19 de dec. de 2011

Presente e futuro do río Eume

Río Eume/Foto Cabalar
A aparición de augas turbias no Eume desatou unha fundada alarma na comarca. Razóns non faltan. Cando a administración pública debería velar pola calidade das augas do Eume, resulta que o que fai é encumbrar aos responsabeis da desfeita que anegou de non se sabe que extrañas substancias todo o río ata a desembocadura na ría de Ares. Para a Consellaría de Medio Ambiente o problema non pode achacarse a unha vertedura senón que sería produto das chuvias dos últimos días. 
Todo indica que este enturbiamento do Eume pode ter a súa orixe nun remexido dos lodos que se atopan baixo o encoro e que Endesa pretende retirar - máis de 1.350 metros cúbicos de sedimentos que se atopan depositados nas inmediacións dos desaugadoiros-  e recolocar de novo noutro lugar do río. Esta medida, que a mesma empresa admite problemática pola posíbel contaminación que afectaría ao marisqueo, ás Fragas e ao sector turístico de Pontedeume, debe ser rexeitada sen máis pola Xunta de Galiza. 
Pero non debemos ser optimistas en canto ao papel que o goberno galego xogue na defensa do Eume e da comarca. Lembremos que o Plan do Litoral admite que As Pontes poida ser o enclave futuro da celulosa que vai ser erradicada de Pontevedra. No capítulo de análise Dafo (Debilidades, Ameazas, Fortezas e Oportunidades) apóstase por retirar as industrias pesadas do litoral e "atraelas a comarcas do interior, o que afectaría positivamente ás comarcas do litoral, como unha posible situación da industria celulosa nas Pontes, comarca económica do Eume".