15/12/2013

Desmontando as mentiras

A táctica que seguíu o goberno local de Pontedeume para gañarse á cidadanía foi a de desinformar, mentir e facer correr bulos sobre os praceiros. Imos deixar as cousas claras para os que non comulgan con rodas de muiño.

O Alcalde dí que as sentenzas xudiciais danlle a razón
Os autos xudiciais resolven uns recursos postos polos letrados dos praceiros para anular a adxudicación de postos no mercado provisional e traslado dos existentes. Estes recursos tiñan por obxecto adoptar medidas urxentes que paralizasen o desaloxo do Mercado Municipal. É certo que os xuíces denegaron estes recursos pero isto non afecta ao máis importante do problema: en que condicións realizar o trasalado?

 Pode o Alcalde obrigar aos praceiros a un traslado nas actuais condicións do mercado provisional?
As mesmas sentenzas son claras ao respecto: "el cierre temporal del mercado tiene que neutralizarse con la adopción de medidas urgentes y transitorias que permitan el funcionamiento de ese servicio público obligatorio, por lo que tampoco se va a suspender la orden de traslado, lo que no obsta para recordar la obligación que los organismos citados tienen de observar las normas vigentes en la materia" É dicir, o traslado debe efectuarse baixo unhas condicións determinadas

Cales son as normas vixentes para os postos de mercado?
O R.D.1376/2003, do 7 de novembro establece as condicións sanitarias de produción, almacenamiento e comercialización nos establecementos de comercio polo miúdo. Por poñer un exemplo, os de carnes frescas deben contar con Mostradores, vitrinas e outros elementos que, en calquera caso, serán frigoríficos, para a presentación ou exposición ó público de toda clase de carnes e demais produtos frescos que se expendan, refrixerados ou conxelados, que evitarán posibles contaminacións. Tamén con lavamans de accionamento non manual, armarios para almacenamento de produtos de limpeza, etc. 

Quen debe pagar estes aparellos?
Ao tratarse dunha concesión administrativa é o propio Concello o que debe garantir a continuidade do servizo dotando aos praceiros dunhas instalacións adecuadas nas que podan desenvolver a súa actividade como ata entón o viñan facendo. 

O Alcalde dí que non pode pagar con fondos públicos unhas máquinas de uso privativo
Non se trata dun uso privativo. Todas as instalacións seguen a ser propiedade do Concello: mostradores, cámaras, etc

O Alcalde dí non dispor de fondos para financiar estes aparellos
Hai que lembrarlle que no proxecto do mercado provisional debería aparecer esta partida. Se agora non dispón de fondos incorreu nun erro de planificación que debe resolver coa adopción de medidas complementarias e procurar a financiación necesaria

O Alcalde négase a que os praceiros volvan ao mercado da Praza do Conde unha vez rematadas as obras
As sentenzas xudiciais tamén son claras neste punto: "el interés en conflicto debe inclinarse en favor del colectivo de usuarios y de los propios placeros, que no es otro qu eprocurar el inmediato cierre del dec¡ficiente mercado actual y la pronta ejecución de las obras que permitan su reapertura en el  menor plazo posible" 

Segundo o Alcalde os praceiros queren perpetuar as súas concesións
Nada disto é certo. Nunca se negociou cambiar as condicións das concesións, algunhas das cales vencen no 2015 e outras no 2025

Algúns detractores dos praceiros din que o conflito é un conflito político  
O único que fixo un palntexamento político deste conflito foi o propio Alcalde que afirmou que detrás destas mobilizacións agochábase un intento da oposición para quitalo do poder. Pero o certo é que nas mobilizacións non aparecen nin símbolos políticos nin proclamas que non sexan estritamente laborais

Tamén se tenta desprestixiar aos praceiros por mor das baixas cuotas que cotizan
Estas cuotas son postas polo Concello a través das súas ordenanzas. Se nunca se modificaron foi polo desleixo con que os gobernos municipais trataron os asuntos do mercado municipal. Proba diso é o actual abandono no que se atopa despois de tantos anos.

Hai algunha razón legal polo que o Alcalde non quera atender as demandas dos praceiros?
Estas demandas son axustadas a Dereito e polo tanto incuestionables. Nunca se argumentou dende o Concello que non estivesen respaldadas pola lei. A falta de argumentos o Alcalde optou pola vía da sinrazón chegando a afirmar que os praceiros "ían pagar por todo o que lle fixeron, que non se ían ir de rositas"






12/12/2013

Cuestión de cartos ou cuestión de collóns?

50.000 € pagou o Concello de Pontedeume por este panel informativo no polígono de Vidrieiro para que os clientes de cinco empresas alí instaladas soubesen como chegar a elas. 18.000 € é a cantidade que o alcalde de Pontedeume no está disposto a pagar (aínda que por lei está obrigado) para que os praceiros poidan seguer exercendo a súa actividade. Sobran comentarios.

10/12/2013

Nova asemblea de comerciantes

Os comerciantes de Pontedeume van celebrar unha nova asemblea, a segunda en dúas semanas, para presentarlle ao Alcalde novas propostas que desbloqueen a crise na que está inmerso o pequeno comercio a causa do peche do Mercado Municipal. Esta é a convocatoria que fan pública.

A TODO O COMERCIO
Ante a situación insostible do comercio eumés, os mesmos que vos convocamos a pasada semana a unha reunión volvémolo a facer agora e ademais acompañados de UCOA.
Como sabedes a entrevista co Alcalde non deu ningún resultado positivo. A día de hoxe hai algunhas novidades que cremos poden desbloquear esta situación que tanto nos prexudica. Pregámosvos que asistades porque só a unión entre todo o sector pode dar coa solución.
Data da asemblea: Mércores ás 20:30 h
Lugar: Casa da Xuventude (na Alameda)

07/12/2013

Traslado ilegal

O Concello debe ofrecer aos praceiros de Pontedeume uns locais aptos para desenvolver o seu traballo. A lexislación actual obriga a que estes locais dispoñan de determinadas dotacións que os almacéns de Raxoi non teñen. Por citar só algunhas correspondentes ás carnicerías:

Real Decreto 1376/2003, de 7 de novembro, polo que se establecen as condicións sanitarias de produción, almacenamiento e comercialización das carnes frescas e os seus derivados nos establecementos de comercio polo miúdo.

- Mostradores, vitrinas e outros elementos que, en calquera caso, serán frigoríficos, para a presentación ou exposición ó público de toda clase de carnes e demais produtos frescos que se expendan, refrixerados ou conxelados, que evitarán posibles
contaminacións

 -Lavamanos de accionamiento non manual, provistos de auga potable, quente e fría, e secado hixiénico das mans.

-Dispositivo ou armario pechado e identificado para o almacenamiento de detergentes, desinfectantes e sustancias similares e o material de limpeza e mantemento

Poderíase engadir moitas máis, tamén para as pescaderías. O Alcalde pretende que sexan os mesmos praceiros os que corran cos gastos dun traslado que non solicitaron e ao cal o Concello está obrigado.

04/12/2013

Asemblea de comerciantes: paro e manifesto

Onte celebrouse unha asemblea de comerciantes para tratar a crise no sector creada polo peche do Mercado Municipal. Asistiron un centenar de comerciantes que decidiron:

a) Convocar un paro de media hora, entre as 13 h e as 13:30 h, acompañado dunha concentración silenciosa diante do concello

b) Subscribir un comunicado, que xa foi asinado por 170 comerciantes, para se lle entregar ao alcalde e ao presidente da Xunta de Galiza.

Este é o seu contido:


Ante a grave situación creada polo peche do Mercado Municipal sen garantias para que os praceiros podan exercer a súa actividade provisionalmente nos almacéns de Raxoi, os comerciantes de Pontedeume queremos transmitir ao Concello e autoridades da Xunta a nosa profunda preocupación, así como manifestar o que segue:

  • A importancia do sector hostaleiro e comercial de Pontedeume é innegábel. Máis do 50% da población ocupada pertence ao sector servizos, sen contar ao sector que exerce actividades agropecuarias e que tamén vese afectado polo peche do Mercado  Municipal

  • O Mercado Municipal é o motor económico da Vila. Desde sempre foron os mercados os que artellaron e centralizaron a actividade económica comercial. O pequeño comercio funcionará na medida que o faga o Mercado Municipal. A desaparición deste conleva inevitablemente a desaparición do pequeno comercio. Mercado Municipal e pequeno comercio van indisolublemente ligados.

  • Sen ser unha actividade lucrativa, o pequeño comercio sobrevive grazas á afluencia de visitantes durante os períodos estivais e vacacionais. De manterse o peche do Mercado Municipal durante o próximo Nadal, as consecuencias económicas para os comerciantes de Pontedeume poden ser catastróficas e  irrervesibeis

  • Partindo da base de que os mercados municipais son bens de interese público, abonda dicir que a Administración (local, autonómica ou central) debe velar polo seu correcto funcionamento e garantir a súa actividade en beneficio non só dos praceiros que o sustentan senón tamén dos milleiros de cidadáns que fan uso dos mesmos

  • Por todo o anterior, solicitamos do goberno local de Pontedeume arbitre as medidas necesarias para:

a)  Garantir o normal funcionamento durante o vindeiro Nadal do Mercado Municipal nos almacéns de Raxoi, subsanando as deficiencias que hoxe por hoxe o fan inservible. Entre outras, a instalación de expositores de frío, estanterias, barras para colgar mercadorías, reforzos nas cámaras frigoríficas, fregadoiros e mesas.

b)    Proceder a reparar o tellado do antigo Mercado Municipal dentro do prazo estipulado de 90 días.

c)  Garantir o regreso dos praceiros ás antigas instalacións unha vez rematadas as obras de acondicionamento da cuberta do edificio

d)   Procurar os medios necesarios para conseguir a total rehabilitación do Mercado Municipal co fin de devolverlle a súa primordial condición: a de impulsor económico da comarca.

Pontedeume, 4 de decembro do 2013


02/12/2013

A todo o comercio

Un grupo de comerciantes, preocupados polos problemas derivados do peche do Mercado Municipal, convocan unha reunión para o MARTES DÍA 3 ÁS 20:30 NA CASA DA XUVENTUDE.

Solicítase a asistencia de todos os comerciantes e hostaleiros de Pontedeume por considerar que é un problema que afecta a todos.