4 de dec. de 2013

Asemblea de comerciantes: paro e manifesto

Onte celebrouse unha asemblea de comerciantes para tratar a crise no sector creada polo peche do Mercado Municipal. Asistiron un centenar de comerciantes que decidiron:

a) Convocar un paro de media hora, entre as 13 h e as 13:30 h, acompañado dunha concentración silenciosa diante do concello

b) Subscribir un comunicado, que xa foi asinado por 170 comerciantes, para se lle entregar ao alcalde e ao presidente da Xunta de Galiza.

Este é o seu contido:


Ante a grave situación creada polo peche do Mercado Municipal sen garantias para que os praceiros podan exercer a súa actividade provisionalmente nos almacéns de Raxoi, os comerciantes de Pontedeume queremos transmitir ao Concello e autoridades da Xunta a nosa profunda preocupación, así como manifestar o que segue:

  • A importancia do sector hostaleiro e comercial de Pontedeume é innegábel. Máis do 50% da población ocupada pertence ao sector servizos, sen contar ao sector que exerce actividades agropecuarias e que tamén vese afectado polo peche do Mercado  Municipal

  • O Mercado Municipal é o motor económico da Vila. Desde sempre foron os mercados os que artellaron e centralizaron a actividade económica comercial. O pequeño comercio funcionará na medida que o faga o Mercado Municipal. A desaparición deste conleva inevitablemente a desaparición do pequeno comercio. Mercado Municipal e pequeno comercio van indisolublemente ligados.

  • Sen ser unha actividade lucrativa, o pequeño comercio sobrevive grazas á afluencia de visitantes durante os períodos estivais e vacacionais. De manterse o peche do Mercado Municipal durante o próximo Nadal, as consecuencias económicas para os comerciantes de Pontedeume poden ser catastróficas e  irrervesibeis

  • Partindo da base de que os mercados municipais son bens de interese público, abonda dicir que a Administración (local, autonómica ou central) debe velar polo seu correcto funcionamento e garantir a súa actividade en beneficio non só dos praceiros que o sustentan senón tamén dos milleiros de cidadáns que fan uso dos mesmos

  • Por todo o anterior, solicitamos do goberno local de Pontedeume arbitre as medidas necesarias para:

a)  Garantir o normal funcionamento durante o vindeiro Nadal do Mercado Municipal nos almacéns de Raxoi, subsanando as deficiencias que hoxe por hoxe o fan inservible. Entre outras, a instalación de expositores de frío, estanterias, barras para colgar mercadorías, reforzos nas cámaras frigoríficas, fregadoiros e mesas.

b)    Proceder a reparar o tellado do antigo Mercado Municipal dentro do prazo estipulado de 90 días.

c)  Garantir o regreso dos praceiros ás antigas instalacións unha vez rematadas as obras de acondicionamento da cuberta do edificio

d)   Procurar os medios necesarios para conseguir a total rehabilitación do Mercado Municipal co fin de devolverlle a súa primordial condición: a de impulsor económico da comarca.

Pontedeume, 4 de decembro do 2013