Para o Concello de Pontedeume, non
Agosto-2011: O alcalde, Gabriel Torrente, asegura que o Concello dispón "por fin" de
todos os informes sectoriais, documentación que considera
imprescindible para iniciar a revisión das 591 reclamacións que os
veciños da vila presentaron ao documento urbanístico, aprobado de forma
inicial a finais de 2009.
Outubro 2011: "Estamos á espera do informe do Plan de Ordenación do Litoral", conta Gabriel Torrente sobre o estado do proxecto de ordenación"
Onte: O goberno local está pendente do do ditame final de Fomento para inciar a resolución do PXOM. O Ministerio de Fomento emitíu un informe negativo ao borrador do
Plan Xeral de Ordenación Municipal remitido polo Concello de
Pontedeume.
Como se pode contradicir un goberno coa facilidade que este o fai é un misterio difícil de explicar pero ao que o executivo eumés xa nos ten acostumados. Unha persistencia que raia coa burla á cidadanía.
É sabido que o PXOM sempre foi un prato amargo para os alcaldes de Pontedeume. As ansias de construción dos promotores foron un elemento máis de presión sobre o executivo e este amosouse receptivo ata o extremo de tolerar a especulación urbanística. O freo que nalgún intre puxo a Xunta de Galiza aos despropósitos do PXOM levaron aos alcaldes eumeses a postergar a tramitación do plan en espera de tempos mellores, tempos de permisividade, de destrución e de lucrativa especulación.
Mais Pontedeume non pode agardar indefinidamente por un plan que ordene o seu territorio, que sente as bases para o seu desenvolvemento económico e protexa a súa riqueza patrimonial. Todos os partidos políticos con representación no concello son responsabeis, por acción ou omisión, do baleiro lexislativo que afecta ao urbanismo. E os cidadáns demándalles un compromiso hoxe inexistente.