O seguinte artigo está tomado da páxina do Colectivo FUSQUENLLA
O alcalde de Pontedeume non conta co aval do seu partido, PSOE, para presentarse de novo ás eleicións do vindeiro ano. Como estas decisións políticas son tomadas en base a razóns de moito peso, hai que remontarse a meses atrás para dar-se unha idea do acontecido en Pontedeume. Por primeira vez en moitos anos xurde unha contestación social á política urbanística do concello gobernado por unha coalición PSOE+BNG+IEP. Hai que salientar que esta resposta non foi promovida polos partidos da oposición, que, ben por desidia ou por incompetencia, non foron quen de denunciar os abusos en materia urbanística que os promotores, en connivencia co concello, estaban a cometer.
Son innumerabeis as aberracións urbanísticas que ameazan a identidade de Pontedeume como vila: Caldagueiro, antiga casa de D. Pablo, edificio preto da Estación, vivendas en zona de protección costeira, etc. E tras estas obras, unha mesma empresa que é o centro de atención de todas as sospeitas.
Son incontabeis as denuncias interpostas ante a Consellería de Política Territorial, tanto por particulares como polo Colectivo Fusquenlla. É precisamente este colectivo o que logra paralizar a obra da Av. de Ferrol e destapa unha orde de paralización que pesaba sobre o mamotreto de Caldagueiro, orde que permanecia oculta polo alcalde. A pesar disto, as obras deste edificio continuaron até acadar unnhas considerabeis proporcións.
Cando os concellos non fan efectivas as ordes de paralización, a Xunta de Galicia ten a obriga de dar conta ao ministerio fiscal desta incidencia. Nestes termos plantexaba o Colectivo Fusquenlla unha petición á CPTOPV para que se procedese a esta tramitación; e isto é o que pasou co alcalde de Pontedeume.
Pendente dunha acusación de prevaricación, o PSOE decide apartar ao alcalde das próximas eleicións e, de paso, aproveita para renovar a imaxe do partido, consciente do desgaste sofrido nos últimos meses pola política urbanística. Resulta esta unha decisión intelixente de cara a non perder votos nas vindeiras eleicións. Desmarcándose das accións de Belarmino, recoñece implicitamente a necesidade de cambiar de rumbo e ofrecer unha nova cara á cidadanía. Sen embargo non se entende como se estivo tanto tempo deixando facer unha política urbanística delictiva por parte da equipa de goberno e só agora se toma a decisión de actuar. O que parece claro é que se a contestación social non se dese, o PSOE seguiria contando con Belarmino como o seu home en Pontedeume. Non hai que esquecer que a condescendéncia cos promotores inmobiliários supón un activo importante, cando menos, para os partidos do goberno. Non reparan aqueles en ofrecer financiamento para campañas electorais sen ningún pudor. Pero non se pode permanecer xordo ás demandas cidadáns, e iso sábeo perfectamente o PSOE cunha ampla experiencia nos labores de goberno. Non así o BNG que, a pesar de formar parte da equipa de goberno e estar imputados algúns dos seus membros na mesma causa, opta por dar continuidade á sua política ignorando e menosprezando o sentir dos eumeses.
Pontedeume precisa hoxe máis que nunca unha rexeneración democrática do seu concello, acompañada esta dunha acción xudicial que delimite as responsabilidades en cantas infraccións urbanísticas se cometeron nesta vila.