a que estamoos  a padecer. A empresa esixe o traslado forzoso ás instalacións de As Pontes se queren manter os postos de traballo, aínda que perdendo parte dos seus honorarios. De quedarse nas instalacións de Andrade, o peche será inminente (Ver A Opinión).
Tanto a empresa como o Concello teñen que dar explicacións de por que insisten en recualificar os terreos de Andrade para uso industrial terciario. O que non poden alegar xa é o uso industrial, a ampliación das instalacións e o aumento dos postos de traballo. A finalidade especuladora dos propietarios parecen ser a única razón para que o PXOM admita unha modificación do uso do chan que prexudicaría tanto aos traballadores de Einsa como aos veciños de Andrade. O Concello de Pontedeume non debe admitir ningún tipo de chantaxe desta empresa que gozou de innumerabeis subvencións públicas e non se traduciron nunha mellora das condicións laborais  das traballadores.

07/11/2011

Concello contaminado

Pontedeume é portada dos medios cando sae á luz un novo caso de corrupción. A empresa Manmer, acusada de comercializar para a construción áridos  altamente contaminantes, vendeu este produto a empresas que posteriormente o utilizaron para asfaltar varios camiños de Pontedeume (ver El País).
A Fiscalía xa advertira que o benzopireno contido no alcatrán "podía chegar ao home a través da cadea alimentaria". Un perigo real dada a facilidade coa que este composto pode chegar aos acuíferos e por ende aos comestibeis.
Hai escasos meses o Concello adxudicou a unha empresa construtora o asfaltado de varios camiños das parroquias eumesas por un importe de case 50.000 euros. Curiosamente o concello tiña reservados máis de 64.000 euros para este traballo pero a empresa adxudicataria comprometeuse a facer as obras por unha cantidade moi inferior á orzamentada (ver máis información na páxina de Fusquenlla).
E se non abondase con isto, resulta que a empresa elexida para realizar os traballos subcontratou a outra firma, Contrucciones Concifa, S.L, que segundo informa o xornal El País é unha das empresas que utilizou os áridos de Manmer para obras de asfaltado de camiños e pistas rurais.
O benzopireno está considerada a novena sustancia máis perigosa debido ao seu potencial tóxico. É un composto canceríxeno liposolúbel e bioacumulábel, polo que resulta altamente perigoso.
O alcalde de Pontedeume ten a obriga de investigar todas as obras nas que se utilizou a chapapote de Manmer e esixir ás empresas concesionarias o levantamento do asfaltado e posterior reposición cun aglomerado de calidade. Os camiños afectados lindan con terreos de uso agropecuario e mesmo con pozos de auga polo que o seu paso á cadea alimentaria é mais que probábel. O dereito a producir e consumir produtos das nosas hortas ricos e saudabeis está por riba da cobiza de certos empresarios que presumen de gañar 6 millóns de euros en 10 meses coa venda de substancias contaminantes.

31/10/2011

Pontedeume, unha excepción

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) é unha institución creada pola Xunta de Galiza que ten como obxectivo exercer competencias de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística en relación coas obras e usos do solo, que se executen sen licenza urbanística ou sen axustarse ás súas condicións. A APLU só controlará aqueles concellos que voluntariamente se adhiran a este ente. 
Os ingresos obtidos por multas coercitivas e sancións administrativas impostas en exercicio das competencias delegadas serán repartidos a partes iguais de modo que o 50 por cento pasará á Administración autonómica e o 50 por cento restante ao concello. 
Aínda que todo apunta  a indiscutibeis vantaxes para os concellos que colaboren coa APLU, algúns deben ter moitas reticencias para sumarse a este tipo de iniciativas. O de Pontedeume, como non, é un destes recelosos concellos. Mentres os nosos veciños de Cabanas, Miño, A Capela, Ares e Mugardos optaron xa por subscribir acordos coa APLU, Pontedeume négase a que a Xunta interveña no caótico urbanismo que asolaga o medio rural eumés. Demasiadas ilegalidades denunciabeis e demasiados infractores que conforman un poder na sombra sobre o goberno local. Tanto é o poder que exercen que son capaces de paralizar a tramitación do PXOM para salvagardar as súas vivendas construídas en solo rústico. Porque para estes maquiavelos da política local hai dous grandes inimigos aos que hai que bater: a APLU e o PXOM.

26/10/2011

PXOM e mentiras do goberno

O pasado 4 de agosto o goberno local de Pontedeume anunciaba que o Concello dispón "por fin" de todos os informes sectoriais, documentación que considera imprescindible para iniciar a revisión das 591 reclamacións que os veciños da vila presentaron ao documento urbanístico, aprobado de forma inicial a finais de 2009. 
Mais onte Gabriel Torrente contradicíase  ao asegurar que estamos á espera do informe do Plan de Ordenación do Litoral. E todo a conta dun proxecto para construír unha nova gardería. Asumindo que o plan xeral non vai estar listo durante o vindeiro ano, o goberno local solicitou á Xunta unha modificación das Normas Subsidiarias para poder construír a gardería. Agardemos que por coherencia o goberno galego desestime esta pretensión absurda e esixa a Torrente aprobar dunha vez por todas o plan xeral.
Co tema do PXOM os partidos políticos eumeses parecen cachondearse con alevosía da cidadanía de Pontedeume. Nove anos leva a empresa Consultora Galega tramitando o plan de urbanismo do noso concello sen que albisquemos unha saída a este despropósito municipal. Desleixo, incopetencia e corrupción son as claves para entender os problemas de Pontedeume. Iso si, o goberno local permanece indolente ante a indignación cidadá. Bástalle saber que os especuladores están a frotarse as mans.

07/10/2011

Máis cartos para Einsa

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, anunciou que a Xunta de Galicia concederá dous novos créditos á empresa de artes gráficas Einsa, instalada nas Pontes e en Andrade (Pontedeume), por valor de oito millóns (Europa Press)
Despois dos despedimentos de traballadores, da escasa carga de traballo que a empresa recoñece, das múltiples e millonarias subvencións conseguidas ao longo destes últimos anos sen que se traduciran en maior seguridade para os traballadores, dos intentos de recualificación duns terreos que xa non eran útiles para a actividade industrial, resulta que agora a Xunta de Galiza concederá dous novos créditos á empresa de artes gráficas Einsa, instalada nas Pontes e en Andrade (Pontedeume), por valor de oito millóns de euros, para favorecer os traballos de internacionalización e innovación dunha compañía que parece ter no erario público o mellor sistema de supervivencia. 
Unha vez máis o estado non escatima medios para socorrrer aos empresarios en apuros. E non se pode dicir que sexa para preservar os postos de traballo destas empresas. Aínda que teñamos que achantar con estas prácticas xa escandalosas, polo menos non esquezamos que os fondos públicos proveñen dos nosos impostos.

02/10/2011

Día Mundial da Arquitectura


O vindeiro luns 3 de outubro celébrase o Día Mundial da Arquitectura.  

A delegación do COAG en Ferrol conmemora esta celebración cun foro sobre o tema dos espazos públicos, que pretende contrastar as problemáticas máis comúns, como son a contradicción entre a mobilidade peonil e o predominio do vehículo automóvil, a dureza da intervención urbanizadora das administracións públicas fronte as necesidades reais dos cidadáns, ou o ataque a espazos públicos que forman parte do patrimonio herdado por parte de institucións que utilizan o interese público como coartada.


01/10/2011

A herdanza do ladrillo

O Estado correrá coas débedas de tres caixas, entre elas a nova caixa galega. Case 8 mil millóns de euros pagaremos os españois pola mala xestión - así a  califican algúns - ou, sendo máis precisos, malversación levada a cabo polos directivos das entidades. 
Unha directora xeral que cobraba 600.000 euros  ao ano cunha pensión vitalicia no intre de xubilarse de 370.000 euros; conselleiros que se lavaban créditos millonarios ao 0% de interese e un longo etcétera de delitos económicos que o Banco de España tilda de mala xestión.
E na orixe da historia está, como non, o ladrillo e a corrupción urbanística que devastou este país. O goberno español opta por sufragar os gastos da corrupción facéndonos pagar aos cidadáns os males dunha crise que puido ser evitada. Recortes económicos, en sanidade, ensino e axudas sociais son a contrapartida que propón a clase política para sacar da crise aos banqueiros.

29/09/2011

Hai alternativas aos recortes




Vicenç Navarro

Catedrático de Políticas Públicas da Universidade Pompeu Fabra

Ilustración de Mikel Jaso

Estanse facendo en España recortes moi substanciais do gasto público social que financia as transferencias públicas (talles como as pensións e as axudas ás familias) e os servizos públicos (talles como a sanidade, a educación, os servizos de axuda ás persoas con dependencia, as escolas de infancia, os servizos sociais, entre outros) que representan a maior redución do Estado do benestar español que este sufra nos 33 anos de democracia. Estes recortes estaos realizando o Goberno central, así como gran número de gobernos autonómicos, habendo sido particularmente acentuados en Catalunya.

Tres observacións teñen que facerse por mor destes feitos. Unha é que ningún destes recortes estaba anunciado nos programas electorais dos partidos gobernantes que os están facendo. En realidade, todos eles subliñaron nas súas campañas electorais que non realizarían recortes nas transferencias e servizos que están sendo recortados. A segunda observación é que estes recortes preséntanse, tanto polo establishment político como polo mediático, como inevitables e necesarios, e responden ?segundo tales establishments? á presión externa dos mercados financeiros, os cales sinalan a necesidade de realizar tales recortes. Este argumento de inevitabilidad e necesidade calou na opinión popular como consecuencia dunha promoción masiva por parte dos medios de información de maior difusión (tanto públicos como privados) do país, que estiveron apoiando tales recortes. Un dos rotativos de maior difusión presentou antonte unhas enquisas mostrando que, postos a escoller, había máis españois que, para reducir o déficit, preferían os recortes á subida de impostos. Parecería, pois, que os recortes que se están levando a cabo teñen o apoio popular que os legitimiza.

Este argumento de inevitabilidad, con todo, é profundamente erróneo. E a percepción de apoio popular está tamén equivocada. Miremos primeiro o argumento de que os recortes tan intensos do gasto público social débense á presión dos mercados. A lectura dos informes das axencias de valoración de bonos e dos maiores centros financeiros mostra unha variabilidade de opinións. Así, en ocasións expresan inquietude sobre o tamaño do déficit e da débeda pública, pero noutras ocasións, como agora, mostran gran preocupación pola falta de crecemento económico. En canto á redución do déficit, tales institucións financeiras non indican como debería realizarse. Un xeito é mediante os recortes de gasto público social, pero non é nin a única nin o mellor xeito de conseguilo. Unha alternativa é aumentando os impostos. Así, en lugar de conxelar as pensións (co que se intentan aforrar 1.200 millóns de euros), poderíanse conseguir 2.100 millóns de euros mantendo o Imposto do Patrimonio, ou 2.552 millóns se se anularon as rebaixas dos impostos de sucesións, ou 2.500 millóns se se reverteu a baixada de impostos das persoas que ingresan máis de 120.000 euros ao ano, recortes dos impostos apoiados ?todos eles? polos partidos que agora fan estes recortes de gastos.
Ou en lugar dos enormes recortes en sanidade que intentan conseguir un aforro de 6.000 millóns, poderían anular a baixada do Imposto de Sociedades das grandes empresas que facturan máis de 150 millóns de euros ao ano (e que representan só o 0,12% de todas as empresas), recollendo 5.300 millóns de euros. Ou en lugar de recortar os servizos públicos como sanidade, educación e servizos sociais (logrando un total de 25.000 millóns de euros), poderían corrixir a fraude fiscal das grandes fortunas, da banca e das grandes empresas (que representa o 71% de todo a fraude fiscal), recollendo moito máis, é dicir, 44.000 millóns.

Ou, en lugar de reducir os servizos de axuda ás persoas con dependencia (intentando aforrar 600 millóns de euros), poderían reducir o subsidio do Estado á Igrexa católica para impartir docencia da relixión católica nas escolas públicas, ou eliminar a produción de novo equipamento militar, como os helicópteros Tigre e outros armamentos.

O feito de que se escollese facer os recortes citados sen nin sequera considerar estas alternativas non ten nada que ver (insisto, nada que ver) coas presións dos mercados financeiros. A redución do déficit público podería haberse logrado revertendo as enormes rebaixas de impostos que beneficiaron primordialmente ás rendas superiores (unha persoa que ingrese máis de 300.000 euros ao ano viu reducir os seus impostos durante o período en que España estivo gobernada por Aznar e por Zapatero un 37%, mentres que a gran maioría da poboación apenas notou esta baixada).

O suposto apoio popular a tales recortes non pode derivarse da pregunta sesgada e tendenciosa de preguntarlle á poboación se para reducir o déficit prefiren os recortes no Estado do benestar ou o aumento dos impostos. A palabra ?impostos?, sen aclarar de quen, xera sempre unha resposta predicible de rexeitamento. Pero se, en lugar de utilizar o termo xenérico ?impostos?, utilizásese o aumento de impostos citados neste artigo, que se centra primordialmente nas rendas superiores (revertendo as enormes reducións que lles beneficiaron) e que non afecta á gran maioría da cidadanía, a resposta sería oposta á que aquela pregunta tendenciosa indica. Que estas alternativas non teñan a centralidade política ou a exposición mediática que teñen os recortes débese a que as rendas superiores, a banca e a gran patronal, teñen moito máis poder sobre o Estado español que as clases populares, que son as que están máis afectadas polos recortes.