4 de dec. de 2011

Un novo paso cara á destrución

A Xunta dá luz verde ao aparcadoiro que Portos de Galiza e Concello queren construír baixo o campo de deportes dun instituto público. E acorde cos tempos que corren -nos que todo vale- o goberno galego considera innecesaria a declaración de impacto ambiental para este proxecto. Un requisito que era obrigatorio e servía para poñer freo aos desmáns na construción, resulta ser agora papel mollado.
Os estudos de impacto ambiental sirven para regular as construcións e evitar os danos que poidan provocar tanto no medio ambiente como na alteración da paisaxe. As directrices de ordenación do territorio marcan as pautas que deben seguirse no caso de proxectos que afecten a concellos costeiros e con portos pesqueiros: 
O planeamento municipal dos concellos costeiros terá en conta a renovación da fachada litoral con criterios de calidade e integración co contorno. Neste contorno evitarase, na medida do posible e con carácter xeral, a localización de usos industriais e infraestruturais xeradores de impacto ou que non teñan a necesidade de localizarse xunto ao mar para garantir a súa viabilidade.

O planeamento urbanístico municipal configurará o contorno dos portos pesqueiros tradicionais como áreas de centralidade, identidade cultural e imaxe urbana.
O impacto paisaxístico que afectará á xa deprimida fachada marítima non será o único problema que acarree estre proxecto. Destruír un espazo público e educativo para construír un aparcadoiro atenta contra o máis elemental sentido común e denota unha vez máis que os gobernantes de Pontedeume teñen unha falsa noción do progreso, ao que chegan identificar co modernismo de rotondas e aparcadoiros tan en boga no últimos tempos.
A dificultade de materializar un proxecto como este situado en terreos gañados ao mar, xunto coa falta dun estudo de viabilidade económica son outras das eivas coas que nace este despropósito municipal. Pontedeume non se pode permitir seguir avanzando cará a destrución do seu ben máis prezado. Someterse aos ditados do sector empresarial por riba dos intereses cidadáns só pode traer máis penuria e impedir a real recuperación da nosa vila como un auténtico conxunto histórico e artístico, agora en proceso de demolición.