Estes días son dúas as novas sobre as que xira a actualidade eumesa. Por unha banda a falta de perspectivas para rehabilitar o mercado municipal da praza do Conde e pola outra a construción dun aparcadoiro subterráneo a carón do paseo marítimo.
Ambos proxectos parecen entrar en colisión e os praceiros levan as de perder. Na caso do mercado non existe a posibilidade de conseguir unha partida orzamentaria para acometer as obras que se cifran en 2,5 millóns de euros. As obras do aparcadoiro non serán inferiores aos 2 millóns e xa se dá por segura a construción.
Chama a atención que mentres non parece probábel conseguir recursos para a rehabiltación do mercado, o aparcadoiro xa o presentan como unha realidade. E aquí vense as prioridades do executivo eumés. Pouco importan os postos de traballo dos praceiros de Pontedeume e moi importantes son os intereses que se agochan tras a construción dun aparcadoiro de cuxa explotación nada se sabe.
Do mercado interesa botar definitivamente aos autónomos que nel traballan e deixar vía libre no futuro para ser ocupado por unha firma solvente que explote o negocio da alimentación á vez que manda ao paro a decenas de familias eumesas. Do aparcadoiro, unha vez construído con cartos públicos, deixar que unha empresa privada corra cos gastos e beneficios do mantemento.
Esquilmar o sector público e favorecer a iniciativa privada parece ser a nova relixión do partido popular.