22/06/2012

As promesas incumpridas do alcalde eumés


Todos lembramos (e se non, aí están as hemerotecas) como o alcalde  de Pontedeume  e o máximo responsábel de Portos de Galiza aseguraban que a altura do muro da rúa Galera sería rebaixada para recuperar as vistas perdidas da ría. E facíano para calmar as numerosas críticas que este muro vergoñento levantou entre a cidadadía eumesa. 
Pois ben, a promesa só se cumpríu a medias (Todo en Pontedeume faise a medias). Rebanouse a parte do muro que dá á avenida do Ferrol e deixouse intacta a correspondente á rúa Galera. Suponse que para evitar que os automóbiles se precipiten dentro do colexio, perigo do que alertou no seu día un eminente concelleiro para xustificar a altura sobredimensionada do estético bloque de formigón (Todo en Pontedeume é formigón)

02/06/2012

Nova lei de vivenda, novo fraude lexislativo

A nova lei de vivenda que en breve será aprobada vai supoñer unha das maiores afrentas do goberno galego ao poder xudicial. Cos nova lexislación farase imposíbel executar moitas das ordes xudiciais que obrigaban a demoler vivendas ilegais. A argucia consiste en obrigar a indemnizar aos propietarios antes de proceder á demolición, no que na práctica significa unha moratoria sine día.
Esta lei é un calco doutra aprobada polo goberno cántabro e que foi recorrida polo Tribunal Superior de Xustiza desa comunidade. Os mesmos informes xuridicos da Xunta alertan do “evidente risco” de impugnación ante o Tribunal Constitucional. Tamén o colexio de arquitectos oponse á medida e denuncia que os intereses económicos priman sobre os da xustiza.