18 de xuño de 2006

Fin dun alcalde

O seguinte artigo está tomado da páxina do Colectivo FUSQUENLLA

O alcalde de Pontedeume non conta co aval do seu partido, PSOE, para presentarse de novo ás eleicións do vindeiro ano. Como estas decisións políticas son tomadas en base a razóns de moito peso, hai que remontarse a meses atrás para dar-se unha idea do acontecido en Pontedeume. Por primeira vez en moitos anos xurde unha contestación social á política urbanística do concello gobernado por unha coalición PSOE+BNG+IEP. Hai que salientar que esta resposta non foi promovida polos partidos da oposición, que, ben por desidia ou por incompetencia, non foron quen de denunciar os abusos en materia urbanística que os promotores, en connivencia co concello, estaban a cometer.
Son innumerabeis as aberracións urbanísticas que ameazan a identidade de Pontedeume como vila: Caldagueiro, antiga casa de D. Pablo, edificio preto da Estación, vivendas en zona de protección costeira, etc. E tras estas obras, unha mesma empresa que é o centro de atención de todas as sospeitas.
Son incontabeis as denuncias interpostas ante a Consellería de Política Territorial, tanto por particulares como polo Colectivo Fusquenlla. É precisamente este colectivo o que logra paralizar a obra da Av. de Ferrol e destapa unha orde de paralización que pesaba sobre o mamotreto de Caldagueiro, orde que permanecia oculta polo alcalde. A pesar disto, as obras deste edificio continuaron até acadar unnhas considerabeis proporcións.
Cando os concellos non fan efectivas as ordes de paralización, a Xunta de Galicia ten a obriga de dar conta ao ministerio fiscal desta incidencia. Nestes termos plantexaba o Colectivo Fusquenlla unha petición á CPTOPV para que se procedese a esta tramitación; e isto é o que pasou co alcalde de Pontedeume.
Pendente dunha acusación de prevaricación, o PSOE decide apartar ao alcalde das próximas eleicións e, de paso, aproveita para renovar a imaxe do partido, consciente do desgaste sofrido nos últimos meses pola política urbanística. Resulta esta unha decisión intelixente de cara a non perder votos nas vindeiras eleicións. Desmarcándose das accións de Belarmino, recoñece implicitamente a necesidade de cambiar de rumbo e ofrecer unha nova cara á cidadanía. Sen embargo non se entende como se estivo tanto tempo deixando facer unha política urbanística delictiva por parte da equipa de goberno e só agora se toma a decisión de actuar. O que parece claro é que se a contestación social non se dese, o PSOE seguiria contando con Belarmino como o seu home en Pontedeume. Non hai que esquecer que a condescendéncia cos promotores inmobiliários supón un activo importante, cando menos, para os partidos do goberno. Non reparan aqueles en ofrecer financiamento para campañas electorais sen ningún pudor. Pero non se pode permanecer xordo ás demandas cidadáns, e iso sábeo perfectamente o PSOE cunha ampla experiencia nos labores de goberno. Non así o BNG que, a pesar de formar parte da equipa de goberno e estar imputados algúns dos seus membros na mesma causa, opta por dar continuidade á sua política ignorando e menosprezando o sentir dos eumeses.
Pontedeume precisa hoxe máis que nunca unha rexeneración democrática do seu concello, acompañada esta dunha acción xudicial que delimite as responsabilidades en cantas infraccións urbanísticas se cometeron nesta vila.

12 de xuño de 2006

Charla debate en Pontedeume
















Charla-debate
Pontedeume,
¿unha vila con futuro?

O urbanismo a debate

Venres día 16 ás 20:00 h. na Casa da Cultura (Pontedeume)
Organiza:

Colectivo Fusquenlla

Interveñen:
Xosé Manuel López Leira Arquitecto
Miguel Reimúndez Arquitecto. Responsábel da comisión de planeamento e medio ambiente da delegación do COAG en Ferrol.

Representantes dos partidos políticos:
BNG, COE, PSOE e PP

5 de xuño de 2006

O novo PXOM


O novo PXOM, ainda que oficialmente non é coñecido por particulares, xa foi dado a coñecer a certas persoas que non se considera que sexan particulares: os promotores inmobiliários. E algo sabe-se del. Por exemplo, que pretende dar-lle carácter legal a algunhas das infraccións cometidas polos construtores e que xa foron denunciadas e declaradas ilegais pola própria Xunta de Galiza. De ser aprobado o PXOM con estas intencións que bordean a lei, estariamos ante unha das maiores aberracións lexislativas que se poden dar en certos sistemas que para nada se deben calificar como demócratas. Os axentes inmobiliários están á marxe da lei e poden concula-la cantas veces queiran. O resto dos mortais temos que acata-la sen cuestionar a sua aplicación. O veciño do medio rural non pode construir a sua casa se o terreo non está dentro da zona urbana, mentres que o promotor pode recalificar enormes extensións de terreo rural e construir urbanizacións que abarcan miles de ferrados, sustituindo plantacións e zonas verdes por mamotretos de formigón. O impacto ambiental que isto acarrea produce un enorme dano ao ecosistema da nosa terra e impide o desenvolvemento de moitas actividades agropecuárias que poderian ser unha solución ao atraso secular do noso campo.
A ampliación desmesurada das zonas urbanizabeis só beneficia ao promotor que vende as vivendas moi por riba do seu prezo real, conseguindo un incremento esaxerado do valor da vivenda, facendo-a inacesíbel á meirande parte da poboación.
Non é esta a única razón, nin sequer a máis importante, que descalifica o aumento abusivo das zonas urbanizabeis. Curiosamente, o território que ,máis sufre esta agresión é olitoral. E Pontedeume non se escapa a esta tendéncia. O novo PXOM pretende dar via l ibre a unha urbanización de 250 vivendas en Ombre e permitir unha nova urbanización en Ber. Tanto unha como outra implican un deterioro medio ambiental de considerabeis consecuéncias. Non obedecen a unha demanda real de necesidade de vivendas e transforman unhas paraxes naturais de entrañábel beleza, nuns cemitérios de formigón.
Precisamente onte, desenvolveu-se en Madrid o Dia Mundial do Medio Ambiente. Nas xornadas que se celebraron para esta conmemoración, puxo-se de relevo a importáncia que a construción ten sobre o a degradación do litoral. o aumento da contaminación e o deterioro da biodiversidade. Alertou-se da siruación en Galiza, que coa aprobación dos novos PXOMs vai permitir un aumento da edificabilidade nun 75%, cando en toda España, na década dos 90, aumentou un 25%.
Podemos temer que a plaga que asolou o Mediterráneo nesa década, se traslade á nosa terra e con maior viruléncia.
(máis información sobre esas xornadas en ElPaís)